NOTICIA

----

A colección Clásicos da Emigración incorpora o poemario de José Pastoriza Soto Reflejos en las orillas del Sena

Reflejos en las orillas del Sena é un poemario de carácter social que José Pastoriza Soto escribiu coa vontade de testemuñar os padecementos do colectivo exiliado. O libro, que saíu do prelo en París no ano 1975, acaba de ser publicado na colección Clásicos da Emigración, coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Secretaría Xeral da Emigración recuperan, en edición facsimilar comentada, obras fundamentais para entender o fenómeno migratorio. Nesta ocasión, os historiadores Eliseo Fernández e Dionísio Pereira son os encargados do estudo introdutorio no que se analiza a obra e a figura de Pastoriza, así como o contexto en que viviu. A publicación está dispoñible para consulta e descarga no web institucional do CCG.

A novena entrega da colección Clásicos da Emigración presenta a edición facsimilar de Reflejos en las orillas del Sena. A obra, de José Pastoriza Soto, recolle en formato poético a historia colectiva de quen, como o autor, fora vítima da guerra e do exilio. O propio Pastoriza así o expresa na introdución da publicación ao afirmar que “el conjunto de estos ‘versos’ llevan en sí el sabor de toda ‘nuestra generación maldecida’ por lo que ellos encierran”.

O libro divídese en varios apartados e, malia que as referencias á xeración que sufriu a guerra e o exilio son constantes, é en “Historietas” onde o autor narra o combate contra os sublevados de 1936, un camiño que compartiu cos compañeiros “que pelexaron contra os golpistas na defensa da cidade de Donostia”, segundo explican Eliseo Fernández e Dionísio Pereira. Mentres, en “Abrojos”, Pastoriza protesta pola sublevación, ao tempo que reivindica que outra sociedade é posible. Completan as epígrafes da obra “Decires”, “Sonetos” e “Medallones”, de carácter máis literario, e “Cantos”, nos que lembra Galicia e as súas xentes. “A diáspora foi propicia para que a militancia libertaria galega expresase sen complexos o seu amor á terra que os vira nacer”, apuntan Fernández e Pereira no estudo preliminar, e engaden que “Pastoriza faino, de xeito implícito, na lembranza dos lugares da súa infancia e mocidade”.

Galicia está moi presente nas páxinas de Reflejos en las orillas del Sena con composicións dedicadas a lugares da contorna de Marín e tamén con outras en que se evoca o mundo do mar. Porén, José Pastoriza “non chega a dar o paso de expresar estes sentimentos na lingua en que, con toda seguridade, se criara”, apuntan Fernández e Pereira. “A consideración do galego como vehículo de comunicación oral, mais non escrita, e a falta dun público lector de galego en Francia posiblemente tiveron moito que ver con esta eiva”, subliñan.

O autor, José Pastoriza Soto
Nado en Ardán (Marín) en 1914, José Pastoriza Soto emigrou a Pasaia (Guipúscoa) sendo mozo, onde comezou a traballar no mundo do mar. En 1935 ingresou no Sindicato de Industria Pesquera El Avance Marino da CNT. Tras o alzamento militar de xullo de 1936, integrouse nas milicias formadas polos mariñeiros galegos de El Avance Marino, que lograron conter a tentativa golpista na cidade de Donostia. En setembro de 1936, tras a caída de Irún, marchou a Francia, aínda que se reincorporou á zona republicana pouco tempo despois para continuar o combate antifascista como tenente de campaña no Exército da República. En 1939 pasou de novo a Francia e alí foi internado no campo de concentración de Gurs. Obrigado a incorporarse a un dos Grupos de Traballadores Estranxeiros e a traballar na industria da guerra, a súa conciencia política levouno a implicarse nas actividades da resistencia e a facer sabotaxes na industria militar. Como consecuencia, foi detido e internado no campo de concentración de Vernet D’Ariège, primeiro, e de Djelfa, en Alxeria, despois. Tras o remate da II Guerra Mundial, viviu exiliado en Francia, onde colaborou na prensa anarcosindicalista e publicou a obra Reflejos en las orillas del Sena en 1975.

Colección Clásicos da Emigración
La emigración en Galicia, publicada por Ramón Castro López en 1923, foi o punto de partida dunha colección de libros que, baixo o título Clásicos da Emigración, pretende ofrecer un reflexo fiel do que supuxo a emigración galega tanto para aqueles que a viviron desde os seus países de destino como para os que os viron marchar. A colección está integrada por unha ducia de títulos de diferentes xéneros que hoxe en día son difíciles de atopar en bibliotecas ou librarías e que, así, poden ser máis accesibles para o público investigador, mais tamén para calquera persoa interesada no tema. Cada un dos volumes está prologado por un especialista contemporáneo na materia, como Ramón Villares, Raúl Soutelo ou Xosé M. Núñez Seixas, entre outros.

Arquivo da Emigración Galega
O Arquivo da Emigración Galega (AEG) é un centro que desenvolve proxectos de investigación que intentan aproximarse ao fenómeno migratorio dende os máis diversos enfoques, cun carácter netamente interdisciplinario. Entre as súas áreas de traballo está a difusión de estudos sobre este fenómeno migratorio a través de publicacións de obras de interese cultural e científico. O AEG está dirixido por Xosé M. Núñez Seixas e conta entre os seus membros con Luís Domínguez Castro, Marcelino Xulio Fernández Santiago, Xesús Antón Fraga Sánchez, Begoña González Rey, María Alonso Alonso, Antía Pérez Caramés e Raúl Soutelo Vázquez.