NOTICIA

----

A presidenta do Consello da Cultura Galega inicia unha viaxe institucional a Cuba

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, inicia este xoves unha viaxe institucional a Cuba na que participará nun programa de actividades sobre o patrimonio cultural común entre Galicia e Cuba. Ademais de reunirse co embaixador de España en Cuba, asistirá á investidura de Pilar Cagiao como membro da Academia Cubana de Historia.

A axenda da presidenta arrinca hoxe coa visita ao fondo galego “Xosé Neira Vilas”, no Instituto de Literatura e Lingüística da Habana, e cunha conferencia-visita na Cátedra de Cultura Galega da Facultade de Artes e Letras da Universidad de La Habana. Estas actividades forman parte do programa “Jornadas/Xornadas sobre patrimonio cultural común”, que organizan o Consello da Cultura Galega e a Cátedra Xosé Neira Vilas da Universidad de la Habana coa colaboración dunha serie de entidades galegas e cubanas.

No marco dese programa, o sábado está previsto que a presidenta participe no “Andar galego ‘Prá Habana me vou’”, un itinerario deseñado por Arantxa Fernández Crespo, presidenta da Cátedra de Cultura Galega, como unha homenaxe ao pobo galego na diáspora, que percorre lugares e edificios que permiten recoñecer a pegada galega na capital cubana. A andaina arrinca na aduana do porto, lugar ao que chegaban diariamente barcos procedentes de Europa, e continúa en Triscornia, un campamento para emigrantes no que pasaban a corentena os máis desfavorecidos e que permanece na memoria do lugar nas palabras curricán, achantado ou a rente. O percorrido remata no Palacio do Centro Galego da Habana logo de pasar por espazos senlleiros como o Diario de La Marina ou o cruceiro galego situado no centro histórico da Habana Vella. Este itinerario forma parte tamén do proxecto Roteiros, que o Consello da Cultura Galega mantén no seu web e que ofrece propostas vencelladas á cultura galega.

O luns terá lugar outra conferencia-visita na Cátedra Hispanoamericana da Facultade de Filosofía e Historia. As xornadas rematarán o martes coa investidura de Pilar Cagiao Vila como membro da Academia Cubana de Historia, que terá lugar no Colegio Universitario San Gerónimo, acto ao que asistirá como convidada a presidenta do CCG.

Ademais, este venres, Rosario Álvarez manterá unha xuntanza co embaixador de España en Cuba, na que abordarán as relacións culturais entre ambos os territorios, con especial atención ás necesidades culturais da colectividade galega residente na illa.

Exposición
Os vínculos entre Galicia e Cuba foron explorados na mostra O soño cubano da emigración galega, comisariada por Xosé M. Núñez Seixas e María Xosé Porteiro. Unha mostra que se inaugurou na capital cubana en 2019, coincidindo co quinto centenario da creación da cidade, e que regresa agora ao Centro Galego da Habana. A presidenta inaugurará o sábado unha nova itinerancia deste proxecto expositivo que percorre as fases e facetas principais da epopea migratoria que levou preto de douscentos mil galegos a Cuba: desde a chegada dos inmigrantes ata o seu retorno, pasando polas súas asociacións, a situación da muller inmigrante, as publicacións e proxectos políticos para Galicia xurdidos en Cuba e mais a pegada deixada pola emigración galega na sociedade cubana.

A mostra está conformada por trinta paneis que descobren o perfil dos galegos emigrantes na Habana (novos, maioritariamente varóns, procedentes de sectores medios, chegados a Cuba a través de redes familiares e mecanismos persoais, que se integran no pequeno comercio…) e permiten coñecer o espertar dunha conciencia galega en Cuba que explica que boa parte dos símbolos da nosa identidade teñan alí o seu raizame. Fotografías, documentos privados e materiais procedentes do asociacionismo galego ilustran esta mostra, que revisa unha destacada e potente relación histórica.