noticias

Rexistros 31 a 60 de 1665
18/10/2019

O Consello da Cultura Galega participou en Boal nun simposio que analiza a prensa da emigración

Cúmprese o centenario do nacemento do xornal “Progreso de Asturias”, unha efeméride que o concello de Boal (Principado de Asturias) quixo conmemorar dedicando a III edición do seu habitual simposio sobre emigración á prensa. O Consello da Cultura Galega participou nel esta mañá cun relatorio que se centrou en explicar a imaxe de Galicia na prensa da emigración.
15/10/2019

Un seminario do Consello da Cultura Galega recomenda mudar o sistema de internacionalización da nosa literatura

Crear un organismo independente que se encargue de xeito profesionalizado do traballo de proxección e difusión do libro galego, establecer mecanismos correctores no sistema de axudas á tradución e modificar o apoio ás empresas galegas para acudir a feiras internacionais. Estas son algunhas das propostas de acción que xurdiron das xornadas de debate e formación “A internacionalización da literatura galega en tradución ao inglés: novas oportunidades perante un mercado editorial británico en apertura”, que se desenvolveron do 17 ao 19 de xuño no Consello da Cultura Galega. As coordinadoras desta actividade, Olga Castro e Laura Linares, presentan agora un documento no que se propoñen unha serie de cambios para mellorar a internacionalización da literatura galega.
14/10/2019

O Consello da Cultura Galega recupera a relación histórica coa Habana no quinto centenario da súa creación

O 16 de novembro de 2019, a cidade da Habana cumprirá cinco séculos. Unha efeméride que o Consello da Cultura Galega (CCG) celebrará cun intenso programa que arrinca mañá na capital cubana coa inauguración dunha exposición. “O soño cubano da emigración galega é moito máis que unha mostra, é o percorrido que ilustra a fortaleza, a continuidade e a visibilidade da presenza galega na Habana” explica o vicepresidente do CCG, Xosé Manoel Núñez Seixas. Xunto con María Xosé Porteiro son os comisarios desta aposta que percorre por primeira vez a relación histórica que Galicia mantivo coa Habana, onde se xestou a Galicia moderna e na que naceron os nosos símbolos: a bandeira, o himno e o escudo. O programa deseñado para conmemorar esta cita inclúe, alén da mostra, conferencias e un congreso que se realizará en novembro en Santiago.
14/10/2019

Dispoñible na rede a versión actualizada do Repertorio da prensa galega da emigración

A emigración galega foi moi frutífera na creación de boletíns, xornais, revistas... e diferentes tipos de publicacións periódicas. O Repertorio deste tipo de prensa xestado na emigración suma preto de 756 referencias hemerográficas. A listaxe é froito dun proxecto de investigación dirixido por Vicente Peña a finais dos noventa e que agora se actualiza.

11/10/2019

A presidenta do Consello da Cultura Galega participa nunha xornada de debate sobre mobilidade académica e xuventude

A presidenta do Consello da Cultura Galega Rosario Álvarez participou esta mañá na inauguración da xornada de debate “Juventude, Diásporas e mobilidade académica” que organiza a Academia Galega da Lingua Portuguesa e a Comissao temática de Promoçao e Difussao da Língua Portuguesa dos Observadores Consultivos da CPLP.
09/10/2019

O Consello da Cultura Galega inaugura mañá no Museo do Pobo a mostra que recoñece o labor dos coros galegos

Estivo na Coruña onde xurdiu a formación Cántigas da Terra hai máis de cen anos. Despois foi a Ferrol, berce de Toxos e Froles; pasou por Ourense, onde se xestou a coral De Ruada e despois fixo recalada en Pontevedra e Vigo. A mostra Son de Galicia chega agora a Santiago, á cidade que viu nacer a Cantigas e Agarimos, un dos catro coros cuxa traxectoria nos permite construír o relato de como a música e o baile contribuíron á creación da nosa identidade. A mostra organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) inaugúrase este xoves (20:00 horas) no Museo do Pobo galego. Alí estará a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a vicepresidenta do Padroado do Museo, Concha Losada; Antón Fernández, representante do coro Cantigas e Agarimos; e o comisario, Miguel Anxo Seixas. A exposición poderase ver ata o 3 de decembro.
09/10/2019

O proxecto “Lousas” sube á rede novos rexistros do noso patrimonio en pedra

Non son nin compositores nin músicos son galegos, con todo teñen unha fonda relación co pais. Esta é unha das características comúns dalgunhas das gravacións que poñemos na rede nunha nova entrega da proxecto Lousas. Esta proposta do Consello da Cultura Galega fai público o patrimonio sonoro rexistrado en pedra que custodia o Arquivo Sonoro de Galicia.
08/10/2019

