Novas da lingua. OUTRAS

Rexistros361 a 390 de 431
23/10/2012. OUTRAS

Parellaes, programa de intercambio lingüístico galego-catalán

O Departamento de Filoloxía Galega e mais a Área de Catalán da Universidade de Santiago de Compostela organizan Parellaes, un programa académico de intercambio lingüístico galego-catalán/catalán-galego.
09/10/2012. OUTRAS

O galego anota unha tripla

Chega ás canchas do país Zonapress, a primeira publicación sobre baloncesto en lingua galega. A publicación, de carácter mensual, está dirixida polo xornalista Óscar Losada e céntrase no baloncesto galego, incluíndo análises, entrevistas e reportaxes onde se mestura cultura e deporte.

Zonapress edítase en formato papel e pode adquirirse nos pavillóns dos principais equipos masculinos de elite (Obradoiro, COB Ourense, Breogán e Básquet Coruña).

Pode obter máis información no xornal Praza Pública.


02/10/2012. OUTRAS

O alumnado de Leipzig explícanos as súas razóns para estudar galego

O Centro de Estudos Galegos da Universidade de Leipzig (Alemaña) presenta un vídeo onde o alumnado do pasado curso 2011-2012 explica as súas razóns para estudar a nosa lingua, reflexiona sobre o seu achegamento á cultura galega e valora a súa experiencia como estudantes de galego en Alemaña.
01/10/2012. OUTRAS

O bUSCatermos será de libre acceso en Internet a partir de hoxe

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago presenta unha nova versión do seu bUSCtermos, unha base de datos que ofrece un corpus terminolóxico multilingüe de máis de 150 000 rexistros, froito de máis dunha década de traballo na Área de Terminoloxía deste SNL. A ferramenta, que xa estaba accesible desde 2005 para a comunidade universitaria da USC, será agora de libre acceso para toda a cidadanía grazas ao apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
25/09/2012. OUTRAS

YouTube presenta un tradutor de subtítulos de vídeo para máis de 300 idiomas

A canle de vídeos YouTube, coñecedora da diversidade lingüística dos seus usuarios/as, ofrécelles aos creadores/as de vídeo unha nova ferramenta que permite traducir os subtítulos a máis de 300 idiomas, entre eles o galego.
O xestor de vídeos ofrécelles aos autores/as a posibilidade de traducir eles mesmos os subtítulos, a través da ferramenta Google Translator Toolkit, ou solicitar a axuda doutros usuarios/as que queiran colaborar nesta tarefa.

Se desexa máis información, prema aquí.
20/09/2012. OUTRAS

Twitter terá versión en galego

Logo dunha intensa campaña na rede reclamando a versión en galego para o Twitter, o Centro de Traducións de Twitter solicita a colaboración dos internautas para comezar os traballos de tradución, polo que en breve a coñecida rede social estará tamén no noso idioma.
20/09/2012. OUTRAS

A USC presenta novos recursos terminolóxicos e didácticos

A Comisión de Normalización Lingüística (CNL) da Facultade de Dereito e o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC presentan cinco novas unidades didácticas en galego, que completan a colección que edita periodicamente esta universidade froito do traballo do seu Obradoiro de elaboración de unidades didácticas.

No seo desta mesma CNL elaborouse a obra Termos esenciais de dereito internacional, que se suma tamén a outros títulos do repertorio terminográfico da USC como, por exemplo, o Vocabulario forestal (galego-español-inglés), presentado polo SNL a pasada semana.
11/09/2012. OUTRAS

Preséntase o imaxin Galgo 2.0

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta o imaxin Galgo 2.0, unha versión actualizada do coñecido corrector Galgo (cuxa primeira versión foi presentada en 1999), elaborado pola empresa compostelá imaxin/software.
18/07/2012. OUTRAS

Manual de estilo para as publicacións institucionais da Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia presenta o Manual de estilo para o Diario Oficial de Galicia e outras publicacións institucionais, co obxectivo de unificar formas lingüísticas, aspectos formais de edición e criterios de redacción, contribuíndo así a facer das publicacións institucionais un produto de calidade.

