Novas da lingua. OUTRAS

Rexistros61 a 90 de 431
17/03/2023. OUTRAS

Novos datos sobre usos lingüísticos docentes na USC

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela presenta os datos sobre os usos lingüísticos docentes no curso 2022-2023, con información detallada segundo o tipo de titulación (grao ou mestrado), o departamento no que se imparte a docencia ou a categoría do profesorado. En termos xerais, os datos son practicamente coincidentes cos presentados o pasado curso 2021-2022. Actualmente impártese en castelán o 71,6% das horas docentes, en galego o 24,4% e noutros idiomas estranxeiros o 4%.
Na páxina web do SNL da USC podes consultar os datos de anos anteriores, así como os gráficos da evolución dos usos lingüísticos desde o ano 2015.
06/03/2023. OUTRAS

Convocatoria de probas para a obtención dos certificados Celga

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia convoca probas para a obtención dos certificados de lingua galega, dos niveis Celga 1, 2, 3 e 4. Poderán presentarse todas as persoas maiores de dezaseis anos ou que os fagan no ano natural da convocatoria, nacionais ou estranxeiras. As probas realizaranse en Santiago de Compostela e en Ponferrada en maio/xuño de 2023, sempre que ningunha circunstancia excepcional o impida. As datas concretas publicaranse no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O prazo de presentación de solicitudes é de quince días hábiles, contados a partir do seguinte ao da presentación da convocatoria.

22/02/2023. OUTRAS

Manuel Rodríguez Alonso, un novo homenaxeado no Álbum de Galicia

O Álbum de Galicia incorpora a Manuel Rodríguez Alonso (A Groba, Ribadavia, 1952 - Pozuelo de Alarcón, Madrid, 2015) á súa nómina de persoeiros relacionados co estudo da lingua e a literatura galegas.

Manuel desenvolveu unha importante tarefa como lexicógrafo e crítico literario. Foi tamén autor de obras tan recoñecidas como O españolismo lingüístico e promotor da Revista de Lengua y Literatura Catalana, Gallega y Vasca. Como profesor asociado da UNED, dirixiu a primeira tese de doutoramento en galego desta universidade.
22/02/2023. OUTRAS

A biografía de Juan Antonio Saco Arce entra no Álbum de Galicia

Xa está accesible no Álbum de Galicia a biografía de Juan Antonio Saco Arce (Toén, 1835 – Ourense, 1881): presbítero, catedrático de instituto de Latín e Grego, filólogo, poeta e folclorista. Como autor debémoslle a Gramática gallega (1868), o libro Poesías (1878) e a colectánea e estudo Literatura popular de Galicia (1881).
O texto biográfico, autoría de Xosé A. Fernández Salgado, presentámolo acompañado doutros recursos documentais (galería fotográfica, documentos de interese, recursos en liña...), que permiten achegarse desde diferentes ópticas ao traballo deste gramático que, en palabras do propio Xosé A. Fernández Salgado, concibiu "a lingua como alma da nación".
10/02/2023. OUTRAS

A biografía de Antonio Noriega Varela incorpórase ao Álbum de Galicia

En palabras do redactor da entrada e grande especialista en Noriega Varela, Xosé Ramón Freixeiro Mato: este autor "ocupa un lugar sobranceiro na poesía galega, sen esquecermos a súa vea satírico-política, máis descoñecida, e a faceta de colector do saber popular".

Podes consultar todas as biografías relacionadas coa lingua galega aquí.
09/02/2023. OUTRAS

Xa podes gozar de Toupiciencia como libro interactivo

A Xanela do Maxín edita, en formato dixital e interactivo, o libro Toupiciencia. Este recurso, pensado para de divulgación científica entre rapaces e rapazas de 7 a 11 anos, contén vídeos, audios e experimentos axustados á súa idade.

