Novas da lingua. AXUDAS E PREMIOS

Rexistros811 a 817 de 817
14/05/2007. AXUDAS E PREMIOS

O III Premio a artigos xornalísticos normalizadores xa ten gañador

Trátase de Miguel Mosquera Fociños, autor de Obreiras, tolos, escolares, poetas. A Lingua galega nas cidades. Xunto con el foron galardonados Sechu Sende, que recibiu o 2º premio polo artigo Guía sexual da sociolingüística; e Xabier Cid, recoñecido cun accésit.

Ademais do correspondente premio en metálico, os artigos gañadores sairán publicados nos diferentes medios colaboradores os vindeiros días 19 de maio (2º premio) e 20 de maio (1º premio). No caso dos medios non diarios, publicaranse ambos artigos no número inmediatamente posterior a estas datas.

A entrega dos galardóns terá lugar o vindeiro 17 de maio, ás 19:00 h, na praza do Concello de Carballo, no transcurso dos actos de celebración do Día das Letras Galegas.
11/05/2007. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o audiovisual en lingua galega

A Consellería de Cultura e Deporte publica, no DOG do 10 de maio de 2007, a convocatoria pública de subvencións para a produción de curtametraxes en versión orixinal en lingua galega, así como de contidos interactivos e proxectos de creación net-art.

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
08/05/2007. AXUDAS E PREMIOS

Probas libres de lingua galega

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia organiza probas libres de lingua galega para os niveis de iniciación e perfeccionamento. As probas de iniciación realizaranse o 16 de xuño de 2007 e as de perfeccionamento o día 30 de xuño, nos lugares indicados nas respectivas convocatorias.

03/05/2007. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a elaboración de guións de proxectos audiovisuais en lingua galega

A Consellería de Cultura e Deporte publica, no DOG do 3 de maio de 2007, a convocatoria de subvencións para a escrita individual de guións de proxectos audiovisuais en lingua galega.

O prazo para presentar as solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
12/04/2007. AXUDAS E PREMIOS

III Concurso de mensaxes de móbil do Concello do Porriño

A Área de Normalización Lingüística do Concello de Porriño e a Biblioteca municipal organizan a terceira edición do Concurso de mensaxes SMS en lingua galega.

As mensaxes, que teñen que ser orixinais e non superar os 160 caracteres, deben enviarse ao número 679 039 567. A data límite para a recepción é o 11 de maio de 2007.

11/04/2007. AXUDAS E PREMIOS

Axudas aos centros de ensino do Concello do Carballiño

O Concello do Carballiño publica, no BOP de Ourense do 4 de abril de 2007, a convocatoria de axudas e subvencións destinadas a apoiar a dinamización educativa nos centros de ensino públicos e privados deste Concello. A convocatoria inclúe unha modalidade destinada especificamente á promoción e difusión lingüística que premiará a elaboración de murais relacionados coa autora á que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas, María Mariño Carou.

O prazo para a presentación de solicitudes é de 30 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
23/03/2007. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a difusión de producións audiovisuais en lingua galega

A Secretaría Xeral de Comunicación publica, no DOG do 13 de marzo, a convocatoria de axudas destinadas a apoiar actos de estrea ou presentación en Galicia de producións audiovisuais en lingua galega.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de novembro de 2007. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria prema aquí.
23/03/2007. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións para a edición de material didáctico en lingua galega

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica, no DOG do 22 de marzo de 2007, a convocatoria de axudas para a edición en lingua galega de materiais didácticos para o ensino regrado non universitario e máis para a formación de adultos.

O prazo para a presentación de solicitudes remata o 31 de maio de 2007. Se desexa máis información, prema aquí.
21/03/2007. AXUDAS E PREMIOS

Axudas a entidades sen fin de lucro do Concello de Santiago

O Concello de Santiago de Compostela publica, no BOP da Coruña do 21 de marzo de 2007, a convocatoria de axudas a entidades sen fin de lucro co fin de apoiar as súas accións de dinamización lingüística ou produción de materiais en lingua galega.

O prazo de presentación de solicitudes é de 30 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
12/03/2007. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a creación de páxinas web en galego

A Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia publica, no DOG do 7 de marzo de 2007, a convocatoria de axudas a entidades sen ánimo de lucro para a creación de páxinas web en galego na internet.

O prazo para a presentación de solicitudes é de 31 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
08/03/2007. AXUDAS E PREMIOS

Axudas aos equipos de normalización lingüística dos centros públicos

Co ánimo de contribuír ao financiamento de proxectos destinados á promoción do galego no ensino, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia convoca axudas para os equipos de normalización lingüística dos centros de ensino públicos.

O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días, que comezarán a contar desde a publicación no DOG desta convocatoria.

02/03/2007. AXUDAS E PREMIOS

Premios Letras Galegas 2007 para o alumnado e o profesorado

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convocan, con motivo do Día das Letras Galegas 2007, premios para o profesorado que realice webquests e para o profesorado e o alumnado que elabore libros web colectivos sobre a autora homenaxeada, María Mariño Carou.

