noticias

Rexistros 31 a 60 de 1603
25/07/2019

O Consello da Cultura Galega pon na rede tres gravacións históricas do himno galego no Día Nacional de Galicia

Co gallo da celebración do Día Nacional de Galicia, o Consello da Cultura Galega ofrece tres versións do Himno Galego. Foron realizadas entre 1919 e 1928 e correron a cargo de Toxos e Froles de Ferrol, a Banda Municipal de Barcelona e Cántigas de Terra. Unha iniciativa que se insire no proxecto "Lousas" que pon na rede o patrimonio sonoro rexistrado en pedra.
24/07/2019

O Consello da Cultura Galega leva a Pontevedra dúas mostras que revisan o último discurso de Castelao e a memoria da transición

O Consello da Cultura Galega (CCG) e o concello de Pontevedra inauguran hoxe no Pazo da Cultura dúas mostras que revisan a historia recente de Galicia desde diferentes puntos e vista e formatos. A primeira delas é “A intimidade da imaxe”, a exposición que olla cara a Galicia da transición a través das fotografías de Anna Turbau (Barcelona, 1949). A segunda é “Alba de Gloria” a proposta que recrea e contextualiza o último gran discurso que pronunciou Castelao en vida no que enumera as grandes figuras da cultura galega. Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega e Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra foron os encargos de inaugurar, xunto cos dous comisarios Margarita Ledo e Manuel Gago máis a concelleira de Cultura Carme Fouces. As propostas expositivas poderanse visitar ata o 25 de agosto.
22/07/2019

O Consello da Cultura Galega acolleu a presentación dun cancioneiro popular que xunta trescentas pezas musicais de Manzaneda e Terras de Trives

Son 300 pezas musicais que compilan a tradición musical de Manzaneda e das Terras de Trives, que Xosé Lois Foxo, director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, recompilou ao longo de corenta anos de recollida tradicional. O Consello da Cultura Galega acolleu esta mañá a presentación do libro Cancioneiro da seitura de Manzaneda e Terras de Trives, unha extensa compilación e estudo antropolóxico dos cánticos agrarios e festivos desta comarca ourensá. O acto, encabezado por Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, contou coa participación de Amable Fernández, alcalde de Manzaneda, Patricia Domínguez, alcaldesa de Trives e Patricia Torres, deputada de Cultura da Deputación de Ourense, ademais do propio Xosé Lois Foxo.
21/07/2019

O Consello da Cultura Galega acolle o luns a presentación do “Cancioneiro da seitura de Manzaneda e Terras de Trives”

O Consello da Cultura Galega acollerá este luns 22 de xullo (11:15 horas) a presentación do libro "Cancioneiro da seitura de Manzaneda e Terras de Trives", da autoría do director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, Xosé Lois Foxo. Na presentación participarán Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Amable Fernández, alcalde de Manzaneda; Patricia Domínguez, alcaldesa de Trive; Patricia Torres, deputada de Cultura da Deputación de Ourense; e Xosé Lois Foxo. O acto contará coa intervención de veciños de Manzaneda e Pobra de Trives que interpretarán varias pezas da publicación.
17/07/2019

O Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral de Emigración abren unha colección que edita clásicos da emigración

“La emigración en Galicia” publicada por Ramón Castro López en 1923 é un texto atípico no conxunto da emigración galega por ofrecer unha imaxe positiva. É tamén o primeiro título dunha colección “Clásicos da Emigración” coa que o Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral da Emigración pretenden ofrecer un reflexo fiel do que supuxo este fenómeno. Tanto a colección como o primeiro número foron presentados esta mañá pola presidenta da institución Rosario Álvarez, quen destacou que se trata “dun proxecto longamente acariñado e que permite o acceso libre a obras de referencia e de difícil acceso”. Canda ela estaba o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, que puxo o acento no valor da colección como “homenaxe aos centos de milleiros de galegos que estenderon Galicia polos cinco continentes”. Participaron tamén Xosé Manoel Núñez Seixas, director do Arquivo da Emigración Galega e Ramón Villares, autor do prólogo deste primeiro número.
16/07/2019

O Consello da Cultura Galega presenta a reedición de “La Emigración en Galicia”

