“Este proxecto editorial, que leva máis de dúas décadas de investigación, ofrece un compendio dos coñecementos diversos e interdisciplinarios dun dos nosos grandes pensadores da Ilustración, como mellor símbolo da colaboración interinstitucional de dúas entidades, o CSIC e o Consello da Cultura Galega, dedicada á xeración e divulgación da ciencia en toda a súa variedade de disciplinas e ao rico patrimonio histórico que nos legou”, indicou a vicepresidenta adxunta de Cultura Científica y Ciencia Ciudadana do CSIC, Pura Fernández.
O acto tamén contou coa presenza e a benvida da nova directora do RJB-CSIC, María-Paz Martín, que agradeceu a decisión do CSIC e do CCG de presentar o traballo nese centro, xa que, por petición de Sarmiento, o rei Fernando VI ordenou a súa creación. “Sarmiento foi un home erudito, adiantado ao seu tempo, que, entre outras facetas, realizou importantes labores relacionados coas ciencias naturais e a botánica, e pediu a creación de xardíns botánicos e a dotación de cátedras universitarias de Historia Natural, Agricultura e Botánica”, destacou a directora do RJB-CSIC.
Obra magna de Martín Sarmiento
“Sarmiento comezou a escribir a Obra de 660 pliegos, subtitulada como De historia natural y de todo género de erudición, cando tiña sesenta anos, xa de idade avanzada e con problemas de mobilidade, e nela falou de todos os asuntos que lle preocupaban”, explicou o coordinador do proxecto, Henrique Monteagudo. A obra completa é un compendio dos intereses temáticos do autor e un dos seus traballos máis significativos. Nela abórdanse asuntos como a historia natural, a economía, a educación, a agricultura ou as orixes da poesía. Sarmiento traballou nesta obra durante case catro anos, de aí a súa descomunal extensión, na que toca practicamente todos os asuntos dos que Sarmiento se ocupou ao longo da súa vida. Nela, aclara Monteagudo, “amósase o seu característico estilo discursivo, co que vai abordando unha gran variedade de asuntos sen orde nin designio particular”. De feito, ao final, Sarmiento produciu unha especie de compilación na que volve sobre gran parte dos temas que tocara en escritos previos e repite, revisa e rectifica informacións e puntos de vista previamente expresados. Son seis millóns e medio de caracteres que funcionan a modo de “enciclopedia labiríntica”, nun compendio moi persoal que o propio autor designou como “sacudimentos de mi mente”. Segundo explicou Monteagudo, esta edición é moi relevante porque “a súa obra estaba dispersa en citas, por fragmentos puntuais, pero non recollida dunha maneira global”.
O orixinal perdeuse, pero consérvase unha copia elaborada por Pedro Alonso de Salanova y Guilarte, que traballou directamente sobre o autógrafo con Sarmiento aínda vivo. Sospéitase que o título final mesmo foi obra do copista. Esta copia ocupa cinco grosos tomos, numerados do XIII ao XVII, e forma parte da compilación dos escritos de Martín Sarmiento máis ampla e de mellor calidade, coñecida como Colección Medina Sidonia. Esta constaba inicialmente de 17 tomos, aos que postumamente se engadiron algúns materiais que conformaron un ou dous máis. Os catro primeiros tomos da obra (XIII, XIV, XV e XVI) custódianse na súa localización orixinal, o arquivo da Fundación Casa Medina Sidonia, situado en Sanlúcar de Barrameda (Cádiz), mentres que o último se garda no Museo de Pontevedra.
Algunhas partes desta inxente obra editáronse e circularon de forma independente, como Jardín medicinal de pobres ou La educación de los niños. Porén, todos os estudosos de Sarmiento citan con frecuencia a Obra de 660 pliegos como un texto de referencia para ter información precisa sobre a súa vida, obra e pensamento.
Os últimos chanzos do proxecto
O proxecto Obras de Martín Sarmiento botou a andar en 2002 baixo a coordinación do profesor Henrique Monteagudo, coa participación dun equipo de investigación interdisciplinario. Tiña como obxectivo editar a obra inédita de frei Martín Sarmiento, a través dun proceso de localización, recuperación, transcrición e estudo, así como levar a cabo asemade a elaboración dun rexistro exhaustivo de fondos manuscritos. Nos inicios elaborouse o devandito rexistro e unha bibliografía de textos publicados por Sarmiento, traballo que deu paso á realización dun índice completo dos escritos.
Ademais, tras a localización, levouse a cabo a reprodución fotográfica dixital da totalidade da Colección Media Sidonia. Tamén se dispuxo das reproducións en microfilme da Colección Dávila (na Biblioteca Nacional) e en microficha da Colección Los Heros (da Real Academia de la Historia). Igualmente, dispúxose da reprodución en fotocopia ou fotografía (microfilme ou microficha) de todos os manuscritos autógrafos localizados e de numerosas copias de diferentes escritos.
Foi así como se puxo en marcha o proceso de edición da Obra de 660 pliegos, que consta da transcrición íntegra dos tomos, acompañada da reprodución de debuxos e figuras do orixinal, así como dunha selección de láminas citadas polo autor. En 2008 publicáronse os volumes II, III e IV, mentres que os tomos I e V saíron en 2022, ano do 250º aniversario do pasamento de Sarmiento. Nese mesmo ano levouse a cabo un simposio do que sairá en 2023 un volume de estudos.