Un informe do Consello da Cultura Galega e a Xunta constata discriminación de xénero no teatro e no audiovisual

Os sectores das artes escénicas e audiovisuais en Galicia está masculinizado. Só o 42% do persoal traballador son mulleres, que contan con dificultades de acceso ao mercado de traballo, aféctalles máis a temporalidade, cústalles conciliar e cobran menos. Ademais, tamén hai casos de acoso laboral e sexual, aínda que se percibe un cambio de actitude. Son as principais conclusións do informe “A situación das traballadoras dos sectores audiovisual e das artes escénicas en Galicia” que hoxe presentaron no Consello da Cultura Galega (CCG) os responsables de todas as entidades implicadas: Rosario Álvarez, presidenta do CCG; Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura; Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade, e Jacobo Sutil, director de Agadic. Canda eles estaba Håkan Casares Berg, responsable do Observatorio da Cultura Galega e autor do informe; a coordinadora da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais, Dolores Vilavedra, e mais os representantes de entidades gremiais dos sectores analizados, que foron os promotores da súa elaboración.
07/10/2019

O Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega de Ciencias e Política Lingüística achegan a figura de Tomás Batuecas á escola

Tomás Batuecas non era galego pero todas as súas investigacións e achegas á ciencia no campo das masas atómicas fíxoas desde Galicia. Por iso, este ano é o homenaxeado co Día da Ciencia en Galicia. Os detalles da súa investigación, xunto cos datos biográficos desde un punto de vista didáctico, figuran na publicación “O químico e a medida. Tomás Batuecas Marugán. Creador da química física en Galicia” que hoxe presentaron os responsables desta iniciativa no Consello da Cultura Galega: Rosario Álvarez, presidenta do CCG; Juan Manuel Lema, presidente da Real Academia Galega de Ciencias (RACG); e Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, mais os coautores da publicación: Manuel Bermejo e Ramón Cid.
07/10/2019

Unha xornada do Consello da Cultura analiza mañá a relación entre a arte e as matemáticas

Por moi afastadas que parezan, as matemáticas e a arte teñen enfoques similares e unha longa historia entrelazada. Requiren creatividade na resolución das súa tarefa e están presentes en numerosas obras artísticas de figuras clásicas como Leonardo da Vinci ou en figuras máis contemporáneas como as de Esther Ferrer. Sobre esta conexión falarase na xornada “Entre as matemáticas e arte” que se celebra mañá, 8 de outubro, no Consello da Cultura Galega (CCG). A presidenta da institución, Rosario Álvarez, inaugurará ás 10:30 horas esta cita está coordinada por Miguel Fernández-Cid, Asunta Rodríguez e Jesús Pastor Bravo. As intervencións poderán seguirse en directo desde o web da institución.
03/10/2019

O Consello da Cultura Galega leva a Redondela a mostra que recolle o legado educativo da emigración

O vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Xosé Manoel Núñez Seixas, e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, inauguran mañá en Redondela a mostra “Luces de alén mar”, unha exposición que recolle o legado educativo da emigración galega. A exposición poderase ver na sala de exposicións do Multiusos da Xunqueira ata o día 31 de outubro.
02/10/2019

O Consello da Cultura Galega participa en Bélxica na xuntanza anual da Asociación Europea de Institucións Migratorias (AEMI)

A vixésimo novena xuntanza anual da Asociación Europea de Institucións Migratorias (AEMI), que reúne institucións relacionadas con temática migratoria, arrinca mañá no Red Star Line de Antwerpen (Bélxica). O Consello da Cultura Galega (CCG) participa nesta cita a través do Arquivo da Emigración Galega, cun relatorio no que abordará as singularidades da nosa emigración. A cita deste ano, que durará ata o sábado, está centrada en coñecer como se documenta a memoria dos movementos migratorios.
01/10/2019

Ana Carreira e Joana Craveiro abren o ciclo de outono do programa do Consello da Cultura Galega “Dramaturxias itinerantes”

Hoxe comeza en Santiago a edición de outono do programa “Dramaturgias itinerantes/Dramaturxias itinerantes” cunha sesión que permitirá coñecer o traballo dunha das figuras de referencia da dramaturxia portuguesa actual: Joana Craveiro. Canda ela estará a contacontos e actriz galega Ana Carreira. Son as voces encargadas deste programa que se repetirá o mércores en Vigo e o xoves en Monção. Este proxecto xorde da colaboración entre o Consello da Cultura Galega, o Camões, Centro Cultural Portugués en Vigo, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e, desde esta edición, a rede Comédias do Minho.
27/09/2019