Cada emigrante ten o seu propio relato e a suma de todos eles conforma a imaxe do que foi o feito migratorio no noso país. No marco do traballo de investigación sobre este fenómeno relevante para a historia de Galicia, o Consello da Cultura Galega (CCG) presentará mañá a reedición de “La emigración en Galicia”, a obra que Ramón Castro López publicou en 1923 e que reconstrúe unha visión atípica, caracterizada por ser máis positiva da imaxe habitual. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; xunto con Xosé Manoel Núñez Seixas, director do Arquivo da Emigración Galega; e Ramón Villares, autor do prólogo da obra que abre a colección "Clásicos da Emigración", participarán no acto de presentación deste volume. Na rolda darán conta da relevancia deste traballo no conxunto da emigración galega.
15/07/2019

O Consello da Cultura Galega estrea en Carnota un documental que homenaxea as mulleres anónimas do Pindo

“As mulleres co mundo na cabeza” é unha homenaxe a todas esas mulleres anónimas que sustentaron cos materiais que transportaban na súa cabeza a numerosas familias e que non deixaron ninguna pegada nos rexistros oficiais”. Encarna Otero explica deste xeito en que consiste o documental que dirixiu no marco dunha das áreas de traballo da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega (CCG). A presidenta da institución, Rosario Álvarez, canda a propia Encarna Otero e algunas das mulleres que participaron neste traballo asistirán mañá en Carnota (Salón da casa do concello, ás 19:00 horas) á estrea deste documental que pretende servir de testemuño do traballo anónimo e invisible das mulleres do Pindo. O acto contará coa participación da cantora Guadi Galego.
08/07/2019

O Observatorio da Cultura Galega destaca a baixada de espectadores e recadación cinematográfica en 2018

Son tempos complicados para o sector audiovisual. O cinema tradicional perdeu no último ano espectadores (100 000 usuarios menos) e recadación (900 000 euros menos nese período). E máis aínda para unha cinematografía con cultura propia. En Galicia producíronse 141 películas no último quinquenio, hai máis empresas, contan co apoio da Administración e fanse máis traballos audiovisuais en galego. Son algunhas das conclusións do Documento de Traballo do Observatorio da Cultura Galega (DT-OCG), do Consello da Cultura Galega (CCG), titulado “O cine en Galicia”. Nesta ocasión, o informe presenta unha destacada parte cualitativa na que os representantes do sector audiovisual destacan o talento creativo dos e das profesionais e a mellora da proxección internacional.
04/07/2019

Diferentes expertos propoñen reforzar o ensino de ámbito artístico

O éxito profesional, a adecuación do programa de estudos á realidade laboral, a necesidade de aumentar a investigación... son algúns dos ámbitos que se abordaron no formato de conferencias titulado “En modo conversa” que hoxe se estreaba o Consello da Cultura Galega. Esta cita coordinada por Sofía Santos e Rosario Sarmiento nace coa vocación de establecer un espazo de reflexión sobre a arte e a creación plástica. “Comezamos pola educación, porque nos parecía que era a base, o primeiro chanzo dun sector amplo e complexo” apuntaba Sarmiento. A presidenta Rosario Álvarez destacou na inauguración a vocación de diálogo e de intercambio que se pretende con esta nova proposta.
03/07/2019

O Consello da Cultura Galega asina un convenio para a cesión de fondos de José Arriola

A presidenta do Consello da Cultura Galega(CCG), Rosario Álvarez, e o representante da familia que conserva os fondos de José Arriola, Fernando López Martínez, asinaron esta mañá un convenio polo que se cede ao CCG unha colección de partituras e documentación familiar relativa ao compositor.
03/07/2019

A influencia dos centros de arte abre nun novo formato de xornadas

“En modo conversa” é un formato de diálogo que trata de establecer un espazo de reflexión sobre a arte e a creación plástica que mañá comeza no Consello da Cultura Galega. A iniciativa está coordinada por Rosario Sarmiento e Sofía Santos, membros da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas. A primeira destas xornadas buscar reflexionar sobre o papel e a influencia dos centros de formación nas novas xeracións de profesionais e artistas. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, será a encargada da inauguración dunha cita que se retransmitirá en directo.
02/07/2019

Novas publicacións na hemeroteca feminista “A saia”

