noticias

Rexistros 31 a 60 de 1610
23/05/2019

O Consello da Cultura Galega e o Ateneo Republicano dixitalizarán a memoria sonora da transición na Coruña

Foi un dos focos culturais máis representativos de Galicia no inicio da democracia. Polo Ateneo da Coruña Curros Enríquez desfilaron políticos, escritores e boa parte da intelectualidade galega e española da época. Todos eses actos culturais foron gravados e repousan en 502 casetes que gardaba o Ateneo Republicano de Galicia (ARGA) e lle acaba de ceder ao Consello da Cultura Galega (CCG) para a súa dixitalización e posta en valor. O acordo asinárono esta mañá os presidentes das dúas entidades, Rosario Álvarez, do CCG, e Juan Luis Pérez Alvajar, de ARGA, que destacaron o valor de conservación e difusión deste legado.
22/05/2019

António Cunha fala mañá sobre tecnoloxía e sociedade no ciclo Pensarmos

O ciclo Pensarmos, que organiza a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG), propón mañá (18:00 horas) unha nova cita coa reflexión. Desta volta estará centrado na tecnoloxía, na investigación e como orientar a mocidade cara a ese ámbito. Será da man do enxeñeiro António Cunha, que dialogará con Juan Casares Long tras a presentación da presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a coordinadora do ciclo, Carme Adán. A conversa poderase seguir en directo desde o web da institución.
20/05/2019

O Concerto das Letras Galegas abre coa “Suite Cotobade” os actos de homenaxe a Antonio Fraguas

A recolleita de materiais sonoros no concello natal de Antonio Fraguas serviulle a Rodrigo Romaní e a Xaquín Xesteira para compor “Suite Cotobade” a peza que esta noite abriu o programa do Concerto das Letras Galegas. O Consello da Cultura Galega pensou para esta novena edición unha proposta musical que reflexase ese amor pola cultura patrimonial sobre a que tanto traballou Fraguas. E o resultado concretouse no tándem entre a orquestra folk SondeSeu e o grupo de baile O Fiadeiro. O público respondeu cun aforo case completo entre os que estaban a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o presidente da Real Academia Galega; Víctor Freixanes e outras autoridades.
20/05/2019

O Consello da Cultura Galega celebra unha xornada que analiza os metais da Idade de Bronce

Machados, puntas de lanza e outros obxectos do 1300 antes de Cristo chegaron á Universidade de Santiago de Compostela de man de coleccionistas e arqueólogos privados. Despois de investigalos e analizalos, saíron á luz novos achados que se presentan na xornada “Abrindo vitrinas: a metalurxia do Bronce Final na colección arqueolóxica da Universidade de Santiago de Compostela”, que o Consello da Cultura Galega (CCG) celebra mañá. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, e a coordinadora da Sección de Patrimonio, Rebeca Blanco-Rotea, serán as encargadas de inaugurar esta nova cita dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural (EMPC) que se poderá seguir en directo desde o web do CCG.
20/05/2019

O Consello da Cultura Galega analiza mañá cun parladoiro o papel dos coros na divulgación dos símbolos de Galicia

Ferrol acolle estes días a exposición do Consello da Cultura Galega (CCG) Son de Galicia, na que se recolle o espírito dunha época que sentou a través da música e do baile a nosa identidade. Como complemento do discurso expositivo, mañá terá lugar un parladoiro no que se afondará no labor que xogaron os coros na divulgación dos símbolos de Galicia. Esta cita contará coa presenza da presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e nela participarán Javier Jurado, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, Belén Sáenz-Chas Díaz e o comisario da mostra, Miguel Anxo Seixas. A sesión comeza ás 19:30 horas na sede de Toxos e Froles.
16/05/2019

As conclusións dos XXI Encontros para a normalización lingüística alertan da carencia dunha visión institucional na divulgación científica

Un sector dinámico e vital; un tecido asociativo destacado; moita diversidade de produtos e moita creatividade nun ámbito marcado pola motivación persoal e o voluntarismo. Estas son algunhas das características positivas do sector da ciencia no noso país. Así o constatan as conclusión dos XXI Encontros para a normalización lingüística do Consello da Cultura Galega que se acaban de publicar. Entre os aspectos negativos desta realidade destaca a carencia dunha visión institucional, unha falta de planificación e a cativeza das axudas públicas. Consulta as conclusións
15/05/2019

O Consello da Cultura Galega abre mañá as celebracións sobre Fraguas co Concerto das Letras Galegas

