O I Premio de oratoria en formato podcast Ramón Otero Pedrayo, convocado pola Asociación de Amigos Otero Pedrayo, xa ten gañadores. Trátase de Raquel González Calvo, primeiro premio polo podcast ‘O mundo en feminino de Otero Pedrayo’; Miguel Blanco, segundo por ‘As sete vacas da Tebra’ e Naihara Darriba, terceiro por ‘Aturuxo’.
O obxectivo deste certame, dirixido a alumnado galego de entre 15 e 25 anos, é incentivar o cultivo da expresión oral e da oratoria entre a mocidade ao tempo que se homenaxea a Otero Pedrayo, mestre nesta disciplina.
Fóra de concurso, o xurado fixo unha valoración moi positiva de ‘Aprendendo sobre Otero Pedrayo’, podcast colectivo elaborado polo alumnado do IES Milladoiro.