noticias

Rexistros 1591 a 1619 de 1619
12/09/2001

O IMPACTO DA OBRA DE FREI ROSENDO SALVADO, OBXECTO DUNHA MOSTRA QUE ORGANIZA O CCGA EN TUI

A piques de se cumprir os 101 anos da morte de Frei Rosendo Salvado (1814-1900), o Consello da Cultura Galega organiza unha mostra que recolle aqueles aspectos culturais menos coñecidos da obra que o pai Salvado levou adiante no proceso de construcción de Australia ó longo do século XIX. Durante un mes, entre o 15 de setembro e o 15 de novembro, Tui, cidade natal de Frei Rosendo, acollerá esta exposición, presentada baixo o título de Frei Rosendo Salvado (1814-1900) O bispo dos sen alma e organizada pola sección de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade en colaboración coa de Cultura Galega no Exterior.
12/09/2001

A VIDA E OBRA DE CURROS, A ANÁLISE NO I CONGRESO INTERNACIONAL “CURROS ENRÍQUEZ E O SEU TEMPO”

O Consello da Cultura Galega inaugurará o xoves, 13 de setembro, no Salón de Actos do mosteiro de Celanova, ás 10:00 h o I Congreso Internacional "Curros Enríquez e o seu tempo". No acto de inauguración estarán presentes Carlos Casares, Presidente do Consello da Cultura Galega, o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rogelio Martínez González, Xesús Alonso Montero, catedrático de Literatura Galega, e Antonio Mouriño, alcalde de Celanova, Felipe Ferreiro, delegado provincial da Consellería de Cultura.
11/09/2001

A APOSTA DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA POLO CÓMIC ACADA O PREMIO OURENSE DE BANDA DESEÑADA

O Consello da Cultura Galega foi elixido como gañador dos Premios Ourense de Banda Deseñada no apartado dedicado ás personalidades e institucións que máis destacaron polo seu traballo en beneficio do cómic galego. Estes premios, outorgados pola Concellería de Cultura do Concello de Ourense e a Casa da Xuventude de Ourense, encádranse dentro da celebración da XIII Xornadas de Banda Deseñada que a cidade das Burgas organiza entre o 5 e o 13 de outubro.
24/07/2001

O CONSELLO DA CULTURA GALEGA EDITA O ORIXINAL DA OBRA DE CASTELAO OS DOUS DE SEMPRE

Coa pretensión de ofrecer un documento cun indubidable valor estético e filolóxico, o Consello da Cultura Galega acaba de publicar unha edición facsímile do manuscrito orixinal da obra de Alfonso R. Castelao, Os dous de sempre. A presentación da edición, coordinada polo secretario do Consello da Cultura Galega, Henrique Monteagudo, terá lugar mañá, martes 24 de xullo, ás 12h. na sede do Museo de Pontevedra.
25/06/2001

FERNÁNDEZ-MIRANDA DESTACA O ALTO GRAO DE INTEGRACIÓN DOS INMIGRANTES EN GALICIA

Ordenar e racionalizar os procesos de inmigración, integrar a estas poboacións na sociedade española, disuadir a inmigración ilegal, loitando contra o tráfico e a explotación, e loitar contra a xenofobia e a intolerancia, son as metas cara ás que traballa o Goberno español no proceso de regularización da inmigración en España, segundo fixo público esta mañá o Secretario de Estado para a Estranxeiría e a Inmigración, Enrique Fernández-Miranda. Fernández-Miranda fixo estas declaracións durante a súa intervención no marco da xornada “Inmigración: un novo reto”, que o Arquivo da Emigración Galega organizou na sede do Consello da Cultura Galega.
25/06/2001

VÍCTOR OMGBÁ: "OS INMIGRANTES AGORA BUSCAN OS MESMO QUE OS GALEGOS QUE EMIGRARON HAI 50 ANOS"

A mesa redonda coa que quedou pechada a xornada "A inmigración: un novo reto", organizada polo Arquivo da Emigración Galega ó longo de toda a xornada de hoxe, estivo centrada nas experiencias persoais dos inmigrantes, que coincidiron en sinalar que o choque cunha nova cultura e unha nova lingua fixera a súa integración difícil. Procedentes de Arxentina, Venezuela, Ghana ou Camerún, os participantes na mesa redonda, que estivo moderada polo historiador e membro do Arquivo da Emigración Galega, Xosé Manuel Núñez Seixas, expuxeron os diferentes motivos que os impulsaron a vir a España e os problemas polos que tiveron que pasar.
22/06/2001

FERNÁNDEZ-MIRANDA EXPORÁ A LEI DE ESTRANXEIRÍA NA XORNADA "INMIGRACIÓN: UN NOVO RETO"

