noticiaarquivo

Rexistros 4231 a 4239 de 4239
04/08/2006

Curso de ferramentas informáticas aplicadas ao traballo terminolóxico

A Sociedade Galega de Terminoloxía organiza esta actividade formativa destinada especialmente aos profesionais e estudosos que traballan no ámbito da terminoloxía en Galicia. No curso facilitaranse os coñecementos adecuados para documentar termos en fontes terminográficas, así como terminoloxía en contexto e información conceptual. Tamén se traballará na relación do terminólogo/a co especialista e coa documentación especializada.

As sesións terán lugar os vindeiros días 29 e 30 de setembro e 6 e 7 de outubro de 2006.

Se desexa máis información, prema aquí.
04/08/2006

II Curso de Verán “Traballando en Lingua”

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, en colaboración coa Cooperativa Tagen Ata, Lingua e Comunicación, organiza a segunda edición do curso de verán Traballando en Lingua, que terá lugar na Facultade Ciencias da Educación desta universidade entre os días 19 e 22 de setembro de 2006.

Entre os obxectivos do curso están os de reflexionar sobre os factores que interveñen na dinamización lingüística, así como analizar e avaliar experiencias e metodoloxías desenvolvidas neste ámbito.

Se desexa obter máis información sobre o programa ou os trámites da inscrición, prema aquí.
04/08/2006

X Encontros para a Normalización Lingüística

Xa pode acceder desde o noso web ao programa provisional da décima edición dos Encontros para a Normalización Lingüística, que se celebrarán os días 26 e 27 de outubro de 2006 no Auditorio de Galicia.

A partir de setembro poremos á súa disposición o programa definitivo e o formulario de inscrición en liña, así como toda a información sobre os trámites da matrícula.
01/08/2006

Versión en galego do xestor de contidos Joomla

Lateralstudio, empresa de servizos profesionais dedicada ás novas tecnoloxías, ofrece a versión en galego do xestor de contidos Joomla, baseado na licenza GNU (software libre).

Se desexa descargar de balde este xestor, prema aquí.
01/08/2006

Selección de persoal temporal para traballar no ámbito da toponimia

A Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia convoca o proceso selectivo para a provisión, con carácter temporal, de 4 prazas de técnico de gabinete de toponimia e 7 prazas de técnico auxiliar de campo de toponimia.

O prazo de presentación de solicitudes é de 10 días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio.

Se desexa coñecer o texto completo da convocatoria, prema aquí.
28/07/2006

Bolsas para o ensino de lingua, literatura e cultura galegas nas universidades do exterior

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publica, no DOG do 28 de xullo de 2006, a convocatoria do concurso de méritos para a selección de profesores/as bolseiros/as de lingua, literatura e cultura galegas nas universidades de Madrid, Barcelona (Central), País Vasco, Padua, Trier, Sorbonne Nouvelle París III, Birmingham, Bangor, Stirling e Federal da Bahía.

O prazo para a presentación de solicitudes é de 30 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
26/07/2006

A Real Academia Galega dobremente galardoada no ano do seu centenario

A RAG recibiu onte, en San Domigos de Bonaval, a Medalla de Ouro de Galicia, máxima distinción que outorga o Goberno galego e que lle foi concedida a esta institución en recoñecemento aos seus cen anos de defensa da lingua e a cultura galegas.

Así mesmo, o xurado do Premio Fernández Latorre tamén decidiu por unanimidade outorgarlle á Real Academia Galega a XLVIII edición deste galardón, polo seu labor de defensa do idioma e a cultura de Galicia así como pola intensa relación histórica mantida coa prensa.
26/07/2006

Loia, guía aberta á lingua galega

O Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia e a Sección de Lingua do Consello da Cultura Galega presentan o web Loia, que quere sen un manual de referencia en liña para achegar o idioma galego a todos os investigadores, estudantes e curiosos da Sociolingüística Galega que a cotío utilizan internet como principal vía de acceso á información e ao coñecemento.

Loia, que se presenta en galego, castelán e inglés, estrutúrase en catro áreas temáticas principais: un apartado de información lingüística e gramatical básica, un breve percorrido pola historia social do galego, unha área con datos sociolingüísticos actuais e unha compilación cos principais centros, colectivos e recursos en liña existentes.
26/07/2006

Bolsa de colaboración no SNL da Universidade da Coruña

A Universidade da Coruña convoca unha bolsa para desenvolver labores de apoio ao seu Servizo de Normalización Lingüística. Poden optar a esta bolsa todas as persoas que rematasen a licenciatura en Filoloxía Galega no período dos últimos cinco anos e que ademais sexan estudantes de terceiro ciclo na UDC.

O prazo de presentación de solicitudes será o comprendido entre o día 1 e o 11 de setembro de 2006.

Se desexa consultar o texto íntegro da convocatoria, prema aquí.

24/07/2006

Bolsas de colaboración no Instituto da Lingua Galega

O Instituto da Lingua Galega convoca catro bolsas de colaboración para os proxectos Corpus romance da Galicia medieval (2 bolsas), Tesouro Informatizado da Lingua Galega (1 bolsa) e Atlas Lingüístico Galego (1 bolsa).

