noticias

Rexistros 31 a 60 de 1484
15/11/2018

O Consello da Cultura concentra nun web as actividades de varias entidades no Día do Patrimonio

Esta venres, 16 de novembro, é o Día do Patrimonio. Unha iniciativa que o Consello da Cultura Galega (CCG) conmemora xunto con outros centros da memoria do noso país. A colaboración entre todos eles concrétase nun espazo web que concentra a información sobre os diferentes tipos de actividades que cada institución programou para festexar este día. Visitas guiadas, xornadas de portas abertas, pezas do ano, exposicións, difusión de documentos dixitalizados... son algunhas das propostas que se poden realizar e que forman parte desta páxina web.
15/11/2018

O Consello da Cultura celebra en Vilalaba o centenario da Asemblea das Irmandades da Fala

“Nós nomeámonos, dende oxe e para sempre, nazonalistas galegos”, así se autodefiniron un grupo de asistentes á I Asemblea Nacionalista de Lugo, que tivo lugar en Vilalba o 17 de novembro de 1918. Nesa xuntanza aprobouse o Manifesto ao Pobo Galego, que deu paso ao nacionalismo galego e foi o un dos fitos das Irmandades da Fala. O Consello da Cultura Galega (CCG) volve a esta localidade lucense cen anos despois para conmemorar aquela xuntanza e analizar o que supuxo da man de diferentes especialistas. A cita comeza mañá cunha proxección audiovisual e remata o sábado cunha ofrenda floral perante o monólito conmemorativo daquela asemblea.
14/11/2018

Aberta a inscrición para as visitas guiadas á exposición ‘Alba de Gloria. Unha experiencia” do Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega abre hoxe o prazo de inscrición para as visitas á súa exposición “Alba de Gloria. Unha experiencia”, comentadas polo seu comisario, Manuel Gago. A mostra, que recrea o último gran discurso de Castelao, contará con tres percorridos que terán lugar o 23 de novembro, o 13 de decembro e o 17 de xaneiro. Estas visitas forman parte do programa de difusión desta mostra que se complementa con visitas para escolares. A exposición está aberta en San Domingos de Bonaval ata o 3 de febreiro.
14/11/2018

Expertos destacan a vixencia dos postulados económicos de Marx nunhas xornadas do Consello da Cultura Galega

“Houbo unanimidade en recoñecer que a análise económica do capital feita por Karl Marx segue plensamente vixente case dous séculos despois” asegurou Jorge Álvarez Yagüez, coordinador xunto con Ramón Máiz das xornadas “Karl Marx, 1818/2018” que conmemoraban o bicentenario do nacemento dun pensador de grande relevancia histórica. A cita abordou tamén outros aspectos como a cuestión ecolóxica e a tecnolóxica.
12/11/2018

O Consello da Cultura lembra mañá a influencia de Karl Marx no bicentenario do seu nacemento

Cúmprense douscentos anos do nacemento dun pensador de influencia histórica: Karl Marx. Unha efeméride que a Sección de Pensamento e Sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG) aproveita para fixar os ollos no seu legado e reivindicar a súa vixencia. Juan Carlos Monedero, Francisco Sampedro, Clara Rama e Ramón Máiz son algúns dos relatores dunhas xornadas que arrincan mañá na sede da institución. A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, será a encargada de inaugurar esta cita xunto cos dous coordinadores, Ramón Máiz e Jorge Álvarez Yágüez. A cita pódese seguir en directo desde o sitio web corporativo e a nosa canle de Youtube.
09/11/2018

Expertos inciden na cooperación para a xestión das fronteiras nun congreso do Consello da Cultura

“As fronteiras producen fronteiras” afirmou Felipe Criado na súa conferencia no marco do congreso internacional “Patrimonio e fronteira” que se desenvolveu ata hoxe en Compostela. A cita puxo enriba da mesa a necesidade dunha maior cooperación entre os Estados e a necesidade de implicar a comunidade local na xestión patrimonial. “Existen evidencias que o modelo actual vai mudar e a actitude que teñamos hoxe vai marcar o futuro” dixo Criado ao tempo que outros profesionais insistían en buscar motivacións máis alá do turístico e do económico. A cita foi organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) coa colaboración da Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP) e a Universidade do Minho.
08/11/2018