A iniciativa ten como principais obxectivos propiciar a reflexión sociolingüística sobre a etapa histórica da autora, enriquecer a oferta de materiais didácticos en lingua galega e fomentar o uso das novas tecnoloxías na aula.

Para acceder ao texto completo da convocatoria, prema aquí.

02/03/2007. AXUDAS E PREMIOS

Axudas aos equipos de normalización lingüística dos centros privados

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica, no DOG do 23 de febreiro de 2007, a convocatoria de axudas a equipos de normalización lingüística dos centros de ensino privados.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
28/02/2007. AXUDAS E PREMIOS

IV Certame Literario Concello de Ames

A Concellaría de Cultura e Deportes do Concello de Ames, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, convoca a cuarta edición deste certame literario que ten como principal obxectivo promover os novos valores da literatura en lingua galega.

O certame conta con dúas modalidades (narrativa e poesía) e en cada unha delas estableceranse tres categorías, segundo a idade dos participantes. Os textos, de tema libre, deben ser inéditos e estar escritos en lingua galega. O prazo de presentación de orixinais remata o 13 de abril de 2007. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
21/02/2007. AXUDAS E PREMIOS

III Premio a artigos xornalísticos normalizadores

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo convoca a terceira edición deste premio que ten como obxectivo principal promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega e crear espazos nos xornais para analizar este tema.

O certame outorga un primeiro premio de 1000 euros e un segundo de 350, ademais da publicación dos artigos gañadores nos oito medios de comunicación escritos que colaboran coa iniciativa.

O prazo de presentación dos artigos remata o 18 de abril de 2007.

Se desexa consultar as bases, prema aquí.
09/01/2007. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións a entidades privadas sen fin de lucro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia publica, no DOG do 9 de xaneiro de 2007, a convocatoria pública de axudas a entidades privadas sen fin de lucro para incrementar os usos da lingua galega nos ámbitos da familia, da infancia e da mocidade.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
03/01/2007. AXUDAS E PREMIOS

Concurso Letras Galegas 2007

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca un concurso destinado aos centros de ensino non universitario para a elaboración dunha exposición relacionada coa obra e época da autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2007, María Mariño Carou.

O concurso contempla dúas categorías, unha para os centros de educación infantil e primaria e outra para os restantes, e as exposicións gañadoras en cada unha destas categorías serán distribuídas entre os centros de ensino de toda Galicia, ademais de recibir un premio en metálico de 3 000 euros.

O prazo de presentación dos traballos remata o vindeiro 2 de marzo. Se desexa máis información, prema aquí.
19/12/2006. AXUDAS E PREMIOS

Premios da Edición 2006

A Asociación Galega de Editores deu a coñecer os galardoados da segunda edición destes premios que teñen como obxectivo recoñecer o traballo editorial en lingua galega realizado polos seus membros ao longo do ano.

Os libros arden mal, de Manuel Rivas, editado por Edicións Xerais de Galicia; Don Xoán (contado por si mesmo), traducido por Luís Fernández e editado por Sotelo Blanco; Smara, ilustrado por Carole Hénaff e editado por Kalandraka; A sombra descalza, de An Alfaya, editado por Edicións Xerais de Galicia; o programa “Libro aberto” da TVG; Manuel Rivas e Sabino Torres Ferrer foron as obras, autores e editores galardoados nas diferentes categorías.

Cómpre tamén subliñar que nesta edición, entre os finalistas da categoría “Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor ou autora do ano” atopábase a Área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística da USC.
Se desexa máis información, prema aquí.
15/12/2006. AXUDAS E PREMIOS

Premios Xarmenta 2006

A Asociación Berciana da Lingua “Xarmenta” deu a coñecer os galardoados da segunda edición destes premios que teñen como finalidade recoñecer o labor daquelas institucións e personalidades que máis teñan contribuído á promoción do galego no Bierzo.

Os gañadores deste ano son a Real Academia Galega (RAG) e o cantautor berciano Amancio Prada. O acto de entrega dos premios terá lugar o 24 de xaneiro de 2007, no Teatro Bérgidum de Ponferrada, e na gala actuarán Uxía, Sirma, Rapabestas, o cantautor berciano Aínda e mais o grupo de teatro Vagalume.

A Asociación Xarmenta aproveitou a ocasión para presentar tamén o primeiro número dunha revista que leva o seu mesmo nome e coa que queren seguir contribuíndo á difusión da lingua galega no Bierzo.
12/12/2006. AXUDAS E PREMIOS

Premios á publicidade en lingua galega

O Consello Asesor de Radio Televisión Española en Galicia deu a coñecer os galardoados na XIII edición dos Premios de Publicidade en Galego, que teñen como obxectivo recoñecer o traballo realizado a prol da normalización lingüística por parte de empresas e entidades que se publicitan nos medios de comunicación.

Nesta ocasión, o gañador na categoría de radio foi o anuncio de promoción da saída da Volvo Ocean Race. Na categoría de televisión o galardoado foi o anuncio “Onde nacen as ideas”, elaborado por Ecovigo para promover a entidade Caixanova.