A partir de agora, estas serán as normas de referencia para as publicacións institucionais en formato papel ou electrónico, os contidos das páxinas web dos distintos departamentos da Xunta de Galicia, os gabinetes de comunicación do goberno galego e os manuais formativos.

Se desexa ampliar esta información, prema aquí.
18/07/2012. OUTRAS

A CTNL presenta unha proposta para a mellora do sistema Celga

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) acaba de facer público o documento “Proposta para a mellora da planificación e xestión dos Celga”, onde se recollen diferentes reflexións sobre o actual sistema de certificación da lingua galega e se achegan propostas para a súa mellora.
29/06/2012. OUTRAS

ProLingua rende homenaxe a Agustín Fernández Paz


Mañá, 30 de xuño, ás 12.30 h, terá lugar no Auditorio do Centro Social Novacaixagalicia de Vigo a “Homenaxe Nacional a Agustín Fernández Paz, un acto que promove a plataforma cidadá ProLingua e que será conducido pola escritora Rosa Aneiros.
Con este acto, os promotores da iniciativa queren facer un recoñecemento público tanto á traxectoria profesional deste pedagogo e prolífico escritor, como á súa traxectoria vital, símbolo de compromiso co idioma galego.
21/05/2012. OUTRAS

Kubus, para falar de fútbol en galego

Preséntase na rede o proxecto Kubus, unha revista sobre o fútbol e a súa historia en lingua galega. Seguindo o exemplo de So Foot en Francia, Un Caño en Arxentina ou 11 Freunde en Alemaña, o obxectivo é levar ao prelo cada mes arredor de cen páxinas con contido futbolístico no noso idioma.
16/05/2012. OUTRAS

Autores e autoras galegas opinan sobre o estado actual do idioma galego

Baixo a dirección de Xosé Bocixa, diferentes persoeiros do ámbito cultural galego reflexionan sobre o estado actual da normalización lingüística e sobre a política lingüística do actual goberno.

O resultado é o vídeo “A lingua galega. Reflexións na etapa “Feijo”, que recolle as opinións de Lois Dieguez, Xurxo Souto, F. Xosé Fernández Naval, Antía Otero, X. R. Freixeiro Mato, Dores Tembrás, Estibaliz Espinosa, Pilar Pallarés ou Ánxeles Penas sobre diferentes aspectos relacionados co estado actual do idioma.
26/04/2012. OUTRAS

Nace Sermos Galiza, novo xornal en galego

Hoxe, 26 de abril de 2012, bota a andar en internet Sermos Galiza, un novo proxecto xornalístico en lingua galega que, segundo informan os seus promotores, ten a “vocación de se transformar en referente informativo dos intereses da nación galega”.

Ademais do xornal dixital, o proxecto inclúe un semanario en papel, cuxo primeiro número sairá á rúa o vindeiro 17 de maio. Este grupo de comunicación está impulsado pola iniciativa social Sermos Galiza.
13/04/2012. OUTRAS

Xa se pode integrar o dicionario da RAG no navegador Firefox

O Proxecto Trasno presenta un novo complemento que permite integrar o dicionario da Real Academia Galega na listaxe de buscadores do navegador Firefox.

Despois dun sinxelo proceso de instalación, os/as usuarios/as de firefox poderán facer calquera busca no dicionario da RAG directamente desde a caixa superior dereita do navegador, onde se atopa a listaxe de buscadores.

Para obter máis información, prema aquí.

27/03/2012. OUTRAS

Exposición itinerante sobre a vida e obra de Celso Emilio Ferreiro

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza unha exposición multimedia sobre a vida e obra do escritor Celso Emilio Ferreiro, co gallo da celebración este 2012 do centenario do seu nacemento.

A mostra inaugurouse onte, 26 de marzo, na biblioteca pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela e nos vindeiros meses percorrerá diferentes bibliotecas nodais galegas e centros escolares.

Se desexa máis información, prema aquí.
13/03/2012. OUTRAS

Terras de Santiago presenta a súa nova cabeceira

O semanario compostelán Terras de Santiago galeguiza a súa cabeceira e comprométese a incrementar o uso do galego nos seus contidos, medidas que se desenvolverán no marco dun convenio de colaboración asinado entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editorial Compostela.