A directora xeral da CPLP visita Galicia da man do Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega (CCG) é, desde o ano 2016, observador consultivo da Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP). No marco desta relación, o CCG organiza ata mañá o congreso “Patrimonio e fronteira”, que se desenvolve en Compostela. Ademais, promove unha serie de visitas que está a facer estes días a directora xeral da CPLP, Georgina Benrós de Mello.
07/11/2018

Abre as súas portas “Alba de Gloria”, a mostra que recrea o último gran discurso de Castelao

Escoitar e ver o último discurso de Castelao da súa man, cun formato innovador e vangardista. Así é “Alba de Gloria. Unha experiencia”, a mostra que inaugurou este serán en San Domingos de Bonaval a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, canda o presidente de honra da institución e presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e mais unha nutrida representación de autoridades e personalidades. “Esta non é unha exposición máis, como tampouco é un discurso máis”, explicou a presidenta do CCG ao tempo que reivindicou a “necesidade dun Panteón de Galicia que reúna as grandes figuras da nosa cultura”. Manuel Gago, o comisario da exposición, incidiu na rolda de prensa anterior á inauguración que a mostra pretende “trasladar a emoción da colectividade que asistiu a aquel discurso no ano 1948 e que está presente en todas as crónicas daquel acto”. A exposición estará aberta ata o 3 de febreiro de 2019.
05/11/2018

Expertos analizan desde mañá a riqueza patrimonial dos ríos no Consello da Cultura Galega

Presas, encoros e ríos ocupan unha parte importante do noso territorio. Ao seu carón emerxeu un vizoso patrimonio que forma parte do noso imaxinario cotián non sempre ben recoñecido. Sobre eses muíños, lavadoiros, batalláns e demais exemplos deste tipo de bens afonda a xornada “A posta en valor do patrimonio cultural dos ríos”, que terá lugar mañá e pasado no Consello da Cultura Galega (CCG). A cita será inaugurada pola presidenta da institución, Rosario Álvarez, a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga. A xornada pódese seguir en directo desde o web do CCG.
04/11/2018

O Consello da Cultura recrea o universo de “Alba de Gloria” de Castelao a través da realidade virtual

“Alba de Gloria” foi un discurso representativo para a cultura galega por numerosos motivos. Primeiro porque recrea unha singular “santa compaña”, unha grande procesión das figuras determinantes na creación da identidade de Galicia. Segundo, porque é o mellor e máximo expoñente da retórica en lingua galega. Pero tamén porque é o último gran discurso que pronunciou Castelao en vida. Cando se cumpren os setenta anos da súa alocución, o Consello da Cultura Galega recupera a súa significación na exposición “Alba de Gloria”, e faino dun xeito inédito. A través de sistemas de realidade virtual e recreacións sonoras e visuais, os visitantes poderán vivir unha experiencia e mergullarse na historia de Galicia da man do propio Castelao. A mostra, con comisariado de Manuel Gago, inaugurarase o vindeiro mércores 7 de novembro en San Domingos de Bonaval (Santiago de Compostela).
31/10/2018

Novos formatos marcan a actividade para 2019 dun renovado Consello da Cultura Galega

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, compareceu este serán na Comisión 3ª, Economía, Facenda e Orzamentos, do Parlamento de Galicia, no marco das sesións informativas en relación co Proxecto de lei de orzamentos. Alí deu conta do orzamento da institución que preside, que se incrementou nun 5,1% para 2019. En total, contará con 2 679 233 euros, cos que se manterán as liñas de traballo habitual e se buscará unha maior renovación nos formatos e unha maior transversalidade para chegar a novos públicos. No vindeiro ano o CCG traballará, ademais de seguir con actividades xa consolidadas, en recuperar a figura de Antón Fraguas, na creación do Álbum de Galicia e tamén en preparar as homenaxes á xeración Nós ou á figura de Concepción Arenal. Ademais, Rosario Álvarez tamén falou da renovación dunha institución que, alén do cambio de presidencia, actualizou en case un 30% os membros da súa composición (plenario, comisión executiva, arquivos, comisións e seccións).
30/10/2018

O Consello da Cultura Galega analiza mañá en Ferrol a rehabilitación de dous barrios emblemáticos

