Os informes da ONU alertan de que cada ano se producen no mundo máis de 400 millóns de toneladas de plástico dun só uso, dos cales entre 19 e 23 millóns rematan en lagos, ríos e mares e arredor de 11 millóns nos océanos. Porén, estas cifras “poderían triplicarse de aquí a 2040”, subliña a nova entrega de Proxector, que pon tamén o foco nos microplásticos. “Estímase que as persoas inxerimos máis de 50 000 partículas de plástico cada ano, e mesmo moitas máis se se teñen en conta as partículas inhaladas”, continúa.
Co fin de analizar como estes residuos afectan ao hábitat natural, aos seres humanos e á propia biodiversidade do planeta, o especial de Proxector do mes de xuño escolma unha ducia de vídeos sobre os contaminantes plásticos. Explicar que son, as súas características e os seus principais inconvenientes é o obxectivo da peza divulgativa “Química biolóxica ao rescate”, na que tamén se pon atención aos métodos que se poderían usar para lograr que a súa degradación fose máis respectuosa co medio. Mentres, en “Que lle pasa realmente ao plástico que tiras” exemplifícase o ciclo de vida de tres botellas de plástico diferentes para amosar o perigo que teñen este tipo de produtos que a poboación desbota de xeito cotián.
As consecuencias que o plástico ten para os ecosistemas é unha cuestión que se aborda en varias das pezas escolmadas. Así, en “Os microplásticos, unha praga” afóndase no problema ambiental que causan estas pequenas partículas de plástico, mentres que en “Un mar de plástico” se fala dos efectos concretos que teñen sobre o medio mariño. Ademais, tamén se destacan as iniciativas levadas a cabo por diversas institucións. É o caso, por exemplo, da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo, que está a desenvolver un proxecto para avaliar a toxicidade dos plásticos que os pescadores recollen do mar, tal e como se explica na peza “Pescadores de plásticos”. De igual xeito, a bióloga e investigadora Atocha Ramos achega en “Unha década recollendo lixo” o labor que fai o Grupo Naturalista Hábitat para o coidado de ríos e mares.
A nova entrega de Proxector tamén recompila algúns recursos en que se ofrecen recomendacións e solucións para contribuír a minimizar os efectos da contaminación por plásticos. En “Os tres erres: reducir, reutilizar, reciclar” achéganse diferentes consellos para que a cidadanía colabore co medio ambiente a nivel individual. Ademais, inclúense dous vídeos divulgativos que ensinan a obter plástico biodegradable a partir de augas residuais ou con ingredientes como a maicena, o vinagre e a auga. No eido empresarial, o vídeo “Un plan radical para rematar cos residuos plásticos” aborda, da man de Andrew Forrest, a necesidade de que a industria global de plásticos empece a entender que os residuos dos vertedoiros se poden converter nun produto de valor a través dun axeitado sistema de reciclaxe.
Complementan o especial o recurso “Identificación de plásticos mediante espectometría infravermella”, arredor da utilidade desta técnica na clasificación dos plásticos reciclables que carecen de código PIC, e “O nacemento do dereito ambiental”, sobre como se creou esta nova rama do dereito para protexer o medio ambiente como un ben en si mesmo.
O proxecto
Proxector: audiovisuais en galego para a docencia é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.
O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.
Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregables, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.