noticia

Rexistros 31 a 60 de 1862
13/10/2020

Unhas xornadas reivindican o papel da muller na transmisión do patrimonio

Baixo o título “Arquivos, mulleres e tradición” arrincaron hoxe unhas xornadas organizadas polo Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) do Consello da Cultura Galega (CCG). O director do Arquivo, Xosé Ramón Pousa, puxo de relevo na inauguración desta cita que “as mulleres tiveron un protagonismo fundamental como portadoras e xeradoras de materiais de arquivo”. Xulia Feixoo é a coordinadora desta cita que só se pode seguir a través da rede.
09/10/2020

O Consello da Cultura Galega presenta en Ferrol un concerto e unha publicación en homenaxe a Ricardo Carballo Calero

O vindeiro mércores 14 de outubro, o Consello da Cultura Galega (CCG) celebrará no teatro Jofre de Ferrol (19:30 horas) un acto de homenaxe a Ricardo Carballo Calero. Esta proposta, adiada a outono por mor da pandemia, supón a estrea da peza “Ferrol, 1916”, unha composición que o alacantino Miguel Brotóns fixo a partir dun poema do autor ferrolán. O acto servirá tamén de presentación da publicación “Farsa das zocas” coa que a institución recupera esta obra teatral do autor homenaxeado neste ano co Día das Letras Galegas, acompañada dun estudo introdutorio de Carlos Biscainho. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, asistirá a este acto de homenaxe que ten entrada gratuíta.
07/10/2020

O Consello da Cultura Galega presenta un estudo que radiografía o teatro galego

O público galego puntúa o seu teatro cun 9,11. Este sobresaliente é para actores, actrices, persoal de dirección e posta en escena. A nota baixa a un 6,88 cando o que se valora é a programación habitual e as instalacións dos nosos teatros e auditorios suman un 7,55. Son algúns dos datos do “Informe sobre o teatro galego”, un documento elaborado polo Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), que traza a radiografía dos tres piares do sistema do teatro galego: público, creadores e xestores. É o primeiro informe deste tipo que analiza o sistema teatral desde unha perspectiva global e que, ademais, ofrece as primeiras cifras de como lle afectou a COVID-19. O documento presentouse no marco do I Congreso Internacional do Teatro Galego co que a Academia Galega de Teatro pretende sentar a planificación estratéxica deste sector para os vindeiros anos.
05/10/2020

O mundo da gaita rende homenaxe a Ricardo Portela no Consello da Cultura Galega

“Aspiramos á dignificación da gaita e do gaiteiro porque a gaita é a expresión da alma de Galicia” aseguraba Ricardo Portela (Viascón, 1920-1992). As súas palabras resoaron no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega (CCG) no marco dun encontro en que o sector da gaita lembrou a figura do gran mestre cando se cumpren cen anos do seu nacemento. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou de Portela “a súa inmensa contribución á cultura compartida, do seu pulo ao respecto e afianzamento da nosa identidade”. Carlos Núñez, autor de “De gaiteiro a gaiteiro”, libro que se senta o legado porteliano, foi enfiando os testemuños dos asistentes para trazar a faceta máis humana do gaiteiro de Viascón.
01/10/2020

Un roteiro revisa a pegada do enxeñeiro Andrés Comerma en Ferrol

Andrés Comerma foi un enxeñeiro e arquitecto naval, farmacéutico, escritor e divulgador e tamén a figura homenaxeada co Día da ciencia en Galicia neste ano. Aínda que non era galego, viviu boa parte da súa vida aquí e moitos dos seus méritos tiveron estreita relación coa cidade de Ferrol, onde morreu en 1917. O Consello da Cultura Galega (CCG) fixou nun roteiro os lugares que marcan a traxectoria vital e profesional deste recoñecido científico. Rosario Álvarez, presidenta da institución, presentou esta tarde en Ferrol o itinerario “Paseo por lugares emblemáticos de Comerma en Ferrol” que tamén se pode consultar na rede.
01/10/2020

Preséntase a web do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos

Este 1 de outubro cúmprense 89 anos da aprobación do dereito das mulleres ao voto. Unha efeméride na que o Consello da Cultura Galega (CCG) pon en rede a web do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos, o CDIF, o cuarto arquivo que o CCG creou en 2019. É un “Arquivo que, ademais de inventariar, documentar, preservar e dispoñeros fondos, debe actuar como incitador á reflexión, divulgador de contidos e dinamizador da sociedade galega” destaca a presidenta, Rosario Álvarez. O centro, que ten a súa orixe nunha comisión temporal creada en 2005, ten como coordinadora a María Xosé Porteiro.
30/09/2020

