NOTICIA

----

Presentada a edición facsimilar de Na espera do amigo, de Fernández del Riego

Na espera do amigo é unha obra singular na traxectoria de Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913 - Vigo, 2010). “É unha obra singular porque é unha rarísima incursión de Fernández del Riego na creación; porque foi un proxecto vangardista no seu momento, que forneceu de novos formatos para a cultura galega, e tamén porque amosa ese vínculo coas artes plásticas” explicou Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, na presentación da edifición facsimilar comentada que tivo lugar esta mañá na Casa Galega da Cultura en Vigo. Estivo acompañada de Román Pereiro, responsable da primeira edición da obra de del Riego; de Manuel Puga, presidente da Fundación Penzol e de Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega. Ademais, a presidenta anunciou que xa se poden recoller as entradas para o Concerto das Letras Galegas que o CCG organizará o vindeiro 16 de maio no Teatro Afundación.

Asistiron tamén á presentación tres dos autores que realizaron os estudos introdutorios que axudan a entender e contextualizar a obra.Francisco Fernández del Riego tivo un papel moi decisivo nesta festa cultural que chamamos Día das Letras galegas. Por iso, no ano en que se cumpren 60 edicións desta festividade, quixo a casualidade que foi Francisco Fernández del Riego, don Paco, a persoa homenaxeada, polo que a edición da obra elexida polo Consello da Cultura Galega ten un carácter especial. “Foi unha testemuña de excepción e un axente indispensable dos principais acontecemento s feitos que marcan a singradura de Galicia ao longo do século XX” afirma Rosario Álvarez na presentación desta publicación. Participou en institucións, botou a andar proxecto ambiciosos, fomentou a reagrupación dos que foron compañeiros algún día, foi unha ponte entre xeracións e un eficaz “embaixador entre a Galicia da Terra e a galicia do exilio e da emigración” sinala Rosario Álvarez.

A obra Na espera do amigo
O Consello da Cultura Galega saco ao prelo unha edición facsimilar comentada dun texto que recolle a personalidade emprendedora, vangardística e unha vocación artística de Francisco Fernández del Riego. Na espera de amigo era un dos exemplares da Edición Aguatinta (Vigo, nadal de 1994) coa que don Paco contribuía ao lanzamento dunha editora emerxente. A obra orixinal contaba cunha serigrafía de Laxeiro a dúas cores para ilustralo, o que recolle ese interese polas artes plásticas que sempre caracterizou a del Riego.
“É una obra de mocidade, que se sustenta sobre a amizade e a esperanza, sobre as promesas do amigo e logo no desgarro que produce o abandono da casa” explicou a presidenta na presentación sobre o conto recuperado. “É un conto triste da emigración, dun home que fracasou e que está lonxe da imaxe que se publicaba sobre a emigración” explicou Román Pereiro quen lembrou como foi a xénese deste proxecto editorial que chegou a publicar 16 libros.

A edición facsimilar do Consello da Cultura Galega de 500 exemplares numerados está acompañada de catro textos complementarios e unha introdución a cargo da presidenta, Rosario Álvarez. Román Pereiro Alfonso explica o nacemento do proxecto que posibilitou esta obra en Edicións Aguatinta. O filólogo Xosé López González fai unha análise literaria do texto e sitúao na produción narrativa. O ensaísta e crítico literario Carlos L. Bernárdez sitúa a obra no contexto cultural posterior á Segunda Guerra Mundial e, máis concretamente nos ambientes artísticos do Vigo das décadas centrais do século. No seu artigo afonda na boa relación entre escritores e pintores, que ben se recolle neste libro. Por último, a historiadora da arte Beatriz Liz de Cea incide na relación persoa que Del Riego mantivo con Laxeiro, que xorde nos seus tempos de estudantes en Santiago.

O Concerto das letras Galegas
Na presentación da publicación, a presidenta do consello da Cultura Galega, lembrou a institución volverá a Vigo o vindeiro día 16, na véspera do Día das Letras Galegas para lembrar a Francisco Fernández del Riego. Será a décimo terceira edición do Concerto das Letras Galegas que terá lugar no teatro Afundación, antigo García Barbón, e cuxas entradas se poden retirar desde hoxe en Ataquilla.com

O CCG e a programación do Día das Letras Galegas
A programación deseñada polo Consello da Cultura Galega (CCG) para esta edición do Día das Letras Galegas buscaba recoñecer tanto a faceta poliédrica de Francisco Fernández del Riego como o seu inesgotable traballo en prol da cultura do país. O pasado 7 de xaneiro, coincidindo co aniversario do nacemento de Del Riego, o Consello da Cultura Galega puxo en rede un espazo web que concentra todos os materiais e recursos desenvolvidos ou promovidos pola institución arredor da figura de Francisco Fernández del Riego. Inclúe información biográfica, audios, audiovisuais e outros materiais, entre os que destacan os fondos epistolarios de Fernández del Riego que se conservan no Consello da Cultura e o “Cartafol de prensa”, coa publicación das súas colaboracións xornalísticas na prensa da emigración en América.
O CCG realizará tamén outras actividades máis alá do mes de maio. En novembro organizará na localidade de nacemento do homenaxeado, Lourenzá, unha mesa redonda sobre as relacións de Fernández del Riego coa emigración galega e o seu papel como colaborador nas publicacións da colectividade galega en América.