noticia

Rexistros 1591 a 1611 de 1611
31/10/2014

Joep Leerssen pecha a temporada do ciclo O(s) Sentido(s) da(s) Cultura(s)

É catedrático de Literatura Moderna Europea na Universidade de Amsterdam, un especialista en nacionalismos en Europa e coordinador da enciclopedia sobre o nacionalismo romántico en Europa. Joep Leerssen é o encargado de pechar a temporada do ciclo O(s) Sentido(s) da(s) Cultura(s). Farao cun relatorio titulado O nacionalismo cultural como proceso comunicativo transnacional: o caso do Celtismo, que pretende estudar a influencia da cultura nas construcións identitarias a partir de exemplos de casos. A cita terá lugar na biblioteca do Consello da Cultura Galega o martes 4 de novembro ás 17:00 horas.
30/10/2014

Unha xornada de homenaxe reivindica o espazo de Elena Colmeiro na escultura galega

“A miña é unha obra moi persoal, que non recorda a ninguén nin a nada. É orixinal na medida que ten un significado propio porque sen él esa orixinalidade non serve para nada”. Deste xeito se autodefine Elena Colmeiro (Silleda, Pontevedra, 1932), unha creadora pioneira no ámbito da escultura que acaba de recibir unha homenaxe no Consello da Cultura Galega. Baixo o título “Espazos da materia”, esta xornada serviu para lembrar a súa figura pero para reivindicar importancia da muller na arte e na escultura galega.
29/10/2014

Unha xornada homenaxea a Elena Colmeiro, pioneira da escultura galega

O Consello da Cultura Galega (CCG) acolle mañá a xornada Espazos da materia Unha cita que xira arredor de Elena Colmeiro (Silleda, Pontevedra, 1932) unha creadora pioneira no ámbito da escultura cunha obra chea de liberdade, fóra de modas e modismos, que arrecende un estilo propio. Profesionais da historia, das artes plásticas, do comisariado, dos medios de comunicación e da crítica participan neste encontro que ten unha parte de homenaxe pero tamén de reivindicación da importancia do seu traballo na historia da arte galega. Na cita presentarase unha cartografía (documentación exhaustiva) sobre a súa obra, a xornalista Ana Romaní conversará con Elena Colmeiro e pecha a xornada unha performance da artista Ana Gesto. Con Colmeiro dase continuidade este tipo de xornadas de homenaxe que organiza anualmente a Comisión de Igualdade do CCG.
28/10/2014

Unha xornada destaca o dinamismo e a complexidade do teatro amador

Non son profesionais pero desempeñan un traballo e unha organización co mesmo rigor e planificación. Festivais de teatro, circuítos estables, traxectorias que se alongan no tempo, espectáculos por temporada, un programa formativo continuado… son moitas as características que os integrantes deste tecido cultural evidenciaron ao longo da xornada, Teatro amador, que se desenvolveu no día de hoxe no Consello da Cultura Galega. Unha cita que serviu para exhibir a importancia que esta práctica ten para o tecido teatral e o ámbito cultural pero onde cada proxecto teatral é único.
27/10/2014

A situación actual do teatro amador é obxecto de debate no Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega organiza este martes unha xornada encamiñada a atender ao teatro amador. Unha parte fundamental do sistema teatral completo que habitualmente non é obxecto de reflexión. Baixo a coordinación de Inma López Silva e de Euloxio Ruibal celebrarase Teatro Amador, unha xornada pensada para reflexionar, dignificar e situalo como parte esencial do tecido teatral galego.
24/10/2014

O Consello da Cultura Galega inaugura Conversas na raia, un programa para reflexionar sobre cuestións comúns con Portugal

Cúmprense 150 anos do Tratado de Lindes de Lisboa, no que se fixaron as actuais fronteiras entre España e Portugal. Unha efeméride que o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Universidade do Minho, co apoio da Cámara Municipal de Monção, aproveitan para inaugurar o programa Conversas na raia, no que reflexionarán sobre cuestións comúns. A primeira edición, que se titula “As fronteiras políticas (150 anos do Tratado Espanha-Portugal)” desenvolverase este sábado 25 na localidade portuguesa de Monção.
23/10/2014

