Novas da lingua

Rexistros4141 a 4160 de 4160
21/03/2007. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Porto do Son

O Concello de Porto do Son publica, no BOP da Coruña do 21 de marzo de 2007, a convocatoria do proceso selectivo para a provisión dunha praza de técnico/a de normalización lingüística (contrato laboral temporal por obra ou servizo determinado).
O sistema de selección será o de concurso-oposición e os/as aspirantes deberán posuír o título da licenciatura en Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués).

O prazo de presentación de solicitudes é de 15 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
20/03/2007. OUTRAS

Protocolo de colaboración entre Galicia, Cataluña e o País Vasco

A secretaria xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e os seus homólogos catalán e vasco asinaron un acordo de colaboración en materia de política lingüística que inclúe unha serie de medidas conxuntas destinadas á promoción das respectivas linguas propias tanto no ámbito do Estado como da Unión Europea.

O acordo ten unha vixencia de tres anos prorrogables e con el preténdese consolidar un marco estable de colaboración entre as tres administracións. Se desexa máis información, prema aquí.
12/03/2007. EMPREGO

Bolsas de colaboración no Centro Ramón Piñeiro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica, no DOG do 12 de marzo de 2007, a convocatoria de oito bolsas de colaboración en diferentes proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Trátase en concreto dos seguintes proxectos: dicionarios de literatura (1 bolsa), síntese de voz en galego (1 bolsa), cadernos de fraseoloxía galega (1 bolsa), corpus de referencia do galego actual (1 bolsa), corpus documentale latinum gallaeciae (1 bolsa), dimensións de identidade colectiva en Galicia (2 bolsas) e catalogación dos fondos bibliográficos do Centro Ramón Piñeiro (1 bolsa).

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
12/03/2007. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua e cultura galegas para residentes no exterior

A Secretaría Xeral de Emigración e a Secretaría Xeral de Política Lingüística publican, no DOG do 9 de marzo de 2007, a convocatoria de cursos de iniciación e perfeccionamento da lingua galega, de extensión cultural galega e de animación ao coñecemento do galego para a súa realización nos centros galegos e comunidades galegas do exterior.

O prazo para que as entidades galegas presenten as súas solicitudes remata o 9 de abril de 2007. Se desexa máis información, prema aquí.
12/03/2007. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a creación de páxinas web en galego

A Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia publica, no DOG do 7 de marzo de 2007, a convocatoria de axudas a entidades sen ánimo de lucro para a creación de páxinas web en galego na internet.

O prazo para a presentación de solicitudes é de 31 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
08/03/2007. CURSOS E CONGRESOS

Máis alá do nacional na produción cultural galega contemporánea

O Centro de Estudos Galegos en Gales (Universidade de Gales, Bangor) e mais a Universidade de Liverpool organizan o congreso internacional Saíndo da nación? Máis alá do nacional na produción cultural galega contemporánea, que terá lugar os días 18, 19 e 20 de marzo de 2008.

O prazo para enviar as comunicacións remata o 1 de setembro de 2007. Se desexa máis información sobre as liñas temáticas propostas pola organización ou sobre outras cuestións organizativas, prema aquí.
08/03/2007. EMPREGO

Bolsas de estadía no Centro Ramón Piñeiro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica, no DOG do 7 de marzo de 2007, a convocatoria pública de 10 bolsas de estadía destinadas a investigadores de fóra de Galicia para colaborar en proxectos de investigación do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

O período da estadía será de entre dous e sete meses, non podendo superar a data tope do 31 de decembro de 2007. O prazo de presentación das solicitudes é de 40 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación no DOG desta convocatoria.
08/03/2007. AXUDAS E PREMIOS

Axudas aos equipos de normalización lingüística dos centros públicos

Co ánimo de contribuír ao financiamento de proxectos destinados á promoción do galego no ensino, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia convoca axudas para os equipos de normalización lingüística dos centros de ensino públicos.

O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días, que comezarán a contar desde a publicación no DOG desta convocatoria.

06/03/2007. DINAMIZACIóN

Consulte en liña o novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar en liña o número 33 do Cartafol Dixital, voceiro da Universidade de Santiago de Compostela en materia de normalización lingüística.

Entre os contidos deste número salientamos os datos sobre a docencia en galego na USC no curso 2006-2007, o artigo sobre o proxecto de novo decreto para o uso do galego no ensino non universitario ou as convocatorias de cursos de galego para non galegofalantes e de axudas para a investigación en lingua galega.

02/03/2007. CURSOS E CONGRESOS

Curso de formación de profesores de galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Cursos Internacionais da USC organizan un curso de formación de profesores de galego que se desenvolverá entre o 19 e o 28 de marzo de 2007 en Santiago de Compostela.

O custo do curso é de 40 euros e o prazo de matrícula remata o vindeiro 13 de marzo.