A segunda cita dos encontros IN SITU que organiza o Consello da Cultura Galega (CCG) trasládase mañá a Ferrol para poñer sobre a mesa a situación de dous barrios destacados da cidade: Ferrol Vello e o Barrio da Madalena. Este programa pretende poñer o foco na situación de cascos históricos e analízaos nunha xornada que se desenvolve na propia localidade. A cita comeza ás catro da tarde no Ateneo Ferrolán e participan arquitectos como Miguel Reimúndez González, Ignacio Mendizábal Herrero ou Alfonso Díaz Revilla. Rebeca Blanco Rotea, coordinadora da Sección de Patrimonio e Bens Culturais, e Teresa Nieto serán as encargadas de inaugurar este encontro.
26/10/2018

O Consello da Cultura Galega inaugurará o 7 de novembro “Alba de Gloria”, a exposición sobre o último gran discurso de Castelao

San Domingos de Bonaval abrirá as súas portas o vindeiro 7 de novembro para acoller a exposición “Alba de Gloria”, que recrea e explica o coñecido discurso de Castelao. A mostra, organizada polo Consello da Cultura Galega e comisariada por Manuel Gago, pretende plasmar, dun xeito inédito en Galicia e empregando tecnoloxía innovadora, a alocución que Castelao pronunciou en 1948 en Bos Aires e que encerra en si mesmo dous grandes valores: por unha banda, ser unha peza clave para a oratoria en lingua galega e, por outra, ser tamén unha alocución fundamental na traxectoria de Castelao, na que recrea unha especie de Santa Compaña galega ao enumerar as figuras relevantes que axudaron a configurar a cultura galega.
25/10/2018

As dificultades para as mulleres músicas abordouse na xornada no Consello da Cultura Galega que homenaxeou a Mercedes Goicoa

A paixón pola música, a devoción por Arthur Rubinstein e o placer de ensinar música son algunhas das características definitorias da traxectoria de Mercedes Goicoa, a figura á que hoxe se lle dedicou a xornada que organiza anualmente a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega (CCG). A cita supuxo tamén unha homenaxe ás mulleres e á música na que profesionais e creadoras deste sector aproveitaron para expoñer a súa situación profesional. A cita foi inaugurada pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez, quen destacou os dez anos de traballo que a institución leva traballando por visibilizar o traballo de mulleres.
24/10/2018

Unha xornada analiza mañá a música e as mulleres a partir da figura de Mercedes Goicoa

Foi unha pioneira, unha muller destacada no ámbito musical. No seu dilatado currículo destaca o feito de ser a primeira muller en presidir unha Real Academia, entre moitos outros méritos. Chámase Mercedes Goicoa e a súa figura, e o que representa para a música e tamén para as mulleres, é obxecto dunha xornada que terá lugar mañá no Consello da Cultura Galega (CCG). A cita pode seguirse en directo desde o web da institución e nela participan figuras como Laura Quintillán, Mónica de Nut, Uxía Senlle, Maximino Zumalave ou Lucía Martínez. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, será a encargada de inaugurar esta cita coordinada por María Xosé Porteiro e Alba María Rodríguez.
19/10/2018

O patrimonio e a violencia de xénero centran as próximas actividades do Consello da Cultura Galega

As actividades que o Consello da Cultura Galega (CCG) ten programadas para as vindeiras semanas están encamiñadas a analizar o patrimonio desde diferentes puntos de vista, ademais de volver poñer os ollos nun tema de actualidade como é a violencia de xénero. Ferrol acollerá un encontro para analizar a situación urbanística e patrimonial do seu casco urbano coa revisión do barrio da Madalena e do Ferrol vello (31 de outubro). Séguelle no tempo unha xornada para tratar o patriarcado na xustiza, que terá lugar o día 5 de novembro. Ademais, nesa mesma semana organizamos dous encontros relacionados co patrimonio: un para debullar as relacións fronteirizas con Portugal e outro para coñecer a situación actual do patrimonio dos ríos. Todas elas teñen aberto o prazo de inscrición, que se pode formalizar a través do sitio web da institución.
15/10/2018

Unha xornada do Consello da Cultura Galega analiza aplicacións relacionadas coa lingua

