Novas da lingua. CURSOS E CONGRESOS

Rexistros61 a 90 de 744
29/11/2022. CURSOS E CONGRESOS

Xornada divulgativa "Matemáticas e lingua"

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas organiza o día 30 de decembro de 2022, ás 16:30 horas, a xornada divulgativa Matemáticas e Lingua.

A sesión desenvolverase na Aula Magna da Facultade de Matemáticas e a asistencia é libre ata completar a capacidade da sala. Consulta o programa.
29/11/2022. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro en Vilagarcía para fomentar o uso do galego no ámbito familiar

O Concello de Vilagarcía organiza o sábado, 3 de decembro de 2022, o obradoiro O Lar das Palabras. Trátase dunha actividade de carácter lúdico, dirixida a pais, nais e fillos con idades de 3 a 8 anos, durante a que cada familia realizará o seu propio dicionario en galego co fin de reforzar o vínculo afectivo da familia co idioma.

Están programadas dúas sesións, ás 11:00 h e ás 12:30 h, que requiren anotarse na sede electrónica do Concello. O prazo de inscrición conclúe o venres 2 de decembro. Tes máis información aquí.

17/11/2022. CURSOS E CONGRESOS

O Simposio ILG 2022 céntrase na edición dixital de textos medievais

O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración co Consello da Cultura Galega, a Universidade de Alcalá e a Xunta de Galicia, organiza o Simposio ILG 2022, que leva por título “Edición Dixital de Textos Antigos: Modelos, Proxectos e Ferramentas”, poñendo o foco na edición dixital de textos galegos do período medieval.
As sesións desenvolveranse entre o 28 de novembro e o 2 de decembro de 2022, no salón e graos da Facultade de Filoloxía da USC. O prazo de inscrición remata o 28 de novembro ás 12 h.

16/11/2022. CURSOS E CONGRESOS

Charla-coloquio sobre o nome da ría de Ribadeo

O xoves 17 de novembro de 2022, ás 20 h, a Casa do Viejo Pancho, en Ribadeo, acolle a charla-coloquio «Na defensa da nosa ría».

Este acto contará coa participación do alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, e o mariño mercante e estudoso da toponimia local Francisco Campos Dorado.

Desde o propio día 18 ata o 24 de novembro, quen o desexe tamén pode visitar unha exposición de cartas náuticas no mesmo edificio. Máis información aquí.
10/11/2022. CURSOS E CONGRESOS

Xornada sobre lingua galega e sociedade na educación secundaria

O vindeiro 17 de novembro de 2022 terá lugar a xornada “Lingua galega e sociedade na Educación Secundaria”, onde se compartirán e debaterán os datos obtidos durante o traballo de campo do proxecto de investigación “Lingua e sociedade no ensino secundario obrigatorio e no bacharelato. Práctica docente, formación, expectativas de futuro, demandas e propostas de mellora entre o profesorado”, promovido pola Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra. As sesións terán lugar no salón de plenos da Deputación de Pontevedra e a inscrición é de balde. Para ampliar información sobre a xornada preme aquí.
No Diario da Universidade de Vigo tamén podes obter máis información sobre o proxecto de investigación no que se inscriben.
10/11/2022. CURSOS E CONGRESOS

Accesibles todos os vídeos dos XXIV Encontros para a Normalización Lingüística

O pasado 20 de outubro de 2022 tiveron lugar os XXIV Encontros para a Normalización Lingüística, nos que diferentes creadoras e creadores do país debateron sobre como tecer redes no sector artístico para potenciar a lingua de xeito cooperativo. Agora xa podes acceder en liña a todas estas intervencións nos vídeos dos XXIV Encontros, tanto a través da páxina web do CCG como da súa canle de Youtube.
04/11/2022. CURSOS E CONGRESOS

Xornada sobre política lingüística nos países federais e descentralizados

A Fundación Manuel Giménez Abad, xunto co Forum of Federations, a Embaixada de Canadá en España, Eurac Research e o Observatorio de Derecho Público, organiza, o vindeiro 9 de novembro de 2022, a xornada "La política lingüística en los países federales y descentralizados".

