noticias

Rexistros 31 a 60 de 1475
15/10/2018

Unha xornada do Consello da Cultura Galega analiza aplicacións relacionadas coa lingua

Converter a fala en texto e traducir automaticamente son dous aspectos relevantes da relación entre os idiomas e a tecnoloxía. Sobre estas materias traballa a xornada “As tecnoloxías da lingua” que organiza mañá martes o Consello da Cultura Galega. Responsables de empresas como Google, RTVE, Galma, Vicomtech e expertos universitarios falarán destas cuestións nunha xornada que se pode seguir en directo desde o web do CCG. A presidenta da institución, Rosario Álvarez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e a coordinadora da xornada, Carmen García Mateo, serán os encargados de abrir esta cita que pretende un enfoque eminentemente práctico.
15/10/2018

A presidenta do Consello da Cultura Galega recibe a visita da delegación de académicos colombianos

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, recibiu esta mañá a visita dunha delegación de académicos colombianos nas dependencias do Consello da Cultura Galega. A comitiva visita Galicia por mor das homenaxes que se suceden no noso país ao científico de orixe galega, José de Caldas, polo 250 aniversario do seu nacemento. O concello de Caldas de Reis, xunto con outras entidades, están a organizar unha serie de actividades para lembrar á figura do "Sabio de Caldas", coñecido así en Colombia onde deu nome a unha rexión e a unha universidade.
11/10/2018

O Consello da Cultura Galega e Casa Mateus reflexionan nun seminario sobre a realidade dos países ibéricos

Pensar a relación dos países ibéricos como unha parte esencial da Europa occidental pero tamén do espazo atlántico. Este é un dos obxectivos do seminario “Repensar Iberia”, que o Consello da Cultura Galega e o Instituto Internacional Casa Mateus (IICM) organizan esta fin de semana na localidade portuguesa de Vila Real. A cita terá lugar do venres 12 ao domingo 14 e nela participan profesionais e expertos, entre os que está Jaime Gama, Nélida Piñón e Ramón Villares.
05/10/2018

O Consello da Cultura Galega está presente en Polonia na xuntanza anual da Asociación Europea de Institucións Migratorias (AEMI)

Polonia acolle ata mañá sábado a vixésimo oitava xuntanza anual da Asociación Europea de Institucións Migratorias (AEMI), que xunta institucións relacionadas con temática migratoria. O Consello da Cultura Galega (CCG) participa nesta cita a través do Arquivo da Emigración Galega, nunha mesa redonda que terá lugar esta tarde e na que se abordarán aspectos filosóficos e teóricos sobre migracións. Ademais, os responsables desta cita xa acordaron a vindeira reunión que terá lugar en 2019 no Red Star Line de Amberes.
03/10/2018

Unha unidade didáctica do Consello da Cultura Galega achega a Domingo Fontán aos escolares

O matemático e humanista Domingo Fontán (Portas, 1788- Cuntis, 1866) foi o autor do primeiro mapa topográfico de Galicia. A súa biografía, así como a repercusión do seu legado fai parte da unidade didáctica que hoxe presentaron a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García xunto con Miguen Ángel Ríos, presidente da Real Academia Galega de Ciencias e Elena Vázquez Cendón, coordinadora da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade. Este documento recolle de xeito didáctico o legado desta figura relevante da ciencia do noso país á que se lle dedica este ano o Día da Ciencia en Galicia. O material xa se pode descargar desde o web do CCG.
03/10/2018

O Consello da Cultura Galega pecha a revisión das Irmandades da Fala cun congreso sobre o nacionalismo na diáspora

Mañá comeza “Nacionalismo e diáspora” o terceiro congreso internacional do Consello da Cultura Galega (CCG) que revisa o fenómeno das Irmandades da Fala. Esta terceira cita pretende revisar o galeguismo na diáspora, analizando as súas características coas semellanzas e diferenzas dos nacionalismos europeos. Ramón Villares e Xosé Manuel Núñez Seixas son os coordinadores desta cita que se pode seguir en directo desde o web da institución.
02/10/2018

O Consello da Cultura Galega leva a Líber, Feira Internacional do Libro, unha escolma das súas publicacións

