noticias

Rexistros 31 a 60 de 1451
21/12/2017

O Consello da cultura presenta o Mapa Sonoro de Galicia, unha web para explorar a diversidade cultural de Galicia a través do audio

O Mapa Sonoro de Galicia (mapasonoro.consellodacultura.gal) é un novo proxecto web do Consello da Cultura Galega (CCG) que nace co obxectivo de ofrecer unha perspectiva xeográfica a coleccións sonoras xa custodiadas pola institución (no Arquivo Sonoro de Galicia) ou por outras entidades e particulares. Está especializado en coleccións de recollida antropolóxica, etnográfica, lingüística ou de sons da natureza, ambiente ou de actividade humana.
15/12/2017

Unha mesa redonda e unha publicación do Consello da Cultura completan a revisión do legado de Anna Turbau sobre Galicia

O presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, e a editora da obra, Natalia Poncela, presentaron esta mañá “Anna Turbau. Galicia, 1975-1979”, a publicación que recolle unha parte significativa do legado que a fotógrafa Anna Turbau (Barcelona, 1949) cedeu ao CCG. A publicación, xunto coa exposición, comisariada por Margarita Ledo (Pazo de Fonseca, ata o 16 de xaneiro), permiten ver os conflitos sociais, políticos e humanos cos que a fotógrafa se atopou a finais dos anos setenta. O volume deuse a coñecer no marco dunha serie de actividades en que tamén houbo unha mesa redonda na que participaron, ademais de Anna Turbau, César Portela, Cristina Zelich e Margarita Ledo.
14/12/2017

Alberto Núñez Feijóo é investido Honoris Causa pola Universidade Trás os Montes cunha laudatio de Ramón Villares

A Universidade de Trás-Os-Montes e Alo Douro (UTAD) recoñeceu neste serán ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, co título Doutor Honoris Causa. O acto contou coa participación do presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, que leu a laudatio do homenaxeado na que destacou a historia recente das relacións e conexións entre Galicia e Portugal.
12/12/2017

O Consello da Cultura xunta mañá a poesía galega e catalá nunha nova edición de “Poetas Itinerantes”

Mañá mércores terá lugar no Consello da Cultura Galega unha nova edición do recital “Poetas Itinerantes”, un encontro promovido por esta institución xunto co Instituto Ramón Llul e o Etxepare para exhibir o que se está a facer en Galicia, Cataluña e o País Vasco a nivel poético. A cita, que estaba previsto que se celebrase en outubro, tivo que ser adiada pola imposibilidade de se desprazar da comitiva catalá. Nela participan Anna Gual, Blanca Llum Vidal, Joan Pons, Marilar Aleixandre, Yolanda Castaño e Rosalía Fernández Rial.
30/11/2017

O uso de técnicas variadas e aliaxe de prata e ouro caracterizan a ourivaría castrexa

O Tesouro de Recouso é o conxunto de ourivaría castrexa estudado cun maior número de técnicas analíticas. Sobre el falouse na última sesión do ano dos Encontros co patrimonio que organiza o Consello da Cultura Galega. A cita serviu para explicar a variabilidade tecnolóxica, a aliaxe de materiais e a diversidade de usos da ourivaría dos castros. A coordinadora deste encontro, Rebeca Blanco Rotea, aproveitou para facer balance deste tipo de encontros que suma xa 15 sesións ás que asistiron unhas 750 persoas e que serviron para dar a coñecer á cidadanía a situación actual do patrimonio.
29/11/2017

A xornada “Bo uso e mal uso do mar” analizará mañá a relación das mulleres co medio mariño

Mañá comeza en Pontevedra a cuarta edición da xornada “Bo e mal uso do mar”, que este ano pon o foco nas mulleres que se dedicaron aos oficios do mar, á investigación en ciencias mariñas e en educación para a sustentabilidade oceánica. A cita está organizada polo Consello da Cultura Galega e a Universidade de Vigo, a través do Campus do Mar. A xornada, que conta con douscentos asistentes inscritos, poderase seguir en directo desde o web da Universidade de Vigo.
29/11/2017

