O Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu a presentación pública do programa de actividades que diferentes institucións e entidades galegas, entre as que se atopa o propio CCG, desenvolverán ao longo de 2023 para conmemorar o centenario do Seminario de Estudos Galegos (SEG). Trátase dunha amplo abano de iniciativas entre as que se inclúen exposicións, publicacións (facsímiles, estudos e obras de divulgación), conferencias, espectáculos e un congreso sobre o SEG. A páxina web do centenario, elaborada polo Consello da Cultura Galega, ofrece información detallada sobre os eventos conmemorativos, e tamén recursos documentais sobre a historia e a traxectoria do SEG e dos seus membros.
Con este mesmo obxectivo de divulgar o importante labor científico, cultural e lingüístico desenvolvido no seo do Seminario entre 1923 e 1936, o Álbum de Galicia incorporou esta mesma semana sete novas entradas, coas que se chega xa a un total de 65 biografías de homes e mulleres vencellados ao SEG (número que se irá incrementando no futuro).
Podes ampliar información premendo aquí.