NOTICIA

----

Xacobo de Toro recompila unha ducia de vídeos sobre a riqueza xeolóxica singular de Galicia no especial Proxector de autor

“Escolma para ver e escoitar tesouros xeolóxicos” é o título do segundo dos especiais Proxector de autor nos que é unha persoa especialista do tema quen se encarga de facer a súa propia recomendación e selección dos vídeos. Nesta ocasión, Xacobo de Toro Cacharrón, profesor de Bioloxía e Xeoloxía de ensino secundario e divulgador científico, recompila unha ducia de recursos audiovisuais sobre o patrimonio xeolóxico e natural singular de Galicia. Este especial publícase ante a próxima certificación do Cabo Ortegal como xeoparque mundial da UNESCO. Proxector é unha iniciativa desenvolta polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Ademais, o proxecto acaba de engadir o deporte coma nova área temática.

“A zona comprendida desde os cantís de Valdoviño ata a ría de Ortigueira e as súa zonas interiores, estendidas ao longo de sete concellos, serán novo xeoparque de Galicia no 2023”, sinala Xacobo de Toro ao comezo do novo especial. Ademais de destacar a beleza que se pode apreciar nas súas paisaxes e cantís, subliña que na súa superficie se atopan rochas propias do manto terrestre, o que converte a zona nun punto excepcional pola súa riqueza patrimonial, xeolóxica e natural.

Para dar conta desa singularidade, Xacobo de Toro recompilou unha serie de recursos que permiten coñecer as estruturas propias das paisaxes litorais de cantís a través de imaxes aéreas nas que se amosan os cantís de Loiba e do Picón, así como os de Ortegal e os da Capela. Ademais, incluíu o vídeo “Vista aérea do Monte Pindo”, emitido no programa “Un país en 360” da Televisión de Galicia, que reflicte a beleza dese macizo granítico, ao tempo que profunda nas lendas que o rodean. Verbo do patrimoni0 xeolóxico xira tamén o documental “Os Penedos de Pasarela e Traba. A arte dos dedos do tempo”, que afonda nestas formacións singulares situadas nos municipios de Vimianzo e Laxe, mais a peza “Entre arcos e cantís”, na que o xeólogo Francisco Canosa explica as características xeomorfolóxicas dos concellos de Cedeira, Burela e Ribadeo.

“Outro punto de interese xeolóxico galego, virando cara ao xeoparque do Courel, é a dobra deitada de Campodola–Leixazós”, subliña Xacobo de Toro, que incorporou na escolma unha peza divulgativa sobre como se forma unha dobra, os elementos que a compoñen e as diferentes tipoloxías que existen. A estrutura interna da Terra ou as teorías da tectónica de placas e da expansión do fondo mariño, cunha mención especial ao labor pioneiro dos xeólogos Marie Tharp e Harry Hess, forman tamén parte dos temas que aborda esta nova entrega.

A reflexión sobre como a acción humana inflúe na paisaxe terrestre galega e como esta se altera con construcións como os encoros, as explotacións mineiras e agrícolas, as instalacións industriais ou a expansión urbana está tamén presente a través do audiovisual “A pegada humana e os seus efectos na xeomorfoloxía de Galicia”. Mentres, a peza “Os superpotentes volcáns subterráneos de Islandia”, coa que se pecha a escolma, afonda no uso que os edificios islandeses fan da calor que emana dos volcáns subterráneos do país. Deste xeito, Xacobo de Toro busca chamar a atención sobre as potencialidades deste tipo de enerxía nunha rexión como Galicia, que é, probablemente, “a comunidade española con maior potencial para o uso da enerxía xeotérmica”, segundo el mesmo subliña no especial.

O proxecto
Proxector: audiovisuais en galego para a docencia é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.

O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.

Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregables, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados. Neste mes incorporou o deporte como nova área temática.