noticia

Rexistros 31 a 60 de 1937
04/03/2021

O Consello da Cultura Galega e o Centro Galego de Artes da Imaxe consolidan o ciclo “Olladas de muller” na súa décima edición

“Nación” é o último filme de Margarita Ledo e nel a recoñecida cineasta aborda a loita obreira desde a perspectiva das mulleres. É tamén o filme inaugural do ciclo de cine “Olladas de muller” . Unha proposta onde se cruzan películas asinadas por directoras galegas e títulos actuais que abordan a situación da muller en diferentes partes do mundo. O ciclo, organizado polo Consello da Cultura Galega, arrinca o vindeiro venres (19:00 horas) no Centro Galego de Artes da Imaxe, entidade colaboradora do proxecto. Seis títulos, dous deles preestreas e outro unha estrea, conforman un programa que este ano ten un formato máis reducido por mor da circunstancias sanitarias.
04/03/2021

O Consello da Cultura Galega xunta os diferentes partidos políticos no Foro Patrimonio e Sociedade

En Galicia hai contabilizados máis de 60.000 bens protexidos, un número que dá conta da importancia e relevancia do patrimonio cultural para o noso país. No marco do Foro Patrimonio e Sociedade, iniciativa do Consello da Cultura Galega coordinada por Rebeca Blanco-Rotea, convocouse a todos os partidos políticos con representación parlamentaria para debater e intercambiar sobre a gobernanza participativa en materia de patrimonio. Foi unha mesa de traballo pechada cos integrantes do Foro cuxas conclusións formarán parte dun documento que se presentará no mes de xuño.
03/03/2021

O Consello da Cultura Galega olla cara á modernidade de Xela Arias na súa programación para o Día das Letras Galegas

Xela Arias (Lugo, 1962-Vigo, 2003) foi unha escritora extrema, de palabra tensa e contida que deixou tras de si un regueiro de poemas pero tamén de traducións ao galego. A pluralidade e a diversidade das que fixo gala na súa vida son as marcas de identidade que guían a programación do Consello da Cultura Galega para o Día das Letras Galegas. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, xunto coa secretaria, Dolores Vilavedra, e o fillo de Xela Arias, Darío Gil, presentaron en rolda de prensa un programa de actividades que está na liña conceptual da homenaxeada. O CCG fixo publico o espazo web que dará acubillo ás diferentes iniciativas que arrincarán cun acto o Día da Poesía e que incluirán, entre outros contidos, o Concerto das Letras Galegas, que terá lugar o 16 de maio a cargo Laura LaMontagne e PicoAmperio.
28/02/2021

Recuperamos diferentes materiais no aniversario da morte de Álvaro Cunqueiro

Foi novelista, poeta, dramaturgo, xornalista e gastrónomo, mestro da narrativa fantástica e unha das figuras centrais da cultura galega. Este domingo, 28 de febreiro, cúmprense 40 anos do pasamento de Álvaro Cunqueiro. No web do Consello da Cultura Galega recuperamos algúns materiais xestados por esta institución encamiñados a difundir o seu coñecemento.
27/02/2021

O Consello da Cultura Galega celebra o cabodano de Julio Camba cun documental e a súa entrada no Álbum de Galicia

Presumiu de ser o único galego ao que lle saíu de balde a viaxe de ida e volta ás Américas, a onde chegou como polisón e foi expulsado polo seu espírito rebelde e revolucionario. O xornalista Julio Camba (1884-1962) foi un dos mellores escritores de prensa da literatura hispana. Este domingo, 28 de febreiro, cando se cumpren anos do seu pasamento, o Consello da Cultura Galega (CCG) presenta “O principio do mundo de Julio Camba”, un documental centrado na súa etapa inicial, e incorpora a súa entrada no Álbum de Galicia.
25/02/2021

Incorpórase ao Álbum de Galicia a entrada de Dionisia López, unha das nais da Praza de Maio

Era coñecida como “A Galega da zona norte” ou simplemente “Nisa”, Dionisia López Amado foi unha das integrantes da asociación Nais de Praza de Maio que denunciaron os crimes da última dictadura arxentina. A sua entrada acaba de incorporarse ao Álbum de Galicia.
24/02/2021

O Consello da Cultura Galega visibiliza o legado de Rosalía de Castro no día do seu nacemento