O Consello da Cultura Galega presenta mañá en Ferrol o roteiro Andrés Comerma

A Andrés Comerma debémoslle a instalación da primeira liña telefónica de Galicia, que comunicou a Capitanía e o Arsenal de Ferrol en 1878; e tamén as primeiras experiencias en Galicia con raios X. Foi un enxeñeiro e arquitecto naval pero tamén un farmacéutico, escritor e divulgador que estivo moi vinculado á cidade de Ferrol, onde morreu en 1917. A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, presentará mañá nesta cidade (17:00 horas) un roteiro que percorre os lugares emblemáticos de Ferrol seguindo a traxectoria deste recoñecido enxeñeiro.
28/09/2020

O Consello da Cultura Galega afonda na relación entre Galicia e Bretaña cun libro e cun coloquio

Galicia e a Bretaña están marcadas por moitas semellanzas xeográficas e culturais que se estableceron desde a prehistoria e aínda se manteñen. O Consello da Cultura Galega (CCG) revisa esta relación cun especial web que inclúe “Galicia-Bretaña. Olladas Comparadas” a edición das actas dun congreso realizado en 2017 que xuntou a investigadores de ambos os dous territorios para reflexionar sobre esta relación en clave de identidade cultural. Para acompañar a publicación, inclúese o coloquio “Galicia-Bretaña: dúas nación culturais en conversa”. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, presenta o diálogo entre Ramón Villares e Christine Rivalan Guégo.
26/09/2020

O Festival de Filosofía conclúe poñendo de manifesto a falta de liberdade da sociedade actual

“O amor non se atopa, constrúese” asegurou a sexóloga Valerie Tasso na súa intervención no marco Festival de Filosofía que concluíu hoxe no Consello da Cultura Galega. Durante dous días profesionais do mundo do pensamento e da cultura falaron da liberdade. Os debates abordaron a falta de ética no amor, da mercantilización da sexualidade, de como estamos totalmente condicionado polas plataformas tecnolóxicas que, lonxe de ofrecer liberdade de elección, nos condicionan.
25/09/2020

Profesionais reflexionan no Consello da Cultura Galega sobre a falta de liberdade no consumo de series de televisión

“As series de televisión que consumimos están dirixidas para que as consumamos, non somos en absoluto libres” asegurou a directora Sonia Méndez no marco da xornada que abriu esta tarde o “Festival de Filosofía”. Esta cita xunta ata mañá no Consello da Cultura Galega (CCG) a nomes recoñecidos do pensamento e do ámbito cultural como a sexóloga Valérie Tasso, o editor Francisco Castro ou a escritora Inma López Silva para reflexionar sobre o concepto de liberdade. A cita pode seguirse en directo desde o web do CCG.
24/09/2020

Figuras coñecidas do pensamento e da cultura reflexionan desde mañá nas diferentes formas de liberdade

“Nunca tivemos un momento máis acaído que o actual para falar da liberdade coma agora, nun contexto de pandemia” asegura Carme Adán, coordinadora do Festival de Filosofía que ten como título “Libres. En serio?” e que se desenvolve desde mañá no Consello da Cultura Galega (CCG). A cita xunta nomes recoñecidos do pensamento e do ámbito cultural como a sexóloga Valérie Tasso, a directora de cine Sonia Méndez, o editor Francisco Castro ou a escritora Inma López Silva. Durante dous días falarase de tinder, fútbol e series de televisión e de como afectan á nosa liberdade. A xornada poderase seguir en directo desde a web do CCG.
24/09/2020

O Consello da Cultura Galega e os institutos Cervantes, Etxepare e Ramón Llull celebran en Berlín o Día Europeo das Linguas

A diversidade lingüística, a súa riqueza e a necesidade de potenciar ese pulo foron as principais ideas que se abordaron na xuntanza desenvolvida hoxe na sede do instituto Cervantes en Berlín entre os responsables do Consello da Cultura Galega (CCG) e os institutos Cervantes, Etxepare e Ramón Llull. A cita encadrábase na celebración do Día Europeo das Linguas, que se conmemora cada 26 de setembro. A xornada continúa pola tarde cunha mesa redonda na que participará, entre outras figuras, a historiador Ramón Villares.
23/09/2020