O Consello da Cultura aborda mañá a ourivaría castrexa nunha xornada

En 1920 atopouse no concello de Oroso un conxunto composto por 16 arracadas, diversos elementos de suspensión, tres lingotes e unha masa de fundición. É coñecido como o Tesouro de Recouso o conxunto de ourivaría castrexa estudado cun maior número de técnicas analíticas. Sobre el, pero tamén sobre ourivaría da cultura castrexa, tratará a xornada que o Consello da Cultura Galega (CCG) organiza mañá. A cita insírese dentro do ciclo “Encontros co patrimonio”, que cumpre dous anos, e será retransmitida en directo desde o web da institución.
27/11/2017

Expertos abordan mañá no Consello da Cultura a relación entre arte e pensamento

O Consello da Cultura Galega (CCG) estrea novo ciclo de xornadas que se chama “Entre... e a arte”. A primeira das paradas céntrase en analizar a relación existente entre o fenómeno artístico e o pensamento, e, polo tanto, titúlase “Entre o pensamento e a arte”. A cita, coordinada por Miguel Fernández-Cid, Asunta Rodríguez e Jesús Pastor Bravo, reunirá diferentes tipos de pensamentos filosóficos ou intelectuais que tratan sobre estas materias.
23/11/2017

Expertos instan no Consello da Cultura a introducir cambios para paliar a degradación ambiental

Once expertos debullaron ao longo do día de hoxe como está a afectar acción do home no medio en cuestións concretas como a enerxía, os residuos urbanos, a auga ou a nosa propia diversidade. A nivel global, pero tamén a nivel galego, todos incidiron nos efectos negativos que está a sufrir o medio pola acción humana e instaron a introducir cambios. Así se falou na xornada “O Antropoceno e Grande Aceleración. Unha ollada desde Galicia” que coordinou o profesor Francisco Díaz-Fierros no Consello da Cultura Galega.
22/11/2017

Mañá comeza no Consello da Cultura unha xornada que analiza a acción do ser humano na degradación da terra

1950 é un ano determinante para a xeoloxía. É cando se marcou o inicio dunha nova época xeolóxica coñecida como o Antropoceno. Nese ano tamén se fixa o comezo da “Grande Aceleración”. Estas dúas nocións poñen en evidencia que a acción do home ten repercusións negativas no Sistema Terra. Sobre esta problemática xira a xornada “O Antropoceno e a ‘Grande Aceleración’. Unha ollada desde Galicia”, que terá lugar mañá no Consello da Cultura Galega. A cita será inaugurada polo coordinador, Francisco Díaz Fierros e retransmitirase en directo desde o web da institución.
21/11/2017

O Consello da Cultura Galega e a Xunta acordan estudar a situación laboral da muller na cultura galega

O presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares; o vicepresidente, Alfonso Rueda; e mais o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asinaron este serán un acordo de colaboración para a elaboración do informe “A muller na cultura galega: condicións sociolaborais no ámbito cultural con perspectiva de xénero”. Un documento que pretende servir para coñecer cal é a situación da muller no sector cultural e que permitirá ao goberno galego implementar as accións políticas que sexan necesarias.
20/11/2017

Aberto o prazo de inscrición da xornada que analiza a relación da arte co pensamento

O Consello da Cultura Galega estrea novo ciclo de xornadas que pretenden afondar na arte conectándoo con outras perspectivas. A primeira das paradas centrase en analizar a relación da arte co pensamento e, polo tanto, leva por título “Entre o pensamento e a arte”. A cita ten aberto o prazo de inscrición no web do CCG e xuntará, o vindeiro martes 28 de novembro, diferentes tipos de pensamentos filosóficos ou intelectuais arredor da arte. Miguel Fernández-Cid, Asunta Rodríguez e Jesús Pastor Bravo son os coordinadores desta proposta.
17/11/2017

