NOTICIA

----

Incorpórase ao Álbum de Galicia a entrada de María Victoria de la Fuente

María Victoria de la Fuente (Vigo, 1927- Madrid, 2009) foi unha pintora de gran proxección artística no Madrid da segunda década do século XX. A súa historia entra agora no Álbum de Galicia, a colección de biografías dixitais do Consello da Cultura Galega (CCG), cunha entrada asinada por Xosé Ramón Fandiño.

Na entrada do Álbum de Galicia que hoxe se icnorpora, Xosé Ramón Fandiño destaca dous feitos biográficos que marcan a traxectoria vital e profesional de María Victoria de la Fuente. Primeiro, que a súa infancia transcorreu en Vigo, nunha casa conectada permanentemente coa natureza que construíu seu avó, pai do arquitecto Jenaro de la Fuente. A segunda, que Carlos Maside lle deu clase no instituto, veu as súas cualidades e animouna a seguir polo camiño da pintura.

Con respecto a súa evolución estilística, o profesor X. M. López Vázquez distingue tres etapas: “unha inicial de formación, que comprende desde o seu contacto coa pintura ata a súa primeira exposición individual no Ateneo madrileño. A segunda correspondente á etapa de madurez, na que leva o expresionismo ata as súas últimas consecuencias. E a terceira, a partir de 1973, que é a etapa de consolidación”. Son as que serven de fío condutor a Xosé Ramón Fandiño na súa entrada no Álbum de Galicia para achegarse á biografía desta pintora. Nela destaca a relevancia e proxección artística que tivo María Victoria, condecorada en numerosas ocasións: recibiu a Medalla Castelao, o premio da galería Abril de Madrid e o Premio Familia Española, participou en numerosas exposicións individuais e colectivas.

A súa obra pódese ver no Museo Español de Arte Contemporánea (Madrid), Museo Carlos Maside (Sada), Museo de Belas Artes de San Fernando, Museo de Puertollano, Museo de Pontevedra, Museo Municipal Quiñones de León de Vigo, Museo Nacional Centro de Arte Reina de Sofía, Casa de Galicia de Madrid, AFundación, Colección Xunta de Galicia, Real Academia de Belas Artes da Coruña e Museo de Pontevedra.
Ademais do texto, a entrada inclúe ligazóns, videos e documentos como o informe “Arte+ mullleres” elaborado pola Sección de Artes Plásticas e Visuais do Consello da Cultura Galega, nos que se pode afondar en trazos da súa figura.


Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 680 entradas, das cales as máis recentes son as de Gustavo Pernas Cora, Hijas de Galicia, Inocencio Schmidt de las Heras ou Afonso O Sabio, X de Castela e IX de León-Galicia.

As biografías están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. É, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que dende 2005 se publicaron álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.

Outras noticias que che poden interesar