Unha xornada do Consello da Cultura Galega reivindica o galego como lingua publicitaria

Nos dous últimos decenios constatouse a consolidación da imaxe de marca de Galicia, duplicouse o número de axencias publicitarias, aumentou a calidade e elevouse a confianza e a eficacia no uso da lingua na comunicación publicitaria. Con todo, a crise está a lastrar este sector de xeito notorio. Son algunhas das conclusións que publicistas, empresarios e expertos no ámbito da comunicación publicitaria expresaron no marco da xornada A publicidade en galego, que tivo lugar este serán no Consello da Cultura Galega. A cita contou coa colaboración coa Fundación Galicia Empresa.
22/10/2014

Unha xornada do Consello da Cultura analizará a situación actual da publicidade en galego

En 1995 un estudo revelaba que os directivos das empresas non eran reacios e a empregar o galego nos seus produtos comerciais nin na comunicación corporativa. 17 anos despois, unha xornada pon sobre a mesa a publicidade en galego para coñecer a situación actual desta realidade. Publicistas, empresarios e expertos no ámbito da comunicación publicitaria participarán no seminario A publicidade en galego, que terá lugar mañá, xoves 23 de outubro na sede da institución.
22/10/2014

Un seminario do Consello da Cultura evidencia complexidade de cuantificar as migracións

Emigrantes retornados, circulación de traballadores, estudantes do programa Erasmus… son moitas e moi variadas as tipoloxías de movementos que se agochan detrás das grandes cifras estatísticas. Por ese motivo, resulta moi complexo cuantificar o fenómeno das novas migracións. Esta foi a idea que se plasmou no seminario Novas mobilidades nun contexto de crise, coordinado pola profesora Laura Oso e que concluíu hoxe en Santiago. A cita ofreceu cifras e estudos de caso que permitiron evidenciar que Galicia ten un comportamento diferente ao do resto de España no que segue a ter moita importancia o rastro da emigración histórica.
21/10/2014

O Observatorio da Cultura Galega constata o ascenso de alumnos no ensino de ámbito cultural

O ensino de ámbito cultural (música, danza, artes escénicas e artes plásticas e deseño) a todos os niveis (elemental, grao medio e superior) ten moita demanda. Entre 2007 e 2013, medrou o número de alumnos matriculados en todos os estudos regrados, agás no caso das artes plásticas e deseño. Así se desprende do Documento de Traballo (OCG-DT) O ensino cultural en Galicia, que elabora o Observatorio da Cultura Galega (OCG), unidade dependente do Consello da Cultura Galega. Este documento tamén aborda datos de financiamento e gasto público no ámbito educativo.
20/10/2014

Un seminario do Consello da Cultura pon rostro e cifras ás novas migracións por mor da crise

Hoxe en día estamos inmersos nunha nova etapa migratoria. “Hai moitas tipoloxías de movementos, desde estudantes novos que buscan novas oportunidades laborais ata o retorno de emigrantes que volven aos seus países de orixe” explica Laura Oso, profesora da Universidade da Coruña que coordina o seminario Novas mobilidades nun contexto de crise, que arrinca mañá no Consello da Cultura Galega. Unha cita que poñerá cifras pero tamén ofrecerá a voz dos protagonistas deste fenómeno que ten importantes repercusións sociais, culturais e políticas.
17/10/2014

O Consello da Cultura Galega apoia a nova candidatura de Ponte…nas ondas! ante a UNESCO

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas ondas! acaba de iniciar unha nova campaña pola inscrición do patrimonio común galego-portugués na Lista Representativa da UNESCO. Cando se cumpren dez anos da primeira presentación da candidatura, a asociación deu a coñecer nunha rolda de prensa a nova campaña, que contou co apoio dunha ampla representación de autoridades galegas e portuguesas, entre as que está o Consello da Cultura Galega.
16/10/2014

Un seminario do Consello da Cultura Galega analiza as novas migracións por mor da crise

