Noticias

ASG-CCG. Rexistros1 a 30 de 79
18/09/2023

Ramiro Cartelle profunda na figura de Mauricio Farto na nova entrega de Caligrafías musicais

O proxecto Caligrafías musicais, iniciativa do Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) do Consello da Cultura Galega (CCG), recupera cada dous meses conferencias destacadas de prestixiosos estudosos do eido musical galego. Hoxe publícase a cuarta entrega, que consiste nunha conferencia do intelectual coruñés Ramiro Cartelle sobre o compositor, director e recompilador do folclore galego Maurico Farto Parra (1867-1947).
08/09/2023

O Consello da Cultura Galega expresa o seu fondo pesar polo pasamento de Dorothé Schubarth, figura fundamental para o coñecemento do folclore musical galego

Esta musicóloga e compositora suíza desenvolveu un amplo labor investigador centrado na procura das formas e orixes da música popular europea. Dorothé Schubarth introduciu parámetros de clasificación descoñecidos en Galicia e novidosas metodoloxías de traballo e de compilación que, aínda hoxe, están a influír nos nosos estudosos. É a responsable da máxima achega xamais realizada para a conservación e coñecemento do folclore musical do país.
25/06/2023

Unha xornada analiza as bandas sonoras dos videoxogos

“Música e videoxogos dende Galicia” é o título da xornada que terá lugar este luns, 26 de xuño, ás 16:30 horas, na sede institucional do Consello da Cultura Galega (CCG). Nela, diversos expertos analizarán as composicións musicais que acompañan os videoxogos e como estas condicionan a experiencia das persoas durante o xogo. Ademais, profundarase nas bandas sonoras que se compoñen en Galicia co fin de identificar os seus referentes, a existencia de influencias foráneas ou o emprego da lingua galega. A actividade está organizada polo Arquivo Sonoro de Galicia do CCG e coordinada por Alejo Amoedo e Cristina Pujales. A sesión é presencial, pero poderase seguir en directo a través do web e as redes sociais corporativas.
19/06/2023

A nova entrega de Caligrafías musicais difunde unha conferencia de Xosé V. Ferreirós sobre a gaita

O proxecto Caligrafías musicais, iniciativa do Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) do Consello da Cultura Galega (CCG) que recupera bimensualmente conferencias destacadas de prestixiosos estudosos do eido musical galego, difunde na súa terceira entrega unha conferencia de Xosé V. Ferreirós. Nela, o gaiteiro fai un percorrido polos instrumentos tradicionais galegos para, posteriormente, centrarse na gaita, nas súas orixes e nas súas diferentes tipoloxías e xeitos de tocala.
01/06/2023

O proxecto Voces centenarias recupera tres audios de Ernesto Guerra da Cal

Ernesto Guerra da Cal (Ferrol, 1911 – Lisboa, 1994) foi escritor, poeta e un destacado estudoso das literaturas portuguesa e galega. Exiliado en Nova York dende 1939, traballou a prol da internacionalización da cultura galega e, sobre todo, da figura de Rosalía de Castro. A nova entrega de Voces centenarias, proxecto que mantén o Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) do Consello da Cultura Galega (CCG), difunde tres audios que permiten escoitar algúns dos seus poemas recitados na voz do propio autor.
05/05/2023

A nova entrega de Voces centenarias recupera tres audios de Lois Tobío

Lois Tobío Fernández (Viveiro, 1906 – Madrid, 2003) foi diplomático, escritor, tradutor e xornalista. Destacado militante galeguista, foi tamén un firme defensor da personalidade cultural de Galicia no mundo. A nova entrega de Voces centenarias, proxecto que mantén o Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) do Consello da Cultura Galega (CCG), difunde tres gravacións que permiten profundar na súa figura e coñecer, a través das súas propias palabras, como foi o proceso de creación do Seminario de Estudos Galegos.
03/05/2023

O Álbum de Galicia incorpora a entrada do recoñecido especialista en música catedralicia José López-Calo

José López-Calo (Nebra, Porto do Son, 1922 – Salamanca, 2020) foi “o grande especialista na música das catedrais españolas”, cun labor que chegou a ser recoñecido internacionalmente. Así o afirma Francisco Javier Garbayo Montabes na biografía que asina para o Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).
17/04/2023

A conferencia do Padre Calo sobre Jesús Bal y Gay centra a nova entrega de Caligrafías musicais

