NOTICIA

----

Ramiro Cartelle profunda na figura de Mauricio Farto na nova entrega de Caligrafías musicais

O proxecto Caligrafías musicais, iniciativa do Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) do Consello da Cultura Galega (CCG), recupera cada dous meses conferencias destacadas de prestixiosos estudosos do eido musical galego. Hoxe publícase a cuarta entrega, que consiste nunha conferencia do intelectual coruñés Ramiro Cartelle sobre o compositor, director e recompilador do folclore galego Maurico Farto Parra (1867-1947).

O 13 de marzo de 1979 Ramiro Cartelle Álvarez (1935-2000), destacado intelectual coruñés especializado no eido musical galego, ofrece no Pazo Municipal da Coruña unha conferencia na que fai un percorrido exhaustivo pola obra e a actividade do compositor, director e recompilador do folclore galego Maurico Farto Parra (1867-1947). Valisoletano de nacemento, dende moi novo vive na Coruña e inmediatamente se incorpora á vida musical galega. Como director musical participa en distintas agrupacións; entre outras, Rondalla Blanco y Negro, Cántigas da Terra, Queixumes dos Pinos...

Cartelle pormenoriza o traballo de Farto como compositor dunha prolífica obra que enraíza nos sinais identitarios galegos grazas aos seus traballos recompilatorios da nosa música tradicional. En 1946, Mauricio Farto é elixido académico correspondente da Real Academia Galega. Nese mesmo ano tamén ingresa na Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario pero a súa morte impídelle ler o discurso de ingreso: «Origen y procedencia de la canción».

O Consello da Cultura Galega conta cunha copia do fondo completo Ramiro Cartelle, composta por 236 casetes, logo de que en 2013 asinase un convenio coa Biblioteca Municipal de Estudos Locais da Coruña para a dixitalización e custodia dunha copia dos seus fondos.

Sobre o proxecto
O título do proxecto expresa a súa dobre intención. Por unha banda, ‘caligrafías’ significa tanto “a arte de escribir con boa letra” como “o conxunto de trazos que caracterizan a escritura dunha persoa ou escrito”. Pola outra temos a música, obxectivo último desta iniciativa do Arquivo Sonoro de Galicia, que busca rescatar a erudición de prestixiosos estudosos do eido musical galego (Xosé Filgueira Valverde, Xosé López Calo…) e revalorizar, entre outros, a compositores, estilos musicais ou instrumentos que forman parte da cultura musical de Galicia (Gaos, a zanfona etc.).

O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) abriu con este proxecto unha nova liña de divulgación dos seus fondos inéditos. Ten periodicidade bimensual e arrincou en febreiro de 2023 cunha conferencia de Filgueira Valverde verbo da faceta musical de Rosalía de Castro.

O Arquivo Sonoro de Galicia
O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) é un centro do Consello da Cultura Galega que ten como labor esencial a recuperación do patrimonio oral e musical galego. A recompilación de gravacións sonoras procedentes arquivos particulares, de institucións, de colectivos ou de compañías discográficas; a preservación do fondo sonoro en condicións óptimas, a súa catalogación e dixitalización, e a difusión a través de proxectos como Caligrafías musicais ou Voces centenarias constitúen os eixes centrais da actividade do ASG. Coordinado por Alejo Amoedo Portela, ten como membros a Julio Alonso Monteagudo, Beatriz Cancela Montes, Xaime Estévez Vila, Concha Losada, Francisco Nieto e Cristina Pujales Prats.