noticia

Rexistros 1471 a 1474 de 1474
04/12/2015

O Consello da Cultura Galega potenciará a acción exterior e as Irmandades da Fala en 2016

Contribuír á proxección exterior da cultura galega; atender a un sentido amplo da cultura que inclúe desde ciencia ata cinema, música ou patrimonio; reflexionar sobre as identidades e os movementos migratorios sen descoidar a recuperación e posta en valor da cultura galega son as liñas de traballo do Consello da Cultura Galega (CCG) para 2016. Así o acordou o Plenario da institución no marco dunha xuntanza ordinaria celebrada no serán deste xoves. Isto concrétase nun congreso sobre as Irmandades da Fala, unha exposición que constrúe o relato histórico de Galicia en cen obxectos, a recuperación da figura de Manuel María e un seminario sobre fronteiras, soberanías e migracións. En total están programadas máis de cincuenta actividades cun orzamento que se sitúa preto dos dous millóns e medio de euros.
26/11/2015

O caso de Guidoiro Areoso inaugura os Encontros monográficos co Patrimonio Cultural

“Encontros monográficos co Patrimonio Cultural” é o título dunha iniciativa nova da Sección de Patrimonio e Bens Culturais que busca xerar debate e difusión entre a cidadanía, as administracións e os profesionais arredor de bens patrimoniais sobre os que se estean a desenvolver actuacións. A proposta iníciase este venres 27 de novembro cunha xornada monográfica sobre Guidoiro Areoso, na que se exporá a vivencia da cidadanía, os resultados das intervencións patrimoniais e a experiencia xestora.
24/11/2015

Unha xornada analiza o papel de Filgueira en varias entidades culturais no inicio da autonomía

O Seminario de Estudos Galegos, o Instituto Padre Sarmiento ou o propio Consello da Cultura Galega (CCG). Son tres entidades de ámbito cultural nas que Filgueira Valverde participou activamente na súa construción ou recuperación. Sobre esta relación, no contexto da creación autonómica, falarase esta tarde no Consello da Cultura Galega no marco dun programa de actividades que organiza a Real Academia Galega e que comezaron hai tres semanas en Pontevedra baixo o título “Filgueira Valverde na cultura galega do século XX”. O presidente do CCG, Ramón Villares, estará tamén presente na xornada de clausura que terá lugar o venres 27 na Fundación Barrié.
23/11/2015

Unha xornada do Consello da Cultura Galega advirte da necesidade dunha cultura alimentaria saudable

Existe unha relación directa entre o consumo de carne procesada e carne roxa e o risco de cancro. Unha evidencia que chega da man de numerosos estudos realizados por diferentes entidades a nivel internacional que tamén indican que se trata dun risco baixo. O consumo moderado de carne, no marco dunha cultura alimenticia saudable e exercicio físico son algunhas das claves da prevención. Esta é a mensaxe que se repetiu ao longo da tarde no marco da xornada “Os pecados da carne?” coordinada por Anxo Carracedo e Rafael Tojo. “O problema da dieta cárnica é un asunto científico pero tamén ten que ver coa cultura alimentaria e cómpre unha reflexión sobre a realidade” apuntou Ramón Villares na inauguración dunha xornada que se abordou o tema desde a necesidade dunha difusión rigorosa ata a dieta actual.
20/11/2015

O Consello da Cultura presenta en Ribadavia a edición de Follas novas, a coñecida rapsodia de Luis Brage

“A música para banda forma parte imprescindible da nosa paisaxe sonora”, afirma Maximino Zumalave, coordinador da Sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega (CCG), na presentación do libro Follas novas, unha rapsodia galega para banda sinfónica composta por Luis Brage. Unha publicación que se presenta mañá en Ribadavia nun acto en que haberá unha actuación a cargo da banda de música La Lira, unha agrupación que foi un auténtico mito musical e na que Luis Brage foi moi decisivo. A cita terá lugar o sábado 21 ás 16.30 horas no auditorio municipal da vila e contará coa presenza de David Ferreiro Carballo, que fixo o estudo crítico da obra, de Lluís Ballester Brage, neto do compositor de María López Touza, concelleira de Cultura.
18/11/2015

Unha sesión do Consello da Cultura reflexiona sobre o papel de Filgueira na construción cultural da autonomía