Este evento require inscrición tanto para a asistencia presencial coma para o seguimento a través de Zoom. Consulta o programa e toda a información na súa páxina web.
04/11/2022. CURSOS E CONGRESOS

XV Xornada Xustiza e Lingua

O Colexio de Avogados de Santiago de Compostela celebra unha nova edición da Xornada Xustiza e Lingua, dirixida a profesionais dos servizos lingüísticos e da xustiza, a alumnado das escolas de práctica xurídica e de Dereito e a persoas interesadas en xeral.

A cita, centrada na reflexión e as propostas arredor da normalización lingüística no ámbito xurídico, terá lugar o 7 de novembro de 2022, ás 20 h, no salón de actos do Colexio de Avogados. A inscrición é de balde e limitada a 80 persoas.
02/11/2022. CURSOS E CONGRESOS

Comeza na Coruña o Simposio Florencio Delgado Gurriarán

Mañá, 3 de novembro de 2022, comeza na sede da Real Academia Galega (A Coruña) o Simposio Florencio Delgado Gurriarán, que terá continuidade cunha segunda xornada o vindeiro 10 de novembro. O eixo temático das diferentes intervencións será a vida e a obra do autor protagonista do Día das Letras Galegas 2022.
As sesións poderán seguirse de xeito presencial na sede da RAG (a entrada é libre ata completar a capacidade da sala) ou a través da súa canle de Youtube. Para consultar o programa completo do simposio, preme aquí.

31/10/2022. CURSOS E CONGRESOS

Escolas Católicas Galicia organiza as XVIII Xornadas de Normalización Lingüística e os Premios Irmán Reboiras

Escolas Católicas Galicia organiza a décimo oitava edición da súa Xornada de Normalización Lingüística, co obxectivo de intercambiar experiencias e recursos didácticos en galego entre o profesorado e os membros dos equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos de Galicia. As sesións terán lugar o 18 de novembro de 2022, en horario de 9:30 h a 14:30 h, na sede do Consello da Cultura Galega. O prazo de inscrición remata o 16 de novembro.
Igual ca en edicións anteriores, no marco destas xornadas entregaranse os Premios Irmán Reboiras ás mellores iniciativas de fomento do galego, organizados tamén por Escolas Católicas Galicia, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e co patrocinio da editorial Rodeira-Edebé. A convocatoria está dirixida a todos os centros da rede de Escolas Católicas Galicia, que teñen de prazo para presentar as súas candidaturas ata o vindeiro 10 de novembro.
26/10/2022. CURSOS E CONGRESOS

V Xornadas de Lingua e Literatura Galegas no Ensino

O Instituto da Lingua Galega, o Departamento de Didácticas Aplicadas e o Departamento de Filoloxía Galega da USC convocan as V Xornadas de Lingua e Literatura Galegas no Ensino.

Nesta edición, que vai ter lugar o 18 e 19 de novembro de 2022 na Facultade de Filoloxía, reflexionarase sobre a competencia discursiva plurilingüe, presentaranse propostas didácticas e debaterase sobre retos e estratexias de adaptación aos novos escenarios educativos. Ademais, darase a coñecer o Corpus de textos galegos escritos por estudantes no ámbito académico, CORTEGAL, que inclúe mil textos anotados extraídos da pregunta de comentario das probas de lingua e literatura galegas dos exames ABAU.

