noticia

Rexistros 91 a 120 de 1610
15/11/2023

Un informe do Observatorio da Cultura Galega destaca o bo momento do audiovisual en Galicia

Aos premios recentes acadados polo sector audiovisual galego acompañan tamén as cifras. Na última década medrou o emprego, os ingresos de explotación, a asistencia ás salas de cine e o consumo televisivo, segundo o documento de traballo O sector audiovisual en Galicia 2023, que acaba de facer público o Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). O documento conclúe que “os datos amosan que o audiovisual se atopa nun ciclo expansivo, con indicadores que apuntan a que se superou a crise sanitaria de 2020 e 2021 en moitos dos ámbitos que o compoñen”. O documento de traballo xa está dispoñible desde o web da institución.
14/11/2023

Presentado Federico Mediante, el Salgari español que contribúe ao mellor coñecemento do fenómeno migratorio

Federico Mediante era asturiano pero sentíase fondamente galego. “ A súa historia sitúase dentro do noso interese por documentar e coñecer os nomes que conforman a emigración galega” explicou a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, quen, xunto co secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; o vicepresidente do CCG e director do Arquivo da Emigración Galega, Xosé M. Núñez Seixas; e o ribadense Francisco Díaz-Fierros, acompañaron á autora, Ana Rosa Martínez Loredo, na presentación da obra Federico Mediante, el Salgari español. O libro fai un percorrido pola biografía e historia deste home e que tamén se pode consultar no Álbum de Galicia.
13/11/2023

Tui acolle unha xornada de homenaxe ao filósofo Francisco Sánchez

O Teatro Municipal de Tui acolle este martes a xornada “Francisco Sánchez no IV centenario da súa morte”, unha cita organizada polo Consello da Cultura Galega e o Concello de Tui co obxectivo de visibilizar e dar a coñecer a figura de Francisco Sánchez, auténtico prototipo do home do Renacemento que deixou unha obra predecesora da revolución filosófica dos séculos XVII e XVIII.
13/11/2023

Recuperamos a intervención de David Chipperfield sobre a importancia do planeamento

O reputado arquitecto británico, David Chipperfield, participou na xornada “A cultura do mecenado” que se desenvolveu no Consello da Cultura Galega (CCG) en febreiro de 2020. Nela abordou un relatorio no que afondou na “complexa relación público privado” en calidade de presidente fundador da Fundación RIA. É unha das intervencións que destacamos no marco do proxecto que visibiliza 12 intervencións destes 40 anos da institución.
10/11/2023

Profesionais inciden no valor da cultura máis alá dos fluxos económicos

“As fallas de Valencia son o máis antieconómico que un pode imaxinar. Todo un ano traballando para queimalo nunha noite. Pero é o froito dunha historia, ten un vector identitario e ideosincrásico que poucos poñerían en cuestión” afirmou Luis Cesar Herrero, Universidad de Valladolid, presidente da Association for Cultural Economics International no marco do foro “Modelos para unha economía da cultura”. A cita coordinada por Xosé Carlos Arias puxo sobre a mesa que a cultura é medible e reivindicaron o seu papel máis alá do puramente económico. “O mundo que coñecemos será radicalmente diferente dentro de dez anos e con xornadas como esta axudamos a situar a cultura nese novo escenario” apuntou Arias na inauguración. Canda a el estaba Xosé M. Núñez Seixas, vicepresidente do Consello da Cultura Galega (CCG) e coordinador do foro Pensar o mundo dende Galicia no que se insire esta cita e co que a institución celebra o seu corenta aniversario. Núñez Seixas anunciou que haberá unha última xornada (o 30 de novembro) ”que situará a cultura e a propia institución dentro do contexto autonómico, que está coordinada por Ramón Villares e onde intervirán algúns dos seus protagonistas”.
09/11/2023

A presidenta do Consello da Cultura Galega inaugura no Río de Xaneiro a mostra Afonso X e Galicia

Afonso X e Galicia, o proxecto expositivo organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) coa colaboración da Xunta de Galicia e as deputacións de Ourense e Lugo, continúa a súa itinerancia polo Brasil. Nesta ocasión chega ao Río de Xaneiro, onde foi inaugurado pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o decano do Centro de Letras e Artes, Afranio Gonçalves Barbosa; a vicerreitora da Universidade Federal do Rio de Janeiro (UFRJ), Cássia Turci; o director da Escola de Música da UFRJ, Ronal Silveira, e o vicedirector da Escola de Música da UFRJ, Marcelo Jardim. Coa apertura da mostra comeza un programa cultural no que participan expertos vinculados ás universidades públicas das cidades do Río de Xaneiro e de Niterói, así como outros convidados á instancia destes colaboradores.
09/11/2023

