NOTICIA

----

Unha xornada aborda en Lugo a alimentación sustentable

“Alimentos sen remordementos. Alternativas para unha cesta da compra sustentable” é o título da xornada que terá lugar este martes, 6 de xuño, no Vello Cárcere de Lugo. Organizada polas seccións de Pensamento e de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio do Concello de Lugo, a actividade ten como obxectivo analizar os diferentes modelos de produción e consumo alimentarios. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, inaugurará ás 10:00 horas esta cita, que coordinan María Teresa Barral, Iolanda Casal, Ana Isabel García Arias e David Soto. A sesión é presencial e non se poderá seguir en directo, pero será gravada e subida con posterioridade á hemeroteca do CCG.

Comer é unha actividade ligada estreitamente á saúde das persoas. Conscientes da súa importancia, cada vez son máis os individuos que prestan atención ao que consomen e que demandan produtos saudables. Porén, a produción alimentaria non é inocua para o territorio, pois afecta aos procesos de regulación ecosistémica, conforma paisaxes e crea culturas. Por este motivo, ao tomar unha ou outra decisión de compra no mercado estase a optar por un determinado modelo de produción, que vai configurar o territorio e o mundo que habitamos. Co fin de reflexionar sobre os modelos produtivos e de consumo de alimentos e de achegar as relacións que estes teñen co ecosistema, a xornada reúne diferentes especialistas, que debaterán diversas propostas para incrementar a sustentabilidade alimentaria.

O programa
A sesión da mañá (10:00 horas) comezará co relatorio “Crítica ao modelo industrial de produción alimentaria”, a cargo do profesor da Universidad Pablo de Olavide (Sevilla) Manuel González de Molina. A continuación, intervirán Luisa Losada Puente e Adina Dumitru, da Universidade da Coruña, que analizarán as dimensións sociais e psicolóxicas asociadas ao consumo e propoñerán alternativas para potenciar a sustentabilidade dos territorios a través do consumo alimentario. As conferencias plenarias estarán presentadas por Ana Isabel García Arias e María Teresa Barral Silva, coordinadoras da xornada.

Xa pola tarde (17:00 horas), Iolanda Casal e David Soto, coordinadores tamén desta cita, moderarán a mesa redonda “Modelos para un consumo responsable de alimentos”. Nela intervirán María do Mar Pérez Fra e Ana Arias Calvo, da Universidade de Santiago de Compostela; Rocío García Carregal, de Slow Food Compostela, e Isabel Villalba, do Sindicato Labrego Galego.

Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade
A organización da xornada insírese na liña de traballo da Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega. Coordinada por Elena Vázquez Cendón, ten como membros a María Teresa Barral, Ánxela Bugallo, Ángel Carracedo, Eduardo Corbelle, Alicia Estévez, Iolanda Fernández Casal, María Luz Loureiro, Javier Méndez, Jorge Mira, Xacobo de Toro, Xosé María Varela e Manuel Vicente García. No marco da Sección, elaboráronse materiais e recursos didácticos; publicáronse informes, como “A divulgación da ciencia en Galicia”, e leváronse a cabo diferentes xornadas sobre a factura do cambio climático, a economía circular ou as vocacións científicas.

Sección de Pensamento
A cita, ademais de pola Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade, está organizada pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, cuxa coordinadora é Celia Pereira Porto. Mariló Candedo, Francisco Castro, Francisco Xosé Fernández Naval, Ana Isabel García Arias, Nieves Herrero, Luisa Martínez Lorenzo, Xoán Antón Pérez Lema e Juan Tallón son os membros que conforman a Sección. Entre as súas actividades, destaca o ciclo Pensarmos, que busca analizar os problemas da sociedade actual a través de charlas e debates con diversos especialistas.