Nado en Ponteceso, Eduardo Pondal Abente criouse no seo dunha familia da pequena nobreza rural. Cursou os seus estudos en Vilela de Nemiña ata 1848, momento en que se trasladou a Santiago para realizar o bacharelato en Filosofía. En 1854 matriculouse na carreira de Medicina, titulación que conseguiu seis anos despois. Porén, só exerceu como médico durante uns meses, primeiro na armada en Ferrol e, posteriormente, na fábrica de armas de Trubia (Asturias), “posto de traballo que abandona definitivamente para se consagrar á produción poética e á construción da súa imaxe como bardo do pobo galego”, subliña Manuel Ferreiro Fernández.
A etapa de Pondal na cidade compostelá coincide co rexurdir político-cultural galego. “Ese é o ambiente en que Eduardo Pondal participa e completa a súa formación humanística”, explica Ferreiro, quen apunta tamén a que é neses anos cando inicia a súa traxect0ria como poeta. Así, o 2 de marzo de 1856 pronunciou un brinde poético no Banquete de Conxo, cuxa reprodución se pode consultar entre os materiais que se inclúen na súa entrada do Álbum de Galicia. A partir dese intre, escribiu numerosos poemas e editou diversos opúsculos, nos que alternou o idioma galego co castelán e os xéneros da lírica e épica. Destacan as 13 oitavas de Os Eoas, publicadas en 1857, e a edición da primeira versión de A campana d’Anllóns, divulgada no xornal pontevedrés El País en 1858.
Consolidado como un escritor recoñecido, Pondal “inicia un proceso de transformación en poeta ‘profesional’ cada vez máis galeguizado”, indica Ferreiro. De feito, na súa produción, comezou a desprazar o castelán que empregara inicialmente a favor do galego, unha circunstancia “que se acelera a partir de 1863” tras a publicación da obra rosaliana Cantares gallegos, explica. En 1885 trasladouse á Coruña e, ao ano seguinte, saíu do prelo Queixumes dos pinos. A obra, de ideoloxía político-poética, sobresae por dous motivos, segundo apunta Manuel Ferreiro. Por un lado, o poemario “implica un punto de inflexión lingüística, pois consolida unha progresiva traxectoria de unilingüismo perseverante e consciente, comportamento que contrasta grandemente coa práctica habitual dos escritores oitocentistas”. Por outro lado, é un símbolo que reflicte a loita de Pondal a prol da redención de Galicia e as súas protestas “contra o despotismo castelán por querer borrar a lingua, os costumes e a alma galega”. A ligazón de acceso a esta obra está dispoñible na entrada do Álbum de Galicia.
Dende ese intre, Eduardo Pondal continuou colaborando con diversos medios, como Revista Gallega, e escribindo diferentes obras, como o poema autobiográfico O dolmen de Dombate ou a versión ampliada de A Campana d'Anllóns. Ademais, seguiu redactando e corrixindo Os Eoas, poema que tivo a oportunidade de ser publicado pola Editorial Rivadeneyra pero que, finalmente, quedou entre a súa obra manuscrita e legou, por testamento, á Real Academia Galega. De igual modo, tampouco chegou a ver publicada en vida a súa triloxía lírica Dos Eidos, Dos Servos, Do Íntimo.
Dende comezos do século XX, a saúde física e mental de Pondal empezou a deteriorarse. “A paranoia final lévao a compor poemas sobre o roubo dos manuscritos e a suplantación do seu nome” e a ditar de xeito obsesivo fragmentos de Os Eoas e doutros poemas de mocidade, un material que se conserva, segundo indica Ferreiro, nun caderno datado de 1916 e titulado Postrimerías de Pondal. Sustraídas. Faleceu na Coruña o 8 de marzo de 1917.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 670 entradas, das cales as máis recentes son as de Juan Compañel, Ánxel Fole, José López-Calo e Xoán Cejudo.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que dende 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.