NOTICIA

----

A entrada da sociedade Hijas de Galicia incorpórase ao Álbum de Galicia

Hijas de Galicia foi unha institución pioneira na historia da emigración galega da primeira metade do século XX. Creada na Habana en 1917 cun fin asistencial, mantivo a súa actividade ata o ano 1960. Durante ese período, ofreceu atención sociosanitaria ás galegas emigradas e prestou especial atención ás situacións de vulnerabilidade que estas sufrían, sobre todo ás vinculadas coa trata e tráfico de mulleres. Ademais, desenvolveu un papel crucial nos inicios do feminismo galego e cubano. María Xosé Porteiro García é a autora da entrada que se incorpora hoxe ao Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).

Na Cuba de 1909 arredor de 2000 estranxeiras, moitas delas galegas, foron á cadea acusadas de delitos relacionados coa miseria e a explotación ás que se vían expostas polas redes de prostitución. “As sentenzas afectaban a mulleres de entre 25 e 40 anos, sen emprego, sen estudos e sen familia”, subliña María Xosé Porteiro na súa entrada, na que recolle tamén as palabras do historiador Julio César González Pagés para subliñar como o propio Centro Galego da Habana “ofrecía servizos sanitarios só aos homes”.

Co obxectivo de paliar esta situación, a colectividade galega en Cuba creou en 1912 a asociación Solidaridad Pontevedresa, en cuxo seo se xestou cinco anos despois a fundación de Hijas de Galicia. Sociedad Sanitaria y de Auxilio Mutuo. Entre as súas primeiras actuacións, destacan a inauguración dun hospital materno infantil en 1924 e a dun balneario no ano 1938.

A sociedade erixiuse como unha organización feminina que apoiaba as mulleres inmigrantes con problemas, as que provía dos servizos sanitarios que puidesen precisar. Ademais, como destaca María Xosé Porteiro en referencia ás palabras da socióloga Judith Astelarra, “nos momentos de coincidencia cos congresos do sufraxismo cubano, incorporaron as vindicacións sobre os seus dereitos na organización”. Así, malia que os altos postos de poder aínda eran ocupados por homes, “na organización tomábanse medidas que hoxe chamariamos de acción positiva, como que a metade debían ser mulleres ou que a segunda vicepresidencia lles fose asignada”, continúa.

Cómpre destacar que a primeira muller en ocupar a vicepresidencia segunda da institución Hijas de Galicia foi a mestra Andrea López Chao, quen xa desempeñara con anterioridade o posto de directora do colexio do Centro Galego da Habana. Ela foi quen suxeriu que esta escola, así como o hospital e o balneario de Hijas de Galicia, levase o nome de Concepción Arenal, proposta que revela a súa intención “de vincular o ideario da filósofa e penalista galega coa misión destas institucións”, segundo indica Porteiro.

Hijas de Galicia estivo tamén nos inicios dos feminismos en movemento da época. Ao ano seguinte da súa creación, constituíuse a que foi a organización feminista máis importante do momento: o Club Femenino de Cuba - Federación Nacional de Asociaciones Femeninas de Cuba (FNAF). Dende ese intre, “o dereito ao sufraxio, o divorcio e a patria potestade” comezaron a conformar a “axenda dun incipiente feminismo liberal”, subliña Porteiro. Ademais, Hijas de Galicia participou tamén na organización das tres primeiras edicións do Congreso Nacional de Mulleres (1923, 1925 e 1939), nas que se abordaron temas como o dereito á educación, a construción dunha casa da muller inmigrante, a creación de asilos para a atención da maternidade, a penalización do comercio da prostitución, a igualdade no matrimonio e o dereito ao voto.

No ano 1960, cando a institución contaba con preto de 60 000 asociadas, o Goberno cubano nacionalizou o Hospital Hijas de Galicia. Tamén interveu o balneario da institución e converteuno no Círculo Social José Luis Tassende.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 670 entradas, das cales as máis recentes son as de Inocencio Schmidt de las Heras, Eduardo Pondal, Juan Compañel e Ánxel Fole.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que dende 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.