NOTICIA

----

Unha xornada analiza os riscos da contaminación luminosa

A chegada da luz eléctrica e a extensión masiva da iluminación artificial mudaron os ritmos naturais ata tal punto que están empezando a descubrirse os seus impactos na saúde das persoas e no medio ambiente. A día de hoxe, a luz artificial xa é considerada un axente contaminante. Sobre os efectos que a iluminación artificial causa no equilibrio ambiental e na saúde humana, o gasto enerxético asociado e a deterioración da capacidade de observación do ceo nocturno trata a xornada "Os múltiples riscos da contaminación luminosa", que organiza o Consello da Cultura Galega (CCG) este xoves, 1 de xuño. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, inaugura esta cita que coordina Jorge Mira. A sesión pode seguirse en directo por Internet e nas redes sociais do CCG.

A xornada convida a falar do impacto da contaminación luminosa a destacados especialistas, que elaborarán un documento cunha serie de recomendacións e de boas prácticas no uso da luz artificial, sobre todo nos espazos públicos. Así mesmo, no marco da xornada tamén se salientarán as vantaxes que o control da contaminación luminosa pode traer para a posta en marcha de actividades científicas e iniciativas patrimoniais vinculadas á calidade da observación astronómica.

A xornada arrincará coa conferencia de Salvador Bará Viñas, profesor xubilado da Área de Óptica da USC, que explicará que é a contaminación luminosa e a súa xestión. Deseguido, Susana Malón Giménez, CEO e directora de Lumínica Ambiental e membro da Xunta de Goberno do Comité Español de Iluminación, falará da tecnoloxía da iluminación compatible coa protección do ceo e o medio nocturno. Rematará a sesión da mañá con Antonia M. Varela Pérez, directora xerente da Fundación Starlight e enxeñeira sénior do Instituto de Astrofísica de Canarias, que ofrecerá un relatorio titulado "Unha proposta Starlight: o ceo como recurso dinamizador e transformador do territorio".

Xa pola tarde, Xosé Antonio Fernández Bouzas, director-conservador do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e decano do Colexio Oficial de Biólogos de Galicia, ofrecerá un relatorio sobre o ecoturismo e a relación entre o medio e os turistas en relación con cuestións luminosas.

A xornada concluirá cunha mesa redonda coordinada por Jorge Mira, coa participación de todos os relatores mais Marta Rodríguez Casas, secretaria técnica de Costa da Morte Asociación Turística, na que abordarán o control da contaminación luminosa, así como as súas posibilidades e oportunidades.


Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade
A organización desta xornada insírese na liña de traballo da Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade, coordinada por Elena Vázquez Cendón. Entre as próximas actividades atópase unha xornada, que se desenvolverá en Lugo, sobre os alimentos “responsables”, é dicir, os que deben formar parte dunha cesta da compra sustentable. No marco desta sección elaboráronse materiais e recursos didácticos; publicáronse informes como “A divulgación da ciencia en Galicia”, que compila a variedade e calidade de iniciativas que existen no noso país para a difusión do coñecemento científico; e leváronse a cabo xornadas sobre a factura do cambio climático, a economía circular ou as vocacións científicas. Ángel Carracedo, María Teresa Barral, Jorge Mira, Iolanda Casal ou Ánxela Bugallo son algúns dos membros desta sección.