Se che interesa coñecer máis materiais asociados a Toupiciencia, contas tamén con oito vídeos divulgativos nos que colaboraron algúns dos científicos e científicas máis relevantes de Galicia.
02/02/2023. OUTRAS

O Boletín de Sumarios 2022 do CDSG accesible na web

O Boletín de Sumarios 2022 do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) é un produto documental do centro, que recolle os sumarios das publicacións periódicas recibidas na súa hemeroteca ao longo de 2022. Estas revistas pódense consultar en sala ou levar en préstamo naqueles casos en que dispoñamos de máis dun exemplar. No caso das dixitais, desde este boletín pode accederse directamente aos números completos.

Coas novas incorporacións, poñemos ao dispor do público 527 títulos de publicacións sobre sociolingüística, revistas escolares e de mostra de espazos en que o galego vai abrindo portas. Podes consultar o Catálogo completo de seriadas premendo aquí.
18/01/2023. OUTRAS

Incorporamos ao Álbum de Galicia a biografía de Salvador Pérez Froiz

Desde hoxe xa podes consultar no Álbum de Galicia a biografía de Salvador Pérez Froiz (Gondomar, 1956 - Oroso, 2011), asinada polo tamén lingüista e compañeiro seu de traballo na TVG, Antón Dobao. Salvador Pérez Froiz foi un “filólogo do inmediato” cuxo labor foi fundamental na corrección dos usos lingüísticos na televisión pública galega e, sobre todo, na estandarización e difusión do léxico especializado vinculado cos deportes. Tamén foi o primeiro e único xefe do Servizo de Normalización Lingüística da CRTVG, un proxecto que nace e 2007 e finalmente, como ben nos relata Dobao, queda a medias.
O texto biográfico presentámolo acompañado doutros recursos documentais (galería fotográfica, documentos de interese, recursos en liña...), que permiten achegarse desde diferentes ópticas ao traballo e á vida de Salvador.
16/01/2023. OUTRAS

Convócanse as probas de avaliación en competencias clave

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade convoca probas de avaliación en competencias clave, que dan acceso ás accións formativas dos certificados de profesionalidade dos niveis 2 e 3 de cualificación profesional. Entre as competencias clave requiridas para acceder a estes certificados está a “comunicación en lingua galega”. O prazo de presentación de solicitudes para participar nas probas é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no DOG.
10/01/2023. OUTRAS

Proxector celebra o seu aniversario publicando un especial sobre quecemento global

Cando se cumpre un ano da nova etapa de Proxector, resultado da colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela e o Consello da Cultura Galega, publícase o seu especial número 12: Quecemento global. Ameazas e oportunidades.

A día de hoxe, esta páxina ofrece xa 1016 audiovisuais para a docencia, clasificados en 32 áreas de coñecemento, e un espazo para os especiais que se van elaborando cada mes en función de efemérides e acontecementos de interese.

27/12/2022. OUTRAS

A Palabra do Ano 2022 é comadre

O Portal das Palabras, proxecto promovido pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié, acaba de facer público o termo elixido como Palabra do Ano 2022, que nesta ocasión resultou ser comadre. Como ben explica a RAG, "na fala popular esta voz refírese tamén á veciña ou á amiga na que se ten especial confianza" e " bebendo deste herdo tradicional, hoxe reivindícase dende o feminismo consciente como un xeito de se referir a aquelas que practican a sororidade, a solidariedade entre mulleres". O termo que quedou en segunda posición foi candorca, en clara alusión á frecuente presenza de cetáceos nas nosas costas.

Podes ampliar esta información premendo aquí.
14/12/2022. OUTRAS

Proxector publica un especial sobre a riqueza dos montes de Galicia e supera os 1000 vídeos divulgativos en galego

Co título "Montes e montañas: un tesouro patrimonial e económico de Galicia", Proxector ofrece, no seu especial de decembro, unha selección de audiovisuais en galego para a docencia que nos falan de toponimia, paisaxe, lendas, silvicultura ou desenvolvemento rural.

