NOTICIA

----

A entrada de Xoán Cejudo incorpórase ao Álbum de Galicia

Xoán Cejudo (A Coruña, 1947–2018) foi un recoñecido actor de teatro e audiovisual, cunha traxectoria en que destaca a súa participación en numerosas obras teatrais, así como en curtametraxes, mediametraxes e series de televisión. Sobresaíu tamén como un director de escena pioneiro que contribuíu xa non só á profesionalización do teatro galego, senón tamén á formación de novas xeracións de artistas. A súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), é autoría de Ana Abad de Larriva.

Nado na Coruña, a infancia de Juan Cejudo Álvaro, máis coñecido como Xoán Cejudo ou Xan Cejudo, estivo marcada por un accidente que case lle custa a vida. Durante a convalecencia, o seu pai ensinoulle a ler e a escribir, actividades que se converteron no seu acubillo xunto co cine e o teatro. Estudou Maxisterio na Escola Normal da súa cidade natal, onde coñeceu a Manuel Lourenzo, quen tivo unha grande influencia na vida de Cejudo.

A mediados dos anos 60 comezou a facer teatro, primeiro no grupo O Facho e logo no Teatro Circo. “Era un lector e estudoso incansable, xa que tivo que ser forzosamente autodidacta”, sinala Ana Abad de Larriva, quen destaca tamén a “gran capacidade que tiña para conversar” e o seu particular “xeito de entender a interpretación e o teatro simple, sinxelo, efectivo”. A finais desa década, Xoán Cejudo dirixiu a súa primeira obra escénica: unha adaptación do poema de Rosalía de Castro ¡A pobriña, que está xorda…!, que montou con algúns rapaces da Academia Atlas. Despois de ser mestre en varias academias, comezou a traballar no colexio Fogar Calvo Sotelo, onde dirixiu diferentes montaxes escolares. Posteriormente, trasladouse a Madrid, aínda que regresou a Galicia para actuar na primeira produción do Centro Dramático Galego (CDG) en 1984. A obra que interpretou foi Woyzeck, de Georg Büchner, con dirección de Xulio Lago. Dende ese intre, Cejudo participou como intérprete en numerosas pezas, como A noite vai coma un río (1986), de Álvaro Cunqueiro, e A fiestra valdeira (1994), de Rafael Dieste, ambas con montaxe de Xulio Lago, ou O mozo que chegou de lonxe (1988), de J. M. Synge, baixo a dirección de Mario Gas.

No seo do Centro Dramático Galego traballou tamén como director de escena. Dirixiu as montaxes de A pousadeira (1987), de Carlo Goldoni; Da Vinci levaba razón (1987), de Roland Topor, en coprodución con O Moucho Clerc, e A burla do galo (2000), de Roberto Vidal Bolaño. Así mesmo, dirixiu outras obras para compañías como O Moucho Clerc —da que foi un dos fundadores—, Ollomol Teatro Submarino, Teatro do Morcego, Pífano Teatro e Teatro da Lúa.

Fóra do CDG, Cejudo traballou como actor nas compañías privadas Teatro do Malbarate, Producións Máxicas ou Matarile Teatro. Entre elas, destaca a súa interpretación en Tío Vania, de Anton Chekhov, na montaxe de Factoría Teatro, pola que levou en 2006 o Premio de Teatro María Casares ao mellor actor protagonista. A maiores deste recoñecemento, recibiu o Premio de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva (2005), o Premio de Teatro María Casares ao mellor actor secundario (2008), o Premio Xiria ao Labor Teatral (2010) e o Premio de Honra Marisa Soto (2011).

Ademais, actuou en curtametraxes e mediametraxes, así como en series de televisión galegas e estatais. O seu labor neste eido viuse tamén recoñecido co premio ao mellor actor no Festival Internacional de Cine Social de Castela-A Mancha por Dies Dei (2010) e, a título póstumo, en 2020, co Premio Mestre Mateo ao mellor actor secundario por Quen a ferro mata.

Como autor teatral, publicou a peza O ceo de pedra, que escribiu xunto con Camilo Castro e coa que gañaron un accésit no Primeiro Concurso de Obras Teatrais Inéditas Camiño de Santiago. Foi tamén un dos guionistas da longametraxe Blanca Madison (2003), de Carlos Amil, que foi finalista na categoría de mellor guión nos Premios Mestre Mateo do ano 2004.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 670 entradas, das cales as máis recentes son as de Fernando Osorio do Campo, Francisco Zagala, Celso Emilio Ferreiro e María Teresa Miras Portugal.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.