Aberto o prazo de inscrición dos IV Premios Mil Primaveras


A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) convoca a cuarta edición dos Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego, co obxectivo de recoñecer e difundir exemplos de boas prácticas no ámbito da normalización lingüística. Poderán presentarse accións, campañas, programas e proxectos destinados ao incremento do prestixio do galego e á promoción do seu uso, desenvolvidas total ou parcialmente en 2019, 2020, 2021 ou 2022. Como novidade con respecto ás edicións anteriores, o xurado outorgará un máximo de catro premios, sen establecer ningún tipo de categoría nin xerarquía entre eles. O prazo para a inscrición dos proxectos, que debe ser realizada pola propia entidade ou persoa organizadora da iniciativa, remata o 31 de xaneiro de 2023. Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.