NOTICIA

----

O Álbum de Galicia incorpora a entrada do impresor e xornalista Juan Compañel

Juan Compañel (Santiago de Compostela, 1829 – La Catalina, Matanzas, Cuba, 1897) destacou pola súa actividade como editor e impresor do Rexurdimento. Propietario dun obradoiro na cidade olívica, da súa imprenta saíron as obras Cantares gallegos (1863), de Rosalía de Castro, ou Diccionario de escritores gallegos (1862), de Manuel Murguía. Ademais, dirixiu os periódicos La Oliva e, posteriormente, El Miño, no que constituíu un “proxecto xornalístico ao servizo de Galicia, do progresismo e da república”. Así o afirma Xurxo Martínez González na entrada que asina no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).

Nado en Santiago de Compostela, Juan Compañel estivo en contacto coas máquinas impresoras dende neno. O seu pai, Francisco Luís Compañel, abrira en 1830 unha librería e imprenta, mais a súa morte, apenas dous anos despois, fixo que a continuidade do negocio quedase en mans da súa esposa, Jacoba Rivas, quen renomeou a imprenta co nome de Viuda e Hijos de Compañel. Dende ese intre, Juan Compañel foi testemuña da impresión de distintas publicacións que influirían na súa conciencia, como El Porvenir, de Antolín Faraldo, ou O abril de lume e ferro, de Manuel María. Así mesmo, o Goberno galego, declarado insubmiso a Madrid, imprimiu no obradoiro dos Compañel o seu voceiro, La Revolución. “De novo, Faraldo entraba e saía daquel despacho de papel revolucionario”, subliña Xurxo Martínez na entrada do Álbum de Galicia. O negocio non prosperou e, dende 1851, non se coñeceu ningún outro impreso de Viuda e Hijos de Compañel.

Juan Compañel formouse no seminario da súa cidade natal, foi asistente ás cátedras da Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago de Compostela e alumno das materias de Filosofía, Xurisprudencia e Historia Natural na Universidade de Santiago de Compostela, aínda que non rematou ningún destes estudos. Por razóns económicas, en 1850 emigrou a Madrid e, cinco anos despois, fíxose cargo da imprenta de cuxo prelo saíron as publicacións La Razón, dirixida por Pi i Margall, e El Eco de la Clase Obrera, o primeiro xornal obreirista de España.

A mediados da década de 1850 trasladouse a Vigo. O progresista José Ramón Fernández decidira lanzar a cabeceira La Oliva. Periódico de Galicia, pero precisaba dun técnico que se ocupase da impresión. Na rúa Real da cidade olívica Compañel abriu o seu obradoiro, no que se imprimiron as obras de Rosalía de Castro La hija del mar (1859), A mi madre (1863) e Cantares gallegos (1863), e as de Manuel Murguía La primera luz (1859) e Diccionario de escritores gallegos (1862). A finais de 1856 asumiu a dirección de La Oliva, mais o xornal foi censurado tras o retorno dos conservadores ao poder central e, finalmente, obrigado a pechar por decreto sumarísimo en abril de 1857. A redacción creou entón outra cabeceira coa mesma liña editorial co nome El Miño. Todo por Galicia, Todo para Galicia. Nel, “deuse prioridade a autores galegos e aos textos en galego”, explica Martínez na súa entrada. O xornal tivo que afrontar a censura, varias multas e incluso o decreto de pena de prisión para Juan Compañel. Após a Gloriosa (1868) e a volta ao poder dos progresistas, “Compañel tomou unha simbólica decisión: El Miño pasou a chamarse La Oliva, pero mantendo a numeración como mostra da continuidade e pervivencia dun só proxecto xornalístico”, subliña Martínez.

Coa caída da I República, exiliouse en Cuba. Alí, atopouse con Alejandro Chao, a quen lle fixo un préstamo para que comprase un local para La Propaganda Literaria, editorial que, anos despois, publicou a obra rosaliana Follas novas. En 1879 Compañel fundou en Cárdenas a cabeceira Diario de Cárdenas. Posteriormente, creou e dirixiu os xornais La Lealtad na cidade de Cienfuegos (1882) e La Unión en Colón, “todos de tendencia unionista, contraria á independencia de Cuba”, indica Martínez. En 1897 faleceu en La Catalina.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 670 entradas, das cales as máis recentes son as de Ánxel Fole, José López-Calo, Xoán Cejudo e Fernando Osorio do Campo.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que dende o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.