Así mesmo, ás portas de celebrar un ano desta nova etapa desenvolvida polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e o Centro de Documentación Sociolingüística do Consello da Cultura Galega, acaba de superar o número de 1000 vídeos seleccionados, etiquetados e organizados en 32 categorías temáticas.
02/12/2022. OUTRAS

A UNESCO recoñece a Ponte... nas ondas! como modelo internacional de boas prácticas

O 17 Comité Intergobernamental da UNESCO que este ano se celebra en Rabat aprobou onte, 1 de decembro de 2022, a proposta conxunta dos gobernos de España e Portugal de inscribir a iniciativa Ponte... nas ondas! no Rexistro de Boas Prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO.
Ponte... nas ondas! é unha asociación cultural e pedagóxica creada en 1995, que traballa con centros educativos de Galicia e do Norte de Portugal para recuperar e difundir o noso patrimonio cultural inmaterial común.

Podes ampliar información premendo aquí.


24/11/2022. OUTRAS

Entra no Álbum de Galicia Xosé Neira Vilas

Xa podes consultar no Álbum de Galicia a biobibliografía de Xosé Neira Vilas (Gres, Vila de Cruces,1928 - Gres, Vila de Cruces,2015). En palabras do seu redactor, Valentín García Gómez, estamos ante un escritor e intelectual que se dedicou «sen descanso á creación literaria e ao activismo cultural, as dúas angueiras que lle serviran de motor vital desde os anos de mocidade na capital porteña.» Ese labor deu de si numerosos títulos, entre os que sempre haberá que destacar Memorias dun neno labrego, obra universal que a día de hoxe segue estando entre as máis lidas.
22/11/2022. OUTRAS

O Plan pedagóxico para a galeguización das escolas de Vicente Risco, en edición facsimilar

A Fundación Vicente Risco edita, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, unha edición facsimilar do Plan pedagóxico para a galeguización das escolas, proxecto encargado polas Irmandades da Fala a Vicente Risco para fornecérense de métodos de actualización docente que incorporasen o uso do galego no ensino.

O volume recolle tanto a versión publicada en Nós coma n'A Nosa Terra e unha adaptación a cargo de Isabel Mociño máis un estudo introdutorio a cargo do especialista Xosé Fernández.
18/11/2022. OUTRAS

Hackatón de incorporación de contidos ao Galizionario

Ao longo da xornada de hoxe, 18 de novembro de 2022, estase a desenvolver na Facultade de Ciencias do Deporte da Uvigo, en Pontevedra, a inciativa “EMLex Wiktionary Hackfest. Á volta coas palabras”, un evento académico (aínda que aberto a toda a cidadanía) de traballo lexicográfico colaborativo, organizado por EMLex USC e EMLex UMinho, coa colaboración da UVigo. Despois dunha sesión formativa na que os asistentes terán oportunidade de descubrir as características esenciais dun wikcionario, comezará o hackatón de incorporación de contidos ao Galizionario.

No Diario da Universidade de Vigo podes ampliar información.
11/11/2022. OUTRAS

Apoio unánime do Parlamento de Galicia a Ponte... nas Ondas!

O Parlamento de Galicia aprobou, co apoio unánime dos tres grupos políticos con representación parlamentaria, unha declaración institucional na que “agradece e recoñece o labor de Ponte...nas ondas! a prol da salvagarda do noso patrimonio inmaterial e apoia a inscrición do modelo Ponte...nas ondas! no rexistro das boas prácticas co PCI da UNESCO”.
Esta declaración súmase aos diferentes apoios que esta asociación pedagóxica e cultural está a recibir nos días previos á celebración do 17 Comité Intergobernamental para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial, no que se decidirá se se inscribe o proxecto Ponte... nas ondas! no Rexistro de Boas Prácticas de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) da Unesco, tras a presentación oficial conxunta en 2021 da súa candidatura por parte dos gobernos de España e Portugal.

