Noticias

Arquivo da Emigración Galega (CCG). Rexistros61 a 90 de 123
28/04/2022

A acción filantrópica de García Barbón centra a nova entrega do especial Historias de ida e Volta

O Colexio san José de Verín, o Hotel Balneario de Cabreiroá, o teatro Rosalía de Castro de Vigo... a acción filantrópica de José García Barbón y Sola (Verín, 1831- Vigo, 1909) foi ampla e xenerosa. O seu legado centra este mes de abril a nova entrega do especial Historias de ida e volta. O proxecto do Arquivo do Emigración (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Secretaría Xeral da Emigración, recupera en vinte imaxes e documentos procedentes deste arquivo algunhas das iniciativas que contribuíu a crear.
21/04/2022

Novos números do Repertorio de Prensa da Emigración, que estrea nova periodicidade

O proxecto do Repertorio de Prensa da Emigración pon a disposición da cidadanía neste mes de abril 56 novos números do xornal Galicia, voceiro da Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina. Con esta nova entrega múdase tamén a data de actualización deste proxecto que se fixa agora cada terceiro xoves de mes.
24/03/2022

A nova entrega do especial Historias de ida e Volta homenaxea as mulleres da diáspora galega

Neste mes de marzo a nova entrega do especial Historias de ida e volta vólcase en traer á memoria voces femininas da diáspora. Andrea López Chao, Anisia Miranda, A bella Otero, Sofía Casanova, Maruxa Mallo...son algúns dos nomes que nos ofrece este proxecto, iniciativa do Arquivo do Emigración do Consello da Cultura Galega (CCG) e da Secretaría Xeral da Emigración. Vinte imaxes e documentos procedentes deste arquivo ofrecen unha nova lectura da historia da emigración en clave feminina.
10/03/2022

A colección Clásicos da emigración amplíase cunha obra pioneira nos estudos sobre América

“Luisa Cuesta foi unha pioneira nos estudos americanistas e todos os que estudamos os vínculos con América bebemos deste texto” asegurou a historiadora Pilar Cagiao, autora do estudo introdutorio do libro La emigración gallega a América. É o último volume en incorporarse á colección Clásicos da Emigración que promoven o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Secretaría Xeral da Emigración. Os titulares de ambas entidades, Rosario Álvarez e Antonio Rodríguez Miranda respectivamente, xunto co director do Arquivo da Emigración Galega, Xosé Manoel Núñez Seixas, presentaron este novo volume que axuda a mellorar o coñecemento do fenómeno migratorio. A publicación xa se pode descargar desde o web do CCG.
04/03/2022

Actualizado o Repertorio de prensa da emigración con novos números do xornal Opinión Gallega

Como cada primeiro venres de mes, o Repertorio de prensa da emigración actualízase con fondos procedente do Arquivo da Emigración Galega (AEG), centro dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). Desta volta súbense 57 números do xornal Opinión Gallega de Bos Aires, órgano de prensa do Centro Orensano e do Centro Pontevedrés no que colaboraron destacados galeguistas como Castelao, Plácido Castro ou Antón Alonso Ríos, entre moitos outros.
18/02/2022

O especial Historias de ida e Volta documenta en vinte imaxes o secuestro do Santa Maria

Un trastlántico con 650 pasaxeiros. Tres homes: o excapitán Henrique Galvao, Xosé Velo Mosquera e José Fernando Fernández Vázquez, chamado comandante Sotomayor. E unha causa: a denuncia das dictaduras de Franco e Salazar. A coñecida historia do secuestro do Santa María ocupa unha nova entrega do proxecto Historias de ida e volta, iniciativa do Arquivo do Emigración do Consello da Cultura Galega (CCG) e da Secretaría Xeral da Emigración. Vinte imaxes e documentos procedentes deste arquivo ofrecen unha nova lectura dun episodio da nosa historia recente que deu a volta ao mundo.
04/02/2022

Novas incorporacións ao repertorio de prensa da emigración galega

O Arquivo da Emigración Galega, centro do Consello da Cultura Galega (CCG), acaba incorporar ao seu proxecto Repertorio de Prensa da Emigración Galega sete novos números de La Voz de Breogán editado pola Xuventude de Galicia de Lisboa. Ademais, tamén se incorpora o primeiro numero do xornal Heraldo de Galicia que editou esta mesma sociedade. Todos os números foron doados por Miguel Regojo Fernández, neto do socio número 1 e fundador da sociedade, Ramiro Vidal Carrera.
30/12/2021

O especial Historias de ida e Volta lembra unha das sociedades benéficas máis destacadas da emigración en Cuba no seu aniversario