Un posto de traballo, estranxeiros que voltan á casa, descendentes de galegos que retornan ás súas patrias de nacemento. Son moitas as casuísticas que engloban un novo movemento migratorio en Galicia. As tipoloxías, as primeiras cifras deste fenómeno son algúns dos asuntos que se pretenden analizar nas xornadas Novas mobilidades nun contexto de crise, que terán lugar o 21 e o 22 de outubro no Consello da Cultura (CCG). Está aberto o prazo de inscrición, que se pode formalizar a través da páxina web da institución (é de balde e hai cen prazas).
16/10/2014

O Consello da Cultura e a Fundación Barrié presentan as unidades didácticas para achegarlles a ciencia aos escolares

O navegante Pedro Sarmiento de Gamboa, o veterinario Juan Rof Codina, o médico Roberto Nóvoa Santos e o naturalista Ramón de la Sagra son os catro científicos que inauguran as unidades didácticas do Álbum da Ciencia e educaBarrié. É un dos resultados do convenio asinado entre o Consello da Cultura Galega e a Fundación Barrié que procura achegarlle a ciencia á comunidade escolar e que foi presentado hoxe en rolda de prensa. Francisco Díaz-Fierros, vicepresidente do Consello da Cultura Galega; Javier López Martínez, director xeral da Fundación Barrié; e Xosé Antón Fraga, responsable do Álbum da Ciencia incidiron, no carácter colaborativo desta proposta que amosa referentes do pasado e pon estímulos no camiño dos máis novos.
16/10/2014

O sector musical debateu nunha xornada as súas experiencias e necesidades

“Estamos nun novo escenario e temos que descubrir entre todos cales son as novas posibilidades que se nos brindan para artellar un sistema musical forte”. Xaime Fandiño abría así unha xornada na que representantes de todos ámbitos que conforman o sector musical dialogaron sobre as necesidades, intereses políticas públicas e a fiscalidade. A cita desenvolveuse este serán e sentou na mesma mesa a responsables de departamentos de marcas como El Corte Inglés, Estrella Galicia, Afundación, Martín Códax, Red Bull ou SuperBock.
15/10/2014

Unha xornada do Consello da Cultura analiza o patrocinio privado no financiamento de proxectos musicais

El Corte Inglés, Estrella Galicia, Afundación, Martín Códax, Red Bull, SuperBock son marcas privadas que comparten un denominador común: ser dinamizadoras da industria musical. Representantes de marketing e comunicación destas empresas participarán mañá na xornada O financiamento de proxectos musicais a partir do patrocinio privado. A xornada pódese seguir en directo a través do web da institución.
13/10/2014

O Consello da Cultura Galega fai públicos os informes sobre a canalización do río en Sarria e os usos do Castelo de Monterrei

Con data do 14 de maio tivo entrada no Rexistro do Consello da Cultura Galega, a solicitude da Plataforma Sarriana polo río sobre o plan de Canalización do Río Sarria e Celeiro ao seu paso por esta localidade lucense. Oito días despois, a Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei e a Asociación Cultural Alto Támega, solicitaban outro informe sobre os usos do Castelo de Monterrei. A primeira petición foi atendida de maneira conxunta polas Seccións de Natureza, Ciencia e Sociedade que coordina Francisco Díaz-Fierros, e a de Patrimonio e Bens Culturais que coordina Iago Seara. Mentres que a segunda, relativa a Monterrei, correspondeulle exclusivamente á sección de Patrimonio e Bens Culturais.
10/10/2014

O Consello da Cultura Galega reúne a profesionais da industria musical para falar do seu financiamento

No contexto actual de crise económica non ten cabida a fórmula dos grandes concertos musicais financiados con cargo a fondos públicos. Isto obriga a repensar as fórmulas de investimento público á hora de organizar proxectos deste tipo. A xornada O financiamento de proxectos musicais a partir do patrocinio privado sentará na mesma mesa a profesionais da industria musical para analizar as necesidades deste novo escenario. A cita terá lugar no Consello da Cultura Galega (CCG) no serán do 16 de outubro e a inscrición xa pode facerse a través do web.
09/10/2014

