NOTICIA

----

O Álbum de Galicia incorpora a entrada do fotógrafo Inocencio Schmidt de las Heras

Inocencio Schmidt de las Heras (A Coruña, 1897–1975) foi un dos grandes representantes da corrente fotográfica do pictorialismo, na que destacou polo seu dominio da técnica do bromóleo. A paisaxe constituíu o núcleo central da súa obra, aínda que coa súa cámara rexistrou tamén imaxes de estatuas e recantos típicos dalgunhas cidades. Ademais, realizou outro tipo de fotografías máis vinculadas coa sociedade industrial do seu tempo, nas que sobresae a presenza de fábricas, ferrocarrís ou guindastres. A súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), é autoría de Vítor Vaqueiro.

Nado na Coruña no seo dunha familia acomodada, Inocencio Schmidt de las Heras foi unha figura de perfil conservador e católico. Bo lector, atopou na literatura unha das súas grandes paixóns, aínda que a finais da década dos vinte substituíuna pola práctica fotográfica. Profesionalmente, estivo ligado ao sector bancario, pois foi membro do Banco Pastor e do consello de administración do Banco da Coruña. Tamén formou parte da directiva do Casino coruñés. No eido da fotografía, participou na fundación da Sociedade Fotográfica da Coruña, da que foi presidente, e como xurado do Salón Nacional de Fotografía que tivo lugar na cidade herculina en 1965.

Xunto con José Ortiz Echagüe e Joaquín Pla Janini, foi un dos máximos expoñentes do pictorialismo e, en concreto, da segunda vaga desta tendencia fotográfica. Consolidada no ano 1900 e estendida temporalmente en España ata o final da ditadura franquista, os seus representantes optaban por outorgarlles unha aparencia pictórica ás súas fotografías. Porén, malia que Schmidt de las Heras consideraba a conexión que existía entre fotografía e pintura, foi un “defensor da autonomía da imaxe fotográfica”, tal e como subliña Vítor Vaqueiro.

Na súa obra, destaca o interese que amosou pola paisaxe, unha temática que capturou de diferentes formas. Así, fotografou escenas estritamente rurais e outras de carácter máis abstracto, “como os reflexos de masas vexetais en correntes de auga”, indica Vaqueiro. Ademais, reflectiu a intervención humana na natureza a través de imaxes que amosan pontes, valados e casas. Neste grupo inclúense tamén un conxunto de fotografías que Vaqueiro agrupa baixo o que cualifica como a “estética do piñeiro e a auga”. “Por veces, é a figura humana quen se introduce, humanizándoa, na paisaxe, en forma de paseante ou a través dalgunha actividade laboral”, explica, ao que engade que, no caso de Schmidt de las Heras, sobresae “a presenza de embarcacións ligadas aos procesos pesqueiros ou as redes”.

Alén da paisaxe, fotografou estatuas, sobre todo femininas, con tomas picadas ou de escorzo; o traballo dos oleiros; recantos típicos das cidades, coa súa arquitectura tradicional, e escenas nocturnas de lugares como Santiago, A Coruña, Ourense, Córdoba ou Ponferrada. Tamén retratou a sociedade industrial do seu tempo con imaxes de grandes obras públicas, fábricas, guindastres e ferrocarrís.

Formalmente, empregou a técnica do bromóleo, cuxo “resultado era unha copia de matices suaves, con aparencia pictórica e escaso detalle”, segundo afirma Vítor Vaqueiro. Autor dunha obra que acadou un amplo recoñecemento, Schmidt de las Heras foi premiado no Salón Nacional de Bilbao nos anos 1936, 1945 e 1949. En 1953 obtivo o primeiro premio na Exposição Internacional de Fotografia Artística de Lisboa e o Premio da Sociedad Fotográfica de Zaragoza. Ademais, cómpre salientar que a súa práctica fotográfica encaixou coa estética conservadora que propugnaba o réxime franquista. “Detrás da escola pictorialista áchase, polo tanto, de maneira moi notábel, unha visión específica da sociedade e, tamén, da fotografía que, no longo período 1936-1975, rendeu proveitosos beneficios á ditadura”, conclúe Vaqueiro.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 670 entradas, das cales as máis recentes son as de Eduardo Pondal, Juan Compañel, Ánxel Fole e José López-Calo.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que dende 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.