Un encontro do Consello da Cultura Galega destaca o “hibridismo” de Carlos Casares

Carlos Casares desempeñou un papel central na difusión da cultura galega, sobre todo polo seu carácter de embaixador, de “tecer pontes”, e tamén pola súa versatilidade. Estas ideas afloraron na maior parte das intervencións dun encontro que durante dous días xuntou no Consello da Cultura Galega (CCG) profesionais do xornalismo, da literatura, da investigación e algunhas amizades. A cita, coordinada por Dolores Vilavedra, serviu tamén para descubrir facetas menos coñecidas del, como a súa fascinación pola ciencia ou a súa dimensión relixiosa. O encontro rematou esta mañá cunha análise do seu labor como escritor en xornais.
17/11/2017

O Consello da Cultura presenta a app “A máquina do tempo” para dar a coñecer o patrimonio moble

Co gallo do Consello da Cultura Galega presenta mañá en rolda de prensa a Máquina do Tempo, unha app gratuíta, dispoñible para as principais plataformas móbiles que pon en valor o patrimonio moble de Galicia dun xeito innovador. A iniciativa dase a coñecer co gallo da celebración do Día do Patrimonio Mundial que ten lugar o vindeiro 16 de novembro. Na presentación participan o presidente do CCG, Ramón Villares e Manuel Gago, responsable da aplicación. 
15/11/2017

O Consello da Cultura Galega analiza nun libro o Consello de Galiza e os exilios ibéricos

Tal día como hoxe, de 1944, un grupo de galeguistas constituíron en Montevideo o Consello de Galiza, o goberno galego no exilio. Sobre as circunstancias e as características dese fito trata a publicación “Os exilios ibéricos: unha ollada comparada”, que hoxe presentaron, no Consello da Cultura Galega, o presidente da institución, Ramón Villares, canda o profesor Xosé Manuel Núñez Seixas. Ambos os dous editan esta publicación que recolle os textos presentados no simposio homónimo realizado en novembro de 2014. A publicación xa se pode descargar desde o web do Consello da Cultura Galega.
15/11/2017

O Consello da Cultura Galega aborda desde mañá nun encontro a faceta pública de Carlos Casares

Carlos Casares foi, para a cultura galega, moito máis que un creador. A súa faceta pública como escritor e como intelectual centra un encontro que o Consello da Cultura Galega (CCG) organiza desde mañá en Santiago de Compostela. Esta cita pretende analizar o papel desempeñado por Casares no campo político-cultural da Transición así como a actividade difusora da cultura galega no exterior. O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, e un representante da familia Casares inauguran esta cita que se poderá seguir en directo por Internet.
14/11/2017

Unha publicación do Consello da Cultura Galega documenta os cambios no galego hoxe en día

A “deriva” do galego, o contacto co castelán, os neofalantes, o purismo... e as súas posibilidades de futuro. Estas son algunhas das cuestións que trata “Estudos sobre o cambio lingüístico no galego actual”, unha publicación do Consello da Cultura Galega coa edición de Xosé Luís Regueira e Elisa Fernández Rei. Os editores, xunto con Dolores Vilavedra, coordinadora da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do CCG, e Ernesto González Seoane, director do Instituto da Lingua Galega (ILG), presentaron esta mañá este documento que pretende dar conta da variación do noso idioma.
10/11/2017

O Consello da Cultura xunta nun web as actividades dos centros da memoria no Día do Patrimonio

Visitas guiadas, xornadas de portas abertas, pezas do ano, difusión de documentos dixitalizados como o Himno Galego gravado en Barcelona no ano 1919.... son moitas e moi variadas as iniciativas que Bibliotecas, Arquivos e Museos de Galicia organizan para celebrar o Día do Patrimonio. Unhas accións que, por iniciativa do Consello da Cultura Galega (CCG), se visibilizan de xeito conxunto por primeira vez. Desde o web do CCG pódese acceder a este sitio específico que, en palabras do presidente da institución, Ramón Villares, “pretende chamar a atención sobre a importancia do patrimonio moble”.
09/11/2017