O prazo de inscrición para profesorado de centros públicos e concertados remata o 30 de outubro. O público xeral ten ata o 12 de novembro para realizala. Máis información aquí.
21/10/2022. CURSOS E CONGRESOS

Curso de improvisación oral en verso en Vigo

O Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo organiza un Curso de improvisación oral en verso, que terá lugar no Verbum, todos os mércores en horario de 17:00 h a 20:00 h, a partir do vindeiro 26 de outubro de 2022. As sesións serán impartidas por Kike Estévez, de ORAL de Galicia, e os/as asistentes terán ocasión de aprender diferentes tipos de melodías de improvisación oral (repente galego, melodías lusófonas, catalás e americanas), así como as características e recursos literarios propios da regueifa. Para obter máis información sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
13/10/2022. CURSOS E CONGRESOS

I Xornada sobre Variación e Cambio Lingüístico

O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e o Centro de Línguas, Literaturas e Culturas da Universidade de Aveiro organizan, o 14 de novembro de 2022, a I Xornada sobre Variación e Cambio Lingüístico, un encontro que reunirá investigadores e investigadoras para promover e difundir os estudos sobre a variación e o cambio lingüístico nas linguas románicas.

A data límite de inscrición é o 10 de novembro. Podes consultar o programa e información adicional na páxina do ILG.
11/10/2022. CURSOS E CONGRESOS

Xornada formativa sobre os recursos didácticos relacionados co Camiño de Santiago

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago organiza a XV Xornada "Os recursos educativos en galego”, que terá lugar o 3 de novembro de 2022 na Facultade de Ciencias da Educación da USC. Nesta edición o fío condutor das diferentes intervencións serán os recursos didácticos vinculados tematicamente co Camiño de Santiago. A xornada está dirixida a alumnado, PDI e PAS das universidades galegas, que ten de prazo para inscribirse ata o 31 de outubro de 2022.
06/10/2022. CURSOS E CONGRESOS

Comezan as xornadas “Bueu e a fala: o galego 3.0”

Mañá venres, 7 de outubro de 2022, darán comezo as xornadas “Bueu e a fala: o galego 3.0”, que se estenderán ata o domingo 9 de outubro, co obxectivo de presentar iniciativas exitosas que usan o galego como lingua vehicular nos ámbitos do audiovisual, da industria do videoxogo e mais das redes sociais. Ao remate terá lugar a galega de premios do certame “Mergullándonos no TikTok”. Podes ampliar información premendo aquí.
06/10/2022. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de escrita creativa en Vigo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza un obradoiro de escrita creativa en galego, dirixo a todas as persoas que senten pracer pola literatura e queren coñecer ferramentas para poder iniciar a creación dun texto literario. O curso, impartido por María Lado Lariño, desenvolverase ao longo de varios sesións, durante os meses de outubro e novembro de 2022, no edificio Mar de Vigo. Para obter máis información sobre esta iniciativa, así como sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
05/10/2022. CURSOS E CONGRESOS

Fran da Lobeira e Nee Barros conversan cos participantes dos XXIV Encontros

O vindeiro 20 de outubro de 2022 terá lugar no Consello da Cultura Galega a vixésimo cuarta edición dos Encontros para a Normalización Lingüística, a nosa cita anual para o debate e a reflexión arredor da normalización do idioma galego. Nesta ocasión o fío condutor será “a arte e a lingua como ferramentas de construción masiva”, polo que terás ocasión de escoitar a diferentes creadoras e creadores do país ofrecendo o seu punto de vista sobre como tecer redes no sector artístico para potenciar a lingua de xeito cooperativo.

Con antelación á xornada presencial, Nee Barros Neeumatiko e mais Fran da Lobeira A Lobeira Today conversaron cos convidados/as desta edición, que nos ofrecen un pequeno adianto dos temas que tratarán o 20 de outubro nas respectivas mesas de debate.
05/10/2022. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de recursos educativos en galego para nais e pais

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela organiza un obradoiro de carácter práctico, de tres horas de duración, dirixido a nais e pais que desexen coñecer e probar materiais educativos útiles para a crianza en galego. As sesións terán lugar os días 10 e 24 de outubro de 2022, de 17:30 a 19 h, no Espazo Apego, en Santiago. Para obter máis información sobre a iniciativa, así como sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
03/10/2022. CURSOS E CONGRESOS