Unha xornada analiza os retos actuais dos museos

A pandemia da COVID-19 e o confinamento ocasionaron importantes transformacións sociais que repercutiron tamén no modo en que a cidadanía accede e se relaciona cos museos. Profundar neses cambios e analizar os desafíos actuais que deben afrontar as entidades museísticas son os obxectivos da xornada Museos pospandemia. Para que(n)? A actividade levarase a cabo mañá, 10 de novembro (10:00 horas), na sede institucional do Consello da Cultura Galega (CCG). Na súa inauguración participarán Dolores Vilavedra, membro do plenario do CCG; Ángeles Penas Truque, membro do plenario do CCG en representación do Consello Galego de Museos, e Esperanza Gigirey Liste, presidenta do Consello Galego de Museos. A xornada é presencial, pero poderá seguirse en directo a través do web e das redes sociais corporativas.
08/11/2023

A entrada do arquitecto e compositor Eduardo Rodríguez-Losada incorpórase ao Álbum de Galicia

A vida de Eduardo Ramón Rodríguez-Losada (A Coruña, 1886–1973) centrouse en dous ámbitos: a arquitectura e a composición musical. No eido arquitectónico, foi considerado como un dos máis importantes arquitectos rexionalistas galegos. No campo musical, compuxo máis de setenta obras de diferentes xéneros, aínda que foi recoñecido principalmente polas súas óperas. Nelly Iglesias é a autora da entrada que sumamos hoxe ao Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).
08/11/2023

Acordo para a dixitalización de materiais de Paz-Andrade do arquivo de Paulo Rónai

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, visitou o arquivo do escritor e tradutor brasileiro Paulo Rónai (1907-1992), no inicio da súa viaxe institucional a Río de Xaneiro (Brasil). Alí foi recibida pola súa viúva, Nora Tausz, e a súa filla, Laura Rónai, que acordaron conceder permiso para dixitalizar as cartas do epistolario do pai que recibiu de Valentín Paz Andrade. Esta visita abre a axenda institucional na que destaca a inauguración, hoxe mércores, da mostra Afonso X e Galicia na Universidade Federal do Río de Xaneiro (UFRJ).
08/11/2023

Remata o foro Pensar o mundo dende Galicia cunha reflexión sobre economía e cultura

A última sesión do foro Pensar o mundo dende Galicia, co que o Consello da Cultura Galega (CCG) celebra o seu corenta aniversario, reflexionará sobre a relación entre a economía e a cultura. “Modelos para unha economía da cultura” é o título desta xornada, que está coordinada por Xosé Carlos Arias e na que participan, entre outros, Josep Ramoneda e Luis César Herrero. O coordinador do foro, Xosé Manoel Núñez Seixas, mais o coordinador da xornada inauguran a actividade, que se pode seguir en directo dende o web e as redes sociais do CCG.
07/11/2023

O novo especial de Proxector recompila vídeos sobre o comportamento das bacterias e a súa resistencia aos antibióticos

“Bacterias e antibióticos. Do laboratorio á clínica” é o título do novo especial de Proxector, iniciativa que desenvolve o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC). Nesta nova entrega reúnense unha ducia de recursos audiovisuais que afondan en como se comportan as bacterias, tanto aquelas beneficiosas para o funcionamento do organismo humano como as prexudiciais que causan infeccións. Ademais, tamén se explica a relevancia que tivo o descubrimento da penicilina no tratamento das enfermidades bacterianas. Con este especial, o CCG súmase á celebración do XIV Día da Ciencia en Galego, que organiza Igaciencia e que, este ano, homenaxea a Alexander Fleming e Domingo García-Sabell nunha edición que ten por lema “Ano da saúde para todos”.
07/11/2023

Alejo Amoedo, elixido académico de número da Real Academia Galega de Belas Artes

O pianista e doutor Alejo Amoedo, membro do Plenario do Consello da Cultura Galega (CCG), vogal da Comisión Executiva da institución e director do Arquivo Sonoro de Galicia (ASG), acaba de ser nomeado académico de número da Sección de Música da Real Academia Galega de Belas Artes. Foi proposto polos académicos numerarios Juan Durán Alonso, Felipe-Senén López Gómez, José Ramón Soraluce Blond, Xurxo Lobato e Xosé Manuel Casabella López. A súa elección produciuse na sesión desenvolvida o día 28 de outubro de 2023 na Sala do Padroado do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) de Santiago.
07/11/2023