A segunda entrega de Caligrafías musicais, proxecto do Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) do Consello da Cultura Galega (CCG) que rescata bimensualmente conferencias destacadas de prestixiosos estudosos do eido musical galego, difunde neste mes de abril unha conferencia de Xosé López-Calo (1922-2020), máis coñecido como Padre Calo, un referente internacional da musicoloxía. Son corenta minutos en que o xesuíta sonense explica as investigacións do músico lugués Jesús Bal y Gay (Lugo, 1905 - Torrelaguna, Madrid, 1993) sobre a música culta antiga e o folclore.
14/04/2023

O proxecto Voces centenarias difunde tres audios de Celso Emilio Ferreiro

Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912 – Vigo, 1979) foi unha das figuras máis sobresaíntes do nacionalismo galego, tanto en termos políticos como culturais. A nova entrega de Voces centenarias, o proxecto que mantén o Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora tres audios que permiten repasar, da man do propio autor, a súa traxectoria poética e vital ou escoitar as súas reivindicacións a prol da lingua galega.
29/03/2023

Unha xornada analiza os aspectos materiais do patrimonio sonoro galego

Historia, dixitalización e preservación de documentos sonoros é o título da xornada que terá lugar o 30 de marzo, ás 16:30 horas, na sede institucional do Consello da Cultura Galega (CCG). Nela, Susana Belchior e Jose M. Navia farán un percorrido pola historia das gravacións sonoras e afondarán no tratamento técnico do son. A sesión está organizada polo Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) do CCG e coordinada polo seu director, Alejo Amoedo. A actividade é presencial, pero poderá seguirse en directo a través do sitio web e as redes sociais corporativas.q
01/03/2023

O Álbum de Galicia incorpora a entrada do cantautor Suso Vaamonde

Suso Vaamonde (Ponte Caldelas, Pontevedra, 1950 – Vigo, 2000) destacou, no panorama musical galego, por ser un dos cantautores máis comprometidos na loita pola defensa do seu pobo e da súa lingua. De feito, foi un dos primeiros en musicar as obras dos poetas da terra e en reivindicar a poesía galega e o vencello da literatura co pobo. Ademais, fixo importantes achegas á música infantil e mesmo contribuíu á súa renovación. Fernando Fernández Rego é o autor da súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).
20/02/2023

Nace Caligrafías musicais que recupera conferencias sobre o eido musical galego

Rosalía de Castro foi unha irrepetible figura literaria, pero tiña tamén unhas calidades innatas para a música. Sobre esta faceta menos coñecida da autora de Follas novas fala outro erudito, Filgueira Valverde, na primeira entrega de Caligrafías musicais, o novo proxecto do Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) do Consello da Cultura Galega (CCG). Cada dous meses rescataranse conferencias destacadas de prestixiosos estudosos do eido musical galego que permiten revalorizar compositores, estilos musicais ou instrumentos que forman parte da cultura musical do país.
03/02/2023

A nova entrega de Voces centenarias recupera tres audios de Isaac Díaz Pardo

A polifacética figura de Isaac Díaz Pardo (Santiago, 1920 - A Coruña, 2012) protagoniza a nova entrega de Voces centenarias, un proxecto do Arquivo Sonoro de Galicia (ASG), dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). Os tres audios que incorpora a entrega permiten achegarnos ao seu pensamento sobre figuras como Castelao ou a súa muller, Virxinia Pereira, e tamén ao importante labor editorial desempeñado por Ediciós do Castro. Díaz Pardo é un referente perseverante pola súa poliédrica personalidade e a súa incuestionable xenerosidade.
25/01/2023

A biografía do músico Ricardo Courtier incorpórase ao Álbum de Galicia

Ricardo Courtier (A Coruña, 1863 - Ourense, 1922) foi pianista, director, folclorista e compositor de melodías que denotan, desde o título ata o seu carácter e estilo, un estreito vínculo coa música popular galega. A súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), é autoría de Beatriz Cancela Montes.
23/01/2023

O Consello da Cultura Galega pon na rede a conferencia “Galicia na miña obra” de Nélida Piñón