O Secretario de Estado para a Estranxeiría e a Inmigración, Enrique Fernández-Miranda exporá a nova Lei de Estranxeiría, abordando os conflictos que ocasiona a súa implantación, nun relatorio que ofrecerá o vindeiro luns, 25 de xuño, no marco da xornada "A inmigración: un novo reto", que organiza o Arquivo da Emigración Galega na sede do Consello da Cultura Galega.
22/06/2001

MÁIS DUNHA VINTENA DE EXPERTOS REÚNENSE EN SANTIAGO PARA AVALIAR A CRISE DAS ‘VACAS TOLAS’

A crise da enfermidade das "vacas tolas" e as súas posibles repercusións na saúde humana será obxecto dunha reunión de máis dunha vintena de expertos no marco da Xornada de Síntese sobre a crise da Encefalopatía Esponxiforme Bovina (EEB) e da Variante da Enfermidade de Creutzfeldt-Jakob (vECJ) organizada pola Sección de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade para o vindeiro luns, 25 de xuño na sede do Consello da Cultura Galega.
20/06/2001

O ARQUIVO DA EMIGRACIÓN ABORDA O FENÓMENO DE GALICIA COMO PAÍS RECEPTOR DE INMIGRANTES

Galicia, un país tradicionalmente de emigrantes, é agora o destino de numerosos estranxeiros que veñen buscando un futuro mellor do que lles espera nos seus países de orixe. O fenómeno da inmigración en Galicia, algo totalmente novo na historia do noso país, así como as súas consecuencias na poboación galega e a adaptación dos inmigrantes á súa nova situación serán algúns dos aspectos que se abordarán na xornada que baixo o título A inmigración: un novo reto, será presentada ós medios de comunicación mañá, xoves 21 de xullo, en rolda de prensa, ás 12.00h. na sede do Consello da Cultura Galega.
19/06/2001

O CONSELLO DA CULTURA GALEGA RECOLLE NUN LIBRO AS VIÑETAS DE CASTELAO PUBLICADAS NO FARO DE VIGO

A presentación do libro Cousas da vida no Faro de Vigo (1926-1933) por Castelao, publicación do Consello da Cultura Galega na que se recollen as colaboracións humorísticas do escritor no Faro de Vigo entre 1926 e 1933, terá lugar na xornada de mañá, mércores 20 de xuño, ás 12.00h. na sede da Fundación Penzol, en Vigo, nun acto ó que asistirán o presidente do Consello da Cultura Galega, Carlos Casares Mouriño, o secretario desta institución, Henrique Monteagudo, o director xeral do Faro de Vigo, Pedro Pablo Alonso, así como Alfonso Zulueta de Haz, en representación da Fundación Penzol e o responsable da edición do libro, Clodio González Pérez.
14/06/2001

O CONSELLO DA CULTURA GALEGA LANZA UN LIBRO QUE ANALIZA A RELACIÓN DA ECONOMÍA CO ENTORNO

A Sección de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade organizou para mañá, xoves 14 de xuño, ás 12h. no Paraninfo da Universidade de Vigo, un acto para presentar oficialmente unha nova publicación do Consello da Cultura Galega, Economía Ambiental e Sociedade, producto da publicación das actas que sobre o Seminario Economía Ambiental e Sociedade, acolleu Santiago o pasado mes de maio.
12/06/2001

ALEJANDRO FERNÁNDEZ: "A INMIGRACIÓN ESPAÑOLA NON GARANTIU FORTES LAZOS COMERCIAIS COA ARXENTINA"

O Consello da Cultura Galega acolleu esta mañá o relatorio do profesor da Universidade de Luján (Arxentina), Alejandro Fernández, que ofreceu as principais conclusións da súa Tese de Doutoramento na Universidade Central de Barcelona, que leu recentemente, nun relatorio baixo o título A inmigración española na Arxentina e o comercio bilateral, 1880-1935. Na súa intervención, abordou as relacións entre a inmigración e o desenvolvemento das relacións comerciais cos países de orixe dos emigrados, un traballo que levou ó profesor Fernández a un "detallado e rico coñecemento do colectivo español no período da inmigración clásica, entre 1880 e 1930", segundo asegurou o historiador, Xosé Manuel Núñez Seixas, quen fixo a presentación de Alejandro Fernández no acto que tivo lugar esta mañá no Consello da Cultura Galega.
11/06/2001

A INMIGRACIÓN A PRINCIPIOS DO S. XX E AS RELACIÓNS COMERCIAIS ESPAÑA- ARXENTINA, EIXO DUN RELATORIO

O doutor pola Universidade de Barcelona e profesor da Universidade de Luján (Arxentina), Alejandro Fernández, ofrecerá unha conferencia mañá, martes 12 de xullo de 2001, ás 12 h., no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega, nun acto organizado polo Arquivo da Emigración Galega.
08/06/2001