Con gallo do Día do Orgullo LGTB a nosa hemeroteca feminista A Saia renovou publicacións periódicas e engadiu dúas novas cabeceiras: “Fluxos” e “as +perralheiras”. A primeira é o Anuario galego de estudios gais e lésbicos, editados entre 1998 e 2000 pola Asociación Sociocultural Blanco Amor co apoio do Colectivo Gai de Compostela. A segunda contén os 5 números que As Maribolheras Precárias (MBP), un grupo de artivismo queer da Coruña, publicaron entre 2005 e 2007.
02/07/2019

O proxecto “Lousas” incorpora á rede 18 novos rexistros

“Los reyes del gramófono”, “Os Rouxinóis de portugal”, Joselín, Eduardo Falú son algúns dos nomes propios desta cuarta entrega de Lousas, o proxecto do Consello da Cultura Galega que pon en rede o patrimonio sonoro rexistrado en pedra que custodia o Arquivo Sonoro de Galicia.
26/06/2019

Unha publicación alerta da degradación do planeta pola acción do home

O Consello da Cultura Galega presentou esta mañá "O Antropoceno e a «Grande Aceleración»", unha publicación que analiza desde Galicia e para Galicia a situación actual do planeta a partir de dous fenómenos: o “Antropoceno”, unha nova época xeolóxica marcada pola acción do home en relación co planeta; e a “Grande Aceleración”, que fixa en 1950 o comezo do consumo exponencial dos recursos terrestres pola humanidade. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, o catedrático de Edafoloxía e tamén coordinador da publicación, Francisco Díaz-Fierros; máis a coordinadora da Sección de Ciencia, Elena Vázquez Cendón, deron a coñecer este texto que recolle as contribucións feitas por varios expertos nunha xornada homónima celebrada en Santiago en 2017, no que se alertou da necesidade de cambios.
26/06/2019

Margarita Boladeras aborda a legalización da eutanasia no ciclo “Pensarmos”

A eutanasia cobra protagonismo no marco do ciclo “Pensarmos”, que organiza a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG). Margarita Boladeras (Antequera, 1945), catedrática de Filosofía Moral e Política da Universitat de Barcelona e unha das voces máis coñecidas na defensa da legalización da eutanasia, propón mañá (18:00 horas) unha nova cita coa reflexión. Dialogará sobre este asunto con Ascensión Cambrón, presidenta da Asociación polo Dereito a unha Morte Digna de Galicia. Canda elas estará a coordinadora do ciclo, Carme Adán. A conversa poderase seguir en directo desde o web da institución.
24/06/2019

A presidenta do Consello da Cultura Galega recibíu á secretaria xeral de Acción Exterior do goberno vasco

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, recibiu a semana pasada a María ángeles Elorza, secretaria xeral de acción exterior do goberno vasco. Canda ela viña tamén o director para a Comunidade Vasca no Exterior, Gorka Álvarez, que estivo no CCG o pasado mes de marzo. Na visita intercambiaron impresións sobre a preservación e as relación coas comunidades galegas e a conservación do seu patrimonio documental, así como iniciativas paralelas que se están a desenvolver en Euskadi e Galicia, como o “Museo da Emigración Galega” ou o “Museo da Emigración e do Exilio”.
20/06/2019

O “Foro Inés de Castro” abre unha nova xeira nas relacións entre a cultura galega e portuguesa

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e o presidente do Camões Instituto da Cooperação e da Língua I.P. (CICL), Luís Faro Ramos, presentaron esta mañá novas liñas de acción da relación entre Galicia e Portugal. A primeira desas estratexias concrétase no “Foro Inés de Castro”, que toma o nome da nobre galega que reinou en Portugal despois de morrer, e programará unha serie de seminarios, xornadas e conferencias arredor de temáticas conxuntas. A primeira sesión deste foro terá lugar esta tarde cunha palestra de Luís Faro titulada “Perceções da Língua Portuguesa na Literatura”, á que asisten representantes do sector cultural. No marco desta viaxe, a presidenta do Consello da Cultura Galega xestionou reunións cos responsables da Real Academia Galega e, na xornada do venres, cos titulares das Consellerías de Cultura e Educación.
18/06/2019

Primeiro encontro de Institutos Culturais no Institut Ramon Llull

A sede do Institut Ramon Llull acolleu o luns 17 de xuño a primeira reunión entre os directores dos Institutos Culturais do Estado. O encontro serviu para poñer en común as diferentes liñas estratéxicas das organizacións, os seus retos e obxectivos.
16/06/2019

As posibilidades da literatura galega no mercado británico –irlandés centran unha xornada do CCG