Do 3 ao 5 de outubro ten lugar en Barcelona unha nova edición da Feira Internacional do Libro, Líber. Unha cita á que o Consello da Cultura Galega (CCG) acode coas súas publicacións máis representativas a través de dous espazos: un deles co Institut d´Estudis Catalans; o outro é coa Unión de Editoriales Universitarias Españolas (UNE). Líber é un espazo de referencia fundamental ao que levar a produción científica recente da institución.
26/09/2018

O traballo constante e a presenza en feiras son claves para a internacionalización do libro galego

Preparación previa, estratexia decidida, un bo produto, un catálogo coherente e, por suposto, moito traballo. Estas son algunhas das claves que os editores galegos deron hoxe no marco dunha xornada sobre a internacionalización do libro galego organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG). Canda eles, os representantes de dúas feiras profesionais como Frankfurt ou Líber explicaron as claves do seu modelo e animaron ao sector a seguir ese camiño. A cita encadrábase no marco dunha liña de traballo do CCG que, segundo indicou a presidenta Rosario Álvarez na inauguración, busca axudar a mellorar a estratexia de difusión da cultura galega.
25/09/2018

Unha xornada do Consello da Cultura Galega promove a internacionalización do libro galego

O Consello da Cultura Galega (CCG) acolle mañá, mércores 26, unha xornada encamiñada a dar as claves e facilitar os contactos para promover a internacionalización da nosa industria editorial. A cita está organizada pola Comisión de Acción Exterior do CCG en colaboración coa Asociación Galega de Editoras e xunta en dúas sesións a representantes de destacadas feiras profesionais como Frankfurt ou Líber co sector editorial galego. O encontro poderase seguir en directo polo web da institución. Nesta mesma liña de traballo, o CCG acolleu hoxe un encontro que xuntaba responsables da edición galega e portuguesa para ver a posibilidade de establecer pontes entre ambos os mercados.
21/09/2018

A internacionalización do libro e o papel do monte centran as próximas actividades do Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega (CCG) pecha este mes de setembro con tres actividades que permiten afondar no coñecemento da realidade cultural galega. A primeira delas terá lugar o martes 26 en Vigo, estreando un cambio de formato dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural e que pretende analizar “in situ” diferentes cuestións patrimoniais. O mércores 27 a sede acollerá unha xornada que pretende sentar as bases da internacionalización do libro galego, para dar paso a do xoves, centrada en coñecer o papel dos montes como peza fundamental na ordenación do territorio. Todas as actividades teñen aberto prazo de inscrición que se pode formalizar a través do web da institución.
12/09/2018

Un coloquio sobre literatura atlántica abre mañá as actividades do Consello da Cultura Galega

Tres escritoras, tres países e un nexo común: o Atlántico. “Conversas transatlánticas” é un coloquio do Consello da Cultura Galega (CCG) que xunta na mesma mesa a tres representantes das letras galegas, arxentinas e cubanas nas persoas de Inma López Silva, María Rosa Lojo e Mirta Yáñez. María Xosé Porteiro presenta este programa que pretende ver como as letras tamén plasmaron os movementos migratorios. A cita, que terá lugar mañá xoves na biblioteca da institución, abre a programación de actividades prevista para as vindeiras semanas, entre as que destaca a estrea dun novo formato dos habituais “Encontros monográficos co Patrimonio Cultural” que se traslada ata os espazos que analiza.
19/07/2018

O Consello da Cultura Galega dixitaliza o semanario A Nosa Terra

Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega e Afonso Eiré, presidente da fundación A Nosa Terra, asinaron hoxe á mañá un acordo para dixitalizar e difundir o fondo histórico de A nosa terra: periódico galego semanal, un dos medios fundamentais para comprender a transición e os inicios da autonomía galega.
12/07/2018

Fondo pesar no CCG pola morte de Xerardo Fernández Albor

O Consello da Cultura Galega lamenta profundamente a morte de Xerardo Fernández Albor, primeiro presidente da Xunta de Galicia trala aprobación do Estatuto de Autonomía. Xerardo Fernández Albor asinou o 8 de xullo de 1983 a lei do Consello da Cultura Galega e foi o primeiro presidente de honra da institución.