A presidenta do Consello da Cultura Galega inaugura en Santos a exposición “Galicia Imaxinada”

“Galicia imaxinada” é unha mostra organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) que permite visualizar a influencia da emigración na creación da imaxe da Galicia a través da análise de varias publicacións. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, inaugurará mañá esta exposición na Sala de exposicións do Shopping Boqueirao. Con ela estará Eduardo Alves, presidente do Centro Español de Santos. A inauguración é unha das actividades previstas no marco dunha viaxe institucional encamiñada a reforzar as relacións institucionais e os lazos coa colectividade galega no Brasil.
26/09/2019

O Consello da Cultura Galega celebra o Día Europeo das Linguas con recitais poéticos multilingües

Hoxe é o Día Europeo das Linguas, unha cita que o Consello da Cultura Galega (CCG) celebra con dous recitais poéticos organizados en colaboración con outras entidades. En Santiago, o vicepresidente Xosé Manoel Núñez Seixas, participou nun recital poético no Museo das Peregrinacións organizdo conxuntamente coa Secretaría Xeral de Política Lingüistica. Foi un acto no que estudantes Erasmus e peregrinos chegados de toda Europa leron no seu idioma textos de Rosalía de Castro escritos orixinariamente en galego. En París, o CCG participou noutro recital poético no marco da colaboración co Instituto Cervantes, o Instituto Ramón Llul e o Instituto Etxepare. Alí, o presidente do Cervantes, Luis García Montero, presentou o un recital poético no que oito poetas españoles e franceses leron versos en castelán, catalán, euskera, galego, asturiano, francés, occitano e corso. Pola banda galega o participou María Reimóndez.
25/09/2019

Carmen Velayos falará sobre os retos morais ante o cambio climático no ciclo “Pensarmos”

Estamos nunha semana relevante para o futuro do clima por mor do cumio sobre Acción Climática auspiciado pola ONU que pretende acelerar o cumprimento do Acordo de París nos prazos para eliminar as emisións. Unha temática sobre a que xira a conferencia que a profesora de filosofía moral e política da Universidade de Salamanca Carmen Velayos no Consello da Cultura Galega (CCG). Baixo o título “Retos e compromisos morais ante o cambio climático” insírese no ciclo “Pensarmos”, que nesta ocasión contará coa presenza do especialista en dereito ambiental J. José Pernas García. A conversa poderá seguirse en directo a través do web da institución.
25/09/2019

Un ciclo de cine exhibe a relación coas mulleres, a sociedade e o patrimonio

A relación das mulleres co seu contexto centran o ciclo de cine “Mulleres, patrimonios, sociedade”, que comeza mañá en Vigo (Multicines Norte). Serán tres xornadas que seguirán sempre o mesmo esquema: a proxección dunha curtametraxe, dunha longametraxe e mais un debate-coloquio. Esta proposta, que completa unha primeira edición que tivo lugar en Braga no 2018, é o resultado da colaboración entre o Consello da Cultura Galega (CCG); o Camões-Instituto da Cooperação e da Lingua, I. P.; a Universidade do Minho (UMinho) e a Vigo Film Office. A cita arrincará coa proxección do premiado filme de Xiana do Teixeiro titulado “Tódalas mulleres que coñezo”.ºº
23/09/2019

O Consello da Cultura Galega presenta mañá en Santiago o documental sobre as mulleres anónimas do Pindo

“As mulleres co mundo na cabeza” é o título do documental, dirixido por Encarna Otero, no que se quere homenaxear a mulleres anónimas que non deixaron ningunha pegada nos rexistros oficiais e que sustentaron as súas familias cos materiais que transportaban na súa cabeza. Forma parte dun traballo de documentación dunha das áreas de traballo da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega (CCG) que pretende fixar o testemuño de traballadoras anónimas na creación dun arquivo de imaxe. Este documental, que se estreou en xullo en Carnota, preséntase mañá martes en Santiago ás 19:00 horas. O acto contará coa presenza de Encarna Otero e dunha das protagonistas do documental (Marisa Vázquez Oreiro), e será presentado por María Xosé Porteiro, responsable da citada Comisión. Tamén haberá unha actuación da cantora Alba María.
21/09/2019

A presidenta do Consello da Cultura Galega reforza a acción exterior cunha viaxe a Brasil