Xa podes inscribirte nos XXIV Encontros para a Normalización Lingüística

O vindeiro 20 de outubro de 2022 terá lugar no Consello da Cultura Galega a vixésimo cuarta edición dos Encontros para a Normalización Lingüística, a nosa cita anual para o debate e a reflexión arredor da normalización do idioma galego. Nesta ocasión o fío condutor será “a arte e a lingua como ferramentas de construción masiva”, polo que terás ocasión de escoitar a diferentes creadoras e creadores do país ofrecendo o seu punto de vista sobre como tecer redes no sector artístico para potenciar a lingua de xeito cooperativo. Con antelación á xornada presencial, difundiremos catro vídeos (os dous primeiros, hoxe mesmo) nos que os/as convidados/as conversan con Nee Barros Neeumatiko e mais con Fran da Lobeira A Lobeira Today para ofrecernos un adianto dos temas que tratarán o 20 de outubro nas respectivas mesas de debate. A matrícula é de balde e as prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Podes ampliar información premendo aquí.
27/09/2022. CURSOS E CONGRESOS

Ábrese o prazo de inscrición para as xornadas Enreguéifate

Os servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Santiago, Pontevedra e Teo organizan, no marco do proxecto Enreguéifate, un curso de formación para docentes que queiran comezar ou continuar coa regueifa como ferramenta educativa. As sesións terán lugar no Espazo Apego de Santiago de Compostela o 14 de outubro de 2022. O prazo de inscrición remata o vindeiro 6 de outubro. Podes obter máis información sobre o programa do curso e os trámites de inscrición premendo aquí.
22/09/2022. CURSOS E CONGRESOS

O galego na xornada do Día Europeo das Linguas en Frankfurt

Con motivo da celebración do Día Europeo das Linguas, o Consello de Cultura Galega, o Instituto Etzxepare, o Institut Ramon Llull e o Instituto Cervantes organizan a xornada Todas as voces a voz. Poesía en español, catalán, eúscaro, galego e alemán, que se realizará na sede do Instituto Cervantes de Frankfurt o próximo día 26 de setembro de 2022.
19/09/2022. CURSOS E CONGRESOS

Xornada "Realidade e perspectivas de futuro dos medios de comunicación en galego en soporte papel"

O Consello da Cultura Galega organiza a xornada "Realidade e perspectivas de futuro dos medios de comunicación en galego en soporte papel", durante a que se abordarán a súa situación actual, a súa resistencia e a súa adaptación nun contexto fortemente marcado pola dixitalización e pola crise económica. Tamén haberá espazo para presentar diversos modelos xornalísticos e outros tipos de publicacións en papel promovidas polas novas xeracións.

Para esta actividade, que vai ter lugar o 10 de outubro, a inscrición é gratuíta e as prazas limitadas.
19/09/2022. CURSOS E CONGRESOS

A comunidade educativa da Universidade de Vigo ten ao seu dispor cursos para mellorar o dominio da lingua galega

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo convoca, para o primeiro cuadrimestre do curso 2022-2023, seis cursos de temáticas diversas: iniciación á lingua galega para o alumnado estranxeiro, outro de nivel avanzado para perfeccionar o dominio da lingua, outro para mellorar a calidade lingüística nos TFG ou TFM, un sobre corrección da escrita coas TIC, outro de linguaxe administrativa e xurídica e un sexto que xirará arredor dos erros máis frecuentes na lingua galega.

Estes cursos están abertos tanto ao persoal docente e investigador, como ao persoal de administración e servizos e o estudantado. O prazo de matrícula remata o 23 de setembro. Máis información aquí.
19/09/2022. CURSOS E CONGRESOS

Curso de habilidades comunicativas na USC

O Servizo de Normalización Lingüística da USC abre a matrícula da 1ª convocatoria do seu Curso de Habilidades Comunicativas para o período lectivo 2022-2023. O curso diríxese a alumnado que prepara o seu TFG, TFM ou tese e pode cursarse íntegro ou por módulos: A redacción científica, Falar en público e Presentacións eficientes.

