NOTICIA

----

O Repertorio da prensa da emigración galega incorpora 23 números da Revista del Centro Gallego

O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora 23 números da Revista del Centro Gallego. Voceiro oficial do Centro Gallego de Montevideo, entre as súas páxinas incluía novas sobre a propia entidade editora, así como outras que daban conta da actualidade galega e española. Os números que se dixitalizaron neste mes de maio corresponden a diversos exemplares publicados entre os anos 1926 e 1929, cuxos orixinais se atopan depositados no AEG.

Revista del Centro Gallego foi a denominación que o Centro Gallego de Montevideo lle puxo ao seu voceiro oficial durante os anos 1925 a 1929. Con anterioridade, a cabeceira divulgárase baixo o nome Centro Gallego, mentres que a partir do ano 1929 comezou a aparecer como Galicia: Revista del Centro Gallego. Dous exemplares pertencentes á primeira etapa, o 45 e un número extraordinario publicado en xullo de 1925 con motivo da inauguración da sede do Centro Gallego, están tamén dispoñibles para a súa consulta a través do web institucional.

Concibida como unha publicación societaria, a Revista del Centro Gallego incorporaba numerosas noticias sobre o acontecer diario da entidade editora, ás que sumaba outras para informar da actualidade de Galicia e España. Ademais, reproducía artigos que profundaban na historia, a literatura e a arte galegas ou que achegaban o labor da colectividade emigrada en América. Destacan tamén algunhas colaboracións asinadas por intelectuais galegos, como Ramón Otero Pedrayo ou Ramón Cabanillas.

Con respecto ás ilustracións, era frecuente a inclusión de fotografías sociais e de imaxes das paisaxes e monumentos de Galicia, así como dos seus persoeiros máis relevantes. Tamén abondaba a publicidade, composta principalmente por anuncios de establecementos comerciais.

A cabeceira, escrita en castelán, tiña unha periodicidade mensual e distribuíase de xeito gratuíto aos socios da entidade.

O Repertorio da prensa da emigración galega
En 1998, froito dun traballo de investigación dirixido por Vicente Peña Saavedra, nace o Repertorio da prensa da emigración galega, un proxecto que busca difundir o patrimonio documental producido pola comunidade galega do exterior e que, hoxe en día, mantén actualizado o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG). Nel, recompílase unha relación das publicacións galegas (boletíns, xornais de información xeral, revistas culturais, prensa política, revistas e voceiros internos das asociacións de emigrantes, publicacións institucionais etc.) editadas tanto polas asociacións de emigrantes como por persoeiros destacados da colectividade galega. Aínda que os números das diferentes cabeceiras se poden consultar directamente nas instalacións do AEG, cada mes dixitalízanse novos exemplares que se poñen á disposición dos usuarios e usuarias para seren consultados en liña no web institucional do CCG.