NOTICIA

----

O Álbum de Galicia incorpora a entrada do recoñecido especialista en música catedralicia José López-Calo

José López-Calo (Nebra, Porto do Son, 1922 – Salamanca, 2020) foi “o grande especialista na música das catedrais españolas”, cun labor que chegou a ser recoñecido internacionalmente. Así o afirma Francisco Javier Garbayo Montabes na biografía que asina para o Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).

Nado na parroquia de Nebra, José López-Calo criouse nunha familia de fonda raíz católica e dedicada profesionalmente ao ensino. En 1939 entrou no Seminario Conciliar de Santiago, onde estudou solfexo, harmonía e piano. Tres anos despois iniciou o noviciado na salmantina Compañía de Xesús e, dende alí, trasladouse a Xapón para realizar funcións pastorais. Posteriormente, mudouse a Granada antes de marchar a Irlanda para completar a súa formación como xesuíta. En 1955 foi ordenado crego.

López-Calo licenciouse en Filosofía na Universidade Pontificia Comillas, en Teoloxía e Filosofía e Letras en Granada, en Música Sagrada na Escola Superior de Música Sagrada (Salamanca) e en Musicoloxía no Pontificio Instituto de Música Sacra de Roma, onde acadou o grao de doutor. Alí recibiu as ensinanzas de Edgardo Carducci, Dante D´Ambrosio, Doménico Bartolucci ou Dom Eugène Cardine, dos que “aprendeu sólidos principios”, como afirma Garbayo Montabes na súa entrada. Porén, foi Higini Anglès “quen máis o marcaría, considerándose herdeiro e testamenteiro do célebre musicólogo catalán”, continúa. Tras o seu pasamento en 1969, López-Calo recompilou e editou os tres volumes da súa obra Scripta musicológica.
Entre os anos 1960 e 1964 foi adxunto á cátedra de Musicoloxía do Pontificio Instituto de Música Sacra e entre 1965 e 1970, titular desta. Dende 1973 e ata a súa xubilación traballou primeiro como profesor agregado e, despois, como catedrático de Historia da Música da Universidade de Santiago de Compostela. Entre 1972 e 1975 recibiu varias bolsas da Fundación Juan March para catalogar e documentar a música dos arquivos das catedrais das antigas provincias de Castela e León no que foi “un dos grandes traballos da musicoloxía hispana”, subliña Garbayo Montabes. En 1976 creou o Centro de Investigación de Música Relixiosa Española (CIMRE), dende o cal se fixeron “importantes traballos no eido da música das catedrais españolas e galegas”, segundo explica Garbayo Montabes.

A intensa actividade investigadora de López-Calo deu como resultado máis de 70 libros e de 250 artigos publicados, así como partituras editadas e entradas para dicionarios. O seu principal labor científico centrouse na música das catedrais de España e quedou plasmado na súa monografía La música en las catedrales españolas (2012). Destacan tamén os seus estudos arredor da música en Galicia e, en especial, a súa obra La música medieval en Galicia (1982) , que constitúe a primeira monografía coñecida sobre este tema. Os seu traballos sobre o arquivo musical da Catedral de Santiago, que comezaron a difundirse a finais de 1950 na revista Compostellanum, culminaron coa edición de La música en la Catedral de Santiago (1992‐1999) .

Entre 1988 e 1991 dirixiu e coordinou con Carlos Villanueva o proxecto de reconstrución dos instrumentos do Pórtico da Gloria, que se conformou como “unha das grandes empresas no campo da organoloxía medieval e da luthería científica do século XX”, segundo Garbayo Montabes. En 1990, tras recibir o encargo do presidente da Xunta de Galicia naquel momento, Manuel Fraga, publicou a obra completa do compositor Juan Montes.

López-Calo foi académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario e correspondente ou honorario nas de Madrid, Granada, Segovia, Sevilla e Valladolid. Ademais, conseguiu o Premio Otero Pedrayo (1985), a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes (1988) e a Medalla Castelao (1991), entre outros galardóns.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 670 entradas, das cales as máis recentes son as de Xoán Cejudo, Fernando Osorio do Campo, Francisco Zagala e Celso Emilio Ferreiro.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que dende o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.