Converter a fala en texto e traducir automaticamente son dous aspectos relevantes da relación entre os idiomas e a tecnoloxía. Sobre estas materias traballa a xornada “As tecnoloxías da lingua” que organiza mañá martes o Consello da Cultura Galega. Responsables de empresas como Google, RTVE, Galma, Vicomtech e expertos universitarios falarán destas cuestións nunha xornada que se pode seguir en directo desde o web do CCG. A presidenta da institución, Rosario Álvarez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e a coordinadora da xornada, Carmen García Mateo, serán os encargados de abrir esta cita que pretende un enfoque eminentemente práctico.
15/10/2018

A presidenta do Consello da Cultura Galega recibe a visita da delegación de académicos colombianos

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, recibiu esta mañá a visita dunha delegación de académicos colombianos nas dependencias do Consello da Cultura Galega. A comitiva visita Galicia por mor das homenaxes que se suceden no noso país ao científico de orixe galega, José de Caldas, polo 250 aniversario do seu nacemento. O concello de Caldas de Reis, xunto con outras entidades, están a organizar unha serie de actividades para lembrar á figura do "Sabio de Caldas", coñecido así en Colombia onde deu nome a unha rexión e a unha universidade.
11/10/2018

O Consello da Cultura Galega e Casa Mateus reflexionan nun seminario sobre a realidade dos países ibéricos

Pensar a relación dos países ibéricos como unha parte esencial da Europa occidental pero tamén do espazo atlántico. Este é un dos obxectivos do seminario “Repensar Iberia”, que o Consello da Cultura Galega e o Instituto Internacional Casa Mateus (IICM) organizan esta fin de semana na localidade portuguesa de Vila Real. A cita terá lugar do venres 12 ao domingo 14 e nela participan profesionais e expertos, entre os que está Jaime Gama, Nélida Piñón e Ramón Villares.
05/10/2018

O Consello da Cultura Galega está presente en Polonia na xuntanza anual da Asociación Europea de Institucións Migratorias (AEMI)

Polonia acolle ata mañá sábado a vixésimo oitava xuntanza anual da Asociación Europea de Institucións Migratorias (AEMI), que xunta institucións relacionadas con temática migratoria. O Consello da Cultura Galega (CCG) participa nesta cita a través do Arquivo da Emigración Galega, nunha mesa redonda que terá lugar esta tarde e na que se abordarán aspectos filosóficos e teóricos sobre migracións. Ademais, os responsables desta cita xa acordaron a vindeira reunión que terá lugar en 2019 no Red Star Line de Amberes.
03/10/2018

Unha unidade didáctica do Consello da Cultura Galega achega a Domingo Fontán aos escolares

O matemático e humanista Domingo Fontán (Portas, 1788- Cuntis, 1866) foi o autor do primeiro mapa topográfico de Galicia. A súa biografía, así como a repercusión do seu legado fai parte da unidade didáctica que hoxe presentaron a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García xunto con Miguen Ángel Ríos, presidente da Real Academia Galega de Ciencias e Elena Vázquez Cendón, coordinadora da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade. Este documento recolle de xeito didáctico o legado desta figura relevante da ciencia do noso país á que se lle dedica este ano o Día da Ciencia en Galicia. O material xa se pode descargar desde o web do CCG.
03/10/2018

O Consello da Cultura Galega pecha a revisión das Irmandades da Fala cun congreso sobre o nacionalismo na diáspora

Mañá comeza “Nacionalismo e diáspora” o terceiro congreso internacional do Consello da Cultura Galega (CCG) que revisa o fenómeno das Irmandades da Fala. Esta terceira cita pretende revisar o galeguismo na diáspora, analizando as súas características coas semellanzas e diferenzas dos nacionalismos europeos. Ramón Villares e Xosé Manuel Núñez Seixas son os coordinadores desta cita que se pode seguir en directo desde o web da institución.
02/10/2018

O Consello da Cultura Galega leva a Líber, Feira Internacional do Libro, unha escolma das súas publicacións

Do 3 ao 5 de outubro ten lugar en Barcelona unha nova edición da Feira Internacional do Libro, Líber. Unha cita á que o Consello da Cultura Galega (CCG) acode coas súas publicacións máis representativas a través de dous espazos: un deles co Institut d´Estudis Catalans; o outro é coa Unión de Editoriales Universitarias Españolas (UNE). Líber é un espazo de referencia fundamental ao que levar a produción científica recente da institución.
26/09/2018