O mercado editorial británico está en proceso de apertura á tradución, sobre todo, de linguas europeas. Unha situación que a cultura galega non quere deixar pasar e sobre a que se falará na xornada “A internacionalización da literatura galga en tradución ao inglés: novas oportunidades perante un mercado editorial británico-irlandés en apertura”. O programa artéllase nunha sesión onde expertos en ambas literaturas falarán do sistema de axudas, das traducións e da situación actual destes sistemas literarios, para dar paso a dous días de obradoiros formativos sectoriais. A cita está organizada por Dolores Vilavedra, Olga Castro, Laura Linares que, xunto coa vogal da comisión executiva, María Xosé Porteiro serán as encargadas da inauguración. Poderase seguir en directo desde o web da institución.
11/06/2019

Como fixemos a recreación en 3D do rostro de Castelao para a exposición "Alba de Gloria. Unha experiencia"

Coincidindo coa inauguración da exposición "Alba de Gloria. Unha experiencia" en Rianxo, damos a coñecer o complexo proceso de recreación virtual do rostro de Castelao. Grazas ao traballo do artista 3D e experto en patrimonio virtual Pablo Aparicio e a colaboración da comunidade galega en Bos Aires, puidemos levar a cabo unha recreación realista e respectuosa do político na súa idade madura. O encontro con Castelao é, se cadra, a parte máis emocionante da experiencia da visita á exposición Alba de Gloria.
11/06/2019

Unha xornada do Consello da Cultura Galega aborda mañá o concepto de “muller galega”

Os estereotipos que hai detrás do concepto de “muller galega” e como foron evolucionando a través do tempo son algunhas das cuestións que se abordarán mañá no marco da xornada “Mulleres e antropoloxía en Galicia”. A cita do Consello da Cultura Galega (CCG) xuntará durante un día diferentes expertos que permitirán revisar a teoría e a práctica arredor da realidade das mulleres en Galicia. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, xunto coas coordinadoras deste encontro, Nieves Herrero, Luzia Oca e Mariám Mariño, serán as encargadas de inaugurar esta xornada. Poderá seguirse en directo desde o web da institución.
10/06/2019

O Consello da Cultura Galega reflexiona nunha xornada sobre sexualidade e identidade

Quen somos nós neste século? Como chegamos a imaxinar a nosa sexualidade a través de conceptos como “macho”, “femia”, “home”, “muller”, “heterosexual”, “homosexual”, “transexual”, “DSD”? Cal é a relación entre a política e a sexualidade? Son os nosos corpos espazos de inscrición de xéneros mutantes? Cales son as propostas de futuro? Estas son algunhas das incógnitas que a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG) propón mañá no marco da súa xornada “Pensar con orgullo”. Unha nova cita coa reflexión, desta volta centrada en cuestionar conceptos e descubrir novos aspectos. Será inaugurada pola secretaria da institución, Dolores Vilavedra, e polas coordinadoras, Carme Adán e Celia Pereira. A xornada poderá seguirse en directo desde o web da institución.
10/06/2019

O Consello da Cultura Galega inaugura mañá en Rianxo “Alba de Gloria”, a mostra que recrea o último discurso de Castelao

“Alba de Gloria. Unha experiencia” é a mostra coa que o Consello da Cultura Galega recrea e contextualiza o último gran discurso que pronunciou Castelao en vida. A exposición, que se puido ver en Santiago entre novembro e marzo, chega agora a Rianxo. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, xunto co alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, e o comisario da mostra, Manuel Gago, inaugurarán mañá no Auditorio municipal (20:30 horas) esta mostra, que se poderá visitar ata o 17 de xullo.
07/06/2019

“No bico un cantar” reúne en Tui a mocidade galega e portuguesa

O vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Xosé Manuel Núñez Seixas; a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar; e o alcalde en funcións de Tui, Carlos Vázquez asistiron esta tarde en Tui ao concerto da sétima edición de No Bico un Cantar no que preto de 560 rapazas e rapaces acompañados duns 50 docentes lle renderon homenaxe á tradición musical da Raia. Tanto Pomar como Núñez Seixas salientaron a importancia de iniciativas coma esta que, ademais de afondar na nosa tradición oral e musical, fomentan o esforzo e a convivencia entre as alumnas e alumnos participantes no concerto. Ademais, aproveitaron para anunciar que a vindeira edición renderá homenaxe á Xeración Nós e terá lugar en Allariz.
06/06/2019