O seminario sobre B. J. Feijoo pon de manifesto a vixencia do seu pensamento

A súa ansia de sabelotodo (libido sciendi), lector voraz, precursor en cuestións xurídico-sociais, a conciencia crítica da primeira metade do século XVIII. Foron moitos os aspectos do pensamento de Benito Jerónimo que saíron a relucir no marco do seminario seminario “BJ Feijoo. Renovador do pensamento da ilustración” que se desenvolveu na xornada de hoxe xoves no Liceo de Ourense. Unha cita organizada polo Consello da Cultura Galega e que se insire dentro das actividades previstas para conmemorar o 250 aniversario do pasamento deste ilustre ourensán. Ademais, Francisco Díaz-Fierros, coordinador desta cita, asegura que serviu para dar a coñecer o papel que “Benito Jerónimo Feijoo desempeñou dentro da recuperación da identidade galega do século XIX”.
08/10/2014

O Consello da Cultura Galega pon na rede unha gravación de Otero Pedrayo sobre B. J. Feijoo

Este ano cúmprense 250 anos do pasamento de Benito Jerónimo Feijoo, un referente da recuperación da identidade galega do século XIX. Para conmemoralo, o Consello da Cultura Galega leva a cabo mañá xoves en Ourense un seminario encamiñado a pór de manifesto a vixencia do seu pensamento. Relacionado con esta efeméride, acaba de poñer a disposición dos usuarios na rede unha conferencia que outro ilustre ourensán, Ramón Otero Pedrayo, pronunciou en 1964 detallando a relevancia histórica e perfil de Feijoo.
06/10/2014

O Consello da Cultura Galega reflexiona sobre o papel e a situación actual do teatro amador

O teatro amador é necesario para a formación dun sistema teatral completo. Pero tamén é fundamental que conviva xunto a unha práctica profesional. Durante anos, este tipo de teatro foi pouco recoñecido. Unha eiva que pretende corrixir o Consello da Cultura Galega con Teatro Amador, unha xornada pensada para reflexionar, dignificar e situalo como parte esencial do tecido teatral galego. A cita terá lugar na sede da institución o vindeiro 28 de outubro. Hai cen prazas e a inscrición pódese facer a través do sitio web.
03/10/2014

Unha xornada revisará o estado actual da publicidade en galego

As debilidades da publicidade no noso idioma son algúns dos temas que centran a xornada A Publicidade en Galego, unha cita que terá lugar no Consello da Cultura Galega o vindeiro día 23 de outubro. Publicistas, empresarios e expertos no ámbito da comunicación publicitaria participarán neste seminario, que ofrecerá un marco histórico actual desde todos os ámbitos implicados na materia. Está aberto o prazo de inscrición (100 prazas, de balde), que se pode facer a través da web.
02/10/2014

O Consello da Cultura Galega participa na Feira internacional do Libro, Liber 2014

Do 1 ao 3 de outubro ten lugar en Barcelona a trixésimo segunda edición da Feira Internacional do Libro. Unha cita á que o Consello da Cultura Galega levará a súas publicacións máis recentes a través de dous espazos. Un deles co Institut d´Estudis Catalans (stand A 164). O outro é coa UNE (Unión de Editoriais Universitarias Españolas). Precisamente esta entidade presenta hoxe, 2 de outubro, a súa plataforma de venda en liña, Unebook.es , na que se poden atopar as publicacións do Consello da Cultura Galega.
01/10/2014

Un seminario revisa a figura de B. J. Feijoo no 250 aniversario da súa morte

“Benito Jerónimo Feijoo foi un referente dentro da recuperación da identidade galega do século XIX e queremos destacar aspectos do seu pensamento que aínda teñen vixencia”. Francisco Díaz-Fierros sintetiza así a esencia do seminario B.J. Feijoo. Renovador do Pensamento da Ilustración que o Consello da Cultura Galega desenvolve o vindeiro 9 de outubro no Liceo de Ourense e que coincide co 250 aniversario do seu pasamento. Xa está aberto o prazo de inscrición (que se pode facer a través do web do CCG) e hai cen prazas.
30/09/2014