A poeta e narradora Rosalía de Castro é a escritora máis canónica da literatura galega. Cada 24 de febreiro, día do seu nacemento, a cultura galega pon o foco sobre a vixencia da súa figura e do seu legado. A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, participa no acto no Parlamento de Galicia que abre as celebracións convocadas neste día. Ademais, o CCG difunde desde a súa web corporativa un especial que agrupa os contidos de diferentes propostas e actividades desenvolvidas por esta institución ao redor da figura de Rosalía.
23/02/2021

Reabre ao público a mostra que afonda na relación do rei Afonso X con Galicia

“Afonso X e Galicia” é o título da exposición coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) afonda na conexión galega do Rei Sabio cando se cumpren oitocentos anos do seu nacemento. A mostra, que estivo pechada por mor das circunstancias sanitarias actuais, reabre ao público hoxe martes 23 de febreiro no seu horario habitual. O proxecto expositivo compleméntase cun espazo web onde figuran materiais sonoros, audiovisuais e unha proposta de roteiros que convidan a percorrer o patrimonio galego en conexión co legado afonsino.
19/02/2021

O especial “Historias de ida e volta” dedica esta entrega a amosar o lecer na emigración

Festas, xantares, competicións deportivas, representacións teatrais..., foron moitas e moi variadas as formas de socialización dos nosos emigrantes. Integrábanse en colectividades e sociedades a través das que organizaban actividades para pasar o tempo libre á vez que mantiñan vivos os vínculos coa terra. A quinta entrega do especial “Historias de ida e volta”, un proxecto web realizado polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, documenta as formas de lecer. Esta iniciativa pretende contribuír á difusión de materiais que custodia o Arquivo da Emigración Galega (AEG) para visibilizar o fenómeno migratorio.
18/02/2021

A entrada de Avelino Gómez Ledo incorpórase ao Álbum de Galicia

Avelino Gómez ledo foi un teólogo que cultivou a poesía e destacou como tradutor ao galego dos clásicos grecolatinos. Foi membro correspondente da Real Academia Galega e colaborador nas revistas “Nós” e “Logos”, entre outras publicacións. Aínda que mantivo unha posición conservadora dentro da Igrexa católica, foi un defensor da lingua galega. A súa entrada acaba de incorporarse ao Álbum de Galicia.
18/02/2021

Cada xoves publicarase un itinerario para descubrir o legado de Afonso X en Galicia

Neste 2021 cúmprense oitocentos anos do nacemento de Afonso X. O Consello da Cultura Galega (CCG) celebra esta efeméride coa recuperación da figura do monarca e a súa conexión en Galicia a través de varias iniciativas. A primeira delas foi a organización da exposición “Afonso X e Galicia” que agora completa cunha serie de roteiros que percorren o patrimonio galego relacionado co legado afonsino. Cada xoves subirase á web do CCG un novo itinerario deseñado por Antoni Rossell con textos de Victoriano Nodar. A primeira desas propostas comeza hoxe cun roteiro polo occidente da provincia da Coruña.
17/02/2021

O ciclo “Pensarmos”, que dedicará o 2021 a reflexionar sobre a mentira, regresa con Eulalia Pérez Sedeño

“A contar mentiras” é o título que enfía as conferencias deste ano do ciclo “Pensarmos”, a proposta da Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG) que xunta cada cuarto xoves de mes a recoñecidas figuras para pensar a actualidade. “Neste 2021 traballaremos sobre as mentiras, sobre a falta de autencidade á que estamos moi afeitos e da que temos milleiros de exemplos cada día” asegura Carme Adán, coordinadora deste ciclo e tamén da sección. A científica Eulalia Pérez Sedeño abre esta primeira cita do ano co relatorio “Sexo, mentiras e neurociencia”. O martes 23 publicarase no sitio web do CCG a súa intervención previamente gravada e o xoves 25 ás 18:00 horas a propia Eulalia dialogará en directo con Carmen Lema Devesa e Carme Adán.
12/02/2021

Unha xornada do Consello da Cultura Galega insta a concibir a cultura desde a sustentabilidade