02/03/2007. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua galega para adultos e colectivos

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica, no DOG do 23 de febreiro de 2007, a convocatoria de cursos de galego oral, de iniciación e de perfeccionamento da lingua galega para adultos e colectivos de Galicia e de fóra de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
02/03/2007. AXUDAS E PREMIOS

Premios Letras Galegas 2007 para o alumnado e o profesorado

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convocan, con motivo do Día das Letras Galegas 2007, premios para o profesorado que realice webquests e para o profesorado e o alumnado que elabore libros web colectivos sobre a autora homenaxeada, María Mariño Carou.

A iniciativa ten como principais obxectivos propiciar a reflexión sociolingüística sobre a etapa histórica da autora, enriquecer a oferta de materiais didácticos en lingua galega e fomentar o uso das novas tecnoloxías na aula.

Para acceder ao texto completo da convocatoria, prema aquí.

02/03/2007. AXUDAS E PREMIOS

Axudas aos equipos de normalización lingüística dos centros privados

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica, no DOG do 23 de febreiro de 2007, a convocatoria de axudas a equipos de normalización lingüística dos centros de ensino privados.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
02/03/2007. DINAMIZACIóN

Dinamizando as aulas en Betanzos

A Concellaría de Xuventude e Normalización Lingüística do Concello de Betanzos, coa colaboración do Equipo de Normalización Lingüística do IES Francisco Aguiar, organizan o obradoiro Máis Alá, iniciativa de intervención lúdico-educativa que quere fomentar entre os/as adolescentes o respecto pola diversidade cultural e lingüística.

Esta mesma actividade foi xa desenvolvida con éxito durante o primeiro trimestre do curso 2006-2007 no IES As Mariñas, do mesmo concello.
28/02/2007. AXUDAS E PREMIOS

IV Certame Literario Concello de Ames

A Concellaría de Cultura e Deportes do Concello de Ames, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, convoca a cuarta edición deste certame literario que ten como principal obxectivo promover os novos valores da literatura en lingua galega.

O certame conta con dúas modalidades (narrativa e poesía) e en cada unha delas estableceranse tres categorías, segundo a idade dos participantes. Os textos, de tema libre, deben ser inéditos e estar escritos en lingua galega. O prazo de presentación de orixinais remata o 13 de abril de 2007. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
23/02/2007. INVESTIGACIóN

Galicia 21, nova revista para a reflexión científica sobre os estudos galegos

Os centros de estudos galegos das universidades de Stirling e Bangor acaban de presentar esta nova publicación periódica en liña, aínda en proceso de elaboración, destinada á reflexión científica sobre os estudos galegos (historia, música, literatura, lingüística...) desde unha perspectiva multidisciplinar.

O comité editorial está composto por académicos de 10 universidades de Europa e Estados Unidos e os editores, o Dr. Craig Patterson e a Dra. Helena Miguélez, convidan a todas as persoas interesadas a participar cos seus artigos nesta iniciativa.

Para obter máis información, prema aquí.

23/02/2007. LEXISLACIóN

Novo decreto para o uso do galego no ensino

A Administración educativa autonómica e os tres grupos parlamentarios galegos acordan a aprobación dun novo decreto para o uso do galego no ensino que comezará a aplicarse o vindeiro curso.

A principal novidade con respecto á lexislación vixente é que, segundo esta nova normativa, tanto no ensino primario como secundario deberá impartirse como mínimo o 50% da docencia en galego. No ensino infantil (0-6 anos) o profesorado usará na aula a lingua materna predominante entre o alumnado e no ensino de adultos, a partir da ESO a docencia será integramente en galego.

Pode consultar o texto completo do novo decreto no web da Mesa pola Normalización Lingüística.
21/02/2007. AXUDAS E PREMIOS

III Premio a artigos xornalísticos normalizadores

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo convoca a terceira edición deste premio que ten como obxectivo principal promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega e crear espazos nos xornais para analizar este tema.

O certame outorga un primeiro premio de 1000 euros e un segundo de 350, ademais da publicación dos artigos gañadores nos oito medios de comunicación escritos que colaboran coa iniciativa.

O prazo de presentación dos artigos remata o 18 de abril de 2007.

Se desexa consultar as bases, prema aquí.
14/02/2007. DINAMIZACIóN

Os Bolechas axudan a promover o galego entre os máis pequenos

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Secretaría Xeral de Igualdade presentaron a campaña de dinamización lingüística Eu son, destinada a fomentar o uso do galego na educación infantil.

Os Bolechas, personaxes populares dos contos infantís, son os protagonistas desta nova iniciativa e tamén dos materiais lúdicos e didácticos (cadernos, contos, crebacabezas...) que se distribuirán entre os máis pequenos.

Se desexa máis información, prema aquí.
16/02/2007. CURSOS E CONGRESOS

Formación lingüística para as probas de tradución e interpretación xurada

A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI) organiza un curso de galego destinado especialmente a todas as persoas interesadas en presentarse ás probas de habilitación profesional para tradutores e intérpretes xurados.

O curso, de 20 h de duración, terá lugar os venres 2, 9, 16, 23 e 30 de marzo, en horario de 16:00 a 20:00 h, na Facultade de Filoloxía da USC. O prazo de preinscrición remata o vindeiro 20 de febreiro de 2007.