“Galicia na miña obra” é o título da conferencia coa que a escritora brasileira de ascendencia galega, Nélida Piñón (Río de Janeiro, 1937-Lisboa, 2022), inaugurou a actividade da Sección de Literatura e Industrias da Edición do Consello da Cultura Galega (CCG) en 2004. A súa intervención é a primeira dunha ducia de conferencias que se poñerán en rede co gallo do 40 aniversario do CCG.
02/12/2022

O proxecto Voces centenarias achéganos á figura de Xaime Isla Couto

Xaime Isla Couto é o ímpeto imprescindible para algunhas das iniciativas culturais, políticas e sociais que se desenvolven na Galicia interior da segunda metade do século XX. A nova entrega de Voces Centenarias, proxecto do Arquivo Sonoro de Galicia (ASG), entidade do Consello da Cultura Galega (CCG) permite difundir tres audios preservados no ASG que nos axudan a debullar o labor deste traballador incansable .
16/11/2022

O Álbum de Galicia incorpora a entrada da soprano María Luisa Nache

A expresión do seu canto, o timbre aveludado da súa voz, o seu talento vocal e escénico ou a súa precisión musical foron calidades que destacaron os medios de comunicación sobre María Luisa Nache (Ferrol, 1924 - A Coruña, 1985). A soprano tivo unha breve mais próspera carreira, que se estendeu desde 1945 ata 1963 e que se desenvolveu, principalmente, nos máis importantes teatros internacionais. A súa foi “unha voz de ouro da lírica galega polo mundo”, como a define María del Carmen Lorenzo Vizcaíno na entrada que asina para o Álbum de Galicia.
04/11/2022

O proxecto Voces centenarias achéganos á figura de Ramón Martínez López

Ramón Martínez López é unha das voces máis eruditas do exilio galego. No marco de Voces centenarias, proxecto para visibilizar gravacións vencelladas a persoas relevantes de Galicia que atesoura o Arquivo Sonoro de Galicia (ASG), ofrécense tres audios que se corresponden aos anos do seu regreso, no que se pode apreciar que os azos e os compromisos con Galicia manteñen a súa inquebrantable lealdade.
07/10/2022

O proxecto Voces Centenarias permítenos escoitar recitados de María Casares

Neste 2022 cúmprense cen anos do nacemento da gran drama do teatro galego María Casares. No marco de Voces centenarias, proxecto para visibilizar gravacións vencelladas a persoas relevantes de Galicia que atesoura o Arquivo Sonoro de Galicia, o Consello da Cultura Galega (CCG) programou unha entrega que permite escoitar a voz da actriz. Entre os fragmentos que se escolmaron destaca un recitado en galego de poemas de Curros Enríquez.
14/09/2022

O Álbum de Galicia incorpora as entradas de Marcial del Adalid e Pucho Boedo

O Álbum de Galicia, colección bibliográfica que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), vén de incorporar as entradas de dúas figuras destacadas para a música galega. Dunha banda, Marcial del Adalid (A Coruña, 1826- Lóngora, Oleiros, 1881) un compositor e precursor na procura do son de Galicia. Da outra, Pucho Boedo (A Coruña, 1929-1986), o crooner eterno. Laura Touriñán e Fernando Fernández Rego son os autores das entradas que xa se poden consultar.
08/06/2022

A situación da industria discográfica galega ante a dixitalización, a debate nunha xornada

“A industria discográfica en Galicia” é o titulo da xornada que terá lugar no Consello da Cultura Galega (CCG) e na que destacados profesionais abordarán o impacto da dixitalización neste sector. A cita está coordinada por Xosé Ramón Pousa, é presencial pero poderá seguirse en directo a través da web e das redes sociais da institución.
10/05/2022

Presentada en Vigo a publicación Luis R. Brage Villar. Obra e memoria

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez; o director do CSMVIGO, Esteban Valverde; o profesor do Departamento de Musicoloxía do CSMVIGO, Julio Alonso; e o autor do libro, o musicólogo, David Ferreiro presentaron este luns 9 de maio no Auditorio do CSMVIGO o libro Luis R. Brage Villar. Obra e memoria.Trátase dunha obra que contextualiza e documenta a importancia do pedagogo,director e compositor Luis R. Brage Villar, autor de Follas novas, a rapsodia galega por excelencia.
06/05/2022