A conversa entre o cineasta Óliver Laxe e a profesora María do Mar Pérez Fra pecha hoxe a xornada “Futuros presentes: conversas sobre a cultura e a sustentabilidade”. Esta cita organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) combinou relatorios teóricos con experiencias prácticas para amosar outra forma de entender a cultura desde a sustentabilidade. Todas as intervencións están gravadas e quedan a disposición da cidadanía desde o web e a canle de Youtube da institución. Ademais, nesta xornada ofreceuse un avance sobre o informe “Cultura e sustentabilidade” encargado polo CCG.
10/02/2021

O Álbum de Galicia incorpora a entrada da docente e investigadora Araceli Herrero

“O meu territorio xeográfico e simbólico é Galiza” é unha das afirmacións de Araceli Herrero (Lugo, 1948-Lugo,2020), unha coñecida profesora universitaria implicada na formación do profesorado galego. Foi unha destacada investigadora na figura de Luis Pimentel, pero tamén de Emilia Pardo Bazán e de Ricardo Carballo Calero, do que foi alumna no colexio de fingou. A súa entrada biobibliográfica é a última incorporación ao Álbum de Galicia.
08/02/2021

Diferentes especialistas reflexionan desde mañá no Consello da Cultura Galega sobre cultura e sustentabilidade

“Estamos nun momento de urxencia e pensamos que debe ser un momento de reflexión. Sen ela acabaremos volvendo ao modelo do anterior que xa sabemos que non funciona” afirma Alberto García, coordinador da xornada “Futuros presentes” que se desenvolve de maneira telemática desde mañá. A cita está organizada pola Comisión técnica temporal de xestión e políticas culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) e pon sobre a mesa a pertinencia dun modelo sustentable da man de especialistas como Benito Burgos e de responsables de experiencias pioneiras neste eido como Ugía Pedreira, Miguel Porto ou Olixver Laxe. Ademais, no marco da xornada presentaranse os avances dun informe sobre sustentabilidade e cultura.
05/02/2021

Un audiovisual do Consello da Cultura Galega propón unha visita guiada á mostra “Afonso X e Galicia”

Neste 2021 cúmprense oitocentos anos do nacemento de Afonso X, rei de Castela entre 1252 e 1284, que tivo unha intensa relación coa cultura galega. Precisamente sobre esa relación afonda “Afonso X e Galicia”, a mostra que o Consello da Cultura Galega inaugurou o pasado 12 de xaneiro e que está pechada por mor das circunstancias sanitarias actuais. Con todo, desde hoxe está disponible para a cidadanía un vídeo que permite coñecer a exposición da man do seu comisario, Antoni Rossell. O audiovisual dura preto de 15 minutos e ofrece un percorrido guiado polo espazo expositivo que emprega documentos, testemuños arqueolóxicos literarios e musicais para achegarse ao pasado medieval galego e á figura do monarca.
03/02/2021

As características da comunicación científica na COVID-19 debátense este xoves en directo

Este xoves pola tarde terá lugar ás 18:00 horas, en directo, o debate público da xornada “A comunicación da ciencia en tempos de pandemia”. Unha cita organizada pola Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade do Consello da Cultura Galega que analiza o exceso e os riscos da comunicación e da información xerada arredor sobre a propagación de virus, a elaboración de vacinas… e todas as novas relacionadas coa COVID-19. A cita está coordinada pola xornalista Iolanda Casal e conta coa participación de figuras como o filósofo e matemático Javier Echeverría, a xornalista Pampa García, a profesora e científica Gema Revuelta, máis a investigadora Sonia Villapol.
02/02/2021

O ciclo "En modo conversa" debate a relación entre arte e paisaxe

“Arte e paisaxe. As formas que persisten” é o título dunha nova sesión do ciclo “En modo conversa”, unha iniciativa da Sección de Creación e Artes Visuais do Consello da Cultura Galega (CCG). Nesta ocasión, a cita senta na mesma mesa a figuras recoñecidas como David Barro, Irene Grau ou Manolo Paz para falar das conexións entre paisaxe e arte. A xornada, que está coordinada por Sofía Toro e Rosario Sarmiento, desenvolverase mañá mércores (18:00 horas) en directo a través do web da institución.
02/02/2021

As conclusións dos XXII Encontros para a normalización demandan unha planificación lingüística para a poboación inmigrante