Segue en directo o acto de celebración do Día Europeo das Linguas

O Instituto Cervantes en Berlín acolle hoxe xoves un acto co que o Consello da Cultura Galega e os institutos Cervantes, Etxepare e Llull celebran o Día Europeo das Linguas. “Comunicación e diversidade. O futuro do multilingüismo en Europa” é o título da mesa redonda prevista para este día e poderase seguir en directo a través da canle de Youtube do Instituto Cervantes.
22/09/2020

O Consello da Cultura Galega e os institutos Cervantes, Etxepare e Ramón Llull celebrarán en Berlín o Día Europeo das Linguas

O Consello da Cultura Galega (CCG) e os institutos Cervantes, Etxhepare e Ramón Llull realizarán o vindeiro xoves 24 na sede do Instituto Cervantes de Berlín unha reunión presencial de traballo e unha mesa redonda –que se retransmitirá por Youtube– arredor da realidade plurilingüe de España e a diversidade lingüística de Europa. Ambas as iniciativas están organizadas con motivo do Día Europeo das Linguas, que se celebra cada 26 de setembro.
21/09/2020

O Consello da Cultura Galega reedita “Ensayo histórico sobre la cultura gallega” de Otero Pedrayo

“Ensayo histórico de la cultura gallega” é unha obra cimeira de Ramón Otero Pedrayo concibida para explicar a cultura galega para fóra. O Consello da Cultura Galega (CCG) acaba de reeditar a versión orixinal deste texto en edición de Xosé Antonio López Silva e cun limiar do historiador e expresidente do CCG Ramón Villares. “Está escrito para demostrar que existe esa cultura, por razóns étnicas, xeográficas, relixiosas e, parcialmente, tamén políticas” apunta Villares na introdución. Acompaña a esta presentación un audiovisual en que o autor do limiar e Xosé Manoel Núñez Seixas, vicepresidente da institución e recoñecido historiador, contextualizan e explican este texto baixo a moderación de María Xosé Agra. Ademais, esta publicación supón tamén o arranque de #citaNós, un proxecto de divulgación de citas emblemáticas da xeración Nós para as redes sociais.
18/09/2020

O Consello da Cultura Galega abordará o concepto de liberdade no Festival de Filosofía

“Libres. En serio???” este é o título do Festival de Filosofía que organiza o Consello da Cultura Galega (CCG). A cita terá lugar os vindeiros días 25 e 26 de setembro en diferentes espazos de Santiago. Figuras como a sexóloga Valérie Tasso, a xornalista Lucía Taboada, o columnista Rafa Cabeleira e moitos outros nomes coñecidos reflexionarán sobre tinder e o poliamor, o fútbol e as series de televisión. Carme Adán é a coordinadora desta cita, que chega da man da Sección de Pensamento do CCG. Por mor da situación sanitaria actual, a capacidade é máis reducida do habitual e precísase inscrición previa, que se pode facer a través do sitio web consellodacultura.gal.
17/09/2020

O Consello da Cultura Galega organiza mañá na Coruña un parladoiro que revisa a influencia do mar na literatura galega

A cultura popular galega está poboada de heroes lendarios e seres mitolóxicos que chegaron ou saíron do mar. O Teucro, o Urco, a Serea de Sálvora ou a Maruxaina son só algún exemplos dese universo que marcou a nosa literatura. Tres autores como Pemón Bouzas, Manuel Bragado e Marilar Aleixandre, baixo a coordinación de Olivia Rodríguez, analizarán mañá esa influencia no parladoiro “A Galicia navegante no imaxinario literario” (Fundación Barrié da Coruña, 19:300 horas). O Consello da Cultura Galega (CCG) organiza esta mesa redonda como complemento da exposición “Inventio mundi” que se pode ver nese mesmo espazo ata o 25 de outubro.
15/09/2020

O Consello da Cultura Galega pon en rede unha parte do epistolario de Virxinia Pereira

Virxinia Pereira foi moito máis que a muller de Castelao. Foi unha destacada figura antifranquista e tamén o guieiro da memoria do seu home tras a súa morte. Boa parte da súa personalidade e preocupacións poden verse a través do seu epistolario. O Consello da Cultura Galega (CCG) pon desde hoxe á disposición da cidadanía as cartas que intercambiou con Valentín Paz-Andrade, que nos permiten ver, alén da súa personalidade, a complicada constitución do legado do galeguista durante o franquismo. Ademais, a correspondencia vén acompañada dunha reportaxe contextualizadora e do texto “Virxina e Daniel, a complicidade” en que Miguel Anxo Seixas que aborda a relación do matrimonio.
11/09/2020