As celebracións do Día das Letras Galegas arrincan mañá cunha nova edición do Concerto das Letras Galegas. Unha cita habitual no calendario que pretende celebrar, a golpe de música, a figura do homenaxeado en cada edición. Nesta ocasión o programa inspírase na cultura patrimonial que tanto axudou a recuperar Antonio Fraguas e tradúcese nun concerto da orquestra folk SonDeSeu coa actuación do grupo de baile O Fiadoiro. O concerto suporá a estrea da peza “Suite Cotobade”, composta por Rodrigo Romaní e Xaquín Xesteira. O concerto terá lugar no Auditorio de Galicia ás 20:30 horas, é de balde e as entradas poden recollerse no mesmo espazo antes da actuación.
10/05/2019

O Consello da Cultura analiza a etapa inicial de Antonio Fraguas na súa publicación de homenaxe

Son as primeiras publicacións etnográficas, están en galego e son anteriores á Guerra Civil. Son os principais criterios elixidos polo Consello da Cultura Galega no libro de homenaxe a Antonio Fraguas con motivo do Día das Letras Galegas. Con esta publicación ponse o acento na súa etapa inicial, na de pertenza ao Seminario de Estudos Galegos, que senta as bases do seu pensamento. A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o autor do estudo crítico e biográfico, Clodio González; e o presidente da Fundación Antonio Fraguas, Xusto Beramendi, presentaron esta mañá a edición facsimilar numerada. Ademais, tamén se presentou o Roteiro Fraguas, que ofrece un percorrido de 39 puntos que discorre pola vida e obra do etnógrafo.
09/05/2019

Xa están dispoñibles as entradas do Concerto das Letras Galegas

Desde hoxe xa se poden recoller as entradas para asistir ao Concerto das Letras Galegas que terá lugar o vindeiro día 16 de maio (ás 20:30 horas) no Auditorio de Galicia. Nesta ocasión, o concerto institucional corre a cargo da Orquestra folk SondeSeu coa colaboración do grupo de baile O Fiadoiro. As entradas son gratuítas e retíranse no Teatro Principal (aberto de martes a sábado de 18.00 a 21.00h) ou o propio día 16 no auditorio. Só se poden retirar dúas entradas por persoa.
08/05/2019

O Consello da Cultura Galega acolle desde mañá a reunión do Grupo para o Estudo de Asentamentos Históricos Irlandeses

Historiadores, arqueólogos, divulgadores e especialistas no estudo de asentamentos históricos irlandeses reúnense desde mañá en Compostela. Forman parte do Grupo para o Estudo de Asentamentos Históricos Irlandeses (GSIHS) que se reúne por primeira vez fóra de Irlanda. O Consello da Cultura Galega colabora nesta xuntanza que inaugurará o vicepresidente da institución, Xosé Manoel Núñez Seixas. A cita conta cunha conferencia inaugural de Patrick O'Flanagan que falará das semellanzas e diferenzas entre os asentamentos galegos e irlandeses.
03/05/2019

O Consello da Cultura Galega e SondeSeu lembran a faceta etnográfica de Fraguas na novena edición do Concerto das Letras Galegas

Antonio Fraguas foi un defensor, compilador e difusor da cultura tradicional. Unha faceta que o Consello da Cultura Galega quere pór en valor no seu tradicional Concerto das Letras Galegas. Por iso, na novena edición desta cita habitual no mes das letras, o programa pretende ser unha chiscadela á cultura patrimonial que tanto axudou a recuperar Fraguas e que encaixa co traballo da orquestra folk SonDeSeu. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, presentou hoxe o concerto, que “serve de punto de arranque da Festa das Letras”. Canda ela estaban o director da orquestra, Rodrigo Romaní, e Xaquín Xesteira. Ambos os dous compuxeron a peza que se estrea nesta ocasión: a “Suite Cotobade”, que está dividida en catro partes e elaborada a partir de materiais recadados na parroquia natal de Fraguas. O concerto terá lugar o 16 de maio no Auditorio de Galicia. A entrada é libre e gratuíta, previa recollida de entradas.
26/04/2019

Diferentes expertos evidencian en San Simón a aplicación das novas tecnoloxías no coñecemento da Idade Media

Datación de igrexas altomedievais, descifrar algún dos enigmas do Pórtico da Gloria, recoñecer influencias medievais en cantantes actuais como Rosalía, e poder ler en rede os cancioneiros medievais. Son algúns dos usos que as novas tecnoloxías permiten tanto na investigación como na difusión do patrimonio medieval. Sobre eles falouse na xornada “A cultura medieval á luz das novas tecnoloxías” que o Consello da Cultura Galega, coa colaboración do Concello de Redondela, desenvolveu ao longo de todo o día na illa de San Simón.
25/04/2019