Tamén recibiu unha mención especial o web Heroína, creado pola empresa Interacción.
05/12/2006. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o Premio Manuel Beiras 2006

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación e o Concello de Santiago deron a coñecer os galardoados da sétima edición do Premio Manuel Beiras.

Os premiados deste ano foron a empresa Aceiro, na categoría de nova incorporación ao uso do galego, e a imprenta T44, na categoría de empresas que veñen realizando un uso continuado do idioma galego.

Xaquín Mato, da papelería Xaquín, recibiu tamén unha distinción especial polo seu compromiso co idioma.
29/11/2006. AXUDAS E PREMIOS

VII Concurso de relato oral “Tíralle da lingua”

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega convoca a sétima edición deste concurso de relato oral que ten como principal obxectivo potenciar os usos orais do galego no ámbito educativo.

Os centros de ensino interesados en participar teñen de prazo para inscribirse ata o vindeiro 5 de abril de 2007. A fase final do concurso celebrarase no mesmo mes de abril en Santiago (Teatro Principal).
Se desexa consultar o texto íntegro da convocatoria, prema aquí.
29/11/2006. AXUDAS E PREMIOS

Premio Linguapax 2007

O Institut Linguapax convoca unha nova edición deste galardón, que quere contribuír ao recoñecemento de lingüistas, investigadores, docentes ou membros da sociedade civil que teñan destacado na promoción da diversidade lingüística e/ou a educación multilingüe.

As candidaturas deben enviarse á secretaría do Instituto Linguapax (info@linguapax.org) antes do 31 de decembro de 2006. O gañador do premio darase a coñecer o vindeiro 21 de febreiro, Día Internacional da Lingua Materna.

Se desexa máis información, prema aquí.
28/11/2006. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a promoción internacional da cultura e lingua galegas

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo convoca axudas para a Cátedra “Ramiro Illa Couto”, co ánimo de promover actividades de fomento da cultura e a lingua galegas no exterior.
As axudas están destinadas ao persoal docente e investigador desta universidade e consistirán no financiamento de desprazamentos e estadías en universidades non pertencentes á Unión Europea ou que non teñan centro de estudos galegos.

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 7 de decembro de 2006.

Se desexa máis información, prema aquí.
20/11/2006. AXUDAS E PREMIOS

Nova edición do Premio Manuel Beiras

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación e o Concello de Santiago convocan a sétima edición deste premio que ten como finalidade outorgar un recoñecemento público ao esforzo de normalización lingüística no sector empresarial.

O galardón contempla dúas categorías, unha para as empresas que leven feito un uso continuado do galego e outra para os que se incorporaron recentemente. Os interesados teñen de prazo para presentar as solicitudes ata o 23 de novembro.

Se desexa máis información, prema aquí.
15/11/2006. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o Premio Xoán Manuel Pintos

O Concello de Pontevedra e a Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL) outorgáronlle o Premio Xoán Manuel Pintos 2006 ao maxistrado da Audiencia Provincial Xosé Xoán Barreiro Prado e á empresa de telecomunicacións R.

O xoves 16 de novembro, ás 20:30 h, na Biblioteca Pública de Pontevedra, a profesora Carme Hermida Gulías reflexionará sobre a figura de Xoán Manuel Pintos e o venres 24 de novembro, ás 22 h, terá lugar a entrega de premios, no transcurso dunha cea no Pazo da Cultura.
15/11/2006. AXUDAS E PREMIOS

Certame de recollida de tradición oral

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas!, co patrocinio da Consellería de Cultura e Deporte, convoca un certame de recollida de tradición oral, tanto en prosa coma en verso, co ánimo de que os centros educativos continúen o labor desenvolvido co “Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués” e o alumnado se achegue ás manifestacións culturais do seu contorno.

O prazo de inscrición remata o 22 de decembro de 2006 e a data límite para presentar os traballos é o 1 de maio de 2007. Para coñecer o texto completo da convocatoria, prema aquí.

06/10/2006. AXUDAS E PREMIOS

Premios a proxectos de innovación lingüística en lingua galega no ámbito educativo

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia convoca 10 premios a proxectos de innovación lingüística destinados a centros de ensino da súa titularidade.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
19/09/2006. AXUDAS E PREMIOS

III Premio Luísa Villalta a iniciativas normalizadoras

Os servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, organizan a terceira edición do Premio Luísa Villalta a iniciativas normalizadoras, que ten como principal obxectivo promover a reflexión e dinamización lingüísticas entre a comunidade universitaria.

O premio está dirixido a todo o alumnado de 1º, 2º e 3º ciclo das facultades e escolas universitarias galegas e contará con dúas modalidades: “artigo xornalístico” e “deseño dunha campaña de promoción da lingua galega”.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 16 de outubro de 2006.

17/07/2006. AXUDAS E PREMIOS

Axudas ao sector editorial para apoiar a tradución

A Consellería de Cultura e Deporte publica, no DOG do 17 de xullo de 2006, a convocatoria de axudas á produción editorial para apoiar a tradución de obras ao galego e a tradución e edición noutras linguas de obras escritas orixinariamente en galego, así como para realizar grandes proxectos editoriais.

O prazo para presentar as solicitudes é de 40 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.