LUISA CASTRO: “A LITERATURA É MÁIS QUE PALABRA, É SENTIMENTO, E A VOZ, O SEU MELLOR VEHÍCULO”

O presidente do Consello da Cultura Galega foi o encargado de facer a presentación da nova publicación do Arquivo Sonoro de Galicia, Poetas e narradores nas súas voces, un libro que recolle textos de 31 autores galegos contemporáneos e que está complementado cun doble CD, onde se atopan as voces destes literatos, "unha obra que é o primeiro volume dunha serie que se quere proseguir, recollendo as voces de poetas e dramaturgos galegos de hoxe", segundo asegurou Carlos Casares no acto que tivo lugar esta mañá no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega.
07/06/2001

MÁIS DE TRINTA ESCRITORES GALEGOS CONTEMPORÁNEOS, REUNIDOS NUN LIBRO DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA

Con motivo da presentación oficial do libro Poetas e Narradores nas súas voces, o Consello da Cultura Galega organiza un acto que terá lugar mañá, venres 8 de xuño, ás 12,00h. no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega. O acto contará coa participación de oito dos escritores que participaron nesta publicación do Arquivo Sonoro de Galicia, que serán presentados polo presidente do Consello da Cultura Galega, Carlos Casares. Do mesmo xeito, o acto aproveitarase para facer público o nomeamento do novo responsable do Arquivo Sonoro de Galicia, Paulino Novo Folgueira.
05/06/2001

O CONSELLO DA CULTURA GALEGA PROMOVE A DEFENSA DO MEDIO A TRAVÉS DA BANDA DESEÑADA

O Consello da Cultura Galega uniuse á celebración do Día Internacional do Medio Ambiente coa presentación de dúas publicacións de banda deseñada, De quen é a auga e Vivir no Solo, coas que se pretende comezar a concienciar ós nenos galegos da precariedade na que se atopan algúns bens tan sensibles como a auga ou o solo e da necesidade de conservalos.
30/05/2001

CLARA LIDA: "O EXILIO REPUBLICANO SUPUXO MÁIS DA METADE DA INMIGRACIÓN ESPAÑOLA EN MÉXICO"

A catedrática de Historia e investigadora, Clara Eugenia Lida, asegurou que México "distinguiuse por ser o país de Hispanoamericana que máis exiliados republicanos recibiu e máis facilidades lles deu para establecerse na sociedade mexicana". Esta profesora en El Colegio de México, unha das institucións investigadoras máis prestixiosas de ese país, ofreceu esta e outras conclusións durante o relatorio que baixo o título Españois en México durante o primeiro franquismo, ofreceu na tarde de onte no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega, nun acto organizado polo Arquivo da Emigración Galega.
29/05/2001

O EXILIO ESPAÑOL EN MÉXICO PROTAGONIZA UN RELATORIO NO CONSELLO DA CULTURA GALEGA

Españois en México durante o primeiro franquismo é o título do relatorio que a doutora Clara E. Lida ofrecerá mañá, mércores 30 de maio, ás 19,00h. no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega, nun acto que organiza o Arquivo da Emigración Galega coa pretensión de afondar nos trasvases de poboación que se produciron nesas datas en dirección a América.
17/05/2001

O CONSELLO ESTREA NOVO SITIO CORPORATIVO

O Consello da Cultura Galega, nun esforzo de adaptación ás novas tecnoloxías, acaba de estrear un novo sitio web, www.consellodacultura.org, que sustitúe á anterior, que xa non respondía ás necesidades dunha institución en contínuo crecemento e expansión.
16/05/2001

SANTAMARINA: "UN DICCIONARIO É MÁIS CUN LIBRO, É UN SÍMBOLO NA HISTORIA DUN POBO"

O Consello da Cultura Galega comezou esta mañá os actos de celebración do Día das Letras Galegas, que este ano está dedicada ó escritor e xornalista ourensán Eladio Rodríguez. O director do Instituto de Lingua Galega, Antón Santamarina, foi o encargado de abrir o programa de actividades cunha conferencia titulada Eladio Rodríguez, lexicógrafo.
15/05/2001

O ESCRITOR ELADIO RODRÍGUEZ RECIBIRÁ UNHA HOMENAXE NO CONSELLO DA CULTURA GALEGA

A través dunha conferencia e da presentación da edición facsimilar do libro Folerpas e dun vídeo, que terán lugar o vindeiro mércores, 16 de maio, o Consello da Cultura Galega ten previsto unirse ós actos programados para homenaxear ó escritor e xornalista, Eladio Rodríguez, ó que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.
11/05/2001