Terras de Santiago (antes Tierras de Santiago) naceu en setembro de 2006, da man da Editorial Compostela, e conta cunha tiraxe semanal de 30 000 exemplares, que se distribúen de balde en 25 municipios da área de Compostela.

Se desexa máis información, prema aquí.
28/02/2012. OUTRAS

Dioivo, un novo proxecto de xornalismo dixital en galego

Mañá, 29 de febreiro de 2012, bota a andar Dioivo, unha revista dixital en lingua galega que nace coa finalidade de “contar e contrariar”.

A iniciativa está impulsada pola Asociación Cultural Dioivo, que servirá de sustento económico do proxecto.

A modo de presentación, distribuirase tamén un primeiro número en papel, de tiraxe limitada, con ilustracións de Gonzalo Vilas, Suso Sanmartín e Roi Fernández. Ademais, están previstas diferentes presentacións públicas, unha delas o 9 de marzo no marco dos XIV Encontros para a Normalización Lingüística.
24/02/2012. OUTRAS

Hoxe, 24 de febreiro, celébrase o Día de Rosalía

Diferentes concellos, centros de ensino e institucións culturais do país celebraran hoxe, por iniciativa da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), o Día de Rosalía, escritora determinante na historia do noso idioma que restaurou, coa súa obra Cantares gallegos (1863), o uso escrito do galego despois de séculos de ocultación.

Ao abeiro desta iniciativa, moitos centros de ensino están a organizar actividades didácticas relacionadas coa escritora e diferentes concellos declararon oficialmente o 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro, incluíndo esta celebración nas súas programacións culturais.

A AELG anima á cidadanía en xeral a agasallar un libro en galego e un flor para festexar o 175 aniversario do nacemento da autora.

No web da AELG pode consultar as actividades e actos programados.

21/02/2012. OUTRAS

21 de febreiro, Día Internacional da Lingua Materna

En novembro de 1999 a UNESCO declarou o 21 de febreiro

Día Internacional da Lingua Materna. Dende entón, cada ano conmemórase neste día a riqueza que supón a diversidade lingüística do planeta, con programas e actividades destinados a preservar esta diversidade e a promover o plurilingüismo.

Como é costume, a directora xeral da UNESCO, Irina Bokava, fixo pública a mensaxe institucional de 2012 con motivo desta celebración.
20/02/2012. OUTRAS

Preséntase a programación do Ano Celso Emilio Ferreiro

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Fundación Celso Emilio Ferreiro, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, a Fundación Casa dos Poetas e o Centro PEN de Galicia presentaron publicamente, o pasado 17 de febreiro na Cidade da Cultura, a programación do Ano Celso Emilio Ferreiro.

Co gallo da conmemoración do centenario do nacemento do escritor e do 50 aniversario da publicación do seu poemario Longa noite de pedra, as principais institucións culturais do país desenvolverán un amplo abano de actividades, como exposicións multimedia, espectáculos musicais, ciclos literarios, recitais bilingües no exterior, etc.

No mesmo acto presentouse a páxina web oficial do poeta, con información sobre a súa biografía e produción literaria.

Se desexa máis información, prema aquí.
14/02/2012. OUTRAS

GalApps, toda a lingua galega no teu peto

O idioma galego dispón xa da súa propia “suite” de aplicacións da lingua para móbiles, dispoñibles tanto para plataformas con sistema operativo Android como IOS (iPfone e iPad).

GalApps compila tres aplicacións lingüísticas: un dicionario, un conxugador verbal e un tradutor. As aplicacións, elaboradas por Sabela Barreiro, Xurxo Méndez e Juan Porta, poden descargarse de balde nas tendas virtuais de Apple e Adroid.
01/02/2012. OUTRAS

MeteoSix Mobile, a información meteorolóxica en galego

MeteoGalicia presenta MeteoSix Mobile, unha aplicación para móbiles con sistema operativo Android que permite consultar en galego a predición meteorolóxica e oceanográfica para calquera punto de Galicia e arredores.