Os/as solicitantes deberán estar en posesión da licenciatura de Filoloxía Galega ou Filoloxía Románica, non levar licenciados/as máis de 5 anos e ter unha nota media igual ou superior a 1,5 puntos no expediente académico.

O prazo de presentación de solicitudes é de 15 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
19/07/2006

Mar por medio 2006: estar no mundo, desde nós

O Concelle de Ribadeo, a Consellería de Cultura e Deporte e a Universidade de Santiago organizan a XIV edición das xornadas Mar por Medio, que terán lugar en Ribadeo os vindeiros días 26, 27 e 28 de xullo.

As sesións terán como fío condutor as estratexias para a proxección exterior da cultura galega e os contidos lingüísticos trataranse na xornada do xoves 27, na mesa redonda “Lingua e cultura galega no exterior: os casos irlandés, británico, francés e catalán”.

Se desexa máis información sobre os trámites de inscrición, prema aquí.

19/07/2006

Praza de profesor/a de lingua e literatura galegas en Londres

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria anuncia, no DOG do 19 de xullo de 2006, a convocatoria de concurso público para a provisión dunha praza de profesor de lingua e literatura galegas no colexio Vicente Cañada Blanch de Londres.
Poden participar no concurso os funcionarios do corpo de mestres licenciados en Filoloxía Hispánica (galego-portugués), Filoloxía Románica (galaico-portuguesa) ou Filoloxía Galega, así coma os profesores numerarios de lingua e literatura galegas de ensino secundario.

O prazo para a presentación de solicitudes é de 20 días hábiles, contados a partir da publicación desta convocatoria.
17/07/2006

Subvencións para a edición de publicacións periódicas en lingua galega

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza anuncia, no DOG do 17 de xullo de 2006, a convocatoria de subvencións para empresas que editen publicacións periódicas escritas integramente en galego.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes a partir do día seguinte ao da publicacións da resolución.
17/07/2006

Axudas ao sector editorial para apoiar a tradución

A Consellería de Cultura e Deporte publica, no DOG do 17 de xullo de 2006, a convocatoria de axudas á produción editorial para apoiar a tradución de obras ao galego e a tradución e edición noutras linguas de obras escritas orixinariamente en galego, así como para realizar grandes proxectos editoriais.

O prazo para presentar as solicitudes é de 40 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
14/07/2006

Praza de normalizador/a lingüístico/a na S. A. de Xestión do Plan Xacobeo

A Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo anuncia, no DOG do 12 de xullo de 2006, a convocatoria do proceso selectivo para a cobertura dunha praza de normalizador/a lingüístico/a (persoal laboral fixo).

Poderán presentarse ás probas selectivas todas as persoas maiores de idade que estean en posesión da licenciatura de Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués) ou equivalente. O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro día 14 de agosto.
As bases desta convocatoria están á súa disposición na sede da sociedade (Pavillón de Galicia. San Lázaro, s/n. Santiago de Compostela) ou nos fondos do CDSG.

10/07/2006

María Mariño Carou será a homenaxeada no Día das Letras Galegas 2007

O Plenario da Real Academia Galega (RAG) acordou, na sesión ordinaria do pasado día 7 de xullo, dedicar o Día das Letras Galegas 2007 a María Mariño Carou, poeta de obra breve pero intensa, marcada polas circunstancias persoais e sociais que lle tocou vivir.

Se desexa máis información sobre a biografía desta autora, prema aquí.
07/07/2006

Novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar en liña o número 30 do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Entre os contidos deste número salientamos a recensión da XV Trobada de Serveis Linguístics Universitaris, a presentación do curso de elaboración e edición de unidades didácticas de calidade en galego que está a organizar a Comisión de Normalización Lingüística de Psicoloxía ou o artigo sobre o tradutor automático OpenTrad.


06/07/2006

O Parlamento europeo rectifica

Despois de que o pasado 18 de maio a Conferencia de Presidentes lle solicitase á Mesa do Parlamento europeo reconsiderar a súa decisión sobre o uso das linguas cooficiais españolas, a Eurocámara rectificou finalmente a súa postura.

O novo acordo permítelles aos cidadáns dirixirse por escrito ao Parlamento europeo en galego, catalán e éuscaro e recibir unha resposta na mesma lingua. Ademais, traduciranse aos correspondentes idiomas cooficiais os textos lexislativos que afecten aos territorios onde estes se falan.
30/06/2006

Accesibles na rede as intervencións dos II Diálogos de Lingua e Sociedade

Xa se pode acceder desde a mediateca da Uvigo-TV ás intervencións dos II Diálogos de Lingua e Sociedade 2006, organizados pola Fundación Carlos Casares e que tiveron lugar o pasado 21 de xuño na Universidade de Vigo.
28/06/2006

Praza de Técnico/a de Normalización Lingüística no Concello do Val do Dubra

O Concello do Val do Dubra publica, no BOP do 21 de xuño de 2006, a convocatoria do proceso selectivo para a provisión dunha praza de Técnico/a de Normalización Lingüística.