Falta de aplicación das políticas necesarias para que a poboación inmigrante poida adquirir competencias lingüísticas en galego; falta de planificación integral, reformulación do CELGA, carencias de recursos… son algunhas das conclusións da XXII edición dos Encontros para a normalización lingüística que se acaban de facer públicas. A cita, organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) entre o 13 e o 19 de novembro de 2020, puxo o foco na integración lingüística como ferramenta de cohesión social.
01/02/2021

Unha xornada debate a comunicación da ciencia en tempos de pandemia

Mentiras que se viralizan nas redes sociais, informacións erróneas ou novas nesgadas que responden a distintos intereses, desconfianza do público polo carácter provisional e a incerteza intrínseca da ciencia... a información científica cobrou un grande protagonismo desde que a OMS elevou a situación de emerxencia sanitaria a pandemia internacional por mor da COVID-19. Sobre as luces e sombras da información científica reflexiona a próxima xornada do Consello da Cultura Galega(CCG). Chámase “A comunicación da ciencia en tempos de pandemia” está coordinada por Iolanda Casal e conta coa participación de figuras como o filósofo e matemático Javier Echeverría, a xornalista Pampa García, a profesora e científica Gema Revuelta, máis a investigadora Sonia Villapol. Mañá martes súbense os relatorios gravados dos participantes e o xoves 4 ás 18:00 horas terá lugar o debate en directo.
27/01/2021

Incorpórase ao Álbum de Galicia a entrada de Paulino Pedret, crego comprometido co galeguismo

Paulino Pedret Casado foi un crego comprometido co galeguismo e activo membro de iniciativas culturais sobre Galicia desde antes da Guerra Civil. Pero tamén foi o primeiro tradutor ao galego do tratado "De correctione rusticorum", de Martiño de Dumio, un texto decisivo para comprender a relixiosidade tardoantiga de Gallaecia e as súas pervivencias ao longo dos séculos. A súa entrada acaba de incorporarse ao Álbum de Galicia.
25/01/2021

Está en rede o epistolario de Lois Tobío, que permite comprender a reivindicación da visión europeísta e integradora da súa xeración

Lois Tobío (Viveiro, Lugo, Galicia, 1906 - Madrid, 2003) foi unha poliédrica figura que mantivo un fondo compromiso coa cultura galega. O Consello da Cultura Galega (CCG) pon na rede o epistolario que dá conta da variedade e riqueza das súas relacións e da vixencia do seu pensamento. Son 432 cartas que nos permiten descubrir a visión europeísta e integradora de Tobío e da súa xeración, a documentación de iniciativas xestadas na emigración en prol da cultura galega e que, ademais, nos axudan a reflexionar a historia recente de Galicia, España, Europa e America. O epistolario presentase acompañado dun artigo da profesora Montserrat Bascoy no que dá as claves para comprender e contextualizar a correspondencia.
24/01/2021

Os Encontros Monográficos sobre o Patrimonio Cultural reflexionan sobre a importancia e uso das tecnoloxías de análise

“Que poden facer as técnicas de análise non destrutiva pola restauración e conservación do Patrimonio?” Este é o título dunha nova sesión dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural (EMPC). Unha cita organizada pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) que busca mostrar, a través de casos prácticos realizados dentro e fóra de Galicia, como a tecnoloxía destinada á conservación e recuperación nos axuda coñecer mellor o patrimonio. O debate en directo terá lugar o martes 26 ás 18:00 horas, pero os vídeos das intervencións dos participantes estarán xa disponibles desde mañá luns.
18/01/2021

O Consello da Cultura Galega analiza nunha xornada como afectou a COVID-19 á participación e hábitos culturais da cidadanía

“Participación e públicos culturais en tempos da COVID-19” é o título da vindeira xornada do Consello da Cultura Galega (CCG) coa que busca coñecer a evolución dos hábitos, do consumo ou da participación cultural. A cita, que se desenvolverá a través da rede, subirá mañá os relatorios sobre os que debaterá o vindeiro xoves. Está aberta a participación da cidadanía a través do correo electrónico participa@consellodacultura.gal
15/01/2021

Unha nova entrega do especial “Historias de ida e volta” documenta os oficios masculinos na emigración

