NOTICIA

----

Unha xornada fusiona poesía con videoxogos

Cangas acolle este sábado unha xornada moi singular que busca explorar os límites entre a creación literaria e o universo dos videoxogos. Titúlase “Hai un poema no teu videoxogo” e é unha proposta deseñada polo Consello da Cultura Galega (CCG) e o Museo do Videoxogo. A cita está coordinada por Carmen García Mateo e Carlos Pereiro, quen asegura que “buscamos unir dous mundos que parecen afastados pero que non o están tanto”. Os poetas Pablo Rodríguez e Branca Trigo ofrecerán unha innovadora actividade en que haberá xogos en streaming, poesía, audiovisual e moita experimentación.

Carlos Pereiro, co-coordinador da xornada, explica que “pensabamos que era interesante que a lírica galega estivese tamén presente no mundo dos videoxogos e pensamos nunha proposta que achegase estes dous universos”. O resultado é un experimento en que haberá recitados, pero tamén proxeccións audiovisuais, xogos en directo e ata un streaming que permita poñer en diálogo ambas as disciplinas. “É algo inédito co que buscamos novas formas de fusión de mundos que pensamos que se poden encontrar, porque estamos afeitos a ver debuxos, ilustracións de xente que as fai a partir de videoxogos, pero non poemas que falen das consolas e dos videoxogos, que son tan populares como os microondas”, asegurou Pereiro.

Na actividade participan o poeta e cofundador de Leite Edicións, Pablo Rodríguez (autor de Os ollos das moscas [Urutau, 2021]), e mais a poeta Branca Trigo (autora de Ω [Malafera, 2023] e Con do lore [Urutau, 2022]).

Ademais, como peche da xornada farase entrega dos premios do reto FalAI, promocionado por Balidea e a Universidade de Vigo, na procura de voces en lingua galega coas que desenvolver proxectos de intelixencia artificial.

Sección de Lingua, Literatura e Comunicación
A actividade é unha proposta da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do CCG, coordinada por Carmen García Mateo e da que é membro, entre outros profesionais, Carlos Pereiro. O propio Pereiro explica que esta actividade se insire nunha liña de traballo da Sección que “reforza a idea de que os videoxogos son cultura”. Na súa opinión, os videoxogos son unha forma de narrativa que xunta moito doutras artes. “É tamén unha aposta polo nivel cultural do videoxogo, que é a industria que move maiores cifras económicas”, apuntou.