Unha xornada destaca a importancia dos dispositivos móbiles para culturas minoritarias

A importancia dos dispositivos móbiles, a necesidade de facer contidos adaptados para eles, así como a oportunidade que lle ofrecen a culturas como a galega son algunhas das ideas que diferentes expertos abordaron na cita “Sociedade móbil e cultura: novos e vellos desafíos”. Un encontro organizado polo Consello da Cultura Galega baixo a coordinación de Xosé López, Manuel Gago e Alba Silva, que puxo enriba da mesa datos de uso actuais que reforzaron a súa importancia. Nesa liña, o presidente da institución, Ramón Villares, asegurou na inauguración que “non todo se resolve con máquinas e cómpre pensar e tratar de adaptar a cultura aos soportes que ten a sociedade”.
08/11/2017

Expertos analizan mañá nunha xornada os cambios da sociedade móbil

O tráfico de Google en dispositivos móbiles superou os de escritorio en 2016 e desde entón non parou de subir. 87 de cada cen usuarios de Facebook fano a través do móbil e son nove máis que hai un ano. Son algunhas cifras que poñen de manifesto a relevancia da comunicación móbil hoxe en día. Sobre esta realidade falarán mañá expertos de ámbito internacional no Consello da Cultura Galega. A cita chámase “Sociedade móbil e cultura: novos e vellos desafíos” e poderase seguir en directo desde o sitio web da institución. O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e un dos coordinadores da cita, Xosé López, serán os encargados de inaugurar esta xornada.
08/11/2017

Aberto o prazo de inscrición do encontro que analiza a faceta pública de Carlos Casares

Carlos Casares foi, para a cultura galega, moito máis que un creador. A súa faceta pública como escritor e coma intelectual centra un encontro que o Consello da Cultura Galega (CCG) organiza os vindeiros día 16 e 17 en Santiago de Compostela. No sitio web da institución está aberta a inscrición desta cita que pretende analizar o papel xogado por Casares no campo político-cultural da Transición así como a actividade difusora da cultura galega no exterior.
06/11/2017

Aberto o prazo de inscrición para a xornada “O Antropoceno e a Grande Aceleración”

1950 é un ano determinante para a xeoloxía. É cando se marcou o inicio dunha nova época xeolóxica coñecida como o Antropoceno. Nese ano tamén se fixa como o comezo da “Grande Aceleración”. Estes estas dúas nocións poñen en evidencia que a acción do home ten repercusións negativas no Sistema Terra. Sobre esta problemática xira a xornada “O Antropoceno e a ‘Grande Aceleración’. Unha ollada desde Galicia”, que terá lugar o vindeiro 23 de novembro no Consello da Cultura Galega. Está aberto o prazo de inscrición desta xornada coordinada por Francisco Díaz Fierros e pode facerse a través do sitio web.
01/11/2017

Barcelona acolle mañá un recital do ciclo “Poetas itinerantes” do Consello da Cultura

Mañá xoves 2 de novembro terá lugar unha nova edición do recital “Poetas Itinerantes”, un encontro promovido polo Consello da Cultura Galega, o Instituto Ramón Llul e o Instituto Etxepare que xunta poetas galegos, catalás e vascos. A cita celébrarase no Pipa Club de Barcelona ás 19:00 horas.
31/10/2017

Informes, exposicións e acción exterior marcan a actividade do Consello da Cultura para 2018

O presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, compareceu este serán na Comisión 3ª, Economía, Facenda e Orzamentos, do Parlamento de Galicia, no marco das sesións informativas en relación co Proxecto de lei de orzamentos. Alí deu conta do orzamento da institución que preside, que se incrementou un 2,9 % para 2018. En total, contará con 2 547 225 euros, cos que se realizarán, entre outras actividades, o peche dun ciclo sobre as Irmandades da Fala, a recuperación da figura de María Victoria Moreno e unha exposición que condensa o discurso “Alba de Gloria” que Castelao pronunciou en Bos Aires hai 70 anos.
25/10/2017

O Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura asinan un acordo para a elaboración dunha diagnose sobre a cultura galega

O presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asinaron esta mañá un acordo de colaboración para o financiamento da elaboración de materiais de diagnóstico sobre a situación da cultura galega. “É un acordo interinstitucional que nos permitirá facer unha diagnose que que o goberno elabore unha estratexia específica para a cultura galega” afirmou Ramón Villares, mentres que o conselleiro, Román Rodríguez, destacou a relevancia desta iniciativa “que se fai cunha perspectiva xeral e temporal para a cultura galega”. No acto estaba presente Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura e Marcelino Fernández, xerente do CCG.
25/10/2017

O Consello da Cultura dedica a xornada á arquitecta Pascuala Campos de Michelena

“Creo que son unha supervivente de moitos naufraxios”. Así se autodefine a arquitecta Pascuala Campos de Michelena. Unha muller pioneira na arquitectura e no feminismo no noso país e protagonista absoluta da xornada que mañá xoves organiza a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega (CCG). O presidente do CCG, Ramón Villares, e a coordinadora da Comisión, María Xosé Porteiro, serán os encargados de inaugurar a xornada, que se pode seguir en directo desde o web da institución.
20/10/2017

O Consello da Cultura Galega participa en Nova York nun simposio sobre políticas culturais

O Centro de Posgrao da Universidade de Nova York (5ª Avenida e rúa 34) acolle hoxe venres un simposio sobre políticas culturais titulado “Políticas culturais en España e América Latina: perspectivas comparadas”. Alí participa o Consello da Cultura Galega, representado por Emilia García López, que explicará a acción cultural no exterior que leva a cabo o CCG, así como os obxectivos e desafíos de cara ao futuro.
19/10/2017

Un congreso incide na influencia que Cataluña e Portugal exerceron nas Irmandades da Fala

Hoxe rematou no Consello da Cultura Galega a segunda das citas previstas para entender o contexto no que se crearon e acturaron das Irmandades da Fala. Durante dous días, especialistas perfilaron a situación estatal onde Cataluña e Francesc Cambó foron os grandes referentes para o movemento galego. “Non son casuais as coincidencias coa situación actual, senón que son cuestións non resoltas que agroman un século despois” asegurou o historiador Borja de Riquer no marco do congreso “Cultura e política na España de entreguerras”.
19/10/2017

Unha exposición do Consello da Cultura Galega revisa a Galicia da transición a través da ollada da fotógrafa Anna Turbau

O Consello da Cultura Galega (CCG) presentou esta mañá “A intimidade da imaxe”, a exposición que revisa a Galicia da transición a través das fotografías de Anna Turbau (Barcelona, 1949). “É retorno dunha autora pero agora como legado documental e fotográfico” explicou o presidente do CCG, Ramón Villares, na rolda de prensa. A mostra, comisariada por Margarita Ledo, peneira no arquivo da fotógrafa para exhibir nun centenar de imaxes os conflitos sociais, políticos e humanos cos que a fotógrafa se atopou a finais dos anos setenta. A exposición inaugúrase esta tarde ás 20:00 horas no Colexio de Fonseca, onde estará ata o vindeiro 10 de decembro.
17/10/2017

Mañá comeza o congreso que analiza o contexto español das Irmandades da Fala

Despois dun primeiro encontro que analizou o movemento das Irmandades da Fala no plano europeo, toca agora o seu estudo no espazo ibérico. Disto tratará o congreso “Cultura e política na España de entreguerras” que arrinca mañá no Consello da Cultura Galega (CCG). Diferentes expertos analizarán durante dous días as semellanzas e contrastes entre os diversos proxectos nacionais xurdidos naquela época en Cataluña, Euskadi e Galicia. A cita será inaugurada polo presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, máis o coordinador deste congreso, Ramón Máiz, e retransmitirase en directo desde o web da Institución.