As persoas interesadas en asistir ao curso deberán enviar un correo cos seus datos persoais a info@agpti.org, onde lle facilitarán máis información sobre esta actividade.
06/02/2007. DINAMIZACIóN

Carballo literactúa en galego

A Concellaría de Cultura, Ensino e Normalización Lingüística do Concello de Carballo organiza Literactúa, un programa de difusión do libro e da lectura en lingua galega.

A iniciativa consiste en propor cada trimestre a lectura de tres libros, que se darán a coñecer por medio de marcapáxinas, e posteriormente convidar os seus autores/as para participar en actos de conversa que terán lugar o último mércores de cada mes nun establecemento hostaleiro da localidade.
30/01/2007. CURSOS E CONGRESOS

Aprendendo a constituír e xestionar equipos de traballo

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza un novo curso de formación sobre a constitución de equipos de traballo e grupos de participación, que se desenvolverá na Facultade de Filoloxía da USC os días 15 e 16 de febreiro de 2007, en horario de mañá (de 10 a 14 horas) e de tarde (de 16 a 20 horas).

O prazo de preinscrición remata o 30 de xaneiro. Se desexa máis información, prema aquí.
30/01/2007. EMPREGO

Bolsas de colaboración no SNL da Universidade da Coruña

A Universidade da Coruña convoca dúas bolsas de colaboración, unha para desenvolver labores de apoio ao seu Servizo de Normalización Lingüística e outra para axudar ao desenvolvemento do plano de normalización lingüística. Poden optar a estas bolsas todas as persoas que obtivesen o título de licenciado/a nos últimos cinco anos e que ademais sexan estudantes de terceiro ciclo na UDC. No caso da bolsa para colaborar co SNL requírese a licenciatura específica de Filoloxía Galega.

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 5 de febreiro de 2007.

Se desexa máis información, prema aquí.

30/01/2007. DINAMIZACIóN

Longa Lingua, nova publicación para o debate sociolingüístico

Sae á rúa Longa Lingua, publicación periódica editada pola Mesa pola Normalización Lingüística que ofrece un novo espazo para a análise e o debate sobre lingua e sociedade en Galicia.

A revista, de periodicidade mensual e cunha tiraxe de 5 000 exemplares, quere servir tamén de foro de debate no ámbito educativo, polo que achegará ao longo dos diferentes números materiais didácticos de utilidade para os equipos de normalización lingüística.

30/01/2007. DINAMIZACIóN

En galego, tes todo por dicir

Co obxectivo de vincular a lingua galega á imaxe estética da contemporaneidade, a Secretaría Xeral de Política Lingüística acaba de presentar a campaña En galego, tes todo por dicir.

A iniciativa está dirixida ao conxunto da poboación, incidindo de xeito especial en sectores estratéxicos coma a sanidade, o comercio, as novas tecnoloxías ou a mocidade, e terá presenza durante todo o ano nos medios de comunicación, nos valados publicitarios e en internet.
18/01/2007. OUTRAS

A Xunta de Galicia crea a Comisión Interdepartamental para a Normalización Lingüística

A través do Decreto 258/2006, do 28 de decembro, créase a Comisión Interdepartamental
da Xunta de Galicia para a Normalización Lingüística, que terá como misión o impulso
e coordinación do proceso normalizador no ámbito da Administración autonómica, velando así polo
cumprimento dos obxectivos que para este ámbito se establecen no Plan xeral de normalización da lingua galega.

Coa publicación deste decreto queda derogado o anterior Decreto 221/1990, a través do que se creara a Comisión Coordinadora para a Normalización Lingüística, órgano que levaba xa varios anos practicamente inactivo.

17/01/2007. EMPREGO

Listas de profesorado para o ensino non regrado

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publica, no DOG do 17 de xaneiro, a convocatoria de listas de profesorado colaborador para impartir os cursos de galego que organiza a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.

Se desexa máis información sobre os requisitos que deben posuír os aspirantes, os creterios de baremación ou o réxime de chamamento dos docentes, prema aquí.

12/01/2007. OUTRAS

Habilitación profesional para tradutores e intérpretes xurados

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publica, no DOG do 9 de xaneiro de 2007, a convocatoria pública de probas de habilitación profesional para a tradución e a interpretación xurada do galego para outras linguas, e viceversa.

O prazo de presentación de solicitudes é do 15 ao 31 de xaneiro. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.

09/01/2007. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións a entidades privadas sen fin de lucro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia publica, no DOG do 9 de xaneiro de 2007, a convocatoria pública de axudas a entidades privadas sen fin de lucro para incrementar os usos da lingua galega nos ámbitos da familia, da infancia e da mocidade.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
08/01/2007. CURSOS E CONGRESOS

Seminario sobre onomástica galega

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra organiza o seminario Claves de onomástica galega, que será impartido polo profesor Gonzalo Navaza durante os días 22-24 e 29-31 de xaneiro no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Todas as persoas interesadas teñen de prazo para enviar a ficha de inscrición ata o vindeiro día 18 deste mesmo mes.