10/11/2022. OUTRAS

Gonzalo Navaza ingresa na RAG cun discurso sobre a toponimia de Lalín

O pasado sábado, 5 de novembro de 2022, o filólogo Gonzalo Navaza ingresou como membro de número na Real Academia Galega e fíxoo cun discurso sobre os topónimos de Lalín que teñen a súa orixe nun antropónimo. Este discurso está accesible en Internet na publicación Nomes de persoa na toponimia de Lalín, que tamén inclúe a resposta do académico Antón Santamarina. Na páxina web da RAG podes ampliar esta información.
03/11/2022. OUTRAS

Omeupc.gal, novo espazo web con información tecnolóxica en galego

Se non es un experto en informática pero es desas persoas ás que lles gusta estar sempre ao día das novidades tecnolóxicas, en omeupc.gal poderás consultar todo tipo de información sobre os programas e aplicacións que acostumamos instalar nos nosos equipos informáticos e, ademais, poderás facelo en galego. Os contidos deste novo espazo web, distribuídos baixo licenza Creative Commons, teñen carácter divulgativo e están dirixidos ao público xeral.
25/10/2022. OUTRAS

Datas de realización das probas de acreditación do Celga

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publicou o pasado de mes de setembro de 2022 a convocatoria de probas para a obtención dos certificados de lingua galega (niveis Celga 2, 3 e 4), e no DOG do 25 de outubro publica as datas concretas de realización destas probas, que se realizarán en Santiago de Compostela e Ponferrada.
Son as seguintes:
-Celga 2: 27 de novembro de 2022.
-Celga 3: 26 de novembro de 2022.
-Celga 4: 19 de novembro de 2022, para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece polas letras letras T, U, V, W, X, Y, Z, A, B, C, D, E, F ou G; e 20 de novembro de 2022 para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece polas letras H, I, J, K, L, M, N, Ñ, O, P, Q, R ou S.
18/10/2022. OUTRAS

Novo espazo para a proxección internacional da cultura galega

O Consello da Cultura Galega presenta Galicia, unha cultura por descubrir, proxecto deseñado para amosar no exterior o potencial creativo da cultura galega contemporánea. A primeira entrega, Unha literatura por descubrir, ofrece pezas audiovisuais protagonizadas por escritores e escritoras de referencia nas nosas letras, así como diversos recursos complementarios.

Estes contidos, que se dirixen a un público internacional especializado, poden consultarse en galego e en inglés no espazo web do Consello da Cultura Galega culture.gal, xunto con informacións básicas da propia institución e novos contidos que se irán incorporando sobre outras áreas da cultura galega.
17/10/2022. OUTRAS

Vocabulario panlatino do dixital: ataques e devasas

A Delegación xeral para a lingua francesa e as linguas de Francia, en colaboración coa Rede panlatina de terminoloxía (Realiter), presenta o Vocabulario panlatino do dixital: ataques e devasas, unha obra terminográfica na que se ofrecen solucións para 100 conceptos claves relacionados cos erros e problemas detectados no eido da informática, a telefonía e Internet. Xunto co termo e a definición en francés, preséntanse as correspondencias nas seguintes linguas: catalán, español, galego, italiano, portugués, romanés e inglés. De elaborar as correspondencias para o galego ocupáronse Manuel Núñez Singala e Xusto Rodríguez Río, do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.
11/10/2022. OUTRAS

Axuntar presenta un informe sobre a situación lingüística do Eo-Navia

A asociación Axuntar presentou o pasado sábado, 8 de outubro de 2022, no concello de Boal (Asturias) o Informe lingüístico del Eo-Navia. Sen fronteiras: galego de Asturias. Trátase dun documento divulgativo que achega datos históricos sobre a realidade lingüística do Eo-Navia e sobre a situación sociolingüística actual desta comarca. O informe tamén trata o tema dos prexuízos lingüísticos e a percepción que os propios falantes de galego teñen da súa lingua, e valora as políticas deseñadas polas autoridades gobernamentais e lingüísticas asturianas en relación ao "galego de Asturias". Na canle de Youtube de Axuntar tes ao teu dispor catro vídeos coas intervencións dos participantes no acto de presentación deste informe.