Hoxe, 31 de decembro, cúmprense 150 anos da creación da Sociedade de Beneficencia de Naturales de Galicia (SBNG). Un centro creado en Cuba para atender aos emigrantes galegos que tiñan problemas de saúde ou de traballo. O proxecto Historias de ida e volta, iniciativa do Arquivo do Emigración do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Secretaría Xeral da Emigración, suma unha entrega extra para documentar a traxectoria deste centro fundamental para entender a emigración en Cuba.
15/12/2021

A biografía Federico Mediante, escritor de novelas populares, incorpórase ao Álbum de Galicia

Arxentina e España son os eixes de coordenadas de Federico Mediante (Abres (A Veiga, Asturias), 1888 - Madrid, 1951), un prolífico escritor de novelas populares coñecido como o Salgari español. A súa entrada, que se incorpora hoxe ao Álbum de Galicia, está asinada por Ana Rosa Martínez Loredo.
03/12/2021

O Repertorio da Prensa da Emigración Galega incorpora unha nova cabeceira

O Arquivo da Emigración Galega, centro do Consello da Cultura Galega (CCG), acaba incorporar ao seu proxecto Repertorio de Prensa da Emigración Galega 14 novos números. Conforman os fondos do Boletín de la Sociedad Cultural y Agraria del Distrito de Mugía que foron doados polo historiador, antropólogo e xestor cultural, Manuel Vilar Álvarez.
19/11/2021

O especial “Historias de ida e volta” amosa a emigración galega a destinos pouco frecuentes

A nova entrega do especial “Historias de ida e volta”, proxecto web realizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, amosa aqueles destinos atípicos dos nosos emigrantes. Lugares como Panamá, Perú ou Australia, malia non ser numerosos, forman parte da historia da emigración galega. Vinte fotografías e documentos cedidos polos seus protagonistas achégannos outros destinos menos coñecidos.
12/11/2021

A presidenta do Consello da Cultura Galega recibe a visita do novo cónsul xeral do Uruguai

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, reuniuse esta mañá co novo cónsul xeral do Uruguai en Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco, Ramiro Rodríguez Bausero, logo da súa incorporación a este destino, con sede en Santiago de Compostela. O cónsul asinou no Libro de Honra da institución.
05/11/2021

Incorpóranse aos fondos hemerográficos 347 números do xornal anarquista Cultura Proletaria

O Arquivo da Emigración Galega (AEG), dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), acaba de poñer a disposición da cidadanía a dixitalización de 347 números do xornal anarquista Cultura Proletaria, cabeceira editada en Nova York entre 1927 e 1953, que contou con colaboradores e xornalistas galegos. Este primeiro lote forma parte dos fondos hemerográficos do AEG.
22/10/2021

A duodécima entrega do especial “Historias de ida e volta” documenta a emigración galega a Europa

A partir de 1959 a emigración galega dirixiuse cara a aqueles países europeos que se atopaban en pleno desenvolvemento industrial e tecnolóxico e que precisaban man de obra estranxeira. Alemaña, Suíza, Francia e Holanda, seguidos do Reino Unido e Bélxica convertéronse nos países de destino das novas vagas migratorias. A duodécima entrega do especial “Historias de ida e volta”, un proxecto web realizado polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, ofrece fotografías e documentos que poñen de manifesto a emigración galega cara a Europa nos anos setenta e setenta.
01/10/2021

O repertorio de prensa da emigración suma novos números coa primeira época de El Despertar Gallego

Co gallo do centenario da fundación da Federación de Sociedades Gallegas, que se cumpriu o pasado 25 de setembro, o proxecto “Repertorio de prensa da emigración” actualizase con novos números do que foi o órgano de expresión desta sociedade: El Despertar Gallego.
01/10/2021

Conclúe en Donosti a 31º xuntanza de AEMI na que participou o Consello da Cultura Galega

Hoxe remata en Donosti a 31ª Conferencia da Asociación Europea das Migracións (AEMI) que levaba por título “Relacións entre as diásporas e os seus países de acollida: Novas migracións, movementos de retorno e contexto histórico”. A responsable de Acción Exterior, Emilia García López, participou no encontro cuxa organización recaeu nesta ocasión na Dirección para a Comunidade Vasca no Exterior do Goberno Vasco. Contou coa asistencia de membros de entidades de 17 países e xa ten os ollos postos na seguinte cita que analizará movementos migratorios e que se vai celebrar en Portugal.
03/09/2021

O Arquivo da Emigración Galega amplía o repertorio de prensa da emigración con novos números