O traballo constante e a presenza en feiras son claves para a internacionalización do libro galego

Preparación previa, estratexia decidida, un bo produto, un catálogo coherente e, por suposto, moito traballo. Estas son algunhas das claves que os editores galegos deron hoxe no marco dunha xornada sobre a internacionalización do libro galego organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG). Canda eles, os representantes de dúas feiras profesionais como Frankfurt ou Líber explicaron as claves do seu modelo e animaron ao sector a seguir ese camiño. A cita encadrábase no marco dunha liña de traballo do CCG que, segundo indicou a presidenta Rosario Álvarez na inauguración, busca axudar a mellorar a estratexia de difusión da cultura galega.
25/09/2018

Unha xornada do Consello da Cultura Galega promove a internacionalización do libro galego

O Consello da Cultura Galega (CCG) acolle mañá, mércores 26, unha xornada encamiñada a dar as claves e facilitar os contactos para promover a internacionalización da nosa industria editorial. A cita está organizada pola Comisión de Acción Exterior do CCG en colaboración coa Asociación Galega de Editoras e xunta en dúas sesións a representantes de destacadas feiras profesionais como Frankfurt ou Líber co sector editorial galego. O encontro poderase seguir en directo polo web da institución. Nesta mesma liña de traballo, o CCG acolleu hoxe un encontro que xuntaba responsables da edición galega e portuguesa para ver a posibilidade de establecer pontes entre ambos os mercados.
21/09/2018

A internacionalización do libro e o papel do monte centran as próximas actividades do Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega (CCG) pecha este mes de setembro con tres actividades que permiten afondar no coñecemento da realidade cultural galega. A primeira delas terá lugar o martes 26 en Vigo, estreando un cambio de formato dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural e que pretende analizar “in situ” diferentes cuestións patrimoniais. O mércores 27 a sede acollerá unha xornada que pretende sentar as bases da internacionalización do libro galego, para dar paso a do xoves, centrada en coñecer o papel dos montes como peza fundamental na ordenación do territorio. Todas as actividades teñen aberto prazo de inscrición que se pode formalizar a través do web da institución.
12/09/2018

Un coloquio sobre literatura atlántica abre mañá as actividades do Consello da Cultura Galega

Tres escritoras, tres países e un nexo común: o Atlántico. “Conversas transatlánticas” é un coloquio do Consello da Cultura Galega (CCG) que xunta na mesma mesa a tres representantes das letras galegas, arxentinas e cubanas nas persoas de Inma López Silva, María Rosa Lojo e Mirta Yáñez. María Xosé Porteiro presenta este programa que pretende ver como as letras tamén plasmaron os movementos migratorios. A cita, que terá lugar mañá xoves na biblioteca da institución, abre a programación de actividades prevista para as vindeiras semanas, entre as que destaca a estrea dun novo formato dos habituais “Encontros monográficos co Patrimonio Cultural” que se traslada ata os espazos que analiza.
19/07/2018

O Consello da Cultura Galega dixitaliza o semanario A Nosa Terra

Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega e Afonso Eiré, presidente da fundación A Nosa Terra, asinaron hoxe á mañá un acordo para dixitalizar e difundir o fondo histórico de A nosa terra: periódico galego semanal, un dos medios fundamentais para comprender a transición e os inicios da autonomía galega.
12/07/2018

Fondo pesar no CCG pola morte de Xerardo Fernández Albor

O Consello da Cultura Galega lamenta profundamente a morte de Xerardo Fernández Albor, primeiro presidente da Xunta de Galicia trala aprobación do Estatuto de Autonomía. Xerardo Fernández Albor asinou o 8 de xullo de 1983 a lei do Consello da Cultura Galega e foi o primeiro presidente de honra da institución.


14/06/2018

Rosario Álvarez presenta no Parlamento as liñas xerais do seu programa

Rosario Álvarez, presidenta electa do Consello da Cultura Galega, explicou esta mañá na Comisión 4ª do Parlamento de Galicia as liñas xerais do seu mandato á fronte do Consello da Cultura Galega, con liñas centrais ao redor da acción exterior da institución, a igualdade de oportunidades no acceso á cultura e unha maior imbricación no sistema cultural galego. Esta comparecencia no Parlamento é un paso previo ao seu nomeamento oficial como presidenta do Consello da Cultura Galega