Unha xornada homenaxea o filósofo e médico tudense Francisco Sánchez

Neste 2023 cúmprense catro séculos do pasamento de Francisco Sánchez, auténtico prototipo do home do Renacemento que deixou unha obra predecesora da revolución filosófica dos séculos XVII e XVIII. Co gallo da efeméride, o Consello da Cultura Galega (CCG) e o Concello e Tui celebran cunha xornada de homenaxe para dar a coñecer a súa figura e o valor do seu legado. O alcalde deste concello, Enrique Cabaleiro, o secretario do CCG, Silvestre Gomez Xurxo; a concelleira de ensino, cultura e mocidade, Sonsoles Vicente Solla; e o director do coro Vox Stellae presentaron hoxe en rolda de prensa o programa desta actividade que terá lugar o vindeiro martes, 14 de novembro, na Sala Félix Rodríguez. A cita remata cun concerto no Teatro Municipal. A entrada é libre ata completar a capacidade do lugar.
06/11/2023

Especialistas analizan en Ourense o pensamento político de Pasolini

Pier Paolo Pasolini deixou constancia do seu pensamento político a través dunha ampla produción literaria, cinematográfica, poética e xornalística. Co fin de profundar nas súas reflexións e de introducir novos enfoques no estudo da súa obra, o Consello da Cultura Galega (CCG) organiza a xornada “O pobo canta: o pensamento político de Pier Paolo Pasolini”. A cita, coordinada por Simone G. Saibene e Celia Pereira Porto, terá lugar mañá, 7 de novembro (10:00 horas), no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense. A sesión é presencial e non se poderá seguir en directo, pero será gravada e subida posteriormente á hemeroteca do CCG.
03/11/2023

Carmen García Mateo, coordinadora da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación, participa no AI Song Contest 2023

O Consello da Cultura Galega (CCG) colabora co AI Song Contest 2023, que comeza mañá, 4 de novembro, ás 10:00 horas, no Main Stage da Cidade das TIC da Coruña. Na edición deste ano participa a coordinadora da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do CCG, Carmen García Mateo. Intervirá na sesión de debate "AI for Galician Culture", que se desenvolverá a partir das 11:30 horas e que contará tamén cos relatorios de Andrés Piñeiro Martín, Carmen Magariños Iglesias e Iria de Dios-Flores.
02/11/2023

O Álbum de Galicia incorpora a biografía de Pablo Pérez Costanti

Pablo Pérez Costanti (Santiago de Compostela, 1857-1938) foi arquivista, paleógrafo, xornalista e historiador. Desde 1885, estivo á fronte do Arquivo Municipal de Santiago, onde desenvolveu un importante labor de ordenación dos protocolos que alí se custodiaban. A título persoal, rexistrou durante lustros unha gran parte dos arquivos notariais de Galicia. Froito dese traballo é o seu Diccionario de artistas que florecieron en los siglos XVI y XVII (1930), un libro considerado como unha das grandes obras galegas do século XX pola crítica especializada. A súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), é autoría de Xosé Ramón Fandiño.
02/11/2023

Marta López Cabo e Jesús López Romalde analizarán a importancia dos microorganismos nunha xornada en Viveiro

“Microbios: compañeiros invisibles” é o título da xornada que terá lugar mañá, 3 de novembro, ás 20:00 horas, na casa do concello de Viveiro. A actividade forma parte do marco de colaboracións que mantén este ano o Consello da Cultura Galega (CCG) co Consello Superior de Investigacións Científicas en Galicia. Na súa inauguración participará a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, xunto con Luisa Martínez Lorenzo, da Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia, e María Loureiro García, alcaldesa de Viveiro. A cita non se emitirá en directo, pero será gravada e subida posteriormente á hemeroteca do CCG.
02/11/2023

A presidenta, Rosario Álvarez, detallou no Parlamento os orzamentos para 2024

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, compareceu na tarde deste xoves na Comisión Terceira de Economía, Facenda e Orzamentos, do Parlamento de Galicia, no marco das sesións informativas en relación co Proxecto de lei de orzamentos. O orzamento da institución para o próximo ano é de 3.206.556 euros, 130.780 euros máis que en 2022. Álvarez explicou as liñas xerais de actuación desenvolvidas e avanzou a programación de 2024. A relación entre cultura, patrimonio e turismo; a intelixencia artificial aplicada á creación; a memoria da transición; a proxección exterior, e a internacionalización da cultura galega son áreas destacadas para o vindeiro ano, no que a institución seguirá fiel ás liñas de traballo habitual. Os representantes dos tres grupos parlamentarios expresaron o seu recoñecemento ao labor da institución.
31/10/2023