Son trinta números que recollen unha mostra representativa do Boletín oficial de la sociedad Fomento de Porriño y su distrito, unha publicación editada en Bos Aires para informar dos asuntos internos da institución e outras novas de interese relacionadas con Porriño. É un novo lote de números que completa o proxecto Repertorio de prensa da emigración” que mantén o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG) e que se pode consultar na rede.
20/08/2021

O Consello da Cultura Galega colabora na cuarta edición do Ares Indiano coa mostra Os Adeuses

Este sábado 21 de agosto comeza a cuarta edición do Ares Indiano, unha celebración organizada por este concello coruñés para conmemorar o pasado emigrante da vila. O Consello da Cultura Galega (CCG) colabora nesta ocasión con Os Adeuses, a exposición que amosa, a través da ollada do fotógrafo Alberto Martí, os últimos momentos da emigración galega cara a América. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, asiste á inauguración da mostra que se encadra dentro dos actos de apertura do Ares Indiano xunto co alcalde, Julio Iglesias Redondo, e a concelleira de Cultura e Emprego, Alma Barrón. A exposición está divida en dúas das escolas financiadas polos emigrantes locais, a escola Alianza Aresana e a escola da Tenencia en Caamouco, e pode verse ata o 31 de agosto.
09/07/2021

O Consello da Cultura Galega pon na rede unha edición facsimilarVindicación. Vida e milagros de Pepe de Xan Baña

O Consello da Cultura Galega (CCG) puxo a disposición pública en Internet o libro Vindicación. Vida e milagros de Pepe de Xan Baña en trinta anos de Cuba, do emigrante de Santa Comba Xosé Baña Pose. Este volume foi publicado orixinalmente en 1921 en La Habana, co obxectivo de ser repartido entre os veciños xalleiros na seguinte viaxe do escritor. O libro conta cun estudo introdutorio do profesor da Universidade de Vigo Xosé Henrique Costas González, no que se analizan as particularidades da lingua galega empregada na publicación. Está editado na colección Clásicos da Emigración do CCG e a Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia.
21/04/2021

O Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral da Emigración asinan un acordo para visibilizar o fenómeno migratorio

Exposicións, difusión de actividades e traballos de catalogación de sociedade de emigrantes para incrementar a promoción, conservación e recuperación do patrimonio cultural galego. Este é o cometido do acordo asinado esta mañá pola presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e o Secretario Xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda.
17/04/2021

Unha publicación do Consello da Cultura Galega revisa e contextualiza o fenómeno das Irmandades da Fala

“As Irmandades da Fala no seu tempo: perspectivas cruzadas” é o título da última publicación dixital do Consello da Cultura Galega (CCG). Máis de cincocentas páxinas serven para explicar e contextualizar este movemento fundamental da nosa cultura desde unha perspectiva que nunca se abordara: a comparada. Isto permite situar o movemento histórico no seu contexto actual, é dicir, desde a perspectiva peninsular, europea e a dimensión americana da diáspora. O texto nútrese das palestras dos congresos que entre 2016 e 2018 o CCG realizou para celebrar o centenario da fundación e expansión das Irmandades da Fala. Ramón Villares, Xosé Manoel Núñez Seixas e Ramón Máiz foron coordinadores destas citas e tamén da actual publicación que xunta as principais contribucións. Complementa a publicación un vídeo no que participan Villares e Núñez Seixas,cunha presentación da presidenta do CCG, Rosario Álvarez. Todo ese material está dispoñible desde hoxe no web da institución.
16/04/2021

O especial “Historias de ida e volta” centra unha nova entrada no legado educativo da emigración

O Arquivo de Emigración Galega (AEG) ten catalogadas 317 escolas de americanos espalladas por toda Galicia, 103 filántropos que deixaron a súa pegada nos seus lugares de orixe e 162 sociedades instrutivas que conseguiron o seu soño de fundar centros de ensino nas súas parroquias, aldeas ou vilas. Unhas cifras que dan conta da importancia que a emigración desenvolveu no ámbito educativo no noso país. Isto é o que aborda a sétima entrega do especial “Historias de ida e volta”, un proxecto web realizado polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración. Esta iniciativa pretende contribuír á difusión de materiais que custodia o AEG e á visibilización do fenómeno migratorio.
06/04/2021

Presentada a edición facsimilar de “Fardel de eisilado”, poemario que recupera a faceta poética de Seoane

“Fardel de eisilado” foi un dos libros máis queridos por Luís Seoane (Bos Aires, 1910- A Coruña, 1979). Concibiuno como un libro de debuxos con textos e acabou sendo un dos poemarios que inauguraron a poesía socialrealista na literatura galega. A presidenta do Consello da Cultura Galega(CCG), Rosario Álvarez; o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda e a directora da Fundación Luis Seoane, Silvia Longueira, presentaron esta tarde na Coruña a edición facsimilar deste texto. O acto contou coa participación do director do Arquivo da Emigración Galega, Xosé M. Núñez Seixas máis do autor do estudo introdutorio, Gregorio Ferreiro Fente.
07/04/2021

