NOTICIA

----

No Día Mundial da Lingua Portuguesa publícase o epistolario entre Rodrigues Lapa e Ramón Piñeiro

No Día Mundial da Lingua Portuguesa, que se celebra cada 5 de maio, o Consello da Cultura Galega (CCG) pon na rede un especial que inclúe o epistolario entre o filólogo Manuel Rodrigues Lapa e o galeguista Ramón Piñeiro. Son 91 cartas datadas entre 1953 e 1978 que están depositadas na Fundación Penzol en Vigo e que agora se presentan dixitalizadas xunto cun texto contextualizador a cargo de Henrique Monteagudo.

Entre o 18 de maio de 1953 e o 22 de febreiro de 1978 o filólogo portugués Manuel Rodrigues Lapa e o intelectual galego Ramón Piñeiro mantiveron unha relación epistolar na que se amosa unha estreita complicidade e se percibe como o filólogo portugués prestou servizos moi importantes para a cultura galega. Foi facilitador dos contactos coa cultura portuguesa e coa lusitanística internacional (máis concretamente a medievalística italiana) e orientador sobre cuestións filolóxicas, especialmente as referidas á lírica trobadoresca e, en xeral, á literatura medieval.

Nestas cartas tamén se percibe a Ramón Piñeiro como figura de referencia para calquera persoa culta que, desde fóra de Galicia, quixese dispor de informacións fidedignas e concretas sobre a lingua e a cultura galegas. “É unha correspondencia que axuda a desvelar un capítulo fundamental da nosa historia lingüística e cultural, que será debidamente completado coa difusión das cartas de Ramón Piñeiro”, explica Monteagudo. O filólogo advirte de que “esta correspondencia debe ser lida ao carón da cruzada por Rodrigues Lapa e Francisco F. del Riego nun lapso temporal practicamente idéntico (só un pouco máis amplo: 1950 a 1982), publicada polo ilustre galeguista: Cartas a Francisco Fernández del Riego sobre a cultura galega (2001)”.

Na opinión de Monteagudo, estes dous epistolarios son “testemuño da intensa colaboración de Lapa co grupo galeguista organizado ao redor da Editorial Galaxia, que xogou un papel central na resistencia cultural ao franquismo en Galicia e, moi especificamente, na defensa da lingua galega”.

Manuel Rodrigues Lapa

Manuel Rodrigues Lapa (Anadia, Aveiro, 1897-1989) foi un filólogo portugués que realizou varias investigacións sobre o a lingua galega. Estudou na Universidade de Lisboa, onde se doutorou coa tese Das Origens da Poesia Lírica em Portugal na Idade Média (1930). Pola súa oposición ao Goberno de António de Oliveira Salazar, foi afastado da Facultade de Letras en 1935 e pasou a dedicarse ao xornalismo (dirixiu O Diabo) e ás investigacións literarias. Tras ser encarcerado exiliouse en Brasil, onde deu clase en varias universidades e onde realizou investigacións sobre o século XVIII en Minas Gerais. Regresou a Portugal despois do 25 de Abril.

Desde os inicios da súa carreira investigadora prestou atención á lingua galega, primeiro nos vilancicos dos séculos XVII e XVIII e, posteriormente, nas cantigas de escarnio e maldicir. En 1973, Rodrigues Lapa publicou un artigo na revista lisboeta Colóquio/Letras no que se proclamaba partidario de que o galego se escribise con ortografía portuguesa. O artigo reeditouse en Grial e provocou unha acendida polémica.

O CCG e o Día Mundial da Lingua Portuguesa

O Consello da Cultura Galega leva varios anos subindo materiais á rede que contribúen a visibilizar as conexións entre as culturas galega e portuguesa, como o epistolario cruzado entre Paulo Rónai e Valentín Paz-Andrade, o epistolario entre este último e Guillermo de Almeida ou a entrada no Álbum de Galicia de Pilar Vázquez Cuesta (1926-2019), pioneira no ensino do portugués, xa que foi a primeira persoa que obtivo unha cátedra desta lingua en España. En 2020 tamén se aproveitou a efeméride para publicar un estudo pioneiro sobre o valor do portugués en Galicia, que analiza o uso, as actitudes e o ensino desta lingua no noso país. Ademais, o CCG foi unha parte activa na iniciativa lexislativa popular que derivou na Lei Paz-Andrade.