Filgueira Valverde participou activamente na construción e recuperación dunha serie de entidades de ámbito cultural no xermolo da autonomía galega. Esa dimensión analízase na segunda das sesións que integran o programa “Filgueira Valverde na Cultura Galega”, que se desenvolverá o vindeiro martes no Consello da Cultura Galega (CCG). O presidente, Ramón Villares, estará presente nesta cita así como na xornada de clausura, que terá lugar o venres 27 na Fundación Barrié.
17/11/2015

Unha xornada do Consello da Cultura Galega reflexiona sobre a dieta cárnica

O pasado mes de outubro un panel de expertos da Organización Mundial da Saúde afirmou, baseándose en estudos científicos publicados, que o consumo de carnes procesadas (embutidos, salchichas ou hamburguesas) aumenta o risco de sufrir cancro e que a carne vermella (porco, vacún…) é probablemente carcinóxena. Ante este anuncio, a Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza unha xornada para falar das vantaxes e problemas da dieta cárnica. Anxo Carracedo e Rafael Tojo son os coordinadores desta cita que ten como título “Os pecados da carne?” e que se desenvolverá en Santiago o vindeiro luns 23 de novembro. A inscrición pode facerse a través do sitio web do CCG é libre e hai cen prazas.
12/11/2015

Os artesáns falan dos instrumentos tradicionais nunha xornada do Consello da Cultura Galega

“A xornada pretende botar unha ollada a un campo que está na base da música tradicional como é o da artesanía que constrúe os instrumentos e ao que se lle presta pouca atención” explica Xosé Vicente Ferreirós, coordinador da xornada “Os instrumentos tradicionais baixo a perspectiva dos artesáns”. O encontro, que terá lugar mañá á tarde no Consello da Cultura Galega, dálle voz a Álvaro Seivane, Xaneco Tubío, Oli Xiráldez e César Loureiro que falarán de recuperar a tradición pero tamén de innovación.
11/11/2015

José Álvarez Junco pecha no Consello da Cultura Galega o ciclo sobre os populismos

Tras analizar os populimos en Europa, América Latina chega o momento de centrar o debate no caso español. O catedrático emérito de Historia do Pensamento e dos Movementos Políticos e Sociais na Universidad Complutense de Madrid, José Álvarez Junco, será o encargado de facer esa reflexión cun relatorio titulado “Populismos na España”. A súa intervención pecha este mércores 11 (17:00 horas) no Consello da Cultura Galega o ciclo coordinado polo profesor Ramón Máiz que dedicou catro sesións a analizar este concepto político tan común.
10/11/2015

O Consello da Cultura inaugura en Vigo Galicia Imaxinada, a contribución da emigración á construción da identidade galega

“Galicia non se comprende sen América” afirmou Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega na inauguración de Galicia Imaxinada, a exposición que permite visualizar o legado da emigración na construción da identidade galega. A mostra poderase ver en Vigo (Casa Galega da Cultura, ata o 6 de decembro) nunha “cidade intrínsecamente relacionada coa emigración” explicou o presidente nun acto no que estaban presentes Abel Caballero, alcalde de Vigo e Ignacio López-Chaves, delegado territorial da Xunta.
09/11/2015

Venezuela, Bolivia e Ecuador centran a conferencia de Carlos de la Torre no ciclo sobre os populismos

Carlos de la Torre é profesor de Socioloxía da Universidade de Kentucky e un experto en populismos. A súa intervención protagoniza a terceira sesión do ciclo “O populismo hoxe, Europa e América Latina”, que terá lugar o martes ás 17.00 horas na sede do Consello da Cultura Galega. O ciclo, coordinado polo profesor Ramón Máiz, pretende examinar este termo político desde múltiples perspectivas e conclúe este mércores coa intervención de José Álvarez Junco, catedrático emérito de Historia do Pensamento e dos Movementos Políticos e Sociais na Universidad Complutense de Madrid.
06/11/2015

O Consello da Cultura Galega homenaxeará as Irmandades da Fala e a Manuel María en 2016

Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), compareceu esta mañá na Comisión 3ª, Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia no marco das sesións informativas en relación co Proxecto de Lei de orzamentos. Alí deu conta do executado en 2015 e fixo unha previsión de actividades para o vindeiro ano cun orzamento que se incrementa un 1,47%. O inicio dun ciclo sobre as Irmandades da Fala, a recuperación da figura de Manuel María e unha exposición que sintetiza a nosa cultura en cen obxectos son algunhas das actividades previstas para 2016.
05/11/2015