Unha xornada analiza a vixencia do pensamento de Pasolini

A obra literaria, cinematográfica, poética e xornalística de Pier Paolo Pasolini atende a conceptos como a liberdade, a violencia, a memoria, a xustiza, a felicidade ou o poder. Estas cuestións, que están de vixente actualidade, analizaraas o Consello da Cultura Galega (CCG) na xornada “O pobo canta: o pensamento político de Pier Paolo Pasolini”, cita coordinada por Simone G. Saibene e Celia Pereira Porto que terá lugar o vindeiro 7 de novembro no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense. A inscrición está aberta e pode facerse no web do CCG.
30/10/2023

Incorpórase a Gallaecia Monumenta Historica unha publicación sobre Santa María de Tomiño e Santa Baia de Donas

A biblioteca dixital do Consello da Cultura Galega (CCG) incorpora hoxe unha nova publicación. Titúlase Os mosteiros de Santa María de Tomiño e Santa Baia de Donas na Idade Media. Estudo histórico e colección documental e foi elaborado por Víctor Rodríguez Muñiz. A publicación, axuda a entender a historia entre ambos mosteiros e coa súa contorna. Estas dúas pequenas abadías foron fundadas en datas próximas, que gozaron de numerosos paralelismos na súa evolución e estiveron ata o seu final baixo o mando dunha única abadesa. A publicación é forma parte do proxecto GMH, Gallaecia Monumental Historica.
26/10/2023

O impacto da intelixencia artificial na creación, entre as liñas de acción para 2024

O Consello da Cultura Galega (CCG) levou a cabo unha sesión plenaria no serán deste mércores na que aprobou a programación da institución para 2024. A relación entre cultura, patrimonio e turismo; a intelixencia artificial aplicada á creación; a memoria da transición; a proxección exterior, e internacionalización da cultura galega son as áreas prioritarias para o vindeiro ano. Ademais, a institución, que preside Rosario Álvarez, manterá as súas liñas de acción habitual, así como a asesoría e a avaliación do sector cultural, con informes e documentos de traballo. Na sesión tomou posesión Dolores Vilavedra, que substitúe a Elisa Fernández Rei como representante do ILG no Pleno.
26/10/2023

O galeguismo en América centra a nova entrega de Historias de ida e volta

A colectividade galega emigrada alén mar desenvolveu un importante labor a prol da preservación da identidade cultural galega e da defensa dunha nacionalidade propia. En Cuba e Bos Aires constituíronse durante as primeiras décadas do século XX diferentes asociacións cun marcado carácter galeguista. Ademais de organizar actos para recadar fondos que enviar a Galicia, estas institucións puxeron en marcha diferentes xornais étnicos nos que divulgaban a súa ideoloxía. O especial Historias de ida e volta, proxecto do Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) que conta co apoio da Secretaría Xeral da Emigración, amosa en vinte imaxes e documentos algunhas destas publicacións, así como os mitins e outras actividades organizados para defender a causa galeguista.
26/10/2023

Deportistas de alto nivel recoñecen o papel pioneiro da ximnasta Marta Bobo

“Desde Ana Peleteiro ata Sofía Toro pasando por Alicia Fernández Fraga, Julia Vaquero... todas as deportistas galegas lle deben moito a Marta Bobo, porque ela foi a primeira” afirmou Merce Barrientos, presidenta do MUDEGA (Mulleres Deportistas Galegas) no marco da xornada “Marta Bobo. Mulleres e deporte” . Cita coa que o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismo (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG) homenaxeaba a primeira olímpica galega e muller pioneira que abriu moitos teitos de cristal no mundo do deporte. “É unha homenaxe a todas as mulleres que estiveron neste campo, cos seus éxitos e dificultades” afirmou a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, na inauguración. Sobre esa idea tamén incidiu Carme Adán, directora do CDIF e organizadora da cita xunto con Cristina López Villar, que afirmou “temos que ter presente a importancia do deporte para mudar todos os estereotipos”. Os vídeos da xornada están dispoñibles na canle de Youtube do CCG.
25/10/2023