14/06/2018

Rosario Álvarez presenta no Parlamento as liñas xerais do seu programa

Rosario Álvarez, presidenta electa do Consello da Cultura Galega, explicou esta mañá na Comisión 4ª do Parlamento de Galicia as liñas xerais do seu mandato á fronte do Consello da Cultura Galega, con liñas centrais ao redor da acción exterior da institución, a igualdade de oportunidades no acceso á cultura e unha maior imbricación no sistema cultural galego. Esta comparecencia no Parlamento é un paso previo ao seu nomeamento oficial como presidenta do Consello da Cultura Galega
04/06/2018

A iniciativa do Consello da Cultura Galega No bico un cantar leva os alalás á vila de Betanzos

A igrexa de San Francisco de Betanzos acolleu un gran concerto de máis de 350 nenas e nenos chegados dos conservatorios profesionais e escolas de música de toda Galicia para cantaren os alalás na sexta edición da iniciativa “No bico un cantar”. Esta cita anual, cun marcado carácter didáctico e cultural, está organizada polo Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. No acto tomaron a palabra Ramón García Vázquez, alcalde de Betanzos e anfitrión do evento, e os representantes das institucións organizadoras: Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia e Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega.
31/05/2018

Rosario Álvarez Blanco é elixida Presidenta do Consello da Cultura Galega

Rosario Álvarez Blanco, catedrática de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela, foi elixida esta tarde presidenta do Consello da Cultura Galega co voto favorable de 18 dos membros do Pleno. Álvarez Blanco relevará a Ramón Villares trala fin do seu mandato.
24/05/2018

As primeiras Medallas de Honra do CCG celebran o traballo da diáspora e a acción cultural galega no exterior

Nun emotivo acto celebrado no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega, entregáronse hoxe pola mañá as primeiras Medallas de Honra do Consello da Cultura Galega. Os galardoados foron Pablo Figueroa Dorrego, Ana Paula Leborinho e, a título póstumo, Francisco Lores Mascato. As medallas foron entregadas por Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia e Alberto Núñez Feijóo, presidente de honra do Consello da Cultura Galega e da Xunta de Galicia.
21/05/2018

O Consello da Cultura Galega dixitalizará o epistolario de Camilo José Cela cos escritores galegos

Nomes coma os de Ramón Otero Pedrayo, Francisco Fernández del Riego, Celso Emilio Ferreiro, Torrente Ballester, Isaac Díaz Pardo, Xosé Neira Vilas, Lino Novás ou Uxío Novoneyra figuran nos arquivos da ampla correspondencia que Camilo José Cela mantivo con intelectuais de Galicia. É parte do epistolario persoal do Premio Nobel, gardada na Fundación Camilo José Cela, que o Consello da Cultura Galega dixitalizará e difundirá en virtude dun convenio asinado hoxe en Iria Flavia.
17/05/2018

Máis de cen intérpretes puxeron música ás letras galegas en Pontevedra

Cheo absoluto na celebración do Concerto das Letras Galegas, celebrado esta noite no Auditorio Sede Afundación de Pontevedra e organizado polo Consello da Cultura galega. Cento doce intérpretes entre solistas, coros e membros da Real Filharmonía puxeron música a un repertorio que contou con estreas absolutas de pezas e moita música inspirada na literatura.
09/05/2018

Pontevedra acolle o Concerto das Letras Galegas en homenaxe a María Victoria Moreno

Esta mañá presentouse en Pontevedra o Concerto das Letras Galegas, que homenaxeará musicalmente a figura de María Victoria Moreno. No acto estiveron presentes Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, Maximino Zumalave, coordinador do evento, Pedro Otero, director xerente de Afundación e Maria del Carmen Fernández Penas, directora territorial de Abanca. O concerto celebrarase o 16 de maio de 2018 ás 21:00 no auditorio da sede Afundación de Pontevedra. O evento conta coa colaboración de Afundación, Abanca e o concello de Pontevedra.
03/05/2018

O CCG publica unha edición conmemorativa do primeiro libro en galego de María Victoria Moreno

