Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia


Co gallo da vindeira celebración do Día de Defuntos, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNLG) promove, un ano máis, o Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia, co obxectivo de fomentar o uso do galego no ámbito dos ritos funerarios e das últimas vontades, e facer pedagoxía sobre a incoherencia de enterrar os falecidos con lápidas escritas nun idioma diferente ao que falaban en vida. Con esta finalidade, a AFNLG, a través da Federación Galega de Municipios e Provincias, convida a todas as entidades locais a adherirse á iniciativa coa celebración dun acto no que se coloque nun sitio ben visible dos camposantos unha placa ou monumento co seguinte texto: “Na memoria de todas as persoas que xacen aquí, porque grazas a elas Galicia segue a ter cultura e lingua de seu”.
No marco deste iniciativa, que se celebra anualmente, a AFNLG publicou tamén varios volumes de mandas testamentarias (En galego, agora e sempre 2008; En galego, agora e sempre 2010) nos que diferentes persoas, coñecidas e anónimas, deixan por escrito os seus afectos polo idioma galego e o seu desexo de que se respecten os seus dereitos lingüísticos despois da súa morte.