NOTICIA

----

O foro Pensar o mundo dende Galicia regresa en maio cunha análise da calidade da democracia

«A democracia é o goberno do pobo, polo pobo e para o pobo», afirmou Abraham Lincoln no famoso discurso de Gettysburg. Esta máxima é aínda hoxe inalcanzable porque, alén da participación e a rendición de contas, o goberno do pobo require tamén ter en conta outras variables como as dimensións inclusiva, deliberativa, igualitaria e participativa. O Consello da Cultura Galega (CCG), no marco do foro Pensar o mundo dende Galicia co que celebra o seu 40º aniversario, fai unha parada para revisar a calidade da democracia e repasar a situación en España, Europa e América Latina. O catedrático de Ciencia Política e da Administración Ramón Máiz é o coordinador dunha cita que contará coa participación de Jose Luis Villacañas e Manuel Alcántara, entre outros relatores. A cita terá lugar o xoves 11 de maio na sede do CCG e ten aberta a inscrición.

Na xornada “A calidade da democracia” preténdese explorar teórica e empiricamente o problema da calidade das democracias contemporáneas dende os ámbitos da igualdade, a liberdade e o control dos gobernos; discutir os diferentes criterios, índices e rankings de medición empregados na actualidade; abordar a interdependencia entre os deseños institucionais, a cultura política e a calidade da democracia, e discutir sobre as prácticas e achegas máis axeitadas para a mellora das democracias.

Na sesión da mañá dous recoñecidos especialistas situarán o debate dende un punto de vista teórico. José Luis Villacañas, catedrático de Filosofía da Universidad Complutense de Madrid, falará de lexitimidade e calidade da democracia, mentres que Manuel Alcántara, catedrático de Ciencia Política da Universidad de Salamanca, centrará a súa intervención nas democracias de América Latina, as que cualifica como “fatigadas”.

Xa pola tarde, o coordinador desta xornada do foro, Ramón Máiz, buscará situar o foco nos problemas actuais da democracia en España e en Europa. Para iso contará coa participación de destacadas profesoras de diferentes universidades como son Cristina Ares, da Universidade de Santiago de Compostela; Ruth Ferrero, da Universidad Complutense de Madrid, e Cristina Monge, da Universidad de Zaragoza.

Foro Pensar o mundo dende Galicia
A xornada “A calidade da democracia” é a terceira parada do foro deseñado para celebrar os corenta anos do Consello da Cultura Galega. Este foro pretende condensar o traballo promovido dende a institución relativo ao debate, a pescuda e a creación arredor de diversos eidos do saber, mais tamén sobre cuestións que abranguen os problemas e inquedanzas da sociedade galega no pasado, no presente e no futuro. En total son oito citas mensuais (que arrincaron en marzo e rematarán en novembro) nas que se abordarán temáticas moi presentes nas actividades da institución, como a calidade da democracia, os retos presentes e futuros do feminismo, o papel do galego nunha sociedade multicultural, a sustentabilidade da economía global e o papel do patrimonio e da paisaxe. Arredor de corenta personalidades do mundo cultural, científico e académico galego, ibérico e mundial participarán nesta proposta, que busca reflexionar, debater e profundar na interpretación dos desafíos desta terceira década do século XXI, ademais de recoller a tradición iniciada hai máis dun século pola Xeración Nós e polo Seminario de Estudos Galegos, coa intención de aspirar a repensar o mundo e a sermos unha célula de universalidade.

Outras noticias que che poden interesar