O ARQUITECTO FERNÁNDEZ-ALBALAT, NOVO MEMBRO DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA

O arquitecto coruñés Andrés Fernández-Albalat Lois foi elixido esta tarde novo membro do Pleno do Consello da Cultura Galega, trala votación secreta á que foi sometida esta proposta na reunión que os conselleiros mantiveron na sede do Consello da Cultura Galega.
04/05/2001

PRESENTACIÓN DE DOUS LIBROS DE BANDA DESEÑADA PARA CONCIENCIAR ÓS NENOS DO COIDADO DO MEDIO

Dentro das actividades organizadas con motivo da celebración do Día Internacional do Medio Ambiente, o 5 de xuño, o Consello da Cultura Galega ten programada a presentación de dúas novas publicación durante un acto que terá lugar mañá martes, día 5 de xuño, ás 12,30h., no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega, no Pazo de Raxoi.
17/04/2001

A EXPOSICIÓN "A NOITE ESTÁ VARRIDA DA TERRA" AMOSA OS AVANCES DA CIENCIA GALEGA NO XIX

A aventaxada posición científica da Universidade de Santiago e as conexións entre os científicos da Universidade de Santiago e os últimos desenvolvementos tecnolóxicos da Europa do século XIX foron destacados no transcurso da inauguración da exposición A noite está varrida da terra, organizada polo Consello da Cultura Galega co patrocinio de Unión Fenosa e a Universidade de Santiago de Compostela. No acto estiveron presentes Manuel Fraga, Presidente da Xunta de Galicia, Carlos Casares, Presidente do Consello da Cultura Galega, Xesús Pérez Varela, Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Manuel Bermejo, coordinador da exposición.
16/04/2001

UNHA MOSTRA DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA CONMEMORA A CHEGADA DA LUZ A ESPAÑA

Baixo o significativo nome de "A noite está varrida da terra", o Consello da Cultura Galega, a través da Sección de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade, organiza unha mostra, en colaboración con Unión Fenosa e a Universidade de Santiago, na que se conmemora o 150 aniversario do acendido do arco voltaico en Santiago, feito que acontecía por vez primeira en España, no patio da Facultade de Ciencias, no Colexio de Fonseca, no ano 1851.
16/04/2001

O CONSELLO DA CULTURA GALEGA ESTABLECE ACORDOS DE COLABORACIÓN CO CONSELL VALENCIÀ DE CULTURA

O Consello da Cultura Galega establecerá acordos de colaboración e intercambio co Consell Valencià de Cultura. O acordo foi refrendado polos presidentes das dúas institucións, Carlos Casares e Santiago Grisolía, no transcurso da visita oficial que a Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega realizou a Valencia neste mes de abril.
04/04/2001

MARIO GARCÍA: "INTERNET NUNCA SUBSTITUIRÁ ÓS XORNAIS"

O consultor Mario García ofreceu unha conferencia sobre ó redeseño dos xornais impresos e electrónicos. Experto deseñador e dono da súa propia empresa en EE.UU, Mario García foi o encargado da renova-la imaxe de 450 publicacións en 35 países.
04/04/2001

MARIO GARCÍA: "OS XORNAIS DO FUTURO ESTARÁN MOI INFLUÍDOS POR INTERNET"

Mario García adiantou cales serán as tendencias do futuro no deseño gráfico dos xornais e das súas versións electrónicas na conferencia maxistral "Novas Tendencias Mundiais no deseño da prensa tradicional e electrónica" que Consello da Cultura Galega, nun seminario organizado pola Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega co patrocinio de Unión Fenosa.
03/04/2001

O DESEÑADOR MARIO GARCÍA IMPARTIRÁ UNHA CONFERENCIA NO CONSELLO DA CULTURA GALEGA

O Consello da Cultura Galega contará coa presencia do doutor Mario García, experto consultor no campo do redeseño de xornais impresos e electrónicos, que será o encargado de impartir un seminario e unha conferencia maxistral mañá mércores, día 4 de abril. O grupo empresarial Unión Fenosa participa na organización deste evento, que terá lugar na sede do Consello da Cultura Galega, no segundo andar do Pazo de Raxoi.
28/03/2001

O PEN CLUBE DE GALICIA FARÁ BALANCE DA II CELEBRACIÓN DA POESÍA EN SANTIAGO

Co obxectivo de facer un balance do que supuxo a II Celebración da Poesía en Santiago de Compostela, evento que tivo lugar entre os días 21 e 24 de marzo pasados, o PEN Clube de Galicia decidiu convocar unha rolda de prensa, que terá lugar o xoves, 29 de marzo, ás 17,00 h. no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega, entidade que participou na celebración dos actos conmemorativos do World Poetry Day Celebration 2001.