A aplicación pode descargarse de balde desde a tenda virtual de Android. Os usuarios máis avanzados que desexen desenvolver as súas propias aplicacións meteorolóxicas, tamén teñen accesible en liña a API do MeteoSix.
17/01/2011. OUTRAS

Probas para obtención dos certificados de lingua galega

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca as probas para a obtención dos Celga 1, 2, 3 e 4 que se desenvolverán neste ano 2012. Poderán presentarse a estas probas todas as persoas maiores de 16 anos ou que os cumpran antes de finais do ano 2012, nacionais ou estranxeiras.

O prazo para a presentación de solicitudes remata o 3 de abril de 2012.

Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
13/01/2012. OUTRAS

Valentín García Gómez é o novo secretario xeral de Política Lingüística

O Goberno galego aprobou no Consello do goberno da Xunta de Galicia de onte o decreto polo que se nomea secretario xeral de Política Lingüística a Valentín García Gómez.


Valentín García Gómez era ata a actualidade o técnico do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Estrada e foi presidente da CTNL, asociación que agrupa aos profesionais deste sector.


Desde 2001 colabora co Consello da Cultura Galega como membro da Comisión Técnica do CDSG, a través da cal participou en varios estudos e proxectos relacionados coa planificación lingüística do galego.
22/12/2011. OUTRAS

Novo recurso audiovisual para difundir a fraseoloxía do galego

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago está a difundir na rede Fraseoloxía visual, un novo recurso audiovisual de carácter didáctico pensado para espallar a fraseoloxía do galego.

O recurso, autoría de Manuel Bermúdez Blanco e Alba Cid Fernández, ofrécese libremente para as persoas e institucións que traballan a prol do multilingüismo e da multiculturalidade.
20/12/2011. OUTRAS

Dispoñible en galego o Firefox 9.0

Hoxe, 20 de decembro de 2011, preséntase publicamente a versión 9.0 do Firefox, o navegador de código aberto que desenvolve a Corporación Mozilla.

O galego é unha das 70 linguas nas que está accesible esta nova versión do navegador, dispoñible para os sistemas operativos Linux, Windows e Mac OS X.

Se desexa máis información, prema aquí.

24/11/2011. OUTRAS

Nace AnfiteatroGZradio

AnfiteatroGZradio é un proxecto de radio en liña que ten como obxectivo ofrecer 24 horas de radio cunha programación variada en idioma galego.

A programación da emisora incluirá contidos relacionados co ámbito cultural (musicais, literarios, etc.), tratando sempre de promover os/as autores/as e creadores/as galegos/as.

Os promotores do proxecto piden a colaboración dos/as oíntes nesta primeira fase para poder acadar unha media diaria de 130 horas de audiencia (entre todos/as os/as oíntes), que é o mínimo esixido para poder manter o dominio.
20/10/2011. OUTRAS

A Fundación Galicia Empresa, historia dun compromiso singular

A Fundación Galicia Empresa presenta a obra Historia dun compromiso singular, que recolle os dezaoito anos de actividade desta entidade que ten entre os seus obxectivos fundacionais a normalización do uso do galego no ámbito empresarial.

Na Fundación Galicia Empresa están representadas 55 empresas de diferentes sectores do tecido industrial galego (telecomunicacións, industria naval, construción…) que traballan desde 1993 para promover a investigación das características peculiares da empresa galega e mais o uso do idioma galego como marca de compromiso e símbolo de identidade.

26/09/2011. OUTRAS

26 de setembro: Día Europeo das Linguas

Este ano 2011 celébrase o décimo aniversario da instauración do 26 de setembro como Día Europeo das Linguas. O Consello de Europa acordou institucionalizar esta celebración anual co obxectivo de promover a diversidade lingüística de Europa e fomentar o plurilingüismo entre os seus cidadáns.

Co gallo desta conmemoración, a Secretaría Xeral de Política Lingüística achega no seu web unha selección de materiais deseñados co ánimo de que a cidadanía poida festexar esta data achegándose, desde o galego, á diversidade lingüística europea.