O Álbum de Galicia incorpora a biografía de Ramiro Vidal, figura clave da colectivdade galega en Lisboa

Foi unha figura destacada para entender o xermolo da colectividade galega en Lisboa. Ramiro Vidal Carrera (Taboexa, As Neves, 1887 - Vilasobroso, Mondariz, 1967) é a última incorporación ao Álbum de Galicia. A súa entrada biográfica achega a súa evolución como empresario, pero tamén a súa faceta de político e colaborador en diferentes xornais.
31/03/2021

O Consello da Cultura Galega recibe unha doazón sobre Urbano Feijóo de Sotomayor

A figura de Urbano Feijóo de Sotomayor (1808-1898) é bastante controvertida. Foi un empresario e político galego que promoveu a creación dun plan de colonización que facilitase, en termos xurídicos, económicos, filantrópicos e prácticos a chegada a Cuba de galegos. Un operativo que se iniciou en 1854 e rematou dous anos despois nunha crise motivada polo trato denigrante dispensado aos traballadores. Algúns dos documentos que axudan a comprender esta época están no fondo documental que o profesor Luis T. González del Valle acaba de doar ao Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG) con intermediación da Secretaría Xeral da Emigración.
19/03/2021

O papel das mulleres na emigración ocupa a sexta entrega do especial “Historias de ida e volta”

Rosalía de Castro chamoulles "viúvas de vivos", mulleres que quedaron na terra para o coidado do fogar e dos fillos. Canda elas tamén están as que emigraron en busca dunha vida mellor e que no camiño se atoparon con numerosas dificultades na súa integración, non só como inmigrantes senón tamén polo seu xénero. A sexta entrega do especial “Historias de ida e volta”, un proxecto web realizado polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, amosa o incuestionable papel que a muller galega desempeñou no fenómeno migratorio do noso país. Esta iniciativa pretende contribuír á difusión de materiais que custodia o Arquivo da Emigración Galega (AEG) para visibilizar o fenómeno migratorio.
11/03/2021

A biografía de Luis Taibo incorpórase ao Álbum de Galicia

Luis Taibo tivo dúas grandes paixóns na súa vida: a música e a medicina. Fixo carreira profesional en ambas as dúas e aínda que naceu en Santiago pasou a maior parte da súa vida en México. A súa entrada acaba de incorporarse ao Álbum de Galicia.
19/02/2021

O especial “Historias de ida e volta” dedica esta entrega a amosar o lecer na emigración

Festas, xantares, competicións deportivas, representacións teatrais..., foron moitas e moi variadas as formas de socialización dos nosos emigrantes. Integrábanse en colectividades e sociedades a través das que organizaban actividades para pasar o tempo libre á vez que mantiñan vivos os vínculos coa terra. A quinta entrega do especial “Historias de ida e volta”, un proxecto web realizado polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, documenta as formas de lecer. Esta iniciativa pretende contribuír á difusión de materiais que custodia o Arquivo da Emigración Galega (AEG) para visibilizar o fenómeno migratorio.
18/12/2020

O Consello da Cultura Galega sube á rede nova documentación sobre o fenómeno migratorio

“De Galicia a América: a chegada a un novo mundo” é o título dunha nova entrega do especial “Historias de ida e volta”, un proxecto web realizado polo Consello da Cultura Galega (CCG), en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, que pretende difundir material sobre o fenómento migratorio. Nesta ocasión, difúndense unha vintena de fotografías e documentos sobre o momento da chegada dos galegos e galegas a América no século XX.
09/12/2020

A colección “Clásicos da emigración” suma unha nova obra que amosa a Luís Seoane como poeta

Luís Seoane (Bos Aires, 1910-A Coruña, 1979) foi un dos intelectuais máis completos da cultura galega. A súa figura, máis coñecida polo seu destacado traballo no ámbito das artes plásticas, cultivou moitas outras facetas. Hoxe, no marco da colección “Clásicos da emigración” que promoven o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Secretaría Xeral da Emigración, preséntase Fardel de eisilado, que amosa tamén a súa faceta poética. O profesor de lingua e literatura Gregorio Ferreiro Fente é o encargado do detallado estudo desta obra. Ademais, o CCG enriquece a publicación deste volume, que xa se pode descargar no sitio web da institución, con fotografías procedentes do Arquivo da Emigración Galega.