O populismo e o seu contexto centra a intervención de Francisco Panizza no Consello da Cultura

“Más populista será tu abuela!”. Esta frase pronunciada por José “Pepe” Mújica no marco da campaña electoral que o converteu en presidente de Uruguai é parte do título da conferencia que Francisco Panizza pronunciará este venres (17.00 horas) no Consello da Cultura. Nela analizará os discursos, as representacións e as actitudes de determinados políticos para responder a pregunta “De que falamos cando falamos de populismo?”. A súa conferencia insírese no ciclo “O populismo hoxe, Europa e América Latina”, coordinado polo profesor Ramón Máiz, e que pretende examinar este termo político desde múltiples perspectivas. A conferencia pode seguirse en directo desde o sitio web da institución.
05/11/2015

As xornadas Arte+Coleccionismo rematan reivindicando a importancia do coleccionista

A figura do coleccionista en España é moi descoñecida, responde a numerosos clixés pero encerra un enorme valor tanto no artístico como no cultural. “É un labor fundamental, é o gran motor da arte” afirmaba Pilar Citoler, unha das coleccionistas españolas máis coñecidas no marco das xornadas Arte+Coleccionismo que hoxe remataron no Consello da Cultura Galega. Unha cita dirixida por Marisa Sobrino coa coordinación de Natalia Poncela e Rosario Sarmiento que durante dous días xuntou en Santiago a profesionais do mundo da arte contemporánea.
04/11/2015

A perspectiva dos coleccionistas e o mercado da arte pechan mañá as xornadas do Consello da Cultura

“O mercado da arte moveu en 2013 arredor de 336 millóns de euros en España, o 75% desas transaccións fixéronse en galerías privadas e, con todo, a arte e o coleccionismo segue a valorarse como algo reducido a certos grupos” afirmaba Mercedes Basso, directora xeral da Fundación Arte y Mecenazgo na primeira conferencia das xornadas “Arte+Coleccionismo” que se desenvolven no Consello da Cultura Galega. A cita conclúe mañá coa presenza de Pilar Citoler, unha das coleccionistas españolas máis destacadas do mundo da arte, xunto cos directores de coleccións como a Patricia Phelps de Cisneros e feiras artísticas como ARCOmadrid. A xornada foi inaugurada por Francisco Díaz-Fierros, vicepresidente do Consello da Cultura e María Luisa Sobrino, responsable da sección de Creación e Artes Visuais, organizadora da cita, que destacaron a importancia da arte e do coleccionismo na cultura dun país.
03/11/2015

Mañá comezan no Consello da Cultura as xornadas que analizan a situación do coleccionismo artístico

Profesionais de recoñecido prestixio a nivel internacional no mundo da arte reuniranse desde mañá no Consello da Cultura Galega Galega no marco da xornada “Arte+Coleccionismo”. Unha cita dirixida por Marisa Sobrino e coordinada por Rosario Sarmiento e Natalia Poncela que conta coa participación de responsables de entidades como o Museo Thyssen, a Fundación Arte y Mecenazgo ou a colección Patricia Phelps de Cisneros, de feiras como ARCOmadrid, xunto con galeristas e coleccionistas da sona de Pilar Citoler e José Blanco. A sesión de mañá, que se poderá seguir desde o web da institución,achegarase a situación actual do coleccionismo.
29/10/2015

A xornada de Mary Quintero valoriza as creadoras da imaxe

“A presenza da muller no ámbito da fotografía en Galicia é historicamente moi escasa”, destacou María Xosé Agra na inauguración da xornada “Mary Quintero. A luz que alumea a vida”, que tivo lugar hoxe no Consello da Cultura Galega (CCG). A cita analizou e comentou a traxectoria desta creadora que fixo a súa primeira exposición con 16 anos e foi unha innovadora na técnica fotográfica. O seu traballo está presente tamén a través dunha exposición montada nas instalacións do Consello ata a vindeira semana. O presidente do CCG, Ramón Villares, salientou na inauguración o traballo da Comisión de Igualdade e a intención de seguir incidindo na análise da fotografía como un modo de entender a acción colectiva. Anunciouse tamén que na vindeira edición a homenaxeada será Kathleen Nora March (Nova York, EEUU) .
28/10/2015