Antón Fraguas protagoniza a nova entrega do proxecto Voces Centenarias

Antón Fraguas (Cotobade, 1905- Santiago, 1999) sintetiza o coñecemento etnográfico de Galicia grazas a un laborioso e obstinado traballo de recollida a prol da nosa historia e da nosa identidade. É tamén o protagonista da nova entrega de Voces centenarias, un proxecto do Arquivo Sonoro de Galicia, dependente do Consello da Cultura Galega (CCG) achega tres cortes sonoros que condensan a súa poética.
28/04/2022

O Arquivo Sonoro de Galicia acode a Betanzos para captar a súa identidade sonora

O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG), entidade do Consello da Cultura Galega (CCG), realiza este venres 29 de abril unha nova actividade encamiñada a enriquecer o Mapa Sonoro de Galicia. O director do Arquivo, Xosé Ramón Pousa, e a concelleira delegada de Cultura e Normalización Lingüística de Betanzos, Ana Belén Veiga Pita, serán os encargados de presentar esta sesión que convida á veciñanza a rexistrar os sons característicos desta vila para incorporalos ao mapa.
21/04/2022

O Consello da Cultura Galega expresa o seu fondo pesar polo pasamento de Ramón Castromil

No serán deste martes finaba en Santiago de Compostela o pianista, empresario e político Ramón Castromil. O Consello da Cultura Galega expresa o seu fondo pesar de quen foi membro do seu Plenario entre 1993 e o 2006 e vicepresidente entre 1998 e 2006.
01/04/2022

O Consello da Cultura Galega difunde a biografía e a voz e Laxeiro, homenaxeado no Día das Artes

O 1 de abril é o Días Artes Galegas, unha celebración convocada pola Real Academia Galega de Ciencias á que o Consello da Cultura Galega se suma con dúas achegas sobre a figura homenaxeada: José Otero Abeledo, Laxeiro (Lalín, 1908- Vigo, 1996). A primeira delas é a incorporación da entrada sobre o pintor lalinense no Álbum de Galicia. A segunda é a publicación de tres gravacións sonoras nas que se pode coñecer ao pintor na súa voz e que se integran dentro do proxecto Voces Centenarias.
30/03/2022

A biografía de Mili Porta, primeira directora de orquestra española, incorpórase ao Álbum de Galicia

O primeiro instrumento de Mili Porta (A Coruña, 1918-Madrid, 1971) era un piano debuxado nunha parede, que tocaba sen parar e que revelou a verdadeira vocación da coruñesa. Foi unha persoa moi activa que participou da fundación de numerosas entidades e chegou, con previo permiso do réxime, a dirixir a orquestra da cidade, converténdose na primeira muller directora de orquestra española. A súa historia entra no Álbum de Galicai cunha entrada asinada por María del Carmen Lorenzo Vizcaíno.
11/03/2022

O Consello da Cultura Galega coorganiza a asemblea anual de AEDOM que se desenvolve ata mañá en Santiago

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, recibiu esta mañá a diferentes membros da Asociación Española de Documentación Musical (AEDOM), que celebra entre hoxe e mañá en Santiago de Compostela a súa asemblea anual. O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) do CCG organiza, en colaboración coa Real Filharmonía de Galicia, este encontro de gran importancia para o patrimonio sonoro.
23/02/2022

O Consello da Cultura Galega edita partituras inéditas de Carlos López García-Picos e incorpora a súa entrada ao Álbum de Galicia

Neste 2022 celébrase o centenario do nacemento de Carlos López García-Picos (Betanzos, 1922-Oleiros, 2009). Foi un músico sobranceiro e multifacético (compositor, director de corais, dinamizador cultural...) que estivo sempre comprometido coa causa galega. Co gallo da efeméride parte da súa obra pódese ler na publicación Obras para violín e violonchelo, que acaba de publicar o Consello da Cultura Galega (CCG) con edición de Joám Trillo. Ademais, Javier Ares asina a entrada sobre o compositor que se acaba de incorporar ao Álbum de Galicia.
17/02/2022

O Arquivo Sonoro de Galicia propón captar a identidade sonora de Friol cunha actividade

O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG), centro do Consello da Cultura Galega (CCG), realiza este venres 18 de febreiro unha nova actividade encamiñada a enriquecer o Mapa Sonoro de Galicia. A iniciativa trasládase ao concello de Friol (Lugo) cunha sesión que visibiliza o proxecto e convida á veciñanza a que rexistre os sons característicos desta vila para incorporalos ao mapa.