Nado en Lugo, Ánxel Fole Sánchez formouse no Colexio dos Maristas, no Seminario e no Instituto de Lugo, onde rematou os estudos de bacharelato aos 24 anos. Alí coñeceu a Álvaro Cunqueiro, co que “trabou unha amizade que habería de durarlle toda a vida”, segundo apunta Armando Requeixo na biografía que asina no Álbum de Galicia. Tras facer o servizo militar na súa cidade natal, marchou a estudar primeiro á Universidade de Valladolid, despois á de Madrid e, por último, á de Santiago de Compostela. Nesta última matriculouse en Filosofía e Letras, mais nunca chegou a titularse, xa que “pronto pasou a dedicar todos os seus esforzos á escrita xornalística e literaria”, explica Armando Requeixo. Permaneceu na cidade compostelá entre os anos 1929 e 1933 e alí consolidou a súa andaina literaria, aínda que en 1928 xa publicara as súas primeiras colaboracións nos xornais lucenses La Provincia e El Progreso.
En 1935 afiliouse ao Partido Galeguista, no que foi o comezo dunha “etapa de forte activismo político que se plasmou na súa participación en cabeceiras como os semanarios ¡Ahora! e Guión (1931) ou a revista Yunque (1932-1934)”, continúa Requeixo, quen destaca tamén as súas colaboracións en El Pueblo Gallego. Desta época data a que houbo ser a primeira obra do escritor, Auga lizgaira, cuxas probas de imprenta se perderon no prelo da Editorial Nós co estalido da Guerra Civil. Do volume só se conservaron os contos “Eu i-o meu corazón. Elexía, ao xeito romántego” e “Idilio na Insua!”, publicados na revista Nós, e “Trebonada na Penedía”, difundido en El Pueblo Gallego.
A guerra truncou as fontes de ingresos de Ánxel Fole, quen, ante a súa delicada situación económica, decidiu aceptar o emprego de preceptor dos fillos da familia Quiroga e trasladarse ao concello homónimo. Alí e no Incio, onde estivo longas tempadas, “entrou Fole en contacto co vizoso universo rural que informou decisivamente a súa narrativa posterior”, subliña Requeixo. De feito, en Quiroga escribiu Á lus do candil (1953), mentres que as súas andainas polo concello do Incio resultaron na publicación de Terra brava (1955). En 1953 regresou a Lugo e, catro anos despois, entrou a traballar como redactor de El Progreso. En 1958 publicou a peza de teatro Pauto do demo, unha obra que concibiu dende as bases da funcionalidade e o didactismo. “O propio autor desexaba que o seu texto se recibise como un teatro para representar, sen necesidade de profesionalismos”, en definitiva, como “un teatro sobre o pobo, do pobo e para o pobo”, apunta Requeixo.
Nas décadas dos setenta e dos oitenta publicou o conto ¿E decímolo ou non-o decimos? (1972), os libros de relatos Contos da néboa (1973) e Historias que ninguén cre (1981), así como o volume Cartafolio de Lugo (1981), no que recompilou varios dos artigos que escribira durante máis de cincuenta anos na prensa lucense. En 1984 publicou algúns contos no libro colectivo Medusa e, ao ano seguinte, o relato O conto de nunca acabar.
Entre os recoñecementos que acadou, foi nomeado membro de honor da Asociación de Prensa de Lugo (1975) e foi distinguido como fillo predilecto de Lugo (1976) e como persoeiro lucense do ano (1979). Ademais, recibiu o Pedrón de Ouro (1978) e a Medalla Castelao (1985). Na madrugada de 1986 faleceu en Lugo, “a cidade na que viviu practicamente toda a vida e á que tanto amou e literaturizou”, mais deixou “para a eternidade a súa escrita e o seu exemplo na entrega á lingua e á cultura de noso”, conclúe Requeixo.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 670 entradas, das cales as máis recentes son as de José López-Calo, Xoán Cejudo, Fernando Osorio do Campo e Francisco Zagala.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que dende o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.