NOTICIA

----

A conferencia de Luis García Montero sobre Rosalía de Castro, entre as destacadas dos 40 anos da institución

En 2013, a coincidir co 150º aniversario da publicación de Cantares gallegos, Luis García Montero pronunciou a conferencia “Rosalía de Castro e a poesía española contemporánea”. Formaba parte de Rosalía de Castro: tradición e modernidade, ciclo que tivo lugar en Madrid en outubro dese ano, coordinado polo crítico Ángel Basanta e organizado polo Consello da Cultura Galega, o Instituto Cervantes e a Xunta de Galicia.

Na súa intervención, Luis García Montero confesou a súa admiración por Rosalía, coa que se sentía identificado pola “súa maneira de entender a poesía e a solidariedade humana”. Na conferencia destacou que Rosalía está presente no “mellor e máis vivo da poesía contemporánea”, a xeración que o formou como poeta, e que o fai sentir herdeiro dunha tradición que ten que ver “cun patrimonio que vén de longo e que nos esforzamos en manter vivo”.

Jaime Gil de Biedma, Federico García Lorca, Ángel González, Rubén Darío…, son moitos os poetas e os exemplos de autores influídos por Rosalía que Luis García Montero citou ao longo da hora que durou a súa intervención.

Ademais de Luis García Montero, no ciclo participaron Luis Alberto de Cuenca, Arcadio López Casanova, Carlos Reigosa e Marina Mayoral. O ciclo rematou cun concerto do compositor e cantante Amancio Prada sobre a obra de Rosalía de Castro.

Fondos dos 40 anos
O Consello da Cultura Galega fai neste 2023 corenta anos. No marco das actividades deseñadas para celebrar a efeméride, estableceuse unha liña encamiñada a visibilizar a historia da entidade neste tempo, e unha das accións programadas nesa liña consiste en poñer na rede, con carácter mensual, unha conferencia relevante pronunciada no marco da actividade da institución. O primeiro dos relatorios foi un pronunciado por Nélida Piñón, “Galicia na miña obra”, co que se inaugurou en 2004 a actividade da Sección de Literatura e Industrias da Edición do CCG.