O traballo fotográfico de Mary Quintero centra unha xornada do Consello da Cultura Galega

A luz que alumea a vida é o título da xornada coa que a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega (CCG) quere centrar o foco nunha fotógrafa viguesa tan descoñecida para o público como destacada foi na súa profesión. Mary Quintero (Melide, 1931) é unha das pioneiras da fotografía profesional en Galicia e unha retratista preocupada pola iluminación e uso de novas técnicas. A cita terá lugar mañá xoves en Santiago co obxectivo de visibilizar o traballo de mulleres que, como ela, están a pasar desapercibidas no mundo da imaxe. A xornada complétase cunha exposición nas instalacións do CCG que exhibe algunhas das fotografías e materiais que marcaron a súa traxectoria e que comentará a propia Quintero.
27/10/2015

Mellora a asistencia ao cine en Galicia, aínda lonxe da media estatal, segundo o Observatorio da Cultura

En 2014 foron ao cine 3,6 millóns de galegos e galegas. Son 600 000 máis que no ano anterior e, aínda que a cifra é positiva, Galicia segue a ocupar o último posto en asistencia en toda España. Só o 40,5% da poboación asistiu a unha proxección cinematográfica no último ano. Son cifras do Documento de Traballo do Observatorio da Cultura Galega (DT-OCG) titulado “O cine en Galicia 2014” e que analiza cifras de asistencia, produción e distribución así como de hábitos e prácticas culturais.
27/10/2015

O Consello da Cultura celebra en Vilanova de Arousa o nacemento de Valle-Inclán cunha mostra que recolle a repercusión internacional

Este mércores cúmprense 149 anos do nacemento de Ramón María del Valle-Inclán (1866-1936). Unha efeméride que o Consello da Cultura Galega celebra coa inauguración da exposición “Outros verbos, novas lecturas: Valle-Inclán traducido [1930-1936]”, que pretende dar conta da dimensión internacional deste escritor a través das traducións das súas obras a outras linguas. Será en Vilanova de Arousa, na súa Casa-Museo, onde estará o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e a comisaria desta mostra, Rosario Mascato.
27/10/2015

Iván Llamazares abre o ciclo dos populismos cun relatorio sobre a situación en Europa

Como xorden os novos populismos en Europa e cales son os seus argumentarios? Estas dúas preguntas centran a conferencia coa que o profesor da Universidade de Salamanca Iván Llamazares abre mañá mércores o ciclo “O populismo hoxe, Europa e América Latina”. Este programa, coordinado polo profesor Ramón Máiz, pretende achegar este termo político do que se fala tanto nos últimos tempos desde múltiples perspectivas. Son catro relatorios sobre o tema que se estenden ata 11 de novembro.
25/10/2015

O Consello da Cultura Galega e a Universidade de Vigo organizan unha xornada para concienciar sobre a importancia dos océanos

A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra acolle o vindeiro luns 26 a II edición da xornada «Bo uso e mal uso do mar». Un encontro organizado polo Consello da Cultura Galega e a Universidade de Vigo para concienciar a cidadanía da importancia da relación cos océanos. Investigadores de Cabo Verde, Reino Unido e Suecia ofrecerán relatorios e experiencias prácticas arredor da sustentabilidade do mundo mariño.
21/10/2015

O Consello da Cultura Galega dedica un ciclo a analizar os populismos

Alberto Fujimori, Hugo Chávez, Sarah Palin, Pablo Iglesias e os partidos Vlaams Belang ou o Front Nacional comparten o denominador común de ser etiquetados comunmente como populismo. O uso e abuso deste termo político centra o vindeiro ciclo do Consello da Cultura Galega. Baixo o título “O populismo hoxe, Europa e América Latina”, está coordinado polo profesor Ramón Máiz e consta de catro sesións. Entre todas elas preténdese reflexionar sobre o concepto con enfoques diferentes. A cita ábrese o vindeiro mércores 28 de outubro cunha conferencia de Iván Llamazares sobre os populismos en Europa.
17/10/2015

Conclúen os Encontros para a Normalización que demandan unha maior colaboración entre todas as entidades

