NOTICIA

----

Sen cancelas, a mostra sobre a historia da diversidade sexual en Galicia, completa un ano de itinerancias

A directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF), Carme Adán, e mais África López Souto, directora do IES Urbano Lugrís, presentan este venres neste centro coruñés a unidade didáctica Sen cancelas, un documento elaborado polo Consello da Cultura Galega (CCG), co apoio da Secretaría Xeral da Igualdade, que complementa e explica a exposición homónima, que pecha as portas ese mesmo día no centro. O proxecto fai un percorrido polo pasado e presente en relación coas ideas e conceptos que deron forma á defensa dos dereitos e liberdades das persoas que non se axustaron á norma sexual e de xénero, así como aos estereotipos e valores sociais que os precederon. A exposición, que se puxo en marcha hai un ano, xa se puido ver en 17 centros educativos do país.

Sen cancelas é unha mostra de pequeno formato, constituída por oito paneis e pensada para itinerancia en espazos reducidos. A exposición arrinca explicando que a diversidade está presente tanto nas persoas como nas sociedades e culturas. A continuación ofrece un percorrido pola diversidade sexual e de xénero a través de diferentes culturas. Explícanse as mencións ás virxes xuramentadas de Albania, os berdaches de América do Norte ou os muxes (ou mushes), termo procedente das culturas zapotecas de Oaxaca (México) que define as persoas ás que lles foi asignado o xénero masculino ao nacer pero que toman para si unha identidade de xénero feminina. Daniela Ferrández e Enrique Latorre son os comisarios deste proxecto expositivo, coordinado por Carme Adán.

A historia de Elisa e Marcela, a de Manuel Buján ou a de Pedro Díaz e Muño Vandílaz son algunhas das que se poden descubrir noutro dos paneis da mostra, que tamén dedica un espazo a visibilizar outras figuras como as de Laura Bugalho ou Eduardo Blanco-Amor, referentes galegos da diversidade sexual.

O obxectivo último do proxecto é espallar a idea de que a diversidade estivo, está e estará sempre presente no ser humano e nas diferentes culturas. Non é unha cuestión exclusiva das persoas diversas, senón que afecta a toda a cidadanía.

A historia galega
Sen cancelas tamén ofrece un relato histórico sobre a identidade sexual que arrinca en 1920 e se estende ata o presente. “Amosamos que existiron, como foi un relato de ida e volta no que houbo liberdade e represión”, explica Daniela Ferrández, unha das comisarias do proxecto expositivo. “Traballamos nos dereitos e pretendemos dar a idea de que eses dereitos non sempre existiron, nos que se gañaron visitas, e facer partícipes a esas persoas. E que esas loitas e esas conquistas se gañaron para todos e que debemos de gardar e ampliar”.

O relato histórico da diversidade sexual en Galicia está dividido en dous paneis. O primeiro explica os chanzos que levaron a diversas emancipacións, como a creación dos primeiros colectivos de Galicia (entre 1972 e 1982) ou a protesta que tivo lugar en outubro de 1980 fronte á cafetaría Manhattan Plaza na Coruña pola expulsión de dous rapaces homosexuais. Nel tamén aparece a primeira manifestación polo Día do Orgullo en Galicia, que tivo lugar en Vigo en xuño de 1981 e que reuniu máis de cincocentas persoas.

O segundo dos paneis documenta a situación legal. Sitúa o contexto galego dentro do marco mundial, onde existen 69 países en que a homosexualidade é ilegal, nalgún deles mesmo castigada coa pena de morte. No marco da exposición tamén se poden apreciar algúns dos fitos lexislativos, tanto a nivel español como galego, que marcan as achegas na igualdade de dereitos. É o caso da modificación da Lei 3/2007, de rexistro civil, que permite que as persoas trans que queiran modificar a súa documentación poidan facelo no Rexistro Civil cumprindo unha serie de requisitos. Ata este momento, as persoas que querían realizar este trámite tiñan que pasar por un longo proceso xudicial. Con todo, o fito máis destacado é a lei galega LGBTI (Lei 2/2014), que fixo que Galicia se convertese na primeira comunidade autónoma do Estado en aprobar unha lei específica contra a discriminación das persoas lesbianas, gais, bisexuais, transexuais e intersexuais. Nesta lei recoñécese a necesidade de traballar a prol da igualdade e identifícanse algúns eidos nos que iniciar este proceso, como o laboral, o social ou o educativo.

Orixe
Esta exposición xorde do convenio asinado en 2021 por Rosario Álvarez, presidenta do CCG, e María Jesús Lorenzana, conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, que establecía tres liñas de actuación: a diversidade sexual, a eliminación da violencia de xénero e a visibilización de mulleres destacadas do ámbito do pensamento. Dotado con 22 000 euros, procura accións conxuntas nestes ámbitos de actuación. Esta alianza puxo en marcha o Foro Identidades e Disidencias Sexuais, que está na súa fase final e que pretende ser un espazo pioneiro que permita actualizar a información sobre as necesidades das persoas LGBTI para darlles unha resposta axeitada —mediante os recursos e servizos que poidan demandar— e previr as condutas violentas contra o colectivo.