O Consello da Cultura Galega inaugura na Coruña “Inventio mundi”, a mostra que afonda na historia da navegación galega

Acidade da Coruña puido desempeñar un papel histórico na navegación marítima. Noséculo XV,Carlos V quixo abrir desde a cidade herculina unha nova ruta para chegar asillas Molucas sen depender do porto de Sevilla. Para iso creou na Coruña a Casada Especiaría e con ela escribiuse a historia dun fracaso. Esta vía político-marítimaxestou catro expedicións que acabaron todas en desastre e da que non queda ningúnrastro na cidade herculina. Este é o relato que se narra en  “Inventio Mundi”, a mostra organizada polo Consello da Cultura Galega e pola Secretaría Xeral de Emigración. Esta exposición, comisariada por Ofelia Rey, inaugúrase este venres 11 na Fundación Barrié.
02/09/2020

O Consello da Cultura Galega pon en marcha “Na voz da obra”, un proxecto web para difundir as artes visuais galegas

Un catálogo de obras de artistas galegas e galegos, entre os que figuran nomes tan recoñecidos como Mónica Alonso, Xoán Anleo, Manuel Sendón ou Tatiana Medal así como personalidades de diferentes ámbitos que ofrecen unha lectura sobre esas obras. Estes son os ingredientes de “Na voz da obra”, o novo proxecto de difusión cultural do Consello da Cultura Galega (CCG). Esta iniciativa pretende poñer en valor obras de artistas a través do comentario crítico doutra personalidade. O proxecto arrinca hoxe coa ollada de Celso Fernández Sanmartín sobre a peza "A memoria do álbum. 1" de Manuel Sendón.
02/09/2020

O Consello da Cultura Galega colabora no Festiletras cun espectáculo sobre as lavandeiras

Ponteceso acolle estes días unha nova edición do festival Festiletras, unha cita didáctica e cultural que se desenvolve na aldea do Couto (Ponteceso) ata o domingo 6 de setembro. O Consello da Cultura Galega (CCG) colabora nesta cita co espectáculo de narración oral e músical “Lavandeiras” de Vero Rilo e Sonsoles Penadique. A proposta terá lugar mañá, xoves 3 de setembro, ás 12:00 horas, na Aldea do Couto.
22/08/2020

O Consello da Cultura Galega lembra a figura de Díaz Pardo no centenario do seu nacemento

Isaac Díaz Pardo é unha das figuras máis destacadas da historia galega do século XX. Este 22 de agosto cúmprense cen anos do seu nacemento, efeméride que o Consello da Cultura Galega (CCG) conmemora cun memorial destinado a revisitar e difundir a figura deste intelectual e emprendedor. Entre as accións previstas destaca a posta en rede do epistolario cruzado entre Díaz Pardo e Luís Seoane. Rosario Álvarez, presidenta do CCG, destaca que as cartas “desvelan a intrahistoria, sempre desde o punto de vista dos dous correspondentes, de enormes proxectos de modernización cultural de Galicia como foron Sargadelos, o Laboratorio de Formas ou o Museo Carlos Maside”.
21/08/2020

O Consello da Cultura Galega colabora na difusión do legado da emigración na terceira edición de Ares Indiano

Esta fin de semana terá lugar unha nova edición do Ares Indiano, unha celebración encamiñada a recuperar, dun xeito lúdico, o pasado emigrante da vila. O Consello da Cultura Galega (CCG) participa nesta cita o sábado 22 coa inauguración da exposición “O soño cubano da emigración galega” e a presentación da edición facsimilar da novela “Como se llega a millonario” do aresá Miguel Bendamio (1873-1938). Ademais, o web do CCG ofrecerá un roteiro por esta localidade seguindo edificios e espazos moi vencellados á emigración.
06/08/2020