Máis información sobre o contido e a inscrición na súa páxina web.
14/09/2022. CURSOS E CONGRESOS

Segunda edición da Aula Aberta de Educación da Universidade de Vigo

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense continúa coa proposta Aula Aberta de Educación, un programa posto en marcha o curso pasado co dobre obxectivo de fomentar o uso do galego e a reflexión crítica sobre temas de interese social.

Por unha parte, este espazo contribúe a desenvolver o plan de normalización do uso da lingua galega que ten a Facultade de Educación e Traballo Social nos seus graos de Educación Infantil e de Educación Primaria. Pola outra, pon o foco en aspectos moitas veces invisibilizados na sociedade que, como futuros educadores e educadoras, o alumnado da facultade vai atopar nas aulas.

Podes consultar o programa e as datas das sesións premendo aquí.
12/09/2022. CURSOS E CONGRESOS

Curso sobre márketing e as potencialidades do idioma como elemento diferenciador

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza o curso "Fundamentos de márketing e comunicación. O idioma como elemento diferenciador", dirixido especialmente a técnicos/as de SNL; docentes ou responsables de EDNLG; traballadores/as de empresas, asociacións e outras entidades relacionadas coa normalización da lingua; e, en xeral, persoas interesadas en traballar na normalización do galego. O curso, impartido por Xosé Luís Reza, terá lugar en Santiago de Compostela os días 29 de setembro e 6 de outubro de 2022. O prazo de inscrición remata o vindeiro 25 de setembro. Podes ampliar información sobre os contidos e mais os trámites de inscrición premendo aquí.
09/09/2022. CURSOS E CONGRESOS

I Xornadas Vasco-Galegas de Lingüística

O Instituto da Lingua Galega, o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Euskaltzaindia e a Real Academia Galega organizan estas xornadas académicas que poñen o foco en diferentes cuestións da lingüística galega e vasca. As sesións terán lugar o vindeiro luns, 12 de setembro de 2022, na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. A asistencia é libre. Podes consultar o programa premendo aquí.
05/09/2022. CURSOS E CONGRESOS

Xornada de análise sobre a nova Lei do Audiovisual

O Grupo de Estudos Audiovisuais da USC organiza, coa colaboración da Mesa pola Normalización Lingüística, organiza as xornadas "Perante a nova Lei do Audiovisual: análise e perspectivas", onde se analizarán as repercusións que esta lei terá no tecido cinematográfico e audiovisual galego dende a óptica cultural, lingüística e económica. As sesións desenvolveranse o vindeiro 15 de setembro de 2022 no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. A asistencia é de balde, sen necesidade de inscrición previa. Podes obter máis información sobre esta iniciativa, así como consultar o programa completo da xornada, premendo aquí.

01/09/2022. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de acollemento lingüístico en Santiago de Compostela

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela organiza un novo obradoiro de acollemento lingüístico, dirixido principalmente a persoas adultas procedentes doutras comunidades lingüísticas, mais aberto a calquera persoa que queira iniciarse na aprendizaxe do galego. O curso, de 36 horas de duración, estrutúrase en 24 sesións presenciais de hora e media cada unha, que terán lugar todos os luns e mércores entre o 21 de setembro e o 14 de decembro de 2022. Podes obter máis información sobre os trámites de inscrición premendo aquí.
01/09/2022. CURSOS E CONGRESOS

Formación lingüística para o persoal dos entes instrumentais do sector público autonómico

A Escola Galega de Administración Pública anuncia a convocatoria de actividades de formación continua para o persoal ao servizo dos entes instrumentais do sector público autonómico. No que respecta á formación de carácter lingüístico, ofértanse os seguintes cursos: “A calidade da redacción administrativa. Técnicas para unha boa redacción dos documentos administrativos” (teleformación); “A normativa do galego estándar: actualización gramatical, ortográfica e léxica” (teleformación e telepresenza); “Redacción de documentos técnico-xurídicos en galego” (teleformación); “Técnicas para falar en público” (presencial). O prazo de presentación de solicitudes comeza o día seguinte ao da publicación da convocatoria no DOG e remata o 12 de setembro de 2022. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.