NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega intensifica a súa acción exterior no último cuadrimestre do ano

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, inaugurou na tarde deste mércores en São Paulo unha nova itinerancia da exposición Afonso X e Galicia. Canda ela estaban presentes o comisario, Antoni Rossell, e diferentes responsables da Universidade de São Paulo: Paulo Martins, diretor da Facultade de Letras, Filosofía e Ciencias Humanas; Manuel Mourivaldo Santiago Almeida, xefe do Departamento de Letras Clásicas e Vernáculas; e Maria Inês Batista Campos, do Programa de Pós-Graduação em Filologia e Língua Portuguesa. A mostra é unha das accións que a institución mantén neste final de ano no marco do seu programa de Acción Exterior. Conferencias, ciclos de cinema, renovación do espazo web son algunhas das actuacións da institución, que vén de incorporar a Xavier Queipo como coordinador da Comisión de Relacións institucionais e Acción exterior.

A mostra Afonso X e Galicia é un dos piares nos que se asenta a acción exterior no último cuadrimestre deste 2023. Este mércores chegou a Brasil para visibilizar a figura do monarca e a súa relación con Galicia. A primeira das itinerancias ten lugar en São Paulo, na Biblioteca Florestan Fernandes FFLCH (USP) na Cidade Universitária onde diferentes autoridades inauguraron, con notable éxito de público, este percorrido expositivo pola conexión do monarca con Galicia. Trala inauguración da mostra tivo lugar o Concerto "Trovadores, repentistas e cantadores: Medievalidade e poética do improviso 2023", no Auditório 14 (Ciência Política - FFLCH), no que participaron o musicólogo e comisario da mostra Antoni Rossell (UAB), Luiz Fiaminghi e Valéria Bittar (Grupo Anima, UDESC).

Ao fío da itinerancia desta exposición en São Paulo están previstas varias intervencións que se incardinan no programa do congreso internacional "Afonso X: permanência e itinerância", que se estende ata o 10 de outubro. Ademais, presidenta foi a encargada da conferencia de apertura, que levaba por título “Afonso X: o rei, o sabio, o trobador”.

A mostra poderá visitarse até o 10 de outubro desde onde se trasladará a Rio de Janeiro (que abrirá ao público o 8 de novembro). En paralelo, outra das copias da mostra trasládase a Bratislava e posteriormente a Perugia para continuar na liña de acción europea deste legado.

Norteamérica
O programa de acción exterior, inclúe tamén unha a participación na Texas University no IV Simposio norteamericano de estudos galegos, que este ano leva por título “Camiño a Texas: unha morada galega na pradeira”. Como en simposios anteriores, mantense unha visión ampla dos estudos galegos nos que se abordará desde a lingua galega, cinema, globalización, identidade, medio ambiente, ou artes performativas, entre outros temas. No marco deste simposio, o Consello da Cultura Galega promove un ciclo de cinema no que se proxectarán tres filmes: Nación de Margarita Ledo, O que arde de Óliver Laxe e Matria de Álvaro Gago. Ademáis, haberá dúas conferencias plenarias. Unha a cargo de Cristina Pato e outra a cargo de Kathleen March.

AEMI
O programa de acción exterior inclúe a habitual cita no calendario como é a participación na 33 edición do encontro anual da Asociación Europea de Institucións Migratorias (AEMI). É unha entidade creada en Alemaña en 1991 para estudar os antecedentes migratorios, a migración intraeuropea e a inmigración, celebra nesta ocasión en Ljubljana un programa que deita a súa ollada sobre a diáspora migratoria desde unha perspectiva de xénero. AEMI está conformada por corenta entidades de toda Europa, entre as que está o Consello da Cultura Galega.

Difusión e coordinación
Ademais, no ámbito de reforzar a transparencia e comunicar mellor as actividade da institución en relación coa acción exterior, o espazo web corporativo vén de abrir ao público unha sección na que se inclúen todas as actividades, publicacións e informacións relativas á internacionalización e acción exterior.

Na sesión plenaria do 28 de xullo, aprobouse a incorporación de Xavier Queipo (Santiago, 1957), nome artístico e público de Francisco Javier Vázquez Álvarez, ao plenario da institución na quenda de personalidades electivas, no lugar deixado por Xulio Ríos. Aínda que xa estivo vencellado á institución como membro da Comisión de Acción Exterior desde o ano 2009 e ata a súa disolución, chega agora cun novo proxecto renovado, que comezará a executarse nos vindeiros meses.