Recoñecemento europeo para Ponte... nas ondas!


A Asemblea Xeral do EBLUL (Axencia Europea para as Linguas Menos Estendidas) aproba por unanimidade unha resolución na que se recoñece e felicita o labor da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte... nas Ondas!
(Máis información)

Ponte... nas ondas! é unha experiencia educativa de cooperación transfronteiriza que desde 1995 pon en contacto a través da radio ao alumnado de primaria e secundaria de diferentes escolas situadas nas dúas marxes do río Miño.


A partir da presentación desta iniciativa no Foro do Partenariado para a Diversidade, celebrado o pasado mes de febreiro en Flensburg, o EBLUL decidiu apoiar a experiencia e animar a outras institucións gobernamentais e non gobernamentais para que a patrocinen.


A Asemblea Xeral do EBLUL considera Ponte... nas ondas!, e así o recolle na súa resolución, como “unha experiencia que contribúe á promoción dunha lingua minorizada, favorece a cooperación transfronteiriza e os valores de respecto entre nenos de territorios veciños e é un exemplo de boas prácticas en materia de cooperación e promoción da diversidade lingüística”.