A maioría da mocidade de Galicia (entre 15 e 24 anos) ten un dominio efectivo do galego, idioma no que cada vez se escribe máis e fala menos. As cifras así como as experiencias de normalización e planificación pensadas para os máis novos expuxéronse na XVII edición dos Encontros para a normalización lingüística. Unha cita de referencia que organiza anualmente o Consello da Cultura Galega (CCG) na que se puxo en evidencia a necesidade dun traballo colaborativo entre entidades e institucións que permita inverter a baixada de galegofalantes
02/10/2015

O Consello da Cultura Galega achégase á figura da retratista Mary Quintero cunha xornada

Os retratos que fixo no seu estudo permiten trazar a crónica dunha época das cidades de Lugo e de Vigo. Chámase Mary Quintero (Melide, 1931) e é unha das pioneiras da fotografía profesional en Galicia. O seu traballo e a súa traxectoria centran a xornada A luz que alumea a vida, que lle dedica a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega o vindeiro 29 de outubro. Profesionais dos medios de comunicación, da fotografía e do mundo da imaxe contextualizarán o seu traballo nunha sesión que servirá tamén de homenaxe. Un dos momentos máis destacados será o percorrido vital e profesional que Quintero realizará a través das súas obras nunha exposición montada para a ocasión. A inscrición é gratuíta e pódese facer a través da páxina web da institución.
30/09/2015

Profesionais reflexionan no Consello da Cultura sobre a situación actual do coleccionismo

O coleccionismo de arte en España, a pesar de ser unha parte fundamental do sistema artístico, caracterízase pola súa fraxilidade e a súa falta de tradición. Nas xornadas “Arte+Coleccionismo”, o Consello da Cultura Galega, a través da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas”, pretende reflexionar sobre esta realidade atendendo ao seu presente pero tamén aos seus retos de futuro. Responsables de entidades como o Museo Thyssen ou a colección Patricia Phelps de Cisneros, de feiras como ARCOmadrid, xunto con galeristas e coleccionistas (Pilar Citoler e José Blanco, entre outros) atenderán ao momento complexo que vive o coleccionismo. A cita desenvolverase en Santiago os días 4 e 5 de novembro e acaba de abrir o prazo de inscrición, que se pode formalizar a través da web da institución.
29/09/2015

O Observatorio da Cultura destaca a mellora do libro electrónico nuns fogares cada vez máis conectados

A relación dos galegos e galegas coas novas tecnoloxías é cada vez máis intensa. Os fogares están máis e mellor equipados e só as radios perden terreo no ámbito doméstico. Ademais, o seu uso é máis frecuente (sóbense máis contidos, empréganse máis redes sociais, medran os blogs…). Con todo, o uso cultural ten tamén outras lecturas. O libro electrónico constata un forte ascenso, un 70% no último ano, mentres que a compra de películas e música retrocede case sete puntos. Son as cifras de “As TIC, redes e cultura”, o último Documento de Traballo do Observatorio da Cultura Galega (DT-OCG).
25/09/2015

O Consello da Cultura acolle un encontro con axentes sociais de difusión do patrimonio cultural

O Consello da Cultura Galega acolle esta tarde un encontro de Patrimonio Cultural e Acción Social. Trátase dunha reunión de traballo de carácter informal á que foron convocadas diferentes entidades civís vinculadas coa defensa, promoción e investigación do patrimonio cultural para detectar situacións comúns. A iniciativa está promovida pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG), coordinada por Iago Seara.
24/09/2015

O concepto migracións centrou o primeiro encontro Mateus DOC celebrado en Galicia

Mateus DOC é un exitoso programa que busca estimular o diálogo interdisciplinar entre investigadores novos que reflexionan arredor dun tema. Esta cita, organizada polo portugués Instituto Internacional Casa Mateus (IICM), tivo lugar esta fin de semana en Santiago. É a primeira vez que se realiza fóra de Portugal e foi posible grazas á colaboración do Consello da Cultura Galega. Esta edición pretendeu servir de reflexión sobre o concepto de Migración.
24/09/2015

O Consello da Cultura leva a literatura galega á feira do libro de Göteburgo

A cultura galega estará presente na Feira do libro de Göteburgo, que se desenvolve ata o domingo nesa cidade sueca. Faino a través do Consello da Cultura Galega, que conta cun espazo compartido con outras linguas peninsulares e coa participación nun programa cultural ao que asisten Dolores Vilavedra e Inma López Silva. Este encontro é o maior festival literario dos países escandinavos e está considerado como a segunda feira europea en relevancia, despois da de Frankfurt.