O Consello da Cultura Galega presentou esta mañá a edición facsímile non venal de Mar Adiante. Historias de nenos pra nenos, publicado orixinalmente por Ediciós do Castro en 1973. Trátase do primeiro libro en lingua galega escrito por María Victoria Moreno, a mestra e escritora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2018. No acto participaron Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, Pedro Ferriol, familiar de María Victoria Moreno, Xesús Alonso Montero e Sara Alonso Pimentel, editores da obra.
27/04/2018

O Plenario do Consello da Cultura Galega renova os seus membros electos

O Plenario do Consello da Cultura Galega está composto por membros representantes de entidades e por "personalidades destacadas nos diversos campos da cultura galega". O mandato dos conselleiros e conselleiras é de catro anos e só poderán ser reelixidos por unha soa vez. Nesta ocasión, os conselleiros e conselleiras electas saíntes son Xosé López, Ramón Máiz, Concepción Varela e Maximino Zumalave. Trala votación correspondente, o Plenario do CCG nomeou os novos conselleiros e conselleiras: Carme Adán, Xosé Ramón Pousa, Xosé Manoel Núñez Seixas e Elena Vázquez Cendón. As conselleiras María Xosé Porteiro e Dolores Vilavedra foron renovados o seu mandato por outros catro anos.
19/04/2018

Un informe do CCG analiza a crise do libro en galego

Menos títulos, menos tiraxe, menos editoriais e menos axudas institucionais para o libro galego no período 2006-2016.
Así se desprende do Informe sobre datos da edición en Galicia 2006-2016 do Observatorio da Cultura Galega, presentado na xornada A lei do libro 2006 a debate que tivo lugar hoxe, xoves, 19 de abril de 2018 no Consello da Cultura Galega. Co gallo do Día Mundial do Libro que se celebra o 23 de abril, a Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega (CCG) organizou un encontro cos principais axentes do sector do libro en que se analizou a xénese da vixente lei, a súa implantación e posibilidades de actualización debido aos cambios producidos no sector dende a súa aprobación hai máis dunha década.
13/04/2018

#odeportegalego falagalego: un video sobre lingua e deporte

Deportistas de alta competición fálannos nesta peza da súa relación coa lingua, producida para os XX Encontros para a Normalización Lingüística. No vídeo, os deportistas explican a súa relación coa lingua galega, desde o sentimento de identidade ata a súa gran utilidade para moverse polo mundo.

Neste vídeo participan os porteiros Sergio Álvarez e Rubén Martínez; a futbolista Vero Boquete; o montañeiro Sechu López; o corredor Pedro Nimo, a campioa de vela Sofía Toro; o xogador de squash Borja Golán; a patinadora Nadia Iglesias; o adestrador Moncho Fernández; a atleta Ana Peleiteiro; a árbitra Cristina Fernández Piñeiro; o xogador de balonmán David Amor; o corredor Sergio Vallejo; a taekwondista Mercé Barrientos; o ciclista Ezequiel Mosquera; os futbolistas Álex Bergantiños e Fernando Seoane e o triatleta Pablo da Pena.
13/04/2018

O espello de deportistas de elite e do persoal adestrador é fundamental para a valorización da lingua

O espello de deportistas de elite e do persoal adestrador é fundamental para manter o afecto da rapazada pola lingua e promover o seu uso como algo propio que os identifica. Así se puxo de manifesto nos XX Encontros para a Normalización Lingüística, que tiveron lugar os días 12 e 13 de abril no Consello da Cultura Galega e que abordaron a presenza da lingua galega nos múltiples ámbitos que abrangue o eido deportivo: profesional, afeccionado, tradicional, administrativo, educativo e comunicativo. Ademais, no transcurso das xornadas presentouse o vídeo O deporte galego fala galego, dezaoito deportistas de alta competición explican como o uso do galego lles facilita a comunicación nos países do ámbito lusófono, a creación do vínculo coa afección e coas cores dos clubes, seren referentes de xente moza e o fomento do sentimento identitario.
23/03/2018

O CCG entrega á Xunta unha ampla diagnose do estado do sector cultural de Galicia