Reforzar as relacións institucionais e os lazos coa colectividade son as dúas liñas de traballo que marcan a viaxe que a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, inicia mañá a Brasil. A axenda da presidenta inclúe reunións destacadas como as que manterá co Presidente da Assemblea Legislativa da Bahía ou co director do Instituto Cervantes de Sao Paulo, xunto con numerosas xuntanzas cos colectivos de emigrantes das cidades de Salvador, Santos e Sao Paulo. Ademais, o sábado 28 terá lugar a inauguración na cidade de Santos da exposición “Galicia Imaxinada”, que recolle a influencia da emigración na configuración da identidade galega.
17/09/2019

O Consello da Cultura Galega leva a Covilha a exposición que recolle a dimensión internacional de Valle-Inclán

A mostra “Outros verbos, novas leituras: Valle-Inclán traduzido”(1930-136)” ofrece unha lectura diferente do coñecido escritor, ao se centrar no éxito que tivo en vida a través da tradución das súas obras. O Consello da Cultura Galega, en colaboración co Departamento de Letras Universidade Beira interior, leva esta exposición a Covilha. A inauguración terá lugar mañá mércores ás 17:30 (hora local), e nela participan a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o decano da Faculdade de Letras e Artes, José María da Silva Rosa; o director do Departamento de Letras, José Ignacio Vázquez Diéguez; e a comisaria, Rosario Mascato. A exposición poderase ver ata o día 4 de outubro no Corredor das Fornalhas do núcleo da Real Fábrica de Panos do Museo de Lanifícios.
17/09/2019

Alicia Framis e Félix Fernández debaten sobre a arte como ferramenta de denuncia social

“Arte, acción, activismo, feminismo. A arte contemporánea como ferramenta de denuncia social en prol da igualdade” é o título dunha nova xornada do ciclo “En modo conversa” unha proposta que xunta o vindeiro mércores 18 de setembro a dous coñecidos creadores e activistas: Alicia Framis e e Félix Fernández. A comisaria Paula Cabaleiro, será a encargada de conducir un debate que se poderá seguir en directo a través do web da institución.
16/09/2019

O Consello da Cultura Galega, o Instituto da Lingua Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística presentan unha obra esencial para o coñecemento do galego medieval

Detrás de “Mosteiro de Montederramo. Colección documental e índices” hai 1880 documentos de tipoloxía variada, que datan entre 1124 e 1560 e que suman máis de trinta anos de traballo de documentación e de compilación; e mais un nome propio, o de Ramón Lorenzo, que foi o incansable traballador deste proxecto fundamental para o coñecemento do galego medieval e da primeira metade do século XVI. O traballo preséntase este martes en Montederramo nun acto en que participan os responsables de que esta iniciativa vise a luz: Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG); Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Xosé Luís Regueira, director do ILG, e mais o autor Ramón Lorenzo. Canda eles estarán presentes o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e Antonio Rodríguez, alcalde do Concello. Ao remate haberá un acto musical a cargo do grupo Manseliña. A publicación pódese descargar desde o web do CCG.
09/09/2019

O Consello da Cultura Galega e Afundación inauguran en Vigo Son de Galicia, a mostra que recoñece o labor dos coros galegos

Toxos e Froles, Cántigas da Terra, De Ruada e mais Cantigas e Agarimos son os catro coros históricos que permanecen activos hoxe en día. Dos seus arquivos constrúese o relato narrativo da exposición Son de Galicia, que recolle o espírito dunha época que sentou a través da música e do baile a nosa identidade. A mostra, organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) coa colaboración de Afundación-Obra Social ABANCA e mais as catro sociedades corais históricas, chega agora a Vigo. Este martes inaugúrase ás 19:30 horas coa presenza da presidenta do CCG, Rosario Álvarez; Paloma Vela, coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, e o comisario, Miguel Anxo Seixas. A exposición poderase ver na sede Afundación Vigo ata o 28 de setembro.
03/09/2019

Subimos cen novos números de A Nosa Terra que dan conta da actualidade do país de finais dos oitenta

Hoxe, 3 de setembro, subimos á rede cen novos números da publicación “A Nosa Terra”. Esta nova entrega abre co número 305 no que se informa, entre outras noticias, dun proxecto urbanístico que pretende construír unha gran praza e edificio de vivendas na rúa Hortas en Santiago de Compostela. Entre os temas dese ano destacamos a denuncia deste xornal de que un armador holandés despide a oitocentos mariñeiros galegos amparándose na lexislación panameña. O conflicto sobre a galeguidade da obra de Cela trala concesión do Premio Nóbel, a Iniciativa popular por unha lei forestal son algunhas das novas que se publicaron no período desta nova entrega. Pecha co número 405 no que este xornal fai unha reflexión sobre a política forestal. Ese exemplar denuncia que o Buró Europeo de Méio Ambiente inicia unha campaña contra a celulosa do grupo Flick proxectada nas Pontes, e que hai un informe das comunidade europeas que recomenda reducir a extensión do eucalipto na Galiza.
03/09/2019