O CDIF homenaxea a Marta Bobo cunha xornada sobre as mulleres e o deporte

O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza mañá, 26 de outubro, ás 9:30 horas, unha nova sesión do ciclo De pioneiras e andainas. Nesta ocasión, a protagonista será a ximnasta Marta Bobo. A súa traxectoria e os seus logros deportivos servirán como punto de partida para analizar a loita das mulleres por acadar recoñecemento no mundo do deporte. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e Carme Adán, coordinadora da xornada xunto con Cristina López Villar, inaugurarán esta actividade. A cita é presencial, pero poderá seguirse en directo a través do sitio web e das redes sociais da institución.
24/10/2023

O proxecto audiovisual Crossing borders profunda no momento actual da música de raíz

A música de raíz galega está a traspasar fronteiras e a vivir un momento dourado sobre o que o Consello da Cultura Galega (CCG) profunda nun novo proxecto audiovisual. A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e o coordinador do proxecto, Manuel Gago, presentaron en rolda de prensa Crossing borders. A música TRAD galega atravesando fronteiras, tres pezas audiovisuais subtituladas en inglés que, da man de creadores como Mercedes Peón, Baiuca (Alejandro Guillán) e Uxía Senlle, entre outros, mais os expertos Óscar Losada e Marina Fernández, percorren a evolución, as especificidades e as claves do éxito da música de raíz.
24/10/2023

A biografía de Isabel Martínez-Barbeito entra no Álbum de Galicia

Con motivo da conmemoración do Día das Bibliotecas, o Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora a entrada da bibliotecaria e arquiveira Isabel Martínez-Barbeito (A Coruña, 1918-2007). Intelectual comprometida coa preservación e difusión do patrimonio cultural, amosou ao longo de toda a súa vida unha preocupación constante por “contribuír ao acceso á cultura”, sobre todo “á relacionada coa promoción e a historia da Coruña”. Así o subliña a autora da súa biografía, Susana Guitar Novo.
23/10/2023

Unha xornada analiza o Seminario de Estudos Galegos en comparación con outros centros de alta cultura

O Seminario de Estudos Galegos e as institucións de alta cultura do seu tempo é o título da xornada que terá lugar mañá, 24 de outubro, ás 10:00 horas, na sede institucional do Consello da Cultura Galega (CCG). Coordinada por Ramón Villares, a cita ten como obxectivo analizar a relevancia que tivo o Seminario de Estudos Galegos (SEG) en comparación con outras institucións de alta cultura da Península Ibérica, como o Institut d’Estudis Catalans (Barcelona, 1907), a Eusko Ikaskuntza-Sociedad de Estudios Vascos (San Sebastián, 1918), o Centro de Estudios Históricos (Madrid, 1910) ou a Sociedade Martins Sarmento (Guimarães, 1881). A sesión é presencial, pero poderá seguirse en directo a través do sitio web e das redes sociais corporativas.
22/10/2023

Regresa o ciclo Revisando a nosa arte cunha xornada en Lugo sobre Paco Pestana

Paco Pestana atopou na escultura e na poesía as súas canles fundamentais de expresión. Creador multidisciplinar, a súa obra e traxectoria consolidárono como unha figura referencial para entender o desenvolvemento da escultura en Galicia nas últimas décadas do século XX. Cando se fan dous anos da súa morte, a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) dedícalle mañá, 23 de outubro (16:00 horas), unha nova xornada do ciclo Revisando a nosa arte. A sesión, coordinada por Rosario Sarmiento e Lucila Yáñez, desenvolverase de xeito presencial no Vello Cárcere de Lugo. A cita non se poderá seguir en directo, pero será gravada e subida posteriormente á hemeroteca do CCG.
19/10/2023

Comeza en Lubbock o IV Simposio Norteamericano de Estudos Galegos

Este xoves arrinca en Lubbock (Texas) o IV Simposio Norteamericano de Estudos Galegos que organiza a Asociación de Estudos Galegos que este ano leva por título “Camiño a Texas: unha morada galega na pradeira”. Unha cita coa que colabora o Consello da Cultura Galega (CCG) con conferencias e proxeccións.
19/10/2023

O Repertorio da prensa da emigración galega incorpora 15 números do Boletín de las Sociedades Gallegas Federadas

O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), suma quince números do Boletín de las Sociedades Gallegas Federadas. A cabeceira, que é unha continuación do voceiro Galicia, publicouse en Bos Aires entre 1943 e 1944. Editada pola Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina, tiña como obxectivo informar sobre a entidade editora e as sociedades que a integraban. Ademais, tamén incluía novas sobre Galicia e a colectividade emigrada.