A sétima edición de “No bico un cantar” reúne mañá en Tui a mocidade galega e portuguesa

A localidade pontevedresa de Tui acollerá mañá venres a sétima edición do concerto “No bico un cantar”, unha proposta que xunta música, poesía e mocidade. A cita está organizada polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional; a Dirección xeral de Políticas Culturais e o concello de Tui. Un gran coro de máis de medio millar de nenos e nenas chegados dos conservatorios profesionais e das escolas de música da zona dirixidos por Maximino Zumalave ofrecerán un concerto (praza da San Fernando, 17:30 horas) no que cantarán a tradición musical da raia. O programa inclúe a estrea da versión musical do poema de Xosé María Álvarez Blázquez “No rego do prado!” a cargo do compositor Alexis Rozas.
05/06/2019

O Consello da Cultura Galega e Afundación levan mañá a Ourense a mostra Son de Galicia, que recoñece o labor da Coral De Ruada

Inaugurouse na Coruña, continuou en Ferrol e fai agora parada en Ourense. Falamos de Son de Galicia, unha exposición que percorre a biografía dos catro coros históricos que permanecen activos: Toxos e Froles, Cántigas da Terra, De Ruada mais Cantigas e Agarimos, para contar como a través do baile e da música contribuíron a sentar a identidade galega. Esta mostra, organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) coa colaboración de Afundación e as catro sociedades corais históricas, chega agora a Ourense. Este xoves terá lugar a inauguración, na que participarán o vicepresidente do CCG, Xosé Manoel Núñez Seixas; Beatriz Fernández-Anguiano, coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, e o presidente da Coral De Ruada, Samuel Lago. A exposición poderase ver na sede Afundación Ourense ata o 7 de xullo.
04/06/2019

A presidenta do Consello da Cultura inaugura en Río de Xaneiro a exposición Galicia imaxinada

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, inaugura esta tarde no Instituto Cervantes de Río de Xaneiro a exposición "Galicia imaxinada nas revistas da emigración". Unha mostra que permite visualizar a influencia da emigración na creación da imaxe da Galicia no século XIX a través da análise de varias publicacións. A cita insírese dentro dunha serie de reunións que a presidenta desenvolve no marco dunha viaxe institucional a Brasil.
29/05/2019

Os colexios públicos galegos encabezan o uso de Entornos Virtuais de Aprendizaxe segundo o Observatorio da Cultura Galega

Facer exercicios en liña, interactuar co profesorado, traballar en equipo... son algunhas das accións que permiten os Entornos Virtuais de Aprendizaxe (EVA). E, nese modelo educativo, Galicia está á cabeza do conxunto do Estado. Así o constata o Documento de traballo Tecnoloxías da información e a comunicación que acaba de facer público o Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). O informe tamén deixa outros datos, como que o 81,9% dos galegos e galegas empregan as redes sociais e fano para comunicarse coas amizades e estar informados. Facebook é a rede predominante, seguida de lonxe por Instagram e Twitter.
27/05/2019

O Consello da Cultura inaugura en Bos Aires Galicia Imaxinada, a mostra que recolle a contribución da emigración á construción da identidade galega

O Hall de Honor do "Palacio de la Legislatura da Ciudad Autónoma de Buenos Aires" é un espazo privilexiado que acolle ata o venres a exposición do Consello da Cultura Galega "Galicia Imaxinada nas revistas da emigración". Unha mostra que permite visualizar a influencia da emigración na creación da imaxe da Galicia no século XIX a través da análise de varias publicacións.
23/05/2019

O Consello da Cultura Galega e o Ateneo Republicano dixitalizarán a memoria sonora da transición na Coruña

Foi un dos focos culturais máis representativos de Galicia no inicio da democracia. Polo Ateneo da Coruña Curros Enríquez desfilaron políticos, escritores e boa parte da intelectualidade galega e española da época. Todos eses actos culturais foron gravados e repousan en 502 casetes que gardaba o Ateneo Republicano de Galicia (ARGA) e lle acaba de ceder ao Consello da Cultura Galega (CCG) para a súa dixitalización e posta en valor. O acordo asinárono esta mañá os presidentes das dúas entidades, Rosario Álvarez, do CCG, e Juan Luis Pérez Alvajar, de ARGA, que destacaron o valor de conservación e difusión deste legado.