Unha xornada amosa en San Simón como as novas tecnoloxías ofrecen novas lecturas da cultura medieval

“Seíam’eu…en San Simón” é o título xenérico dun programa que o Consello da Cultura Galega (CCG) e o Concello de Redondela celebrará na illa de San Simón cada ano. E a primeira mostra deste acordo terá lugar mañá no simposio titulado “A cultura medieval á luz das novas tecnoloxías”. Durante todo o día, recoñecidos expertos en arte, música, patrimonio e literatura medieval analizarán as posibilidades de difusión e de investigación que sobre esta época ofrece a tecnoloxía. A cita poderá seguirse en directo desde o web da institución.
24/04/2019

Remedios Zafra falará mañá no Consello da Cultura Galega da precariedade da creación cultural

É unha escritora e tamén pensadora que orientou o seu traballo a facer un estudo crítico da cultura contemporánea, do feminismo, da creación e das políticas da identidade nas redes. A súa obra literaria está relacionada co ensaio e comprometida coa igualdade e coa crítica social. Remedios Zafra (Zuheros, 1973) estará mañá no Consello da Cultura Galega para falar da precariedade dos traballos creativos, que se converte nunha nova forma de domesticación. A súa intervención titúlase “Despois do entusiasmo. Creatividade e traballo creativo na Cultura-Rede” e forma parte do ciclo Pensarmos que coordina Carme Adán. A cita poderase seguir en directo desde o web institucional e están cubertas todas as prazas.
17/04/2019

O Consello da Cultura Galega exhibe en As benvidas a chegada agridoce dos emigrantes a Nova York

As benvidas é unha exposición que documenta e celebra as amargas alegrías das chegadas e nos axuda a ver outra cara da historia, un novo comezar” afirmou María Xosé Porteiro, membro da Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega (CCG), no marco da inauguración que tivo lugar onte á tarde na sede de La Nacional, en Nova York. Canda ela estaba o cónsul para asuntos culturais, Juan José Herrera; o presidente de La Nacional, Antonio Morales, xunto cos comisarios da mostra, James D. Fernández e Luis Argeo. A exposición serve de contrapunto doutra mostra que o CCG levou ao Museo da Migración de Ellis Island, “Os adeuses”, na que se que retrataban as despedidas dos emigrantes galegos.
15/04/2019

O Consello da Cultura Galega inaugura mañá en Nova York a exposición “As benvidas”

“As benvidas” é o título da nova exposición que o Consello da Cultura Galega (CCG) inaugura mañá na sociedade neoiorquina “La Nacional. The Spanish benevolent”. A cita contará coa presenza de María Xosé Porteiro, membro da Comisión Executiva do CCG; o cónsul para asuntos culturais, Juan José Herrera, e os comisarios da mostra, James D. Fernández e Luis Argeo. A exposición documenta a amarga alegría das chegadas a través dos arquivos familiares dos descendentes dos emigrantes españoles en EE. UU. Serve de contrapunto da exposición “Os adeuses”, que o CCG inaugurou en febreiro e que acaba de ser incluída na programación da Semana do Patrimonio Inmigrante que organiza o goberno da cidade de Nova York.
10/04/2019

O vicepresidente do Consello da Cultura Galega inaugura hoxe en Bos Aires a mostra “Galicia Imaxinada”

“Galicia Imaxinada” é a mostra que visualiza a influencia da emigración na creación da imaxe da Galicia nos séculos XIX e XX, através das revistas publicadas polas colectividades galegas de Cuba e da Arxentina. A exposición chega agora a Bos Aires, onde será inaugurada neste serán polo vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Xosé Manoel Núñez Seixas, xunto co reitor da Universidad de San Martín, Carlos Greco; o delegado da Xunta en Bos Aires, Alejandro López Dobarro, e o embaixador de España na República Arxentina Javier Sandomingo Núñez. A mostra pódese ver no Campus de Miguelete, da Universidade San Martín, ata o 8 de maio.
09/04/2019

Sharon Roseman falará de memoria e mulleres no ciclo “Conversas trasatlánticas”

A antropóloga canadense Sharon Roseman estará mañá no Consello da Cultura Galega (CCG) para falar de memoria, etnografía e a vida das mulleres. A súa intervención forma parte do ciclo “Conversas trasatlánticas” que organiza a Comisión de Igualdade do CCG. O coloquio contará tamén coa presenza da profesora Luzia Oca González, ea científica Cristina Sánchez-Carretero. A cita poderá seguirse en directo a través do web da institución.
08/04/2019