Presentamos “Radiodifusión galega na emigración” unha listaxe das emisións radiofónicas da diáspora

O 3 de setembro 1950 comezou a emitirse en Montevideo "Sempre en Galicia", o programa de radio máis antigo de emisión totalmente en galego que aínda pervive. Aproveitamos esta efeméride para dar a coñecer “Radiodifusión galega na emigración”, un repertorio histórico das actividades radiofónicas realizadas e protagonizadas polos emigrantes galegos fundamentalmente en América e Europa, pero tamén noutros destinos menos frecuentes con presenza galega.
02/09/2019

O Consello da Cultura Galega e o Concello de Pontevedra rememoran o concerto homenaxe a Perfecto Feijoo cen anos despois

A praza da Ferraria acolleu este sábado un gran concerto que xuntou aos catro coros históricos que permanecen activos: Coral de Ruada de Ourense, Cántigas da Terra da Coruña, o Real Coro Toxos e Froles de Ferrol e Cantigas de Agarimos de Santiago. Asistiron a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e a concelleira de festas, Carme da Silva, que foron as dúas entidades que organizaron esta actividade. O acto rememorou o concerto que estas formacións (agás Cantigas e Agarimos, creada en 1921) celebraron hai cen anos para render homenaxe a Perfecto Feijoo, fundador do xa desaparecido coro Aires da Terra (1983-1914) de Pontevedra.
30/08/2019

Concerto homenaxe a Perfecto Feijóo

Pontevedra, agosto 2019
14/08/2019

O Consello da Cultura Galega inaugura en Pontevedra “Son de Galicia”, a mostra que recoñece o labor dos coros galegos

O primeiro dos coros que existiu en Galicia foi Aires da Terra e naceu en Pontevedra, da man de Perfecto Feijoo. Por iso, “Son de Galicia”, a mostra que recolle a contribución deste tipo de formacións á cultura galega, tiña que facer recalada na cidade do Lérez. A través desta exposición, na que se fai un percorrido pola biografía dos catro coros históricos que permanecen activos (Toxos e Froles, Cántigas da Terra, De Ruada e mais Cantigas e Agarimos), coñeceremos como a través do baile e da música os coros contribuíron a asentar a identidade galega. Organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración de Afundación e as catro sociedades corais históricas, inaugúrase este mércores 21 (20:00 horas) na Casa das Campás. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, será a encargada de inaugurala xunto co comisario, Miguelanxo Seixas, e o responsable da área de extensión cultural da Universidade de Vigo, Manuel Morquecho. Poderase visitar ata o 5 de setembro.
25/07/2019

O Consello da Cultura Galega pon na rede tres gravacións históricas do himno galego no Día Nacional de Galicia

Co gallo da celebración do Día Nacional de Galicia, o Consello da Cultura Galega ofrece tres versións do Himno Galego. Foron realizadas entre 1919 e 1928 e correron a cargo de Toxos e Froles de Ferrol, a Banda Municipal de Barcelona e Cántigas de Terra. Unha iniciativa que se insire no proxecto "Lousas" que pon na rede o patrimonio sonoro rexistrado en pedra.
24/07/2019

O Consello da Cultura Galega leva a Pontevedra dúas mostras que revisan o último discurso de Castelao e a memoria da transición

O Consello da Cultura Galega (CCG) e o concello de Pontevedra inauguran hoxe no Pazo da Cultura dúas mostras que revisan a historia recente de Galicia desde diferentes puntos e vista e formatos. A primeira delas é “A intimidade da imaxe”, a exposición que olla cara a Galicia da transición a través das fotografías de Anna Turbau (Barcelona, 1949). A segunda é “Alba de Gloria” a proposta que recrea e contextualiza o último gran discurso que pronunciou Castelao en vida no que enumera as grandes figuras da cultura galega. Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega e Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra foron os encargos de inaugurar, xunto cos dous comisarios Margarita Ledo e Manuel Gago máis a concelleira de Cultura Carme Fouces. As propostas expositivas poderanse visitar ata o 25 de agosto.