O Consello da Cultura Galega porá en rede o epistolario de Díaz Pardo con Seoane

O vindeiro 22 de agosto cúmprense cen anos do nacemento de Isaac Díaz Pardo, unha figuras fundamental para entender a cultura galega do século XX. O Consello da Cultura Galega (CCG) publicará nesa data unha parte destacada do seu epistolario, a que se corresponde coas cartas que intecambiou con Luís Seoane, outra figura esencial, durante máis de tres décadas. Este material permitirá descubrir a faceta máis íntima do galeguista e contribuír ao coñecemento da súa figura. Desde hoxe, o portal de divulgación cultural do CCG, Culturagalega.gal, publicará todos os xoves de agosto unha reportaxe que analiza ese epistolario cruzado en función de catro fíos temáticos: o exilio, a emigración, a creación de Sargadelos e a arte.
30/07/2020

Os poetas galegos honran o legado de Luz Pozo Garza nun especial

O Consello da Cultura Galega publica o especial "Dez voces para Luz Pozo Garza". Con el quere reivindicar unha poeta xa canónica da literatura galega de todos os tempos, falecida en abril deste mesmo ano 2020. O especial conta coas lecturas de sobranceiros poemas de Luz Pozo a cargo de Pepe Cáccamo, Yolanda Castaño, Xavier Seoane, Gonzalo Vázquez Pozo, Olivia Rodríguez, Eva Veiga, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xesús Alonso Montero, Carme Blanco e Kathleen March, quen tamén realiza a tradución ao inglés dos poemas.
29/07/2020

Un estudo do CCG revela o forte impacto da pandemia no emprego e na facturación do sector cultural galego

O Consello da Cultura Galega publicou hoxe os resultados do primeiro Barómetro da Cultura Galega, un amplo estudo que analiza o impacto da pandemia da Covid-19 no ámbito das empresas culturais galegas. Os datos revelan a gravidade da situación: as empresas experimentaron unha caída da facturación de máis dun 50% dos seus ingresos anuais, un 6% dos traballadores xa foron despedidos e un 10% poderían perder o seu emprego nos vindeiros meses. Catro de cada dez empresas culturais terán dificultades para afrontar o pagamento de impostos e seguros sociais. O ámbito máis afectado, en case todos os aspectos, é o das artes escénicas, incluídas as musicais.
27/07/2020

A música e o baile tradicional centran a última entrega do verán dos Diálogos Confinados

A música e o baile tradicional centran a decimocuarta entrega dos Diálogos confinados, a última deste verán. Desta volta, a conversa contou con Montse Rivera, profesora de baile, pandeireta e canto tradicional, directora de Brincadeira e unha das seis integrantes de Leilía, así como con Xaneco Tubío, luthier, músico e mestre de percusión tradicional en numerosas asociacións da provincia de Lugo, ademais de presidente da Asociación de Gaiteiros Galegos. A conversa estivo moderada por Xulia Feixóo, integrante do Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega.
25/07/2020

Carlos Núñez reconstrúe nunha publicación do Consello da Cultura Galega o testamento musical de Ricardo Portela

“O gaiteiro é o gardián dun tesouro” acostumaba dicir Ricardo Portela (Viascón, 1920-1992), un dos grandes gaiteiros galegos. O de Viascón, que condensaba a arte de tres grandes escolas musicais, pediulle días antes de morrer a un novísimo Carlos Núñez a transcrición do seu repertorio. “De gaiteiro a gaiteiro” é a publicación na que se cumpre aquela encarga, complexa pero fecunda, que senta o testamento vital dun referente indiscutible do noso patrimonio sonoro. O Consello da Cultura Galega contribuíu a darlle o impulso definitivo a un legado que contén moitas das melodías emblemáticas da gaita galega. Unha publicación que se pon en rede á disposición da cidadanía no Día de Galicia.
23/07/2020

Dispoñible a recreación do discurso "Alba de gloria" de Castelao

Para celebrar o Día de Galicia, o Consello da Cultura Galega publica na rede a recreación do discurso Alba de Gloria de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, considerado unha das pezas retóricas máis importantes da lingua galega. Ademais, por tempo limitado (ata o 25 de agosto de 2020), poderase descargar a edición conmemorativa do discurso, cun texto introdutorio de Henrique Monteagudo.
22/07/2020

O Consello da Cultura Galega presentará o sábado a publicación "De gaiteiro a gaiteiro" e avanza a súa xénese nun especial

O Consello da Cultura Galega difunde desde hoxe o especial web “De gaiteiro a gaiteiro” no que dá conta da xénese da publicación homónima que presentará o sábado, a coincidir co Día de Galicia. En catro capítulos ofrecerase a historia dun libro que xunta a dous gaiteiros senlleiros da música galega: Ricardo Portela e Carlos Núñez.