O Consello da Cultura Galega pon na rede a edición completa da revista Céltiga

Céltiga foi o punto de encontro da intelectualidade galega residente en Arxentina entre 1924 e 1932. Nela publicaron tanto notables intelectuais arxentinos como escritores, periodistas, poetas e artistas galegos de todas as disciplinas. Agora, cando se cumpren noventa anos da publicación do seu primeiro número, o Consello da Cultura Galega promove, en colaboración coa Fundación Penzol, coa Universidade de Santiago, coa Real Academia Galega e co Centro Ramón Piñeiro, Instituto Sarmiento a localización, dixitalización e posta a disposición da cidadanía a través do web institucional a edición completa.
29/09/2014

Unha xornada achégase ao traballo pioneiro de Elena Colmeiro

Foi unha pioneira no ámbito da escultura cunha obra chea de liberdade creativa, fóra de modas e modismos, cun estilo propio. O vindeiro 30 de outubro, o Consello da Cultura Galega (CCG) realizará na súa sede a xornada Espazos da materia, destinada a homenaxear a Elena Colmeiro (Silleda, Pontevedra, 1932). Profesionais da historia, das artes plásticas, do comisariado, dos medios de comunicación e da crítica participan nun encontro que servirá de homenaxe ao traballo pioneiro desenvolvido por esta artista na súa longa traxectoria. A xornada, na que participará a propia Elena Colmeiro, rematará cunha performance a cargo da artista Ana Gesto. A inscrición é gratuíta e pódese facer a través da páxina web da institución.
25/09/2014

Pechan os XVI Encontros para a Normalización apelando a un novo marco discursivo para o galego

Durante dous días, filólogos, sociolingüistas, politólogos, sociólogos e antropólogos estiveron no Consello da Cultura Galega analizando a realidade plurilingüística de España. Os XVI Encontros para a Normalización Lingüística, organizados Consello da Cultura Galega (CCG) a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, conclúen este serán centrándose na situación do galego e na necesidade dun novo consenso. Esta edición abriu o seu marco de actuación e buscou contrastar as diferentes evolucións entre as linguas cooficiais das nacionalidades e reflexionar sobre a política lingüística de España.
25/09/2014

O Arquivo da Emigración Galega presenta o proxecto Epístola na xuntanza anual da AEMI que terá lugar en Riga

“Migracións e refuxiados: antes e agora” é o título baixo o que a Asociación Europea de Estudos Migratorios (AEMI) convocou os seus socios para a súa xuntanza anual. Unha cita que ten lugar en Riga (Letonia), do 25 ao 27 de setembro, e na que participa o Consello da Cultura Galega a través do Arquivo de Emigración Galega. Alí presentarase o Proxecto Epístola, iniciativa que se encarga da preservación dos fondos documentais de personalidades da emigración galega.
24/09/2014

A lingua na xustiza e nos medios pechan o xoves os XVI Encontros para a Normalización

O resultados do modelo de ensino do eúscaro nos últimos trinta anos, a significación da sentenza do Tribunal Superior de Justicia de Baleares que anula o decreto do Tratamento Integral de Lenguas (TIL) nas aulas e os retos actuais do asturiano son algúns dos asuntos que centraron a primeira das xornadas dos XVI Encontros para a Normalización Lingüística que organiza o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia. Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, Henrique Monteagudo, coordinador dos XVI Encontros e Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, foron os encargados de inaugurar esta cita que conclúe este xoves coa análise da política lingüística de España en ámbitos concretos como son a xustiza ou os medios de comunicación.
23/09/2014

Os XVI Encontros para a Normalización arrincan o mércores comparando a situación das linguas cooficiais

A evolución, perspectivas, sociolingüística, decisións políticas que definen a situación actual das linguas cooficiais centran o primeiro día dos XVI Encontros de Normalización Lingüística. Unha cita que comeza mañá mércores e organiza o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). Os encontros abren por primeira vez o seu foco de análise para abordar outras realidades lingüísticas como son o catalán, o vasco e o asturiano. Os encontros desenvolveranse o 24 e 25 de setembro na sede do Consello da Cultura Galega e poderanse seguir en directo a través do web da institución.