03/10/2022. OUTRAS

Serie audiovisual sobre o patrimonio toponímico vinculado ao mar

A Cooperativa Xarda presenta Na Terra Fonda, unha serie audiovisual de 50 minutos, estruturada en cinco capítulos breves, sobre o noso patrimonio toponímico, poñendo o foco nos milleiros de microtopónimos que dan nome aos illotes, pedras ou recunchos que atopamos nos 1.720 km que conforman a costa a galega. Neste momento xa están dispoñibles os dous primeiros capítulos (capítulo 1; capítulo 2), e os restantes iranse publicando na mesma canle de Youtube cunha periodicidade semanal.
29/09/2022. OUTRAS

Chegou a G-Night

Hoxe, 29 de setembro de 2022, vai ter lugar a segunda edición da G-Night, evento que se desenvolverá simultaneamente en preto de 400 cidades de Europa por iniciativa da Unión Europea.

As tres universidades galegas, xunto con outros sete organismos de investigación, mobilizarán de novo milleiros de persoas ás 70 actividades que se van distribuír por trinta espazos localizados en Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Entre elas, algunhas centradas nas linguas e as tecnoloxías.
29/09/2022. OUTRAS

Rosalia de Castro xa ten o seu espazo no Bosque da Lingua

O Bosque da Lingua foi o escenario escollido para a presentación do libro O Herbario de Rosalía, un estudo sobre as plantas recollidas na obra de Rosalía de Castro ao que contribuíron a filóloga María López Sández, a bióloga Mabel Fraga e o fotógrafo Miguel Fraga.

Ademais, na honra da escritora galega universal, plantouse unha camelia, arbusto favorito de Rosalía.
15/09/2022. OUTRAS

Apple incorpora o galego nas funcións de accesibilidade do IOS 16

Apple acaba de lanzar IOS 16, o novo software que permite que o teu iPhone poida ler texto nos diferentes idiomas oficiais de España, entre eles o galego. Trátase concretamente dunha función de accesibilidade, polo que todas aquelas persoas que o precisen, a partir de agora terán dispoñible a voz “Carmela” para lerlles contido en galego. Podes atopar esta función en Axustes>Accesibilidade>Contido lido>Voces. Este primeiro paso abre as portas a que nunha futura versión se engada a función de comprensión ante ordes de voz, para que Siri sexa quen, por fin, de falarnos e entendernos en galego.

14/09/2022. OUTRAS

Catorce obras de literatura fantástica en galego en formato ePub

Xa podes consultar en liña a Biblioteca Fantástica Dixital, unha iniciativa da cooperativa Sacaúntos desenvolvida ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021-2022. Dentro do seu proxecto de dixitalización dos clásicos da literatura fantástica editados por Urco, agora poñen de balde ao dispor da cidadanía unha primeira entrega de catorce obras de Robert E. Howard e de Jack London, en formato ePub, traducidas ao galego. Xunto con cada volume, atoparás tamén materiais complementarios orientados á docencia.
09/09/2022. OUTRAS

Probas para a obtención dos Celga 2, 3 e 4

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia convoca probas para a obtención dos certificados acreditativos dos niveis de lingua galega Celga 2, 3 e 4. As probas realizaranse en Santiago de Compostela e en Ponferrada na segunda quincena de novembro e, de ser o caso, na primeira de decembro de 2022, sempre que ningunha circunstancia excepcional o impida. As datas concretas publicaranse no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O prazo de presentación de solicitudes é de quince días hábiles, contados a partir do seguinte ao da presentación da convocatoria.
30/08/2022. OUTRAS

O Concello do Porriño publica unha guía de linguaxe inclusiva

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello do Porriño publica unha guía de linguaxe inclusiva, dirixida tanto ao seu cadro de persoal coma á cidadanía en xeral. O documento ten como principal finalidade evitar o uso sexista da lingua nos documentos administrativos públicos e, ao mesmo tempo, axudar a resolver dúbidas e achegar solucións que contribúan a construír unha linguaxe inclusiva sen usos discriminatorios.