O sistema de selección será o de concurso-oposición e os/as aspirantes deberán posuír o título de licenciatura en Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega, ou de mestre co diploma de especialista en lingua galega.

O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial do Estado (BOE).

Se desexa máis información, prema aquí.
26/06/2006

II Concurso de mensaxes de móbil

A Área de Normalización Lingüística do Concello de Porriño, en colaboración coa Biblioteca municipal, organiza a segunda edición do Concurso de mensaxes SMS en lingua galega.

As mensaxes, que teñen ser orixinais e non superar os 150 caracteres, deben enviarse ao número 630468553 antes do vindeiro venres, 30 de xuño.
19/06/2006

Tui rememorará os primeiros xogos florais en lingua galega

No marco dos actos de celebración do seu centenario, a Real Academia Galega conmemorará a celebración dos primeiros xogos florais en galego, celebrados en Tui en 1891.

O acto terá lugar o vindeiro sábado, 24 de xuño, en Tui e nel rememoraranse aqueles primeiros xogos florais con diferentes actuacións musicais, intervencións de reivindicación lingüística a cargo dos académicos da RAG e a lectura dos xa históricos discursos de Manuel Murguía, Salvador Cabeza de León e Alfredo Brañas.
19/06/2006

Resólvense as subvencións a entidades privadas sen fin de lucro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia publica, no DOG do 19 de xuño de 2006, a resolución das subvencións a entidades privadas sen fin de lucro para fomentar o uso social da lingua galega.

Se desexa consultar o texto completo da resolución, prema aquí.
15/06/2006

Bolsas de colaboración no Centro Ramón Piñeiro

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publica, no DOG do 15 de xuño de 2006, a convocatoria de bolsas de colaboración en diferentes proxectos de investigación que neste momento se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
(Máis información)
12/06/2006

O galego, o mellor dos ingredientes

Os concellos de Ames, Brión e Rois presentan a campaña de galeguización da hostalería “O galego, o mellor dos ingredientes”. O acto, no que intervirán representantes dos tres concellos organizadores e do sector da hostalaría, contará tamén coa actuación do grupo Mofa e Befa, co espectáculo “Cociña cacofónica”.

A presentación terá lugar o vindeiro xoves, l5 de xuño, ás 18:00 h no Pazo da Peregrina (Bertamiráns – Ames).
08/06/2006

A arte de contar no Concello de Betanzos

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos organiza o obradoiro “A arte de contar”, con actividades de expresión corporal e contacontos. As actividades, destinadas a cativos/as de entre 7 e 14 anos, desenvolveranse ao longo do mes de xullo (sábados pola mañá) e as prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
Se desexa máis información, pode poñerse en contacto co servizo: 981 771300 / 670016403.
08/06/2006

Consulte en liña o nº 29 do Cartafol Dixital

Xa pode consultar en liña o novo número do Cartafol Dixital, voceiro da Universidade de Santiago de Compostela en materia de normalización lingüística.

Entre os contidos deste número salientamos a presentación do I Concurso de publicidade en galego, a nova sobre os diferentes premios orientados á dinamización lingüística que convoca a USC ou o artigo sobre os recursos informáticos en galego que difunde o portal mancomún.org.
08/06/2006

IV edición do Premio Ramón Piñeiro de ensaio breve

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia convoca a cuarta edición deste premio que ten como obxectivos principais homenaxear a figura do ilustre galeguista Ramón Piñeiro e contribuír á difusión do ensaio breve en lingua galega.
O prazo para a presentación de orixinais remata o 4 de setembro de 2006. O traballo gañador será publicado na colección Cadernos Ramón Piñeiro e o seu autor/a recibirá
3 000 euros.

Se desexa consultar o texto completo desta convocatoria, prema aquí.
02/06/2006

Presentación pública do Foro Enrique Peinador

O pasado mércores, día 31 de maio, presentouse publicamente en Ourense o Foro Enrique Peinador, que aglutina entidades empresariais e institucionais influentes no ámbito socioeconómico galego e que nace co obxectivo de conciliar a actividade económica coa defensa dos valores culturais e lingüísticos do país.

Entre as iniciativas máis inmediatas do Foro están a organización dunha xornada dedicada á empresa galega, a elaboración dun dicionario de termos económicos ou a proposta de institucionalización do Día da Empresa Galega.
02/06/2006

Diálogos sobre linguas e sociedades 2006

A Fundación Carlos Casares organiza a segunda edición destes Diálogos, que naceron co obxectivo de converterse en foro estable de debate sobre as cuestións derivadas da complexa relación entre as linguas e os grupos humanos e que xirarán nesta ocasión arredor das ideoloxías e a diversidade lingüística.

O acto terá lugar o vindeiro 21 de xuño na Universidade de Vigo (Edificio Miralles – sala 1) e a asistencia será libre ata completar a capacidade da sala. Se desexa obter máis información sobre o programa, prema aquí.