Incrementar o orzamento público en cultura da Xunta de Galicia, coordinar e integrar máis as políticas culturais das diferentes administracións, mellorar a presenza da cultura galega no exterior e asumir os retos da dixitalización son algunhas das propostas que realiza o Consello da Cultura Galega para as futuras políticas públicas da cultura en Galicia. Así o manifestou o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, durante a entrega do documento Diagnose da cultura galega. Datos para unha estratexia cultural no século XXI ao conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, Román Rodríguez.
18/03/2018

O Consello da Cultura Galega lamenta a morte de Carlos García Martínez, director do Museo do Pobo Galego

O Consello da Cultura Galega lamenta profundamente o pasamento de Carlos García Martínez, director do Museo do Pobo Galego. Licenciado en Dereito e entusiasta estudoso da arqueoloxía, folclore e etnografía de Galicia, Carlos García Martínez estivo fondamente vinculado ao Consello da Cultura Galega. Foi representante do Consello Galego de Museos no Pleno do CCG entre 2007 e 2018 e membro da Sección de Patrimonio e Bens Culturais. Tanto desde a súa presenza no Consello da Cultura Galega como na dirección do Museo do Pobo Galego, Carlos García Martínez foi un incansable defensor dos valores culturais do pobo galego e un dos principais valedores da nosa memoria colectiva. A capela ardente abrirase no Museo do Pobo Galego desde mañá, domingo 18 de marzo, ás 16 h. O sepelio celebrarase o luns 19 de marzo ás 17 h. en Santa María de Figueiras (Santiago de Compostela).
16/03/2018

A dixitalización, un gran desafío para a cultura galega

A xornada “A cultura dixital en Galicia: viaxe de ida e volta ao Big Data, á verificación e á mobilidade” deitou hoxe no Consello da Cultura Galega unha ollada interdisciplinar sobre os datos masivos ou Big Data que incluíu o punto de vista da investigación, historia, comunicación e enxeñería informática. Os expertos alertan da necesidade de sistemas de verificación que eviten a propagación de bulos xenerados pola sobreabundancia de información e fixeron fincapé na necesidade de construír relatos visualizados en formatos atractivos para os usuarios. No caso concreto da cultura galega advirten que, a pesar da existencia de proxectos voluntaristas e iniciativas que aproveitan boas ferramentas da Rede para lanzar iniciativas de crowdfunding cultural ben interesantes e para se coordinar socialmente, a realidade é que estruturalmente a dixitalización está supoñendo un gran desafío para a cultura galega, máis que un beneficio, debido ao uso de algoritmos das grandes plataformas que tenden a invisibilizar os contidos xerados na nosa lingua.
16/03/2018

O Consello da Cultura Galega está a preparar unha exposición sobre o discurso Alba de Gloria de Castelao

O Consello da Cultura Galega conmemorará cunha exposición o 70º aniversario da lectura do discurso Alba de Gloria de Daniel A. Rodríguez Castelao, segundo aprobou o Pleno da institución na tarde de onte, xoves 15 de marzo. A exposición inaugurarase nos inicios do outono e ten como obxectivo dar a coñecer a todo o público e, en especial, ás novas xeracións, o contido e orixes do discurso, o ambiente cultural e social da época na colonia galega e as relevantes figuras da cultura de Galicia mencionadas nel. Para iso, botará man dun concepto expositivo no que destacarán o uso das novas tecnoloxías e a participación activa do usuario.
09/03/2018

O Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura recuperan os alalás na sexta edición de “No bico un cantar”

A biblioteca do Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu hoxe a presentación da sexta edición do programa lúdico-musical “No bico un cantar”. Unha iniciativa do Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura, coa colaboración do Concello de Betanzos nesta edición, que xunta poesía e mocidade. Alí estaban presentes Rosario Álvarez, presidenta do CCG; Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; María Barral, concelleira de Cultura de Betanzos, e Maximino Zumalave. A proposta mantén o formato de concerto coral formado por voces procedentes de toda Galicia, pero inclúe unha novidade, xa que escolle unha temática de tradición popular no canto de figuras da literatura galega. O vindeiro 1 de xuño cantaranse en Betanzos os alalás das Mariñas, Muxía e Camariñas e haberá tamén oco para a estrea do "Alalá á vella maneira", de Manuel Rivas. Esta obra constitúe un pequeno fito na traxectoria deste programa xa que é a primeira vez que se pon música á obra dun autor vivo.