A cuarta entrega do especial “Historias de ida e volta”, un proxecto web realizado polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, pon o foco nesta ocasión nos oficios desempeñados polos emigrantes nos países de acollida. Fotografías de operarios da construción, limpadores, fogueiros nos ferrocarrís, cargadores nos peiraos, choferes ou empregados no servizo doméstico son algúns dos traballos que documenta esta nova entrega. Esta iniciativa pretende contribuír á difusión de materiais que custodia o Arquivo da Emigración Galega (AEG) para visibilizar o fenómeno migratorio.
14/01/2021

O Consello da Cultura Galega reforza o seu papel asesor e estrea un cambio na programación da súa actividade

O Consello da Cultura Galega (CCG) celebrou neste serán do xoves unha sesión plenaria ordinaria na que a presidenta, Rosario Álvarez, deu conta do programa de actividades para o primeiro trimestre do ano e o balance do 2020. A exposición “Afonso X e Galicia”, inaugurada o pasado martes na Igrexa da Universidade de Santiago, abriu a programación do ano que supón un novo cambio de modelo e combina actividade presencial e telemática. Ademais, Rosario Álvarez explicou que en 2020 reforzou a súa función asesora coa realización de preto de 60 informes e documentos de traballo sobre a realidade cultural. A sesión contou coa presenza do Presidente de Honra da institución, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo.
13/01/2021

Incorpórase ao Álbum de Galicia a entrada de Armando Cotarelo Valledor

Armando Cotarelo Valledor (A Veiga, Oviedo, 1879 - Madrid, 1950) foi un escritor e estudoso da lírica galega medieval. Destaca por ser un dos membros fundadores do Seminario de Estudos Galegos e das Irmandades da Fala, nas que tivo un papel moi activo. A súa entrada acaba de incorporarse ao Álbum de Galicia, o proxecto biobibliográfico do Consello da Cultura Galega (CCG).
12/01/2021

O Consello da Cultura Galega exhibe cunha mostra a pegada de Afonso X na cultura galega

Neste 2021 xúntanse dúas celebracións importantes para Galicia e a cultura galega: a celebración dun novo Ano Santo e o 800 aniversario do nacemento de Afonso X, unha das figuras máis relevantes da cultura europea. Dúas efemérides sobre as que se asenta o último proxecto expositivo do Consello da Cultura Galega (CCG) “Afonso X e Galicia”. A mostra, que abre hoxe as súas portas na Igrexa da Universidade en Santiago, convida a coñecer a enorme influencia da figura de Afonso X cunha peregrinaxe a través de documentos, testemuños arqueolóxicos, literarios e musicais que amosan o legado afonsino en paralelo ao esplendor da cultura galega na etapa medieval. A mostra foi inaugurada pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o presidente da Xunta de Galicia e presidente de honra desta institución, Alberto Núñez Feijoo; o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez; o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar e o reitor da USC, Antonio López. O músico, musicólogo e medievalista Antoni Rossell é o comisario desta mostra que estará aberta ata o 24 de abril.
08/01/2021

Unha publicación do Consello da Cultura Galega afonda na riqueza patrimonial dos ríos

Presas, encoros e ríos ocupan unha parte importante do noso territorio. Ao seu carón emerxeu un vizoso patrimonio que forma parte do noso imaxinario cotián que non sempre é ben recoñecido. Sobre ese patrimonio cultural formado por muíños, lavadoiros, batáns e demais exemplos deste tipo de bens afonda a última publicación do Consello da Cultura Galega (CCG) A posta en valor do patrimonio cultural dos ríos: Galicia e outros exemplos. A publicación está coordinada por Carlos Nárdiz e xa se pode descargar desde o web da institución.
05/01/2021

Novos materiais lembran a figura de Isaac Díaz Pardo no noveno cabodano

Hoxe cúmprense nove anos do pasamento de Isaac Díaz Pardo, unha das figuras máis destacadas da historia galega do século XX. O Consello da Cultura Galega (CCG) aproveita a efeméride para visibilizar a súa figura con novos materiais. Dunha banda acaba de incorporar a súa entrada no Álbum de Galicia. Da outra, por en rede varias entrevistas que dan conta do pensamento deste intelectual e emprendedor. Ademais, hoxe tamén se publica a entrada biográfica de seu pai, Camilo Díaz Baliño.