O Consello da Cultura Galega analiza mañá nunha xornada como a cidadanía participa na cultura

Dúas das persoas de referencia actual en materia de animación sociocultural, Jaume Colomer e Jaron Rowan, estarán mañá no Consello da Cultura Galega para falar das estratexias e das fórmulas nas que a cidadanía se implica no feito creativo. Os seus relatorios forman parte da xornada titulada “Da animación sociocultural á cultura colaborativa” que organiza a Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, xunto coa coordinadora da sección, Carme García Mateo; e o coordinador da xornada, Marcos Lorenzo, serán os encargados de abrir esta cita que se pode seguir en directo desde o web da institución.
05/04/2019

O Consello da Cultura Galega amosa a satisfacción pola candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

O Consejo de Patrimonio Histórico de España acaba de aprobar a candidatura da ribeira Sacra para ser declarara Patrimonio da Humanidade. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, afirmou que a institución se congratula por esta candidatura que é “o recoñecemento dunha paisaxe icónica para a cultura galega pero tamén de todo un xeito de vida. Os valores intrínsecos da Ribeira Sacra son o froito do pouso do paso do tempo no que se entremesturan natureza, humanización, patrimonio artístico, relixiosidade .... en definitiva, cultura”.
03/04/2019

Mañá comezan os XXI Encontros para a Normalización Lingüística que se centran na divulgación da ciencia

“Cal é o peso (atómico) do galego?” Este é o título da XXI edición dos Encontros para a Normalización Lingüística do Consello da Cultura Galega. Unha cita que este ano pon o foco nun terreo no que somos especialmente vizosos: a divulgación científica. Así o explicitou un informe elaborado en 2018, “Diagnose da cultura galega”, que concluía que Galicia é unha comunidade de referencia na producción de cultura científica por parte de particulares, colectivos, asociacións, universidades…. Esta xornada dalle voz a todos eles para que conten os detalles do seu traballo. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, inaugurará mañá esta cita (16:00 horas) que se desenvolve ata o venres na Cidade da Cultura.
02/04/2019

Unha xornada sobre cultura medieval abre a colaboración entre o Consello da Cultura Galega e o Concello de Redondela

“Seíam’eu…en San Simón” é o título dun programa que o Consello da Cultura Galega (CCG) e o Concello de Redondela celebrarán en San Simón cada ano. Así figura no acordo marco de colaboración asinado esta mañá entre a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e o alcalde deste concello pontevedrés, Javier Bas, coa presenza do técnico municipal, Xurxo Martínez. Alén desa actividade anual, moi relacionada co pasado da illa, o acordo fixa tamén a programación dalgunha das exposicións organizadas polo CCG. A primeira das actividades terá lugar o vindeiro día 26 de abril cunha xornada que, en palabras da presidenta, “pretende tender unha ponte entre a época medieval e a situación actual”.
02/04/2019

A presidenta do Consello da Cultura Galega recibe ao secretario xeral da Organización de Estados Iberoamericanos

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, recibiu esta mañá ao secretario xeral da Organización de Estados Iberoamericanos (OEI), Mariano Jabonero. Na visita, Rosario Álvarez trasladoulle as liñas de actuación en acción exterior, así como as áreas de traballo e funcionamento da actividade desenvolvida por esta entidade en cumprimento do seu mandato fundacional. Ademais, o secretario xeral da OEI asinou no Libro de Honra do CCG.
02/04/2019

O Consello da Cultura Galega xunta mañá a expertos para coñecer os avances científicos na erradicación da velutina

Vespertina, vespa asiática, velutina…son moitas as denominacións para referirse a este insecto invasor que está a causar estragos na apicultura, ameaza o equilibrio do ecosistema e afecta á saúde das persoas. Expertos e científicos que levan tempo analizando e investigando o seu comportamento xúntanse mañá no Consello da Cultura Galega para coñecer o estado da cuestión e tentar poñer solucións enriba da mesa. A xornada, que se pode seguir en directo desde o web da institución, estará inaugurada pola presidenta, Rosario Álvarez; o presidente da FEGAMP, Alfredo Díaz e Antonio Crespo, presidente da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia.
29/03/2019

O proxecto Lousas do Consello da Cultura Galega pon na rede o patrimonio sonoro rexistrado en pedra

Chamáronse “discos de pedra” ou de “pizarra”, polo composto terroso e escuro, que lembraba os encerados de colexio, pero en realidade estaban integrados por goma, resina, celuloide, lousas ou capas de papel. As lousas desapareceron coa chegada dos vinilos e gravaban un máximo de catro minutos en cada cara. O Consello da Cultura Galega, a través do seu Arquivo Sonoro de Galicia, garda este material que desde hoxe está en rede. “Lousas” é o proxecto web que presentou esta mañá a secretaria da institución, Dolores Vilavedra, quen destacou a relevancia deste proxecto que “pon á disposición do público unha parte importante e delicada do noso patrimonio e faino con valor engadido, como son os textos explicativos e as imaxes”. Canda ela estaban a coordinadora técnica do Arquivo Sonoro, Cristina Pujales, e o director do Arquivo Sonoro de Galicia, Xosé Ramón Pousa, quen fixo un chamamento á cidadanía para que contribúa a conservar este patrimonio.
28/03/2019

A presidenta do Consello da Cultura Galega inaugurou en Salvador de Bahía a mostra “Galicia Imaxinada”

É unha mostra que recolle a Galicia dos emigrantes: a real e a imaxinada. Chámase “Galicia Imaxinada” e visualiza a influencia da emigración na creación da imaxe da Galicia no século XIX e faino a través de revistas porteñas e habaneiras”. A exposición foi inaugurada no serán do mércores pola presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, xunto con Lidia María Batista Branado, superintendente do Sistema de Bibliotecas da UFBA; Alvanita Almeida Santos, vicedirectora do Instituto das letras da UFBA, e Mailson Lopes, coordinador do Centro de Estudos da Língua e Cultura Galegas da UFBA. A mostra estará aberta ata o 29 de abril e inicia a súa itinerancia por Brasil.
27/03/2019

O Consello da Cultura Galega participa no III Congreso de Estudos Internacionais da Galiza

“Galicia e a lusofonía perante os desafíos globais” é o título da terceira edición do Congreso de Estudos Internacionais da Galiza, que organiza o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) en colaboración cunha serie de entidades de Galicia e de Portugal. A cita desenvólvese hoxe e mañá en Pontevedra e nela participa o Consello da Cultura Galega a través de Hakan Casares, coordinador do Observatorio da Cultura Galega, e Emilia García López, responsable de Acción Exterior.
27/03/2019

Gareth Williams e Jorge Álvarez dialogarán mañá no Consello da Cultura Galega sobre América Latina

O 12 de outubro de 2018 un grupo de hondureños iniciou en San Pedro Sula (Honduras) a “Camiñata do Migrante” coa intención de pedir asilo nos Estados Unidos. Polo camiño fóronse sumando migrantes de Salvador e de Guatemala e chegaron a ser preto de seis mil. Mes e medio despois alcanzaron Tijuana (Baixa California, México), onde foron perdendo forza. Non foi a única mobilización social de denuncia da situación actual en Honduras pero si unha das máis multitudinarias e efectistas. Sobre este feito e sobre as correntes fundamentais do pensamento teórico arredor de América Latina falarán Gareth Williams e Jorge Álvarez Yágüez mañá no Consello da Cultura Galega. A conversa Forma parte do ciclo “Pensarmos”, que coordina Carme Adán. A cita poderase seguir en directo desde o web do Consello da Cultura Galega.
25/03/2019

Reunións coa colectividade abren a axenda da presidenta do Consello da Cultura Galega en Brasil

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, reunirase mañá, martes 26, con diferentes entidades da colectividade galega en Salvador de Bahía (Brasil). É a primeira das actividades previstas na axenda da presidenta, quen inaugurará o mércores a mostra “Galicia imaxinada”, que inicia a súa itinerancia por Brasil. O venres participará no acto de homenaxe á galega Rosario Suárez Albán por parte da Assembleia Legistativa da Bahia, que lle entregará a súa máxima distinción, a Comenda 2 de Julho.
25/03/2019

Reunións coa colectividade abren a axenda da presidenta do Consello da Cultura Galega en Brasil

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, reunirase mañá, martes 26, con diferentes entidades da colectividade galega en Salvador de Bahía (Brasil). É a primeira das actividades previstas na axenda da presidenta, quen inaugurará o mércores a mostra “Galicia imaxinada”, que inicia a súa itinerancia por Brasil. O venres participará no acto de homenaxe á galega Rosario Suárez Albán por parte da Assembleia Legistativa da Bahia, que lle entregará a súa máxima distinción, a Comenda 2 de Julho.