NOTICIA

----

Especialistas alertan dun retroceso da democracia nalgúns países europeos

“Un 48% dos españois non se senten satisfeitos coa democracia e o 45% entenden que a súa voz non se ten en conta ou non é atendida nin escoitada”, subliñou Ramón Máiz, coordinador da xornada “A calidade da democracia”. A actividade constitúe a terceira cita do foro Pensar o mundo dende Galicia, co que o Consello da Cultura Galega (CCG) conmemora o seu corenta aniversario. Na inauguración, a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, subliñou que para esta celebración “escollemos temas que ocupan e preocupan no mundo contemporáneo”, ao que Ramón Máiz engadiu que “o tema da calidade da democracia ten unha actualidade e unha relevancia extraordinaria, tanto dende o punto de vista político como intelectual”. Co fin de debater arredor dos problemas da calidade das democracias contemporáneas, a xornada contou coa participación de destacados especialistas, como o catedrático de Filosofía José Luis Villacañas.

“É un bo instante para reflexionar, en primeiro lugar, sobre o que se conseguiu no seu momento nunha transición á democracia extraordinariamente complexa e dificultosa”, afirmou Ramón Máiz, pois “estamos hoxe en condicións de ver que aquilo que moitas veces criticamente tendemos a infravalorar se pode perder da noite á mañá”. Neste sentido, o coordinador da xornada alertou sobre como “moitos dos elementos que se daban por establecidos e estandarizados se poñen en crise, tanto no eido das liberdades como das garantías ou da participación”, unha situación “á que estamos asistindo en moitos países do mundo, en Europa e en Estados Unidos”. Por este motivo, Máiz destacou que é necesario “pór en valor criticamente a calidade e os problemas que teñen as nosas democracias”, para o que apuntou unha serie de elementos recorrentes que poden servir como criterios de medición. A inclusión, entendida como a incorporación dos diferentes sectores sociais e das comunidades que integran os estados plurinacionais; a receptividade e sensibilidade das institucións ás demandas cidadás; a rendición de contas por parte de quen goberna; a capacidade de tomar decisións; a produción política das preferencias; as emocións, e a mobilización política son os sete factores que, segundo Ramón Máiz, deben estar presentes cando se fala de calidade da democracia.

Tras a súa presentación interveu José Luis Villacañas, quen fixo unha reflexión teórica arredor dos problemas da democracia, ao tempo que se propuxo identificar os seus perigos fundamentais e as ameazas ás que se enfronta no presente. Con ese propósito recorreu ás ideas de Tocqueville, así como ás achegas de Weber. Para Villacañas, “a democracia, per se, ten unha estrutura utópica imprescindible”, que é “a eliminación, tanto como sexa posible, da dominación dun ser humano sobre outro ser humano”. “A democracia ten que aspirar a transformar a obediencia en participación”, continuou, para remarcar que “a nosa vida ten que ser unha expresión do noso propio poder” e non unha “expresión do sometemento ao deber”.

Após esta puntualización inicial, profundou no pensamento de Tocqueville, que supón “unha forma minimalista de entender a liberdade”, segundo apuntou Villacañas. A través da diferenciación entre os eixes concentración-dispersión, nacionalización-comunitarización, homoxeneidade-heteroxeneidade e igualdade-diferenciación, Tocqueville estableceu un complexo sistema de coordenadas “que daba como resultado unha ecuación, que era a cifra da liberdade”. Como explicou Villacañas, “a dispersión, a comunitarización, a homoxeneidade e a igualdade social debían combinarse producindo liberdade”.

A continuación, percorreu o “camiño do pesismismo que emerxe de Weber e que amosa como o mundo contemporáneo vai entrar en tensión co mundo da democracia”, debido, principalmente, a “unha concentración de poder e de riqueza”. Esa dobre concentración “xera a xaula de ferro da máquina capitalista e da burocracia estatal”, no que “as diferenzas deixan de ser transitables” e, polo tanto, “a liberdade deixa de existir”, subliñou Villacañas. Así mesmo, apuntou que “a outra cara da acumulación da riqueza e do poder é a acumulación comunicacional”, que definiu como “unha acumulación de opinión, de poder espiritual, de poder comunicacional, de control de conciencias e de formación de subxectividades”. Esta última “rompe todos os parámetros da democracia e, polo tanto, se a democracia quere seguir sendo unha meta que manteña algún tipo de dimensión utópica, só ten unha divisa: os procesos de anticumulación de poder, de riqueza e de comunicación”, resaltou Villacañas. Porén, puntualizou que é necesario que eses procesos sexan controlados para garantir a existencia dun horizonte democrático.

As eivas das democracias europeas
Na sesión da tarde, Ramón Máiz moderou a mesa de debate “Os problemas actuais da democracia en España e en Europa”, na que participaron Cristina Ares, da Universidade de Santiago de Compostela; Ruth Ferrero, da Universidad Complutense de Madrid, e Cristina Monge, da Universidad de Zaragoza.

Durante a súa intervención, Cristina Ares chamou a atención sobre o feito de que, se ben os índices de medición clasifican moitos Estados membros da Unión Europea como democracias plenas ou de alto rendemento, algúns como Eslovenia, Hungría ou Polonia sofren un importante retroceso democrático. Neste sentido, subliñou que se está a producir un “auxe da autocratización tanto no mundo das ditaduras e os réximes híbridos como nalgunhas democracias avanzadas”. Esta reflexión foi o punto de partida para que Ares analizase o estado en que, actualmente, se atopa a democracia en Europa. A este respecto, puxo en valor “a consideración do coidado da democracia como prioridade política no ciclo institucional europeo 2019-2024”. O Plan de Acción para a Democracia Europea, presentado en decembro de 2020, e as ferramentas de supervisión do Estado de dereito nos países membros foron, así mesmo, aspectos centrais nos que afondou Cristina Ares. A súa intervención concluíu cun estudo das propostas para reforzar a participación cidadá nas decisións da Unión Europea recollidas no informe final da Conferencia sobre o Futuro de Europa, feito público en maio de 2022.

Nunha liña semellante, Ruth Ferrero falou da crise democrática e do Estado de dereito á que se enfronta Europa e das circunstancias que están detrás desta situación. Tomando como exemplo os casos de Hungría e Polonia, afondou na deriva iliberal que se está producindo nestes dous países, ao tempo que analizou se existen outros territorios da Unión Europea nos que estean a aparecer comportamentos iliberais. Por último, achegou os instrumentos que se están empregando para evitar este tipo de prácticas e cuestionou a súa eficacia para contelas.

Pola súa parte, Cristina Monge, da Universidade de Zaragoza, afirmou que “estamos vivindo unha crise das democracias e dos axentes de intermediación”. Apuntou uns datos que sustentan a súa afirmación: só o 7% dos españois declaran confíar nos partidos políticos e “todos os indicadores (de credibilidade, de confianza....) levan caendo uns